Unha coincidencia. Que emoción.

Dúas. Que enigmático.

Máis de dúas. Pero, de que estraño galvanismo estamos feitos?

Primavera. Interior día. Tarde tranquila.

Soa o móbil. Un home. O pai dun coñecido, compañeiro de teatro. O motivo da chamada non importa. Si as súas intrigantes galvanoplastias.

Cómo riscando no seu cobre atopo un raro e valioso metal, protexido coma un feto.

No transcurso da conversa o home interésase polo meu nome. El é vasco. Hai moita xente que leva o meu apelido no seu pobo de orixe, Amorebieta. Eu aclaro que o meu apelido, o do señor que se chamou meu pai, procede de Saldaña, en Palencia. Iso emociónao. Primeira coincidencia: el traballou de mozo como repartidor dunha casa de betumes e ceras e o seu primeiro destino foi Saldaña. Inmellorables lembranzas de Saldaña. O cal quere dicir: inmellorables lembranzas de cando tiña vinte anos e repartía betume de Xudea e cera para cirios.

Segunda coincidencia: el viaxou do País Vasco a Palencia no seu primeiro traballo. Meu pai viaxou de Palencia ao País Vasco no seu primeiro traballo. A Vitoria. De aí vén o meu nome. Supoño que vén de aí. Hai un santuario. Talvez existise unha estíbaliz previa a min. Alguén que meu pai coñeceu. O home alboroza no seu lado do teléfono. Teu pai e eu andabamos preto, en traxectos diferentes.

Collerían trens opostos. Escribirían cartas que se cruzaban. Coñecerían aos mesmos revisores, ás mesmas vendedoras de flores das estacións.

Terceira coincidencia que o home do teléfono ignora. Chámase igual có meu pai. Para colmo, o fillo deste home -o rapaz que eu coñezo, o actor de teatro- leva un nome que formou parella co meu nun coñecido dúo musical vasco.

Por un momento esplende o espellismo dun home morto.

Hai algo do señor que se chamou meu pai na vida dese home que hoxe petou no meu móbil. É algo pequeno, fugaz i efémero. Nunca puiden sentir nada por esa figura paterna porque nunca me deu tempo. Nunca houbo amor de filla a pai. Supoño -e iso é moito máis doroso- que si de pai a filla. Pero as lembranzas non existen. Non hai constancia desa relación, porque a persoa que podería lembralo non vive e a que vive non se pode lembrar. Polo tanto, non existíu.

Hai pouco lin un artigo acerca do regocixo piscolóxico que nos producen as casualidades, os azares, os acasos (En Estambul atopeime con…! Nacimos o mesmo día á mesma hora! Chamámonos exactamente igual! Hoxe soñei que me chamabas! Compramos os polos na mesma carnicería!!). Moitos investigadores sentiron atraídos pola idea do azar. O húngaro Koestler, por exemplo, un tipo, por outro lado, tan apaixonante como a idea mesma do azaroso, con certo pruído parapsicolóxico.

O fascínio da casualidade non deixa de ser un espellismo vencellado á causalidade. A idea de que todo efecto provén dunha causa e todas encadean o mundo nunha especie de bondage feliz. En As raíces do azar, Koestler planta unha árbore de fe, agnóstica, pero que escarba nas leis das cordas invisibles que nos enlazan aos obxectos (telekinese) ou ao universo.

É o universo un enorme paquete-bomba -finamente atado con cordeis- do que somos mecanismo?

Que ten que ver ese señor que chamou ao móbil co señor que se chamou meu pai? Son persoas diferentes en todo. Ou iso nos gustaría crer. Abominamos do que é igual porque fainos pensar nesas terribles palabras como copia, clon, plaxio ou faltadeorixinalidade ou (sacrilexio) faltadeindividualidade.

Meu pai foi un señor coma todos. Viaxou en tren e tivo un primeiro traballo, como tantos e tantos outros. Tivo un nome. Un nome xermánico que leva certa xente. De cando en vez lembramos del. Lembro del como lembro do meu gato, de Perec ou da Serea de Andersen. Non é máis ca unha serie de circuítos neuronais, unha morea de fotos vellas, unha voz gravada nunha cinta, unha chaqueta de pana zurrada e unha Minolta.

As veces que soñei co meu pai tiña que poñerlle o rostro doutra persoa. Coñezo mellor o rostro de Madonna ou o de Angelina Jolie. Imaxinen os monstros cos que soño.

Todo isto non desprende unha migalla de tristeza. Si moito de estrañamento, curiosidade e unha certa saudade que vive pegada a min coma unha costra de ácido e sales vivos.

Invádeme un certo pantanismo ao pensar que o señor que se chamou meu pai deu no seu branco con esta casualidade. O seu branco era eu. Esta memoria implantada. Este post.

Noutra ocasión seguirei a tirar do fío do azar que non ten fío e vive os seus días cun cosmonauta perdido no baleiro.

BSO: Air. Todo neste dúo galo é tan casual. Mesmo a voz do tipo. Non parece que cante por vontade propia, senón por algún azar descosido que lle puxo un micro diante. Ten esa certa indolencia poppie. Biological gústame especialmente. Ou Venus. Ou Cherry Blossom Girl.

[Achégase o tempo das cereixas. A criatura mecánica saliva]

Datos de interese: Síntome como lúa crecente, como as vacas gordas do soño de José, como unha metáfora dentro dunha metáfora. Son saturnina e planetaria. Fabrico cellas, cabelos, beizos e lingua. Levo un ritmo industrial. Síntome fóra deste mundo local. Sempre me sentín bastante fóra (Galiza, España, Sistema Literario, non hasteo estandartes nin finxo cantar nos himnos). Síntome máis ca nunca da patria de certos accidentes xeográficos como Seixo Branco, os ríos, a Vía Láctea, as refinerías e as grúas portuarias. É dicir, non apátrida exactamente senón irritante para todos aqueles que se aferran (con fe, palabra agochada dentro da palabra aferrarse) a uns poucos dogmas concibidos por outros antes ca eles.

Sempre esquezo conceptos aprendidos.

Da miña infancia prodixiosa de memoria e capacidade de aprendizaxe conservo o don aínda máis infinito de desaprendelo todo. Poño aplicación niso.

Por iso sigo sendo un pouco filla do aire. Do aire e da muller máis fermosa dos contos chinos.

A muller máis fermosa dos contos chinos. Ou ruso-chinos. Iso é ser nai.

Pero, que é ser pai?

Créditos das fotos: A foto 1 é de Chema Madoz. A foto 2 ignoro quén a tirou, pero pertence ao álbum familiar e á única persoa que non aparece nela