You are currently browsing the monthly archive for Febreiro 2006.



Post que dedico a unha María de Liége, que viu nevar, e a unha Elena de Córdoba, que non viu nevar, pero si a neve e as fotos da neve e á xente falando de cómo e qué bonita e plácida e fotoxénica estaba a neve…

Neva.

Se un texto calquera ou unha película calquera comezan así, a min xa me cautivaron. Un xeito moi xaponés de ordenar o mundo: facelo nevar.

De ordenar os textos: cubrilos de neve.

Un xeito fermoso de morrer ou matar: na neve.

O frío ten un encanto primixenio, de penúltima glaciación. A conxelación é un fermoso e letal estado da materia. Quizais porque derreten os glaciares, porque sobe a temperatura da terra, porque exhalar un bafo visible seduce. O frío será un valor no futuro. Un ben escaso, como a delgadez hoxe en día nos países opulentos. Como a auga nos desertos árabes. Como a vida nos mundos inertes.

Os cristais de neve pousan sobre pestanas mecánicas. Clic. Clic.
Parpadexan. As folerpas seguen aí.

A neve é un drama sen ningún tipo de diálogo. Unha traxedia na que non se berra. Ten a temperanza dos acuarios, a rotundidade das guillotinas, o silencio dos sistemas solares…

Eu quería que este inverno nevase. Por moitas razóns. Pero a principal…porque quería que este inverno nevase. Aquí. Quería pousar o meu ventre sobre a neve, como unha redonda osa polar. Criohibernar. Quería hibernar. Quería invernar. E quería hinbernar.

A neve facilita certos ritos. Certas comunicacións segredas. Certas paisaxes excesivas.
E cae do ceo. Alguén axita este puebliño metido nunha semiesfera de cristal e sucede.

Lista de cousas que os humanos encontrarán na neve

Marfín de mamut
Un buraco no medio dun lago xeado no que estivo pescando un esquimó
O coitelo do esquimó
Pingas de sangue
Aos protagonistas do conto de Nadal, de Dickens
A Robert Walser, que se matou na neve
A Eduardo Manostijeras
Tres corvos
A unha doncela moi fermosa comendo dunha mazá enveleñada
A algún protagonista dun conto ruso, de nome Iván
A algunha protagonista dun conto chinés, de nome Li
Pegadas de cromagnóns
Tigres siberianos
Hamlet, sen Ofelia
Nenos
Homes no cerco de Stalingrado
Un boneco cunha cenoura de nariz
Unha luva sen o seu par, perdida
Unha bota sen o seu par, perdida
Un meteorito calcinado
Moedas que afunden, afunden, xa non se ven
Un haiku que empeza: “Neva”
Alguén que esvara e cae
Unha raíña destronada
Camelias brancas
Un charco de sangue
Un animal ferido
Unha Alhambra
Roupa interior Victoria’s Secret
Esquíes formando unha X
Instrumentos bondage sadomaso
Ríos de lava
Pedras de basalto
Unha máquina quitaneves semisoterrada

A ushanka ucraína en pel de coello que perdín onte
Pegadas de alguén que camiñou cara atrás
durante un pedazo…
e logo
outra vez
outra vez
Neve

Datos de interese: Non neva

BSO: Pyramid song, Radiohead. Non fala de snow nin nada diso, pero a min Thom Yorke sempre me deu a sensación de estar cantando dentro dun arcón conxelador

©estíbaliz…espinosa

maríademallou convocoume a un xogo en cadea.
A cousa comeza a ser obsesiva…

Cincomanías que me recoñezo:

1.-Facer listas de nomes
2.- Sacarme padrastros das unllas. Son fillastra dunha morea de carne
3.- Non reenviar os textos en cadea
4.- Non acabar de parecerme a ninguén. Co pouco que dá iso de si nas reunións familiares
5.- Durmir coa cabeza baixo unha fiestra

Cincomanías que non me recoñezo:

1.- Mirarme en todos os espellos da rúa (incluídas lúas comerciais de escasa opacidade)
2.- Non ser inmortal
3.- Rirme de todo
4.- Ter os pes fríos
5.- Ladear a cabeza cando canto


Datos de interese: vivo no mesmo mundo que Shakespeare, pero eu non creei unha Miranda. Senón un Yare.
Algunha vez tivemos cola. Pódese apalpar o resto na coxis se queren. Coidado. Dá grima.
Ao sol bótanlle uns dez mil millóns de anos máis.
As bacterias son quen de vivir millóns de anos en cristais de sal.
Platón admiraba a arte exipcia.
Marshall McLuhan vaticinaba a morte do libro tal e como o coñecemos.
Sobrevoei Ancares este martes e estaba nevado.
Un litro de aceite virxe custa máis de 4 euros.

BSO: Horses in my dreams. Teño outra compulsión/convulsión: escoitar perennemente a PJ Harvey desde hai dous anos (salvo pequenas excusións a Radiohead, Gentle Giant, Ali Primera, Coco Rosie ou macedonias polo estilo)

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Febreiro 2006
Lu M M X Ve Sa Do
« Xan   Mar »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728  

criatura mecánica, eis