Un doce dousmildoce arranca, cunha rede cargada de todo o que vai pechando, desmantelando e privatizando no mundo real.
Todos a velas vir. Como unha araña nunha rede. Como unha rede cargada de orballo.
Un doce dousmildoce arranca, cunha rede cargada de todo o que vai pechando, desmantelando e privatizando no mundo real.
Todos a velas vir. Como unha araña nunha rede. Como unha rede cargada de orballo.
Hai algúns anos, Pablo debuxaba a tinta negra e carmesí esta especie de collages diseccionados. Ten moitos, algúns cheos de lóxicas deliciosas, é dicir, dadaístas. Coido que neles hai algo do xermolo do que logo foron os Hiperhíbridos [Eds. El Gaviero, 2011] e o proxecto Disecciones, aínda no forno.
Xa que este mes que acaba agasallou de moi diversos xeitos a ese pintor/escritor/enxarmante un pouco inexplicablemente esquecido que foi o señor Urbano, sosteño que este Homenaje a Urbano Lugrís ben merece vivir esa segunda vida na rede que todos procuramos.
Máis de Pablo penetrando neste aquí.
Falei moito del. Aquí uns detalles do fresco de Urbano Lugrís no local pechado da rúa Olmos 25, A Coruña:
Mural da rúa Olmos, 25. A Coruña. U. Lugrís, 1952.
| Carne de mural/Carne de peixe |
Igual presentides que aquí vai pasar algo.
Que a paz da superficie vai preñada de abismo e o abismo
gabinete mecánico de mirabilia
cardume de hordas descatalogadas
ábrese de carnes, cheirentas a balea.
Carne de mural.
Igual pareceuvos ver a ninguén, a Nemo nas anémonas da infancia
unha infancia atómica pola que sobe e baixa o pulso
dun submarino dentado, ollo de boi e de vaca
igual sentides o tsunami a punto como eu o sinto na medula.
Carne de peixe.
Igual o inminente ten o vaivén do emigrado. Igual o presentido
ten a resistencia da presa.
E a presa desiste e se abre para inundar de nereidas os tímpanos
para tocar campás de sal nas catedrais somerxidas pola ciencia.
A ciencia certa estades na vila asolagada onda a coiraza do Orzán.
Collede aire
para moitas
moitas eras.
No corazón desa coiraza
bombean os graffitis encendidos arredor dos pavimentos
de ámbar e coral, e canecos de xenebra escachados entre as ruínas
de megacentros comerciais e montes de ferruxe.
Igual formades parte desa urbana turba gris que é o futuro
coa turbulencia dunha lentura de millóns de anos
encerrada no cristal dun cromosoma á deriva.
Carne de mural. Carne de peixe.
Que os oceános son ceos invertidos e as galaxias
nebulosos maremagnums, barloventos de babel
a piques de romper, romper, romper a falar claro.
Hic habitat felicitas:
Carne de mural, carne de peixe.
Quen pintou a Marola pintou a mar toda.
Igual pensades que isto non é certo. Pero o océano ten algo
do inconsciente, algo de luxo, calma, karma e volutas
de voluptuosidade enferma.
Igual sentides como eu sinto como ela sente
o narval agochado entre as furnas do peito
e baixo o embigo
cómo vos abre as carnes, carne de mergullo que sodes
hordas do futuro, timbais de turba urbana e gris
varada no porto de Os, porto de nós, porto de vós
que sodes carne, carne de burbulla
carne de berbés, carne orzanada
estourido asolagado e cabronazo
que vos fai medrar as colas de faneca e de sardiña
que viviredes de novo entre sargazos igual sentides
a pixelada Marola no trebón aló no fondo
os graffitis da cidade desovada aló no fondo
igual sentides como eu sinto
que aquí vai pasar algo e que seredes
carne de mural, carne de peixe
híbridos nadando entre glaciacións e
criaturas mecánicas terrestres.
Con colas de faneca. Con ás de serea de Odisea.
Carne de Fingal. Circe de peixe.
Híbridos nadando entre glaciacións. Buzos de carne
que seredes
carne de mural, carne. Carne, carne de peixe.
Estíbaliz…Espinosa, 17 de decembro de 2011
O colectivo A Nave das Ideas prestidixitou un libro dixital coas achegas de moitos poetas que fermentaron textos baseados en cadros de Urbano Lugrís. O pretexto foron os fastos e saturnais celebrados en homenaxe ao pintor, levados a cabo de xeito singular e simultáneo na vértebra atlántica A Coruña-Vigo-senpasarpolaAP9.
Poden descargalo premendo sen temor aquí:
E ler poemas de Daniel Landesa, Darío Xohan Cabana, Xurxo Martínez, María Lado, Olga Novo, Samuel L. París, Ledicia Costas, Tati Mancebo, Luis Rei, Manuel Forcadela, Lucía Aldao, Anxo Angueira, Olalla Cociña, Francisco Castro, Isaac Xubín… e así ata unha moitedume.
Como eu andei coa filloa absent-minded toda a semana, mandei un relato e non un poema. Tanta autopista me despista. Xa comentei hai uns días que o cadro escollido foi o mural do local da rúa Olmos, 25 -hoxe pechado uns días a cal e outros tantos a canto- , un fresco case na cripta, unha verdosa capeliña sixtina da que non atopei unha soa fotografía decente e completa.
Neste blogue, dúas entradas abaixo, poden ver algunhas fotos persoais de retallos da obra co meu cabezón diante. Pero quen carallo ía pensar que ese local podería pechar ao público? Pois pechou. Pechou sen ningún tipo de conservación, catalogación ou garantía desas pinturas na parede. Así somos. Un fato de insensatos.
No relato Hic habitat felicitas especulo co día en que se volva a ver ese fresco, un día distópico dun futuro remoto, coa cidade do Orzán xa asolagada e membros dunha posible Unidade de Mergullo curioseando por entre as ruínas. Especulo coa posibilidade de entrar a formar parte dese mural, de cabeza contra o muro, asolagarse nel. Iso se antes non se achega unha turba urbana inflamada con fachos e sachos a tirar abaixo a porta do local rúa Olmos 25 para esixiren o coidado e mantemento da pintura, que eu lembro xa moi escunchada. En fin, non deixo ideas. Esquezan isto. Non pensen máis nel.
No proceso de escrita do conto, secuestrei frases e motivos para un texto poético baseado no mesmo mural. O poema quedou así e aquí o deixo, a secar e airear coma se isto fose un secadoiro de congros. | Carne de mural/ Carne de peixe| recén saído do caldo dos miolos, o caldo de cianobacterias, versos e merda que sabedeusparaquécarallo fai todo isto. Entusiasmado.
Mañá mércores 21 de decembro, día en si solsticio e en re maior, o pintor e debuxante Pablo Gallo armado cos seus Hiperhíbridos [El Gaviero, 2011] baixo o brazo, chega expresamente de Bilbo á libraría Formatos [Avda. Fernández Latorre, 5-9, A Coru] para executar a presentación do libro.
Hiperhíbridos son cabezas cercenadas da súa literatura orixinal e integradas sobre corpos apocalípticos da cultura pop, punk, popfunk, skunkfunk, poppins e poppouts ao espeto, glosado todo con coulis de textos do enigma oriental Basho Bin-Ho. Retratos de escritores, vivos e, sobre todo, mortos. Páxinas microperforadas, arrincables e coloreables, con arrecendo a almanaque de ilustres vidas literarias. Qué carallo, un menú-degustación excelente para as sobremesas e os insomnios das festas que nos quedan por diante, cheas de luz y de color.
Escoltando ao executor, andaremos o outro crac debuxante Alberto Guitián [razón acolá] e mais eu. E Goldman Sachs, que polo visto o preside todo dende un discreto anonimato moi estilo Mordor.
Haberá transaccións.
Haberá transfusións.
Haberá transfiguracións.
Haberá travelos.
Rodarán cabezas. Prégase que asistan coa súa xa directamente baixo o brazo.
…Largamente consulta a las arenas.
Ulyses Fingal, Balada del Puerto de Os.
Hoxe todo o día, Vigo e A Coruña, A Coruña e Vigo, esas siamesas do circo que pelexan coma jatas siamesas, van electrocutar xuntas e morrer pegadas nun vendaval de homenaxe urbano e gris ao noso particular capitán Nemo, bebedor como o capitán Haddock e fino no trazo coma Maruja Mallo. Ulyses Fingal, o trasunto literario de Urbano Lugrís.
Premendo aquí verán máis información polo miúdo e polo miudiño.
Consultadas as areas de Orzán e Cíes, hoxe 17 de decembro elixiuse como data de homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís por parte dos colectivos A Nave das Ideas e In Nave Civitas, de Vigo e Coruña respectivamente. Nun principio, eu colaboraba co relato Hic habitat Felicitas dentro do libro colectivo que pendurará -e descargable será- A Nave das Ideas, con achegas a partir de obras do pintor, mais logo fun enredada no tsunami que levantaron os de In Nave Civitas [Xurxo Souto, Pablo Outón, Pulpiño Viascón, Asociación O Mural...] aquí na cidade da Torre. Así que pasarei o luscofusco tuneando paraugas, camaroteando en rúa Mantelería, borrazaseando no Borra -música en cru, disque- e orzaneando botellas dende a coiraza -alitérame en zeta- do Riazor-Orzán. In Nave Zivitas.
A cidade-barco.
Circe. Circe Fingal.
Logo de moito darlle voltas, quixen que o Lugrís a partir do que poñerme enferma a escribir fose non un lenzo senón un mural. Un deses dos locais nos que, acompañado de Taramancos, bebía e vivía e bevía. Un que a día de hoxe ningún coruñento pode ver, a menos que engane á inmobiliaria e finxa ser un posible alugueiro para o local da rúa Olmos, 25 -antes La Bottega e antes Fornos-. Muradáns somos. Non atopei imaxe de boa calidade dese mural, sen catalogar como tantos outros de Lugrís, malia que, como moitos coruñentos e turistas, hai uns anos sacáralle algunhas fotos aproveitando xantares alí con amigas ou familia. Velaquí algúns fragmentos desa obra:
No primeiro é evidente o mal estado da pintura nalgunhas partes do teito. As fotos son do outono do 2009.
Os actos en Coruña comezan ás 20:00 hora solar dende o Palco da Música e serán noctámbulos, tabernáculos e funambulescos. Disque van pasar moitas cousas.
Prégase que asistan xa mollados de casa.
Porque el Puerto de Os no está en las cartas
náuticas. Ninguna aguja da su rumbo.
Ningún sextante cazará en los astros
su longitud y latitud sombrías…
Hai uns días papel a punto de paseou por Barcelona da man da súa man de confianza, a súa man mecanógrafa, a súa man a contramán que non é outra que a miña. Voei e aterrei no Ateneu de Barcelona convidada pola ACEC [Associació Col.legial de Escriptors de Catalunya] para un recital no peche das Xornadas poéticas verbo das tradicións métricas na modernidade, tras un relatorio de Carles Miralles vertebrado en torno á capacidade de mutación dos hexámetros. A métrica: antiga, cantiga e clásica como unha esdrúxula. Se nos poñemos estupendos, a métrica é un xeito de cantar coas xemas dos dedos da man. Dunha man de confianza. Dunha man a contramán.
Alí, entre Miralles e Jaume Pons, lin textos inéditos e outros de papel…
Levo unhas semanas transmutada en letra Baskerville -e Cracked- sobre Coral book ivory de 90 gramos. É unha sensación especial, case de invulnerabilidade, a de sentirse Baskerville -e Cracked- tachonada sobre Coral book ivory de 90 gramos. Levo semanas sen quitarme os ollos de enriba, narcisista e narcotizada -que polo visto son a mesma cousa na raíz- como se a Coral book ivory de 90 gramos fose o rexistro de pel completo de, quéseieu, Ava Gardner, Lauren Bacall, tan corais elas, tan ivory elas, e sobre todo – sobre todo- tan sumamente book.
E tipo Baskerville. Non podo deixar de pensarme tipo can, can fantasmagórico, e tamén Guillermo de.
E envolta en cartolina Creator Natural. Por se chove. Que chove.
Se queren máis datos técnicos asomen ao hiperespacio ata aquí. Eu perdo gracia e fol nas autopromocións.
Saúde por se a saudade.
Un pouco de caldo limpo e un pouco de desconfianza nunca lle fixeron mal a naide, lembra Cunqueiro na introdución da Cocina Gallega.
Armadas con coitelada semellante, puxemos mans á obra. Á obra de Cunqueiro. E así saíron: chupiños de caldos desconfiados, guisos de touciño sen velocidade, e quizais cravos rosalianos, extractos de prácido luar, fabas lobas á procura de lobishomes que as leven á boca, recordos de extintas mazás camoesas e outras mazás no seu lugar, mazás apalabradas, cabazas escritas, licores de guindas, arrecendo a filloa feita por muller maior capturado nun frasco, filtro de Tristán [García] e Isolda [churreira]…
E textos engaiolados e saídos da boca nosa. Textos para recuncar en Cunque e textos da nosa colleita, da de Marina [fabeira, mazá ramona] e da miña.
O xoves 17 de novembro, no mercado de Mondoñedo, a mañá toda. Para quen queira morrer envelenado.
Que cousas untamos, Marina!
Seguimos o ronsel que desde a gavia de El Gaviero comezaron tempo atrás: