Sereas. Barón Ashler. Faunos. Centauros. David Bowie. Lobishomes. Mulas. Terminators. Minotauro. Anubis. Chihuahuas. Home elefante.[Henry Jekyll e o señor Hyde valerían?]. Os que levan transfusionada sangue doutro grupo. Os que levan un ril co que non naceron. Os enxertos frutais. Peladillos. Nectarinas. O capitán Garfo. Os irmáns siameses. Un tío meu, cun bypass. Algúns dos X-men.

A lista (iso é o marabilloso das listas) pode ser (debe ser) interminábel.

A dos híbridos que conforman o noso mundo híbrido.

A pureza, ese ben cobizado e ás escuras coma unha perla, apodrece nas bufardas do inconsciente humano. Ninguén quere xa ser puro. Falar unha soa lingua. Non esquecer os conceptos aprendidos. Ser endogámico. Ser intocábel. Ser anódino ou matiz do gris.

Resulta infinitamente máis magnético e turbador ser sucio, manoseado, contaminado, impuro. Mesturado. Trilingüe. Híbrido.

Ser híbridos garántenos a posibilidade de ser unha de moitas variacións posíbeis sobre un mesmo tema. Somos isto, pero poderíamos ter sido aquilo. Es ti, pero poderías ter sido eu. Son estíbaliz, pero podería ter sido un xirasol, unha pedra de xade, un xacinto, a princesa Xerezade, un xaguar. X posibilidades. E, cómo non, posibilidades XY.

Esa posibilidade de mutar xa é un tímido hibridismo. A nosa composición pode variar. Somos atravesados polas radiacións, pola túa ollada, polos raios dunha tormenta. Podemos fermentar e pasar a ser outra cousa, máis ou menos abiscoitada. Reaccionamos co osíxeno, igual có ferro. De feito, oxidamos paseniño e chamámoslle, con candor, vivir.

É dicir, queda moi lonxe da nosa natureza pluricelular, promiscua e curiosa, ser tipos puros.

Refírome a min como a híbrida entre unha galega e un palentino, entre unha familia de comedia e unha de traxedia, entre un grupo sanguíneo B+ e un A+, entre un gato que tiven e un home ao que amei/ amo/amarei, entre un pretérito perfecto e simple (ou pluscuamperfecto, así é moitas veces o pasado nos nosos implantes de memoria) e un futuro composto (abstéñanse os xogadores de palabras, que amenizan toda reunión de sociedade). Entre o meu carbono e a miña virtualidade. Entre a que pestanexa neste intre e a que non pestanexa en ningunha das fotografías de min mesma que, como todo humano, atesouro entre garras de águia.

Os híbridos e a fascinación matemática de que 1+1 non son sempre 2. Se sumamos peixe + muller [ou unha ave + muller, segundo os primitivos mitos gregos] decididamente non temos unha meiga [ou unha caballa]. Cabalo + home tampouco dan forzosamente un cabaleiro. A suma de dúas entidades materiais arroxa o saldo dunha criatura nova i espeluznante, coma o cyborg [ver post de setembro, alors].

Por exemplo, Michael Jackson. Un tipo que desprega ante as nosas retinas rutinarias unha colección de mutacións, síndromes e hibridismos varios. Síndrome de Peter Pan, de Príncipe destronado… metade Janet Jackson, metade Liz Taylor. Me(ga)lómano, mitómano, palidómano.
Un rei do transformismo infeliz.

Un híbrido infeliz entre o que quixeron que fose + o que non puido ser.

A procura da pureza é unha intrigante manía humana. Sabemos que estamos preparados instintivamente para rexeitar a aqueles que se asemellan demasiado a nós. Que preferimos o singular e distinto. Todo aquilo que, baixo a primeira ollada, semella raro, curioso. Con todo, hai moitos que, por vertixen, temen saírse das canles do desempre. O costume é un poderoso aliado para os débiles. E, por outra banda, a ansia de provocar elixindo o distinto é tamén un poderoso aliado para os provocadores sensubstancia.

Difícil posicionarse, coño. Sempre estamos baixo a sospeita de ser pretenciosos con nós mesmos.

Quédome coa transfiguración monstruosa dos seres que son metade isto+ metade imposíbel. Esa insolencia que anula fronteiras adminstrativas trazadas sobre un mapa. Quédome cos que esquecen conceptos aprendidos. Cos que nunca son completamente algunha cousa. Esa busca de identidade postmoderna e feita añicos tenme cansa, moi cansa. A mecánica e a ciencia-ficción [un xénero de por si híbrido, vaia] venden alivio para tanto torrente sanguíneo saíndose veas afóra.

Descansarei un pouco de ser humana.

Se me permiten…

Banda Sonora Orixinal: Why can’t I be you, The Cure. Os Cure foron pseudo-relixión. Ilusionistas, circenses, neuromantes. Sempre dubido se foi Tim Burton quen inspirou aos Cure ou, máis ben como sospeito, ao revés. Impagábeis versións dos seus temas con instrumentos de xoguete. Impagábel vídeoclip de Close to me, o do armario. Marabillosas, tristes, delirantes Pictures of you, Lullaby, The same deep water as you, Siamese Cats, Inbetweendays, Forest, A hundred years, Wendy time… mil que esquezo e non penso mirar…

E o himno xeracional, luminoso, celeste, de toda unha lexión de corvos nigroamantes [achtung! cota de xogo de palabras cuberta por hoxe] : Just like heaven

Datos de interese: Sobornarei con esplendor a quen me consiga que a semana que vén vaia bo tempo en Granada. Unha nevadiña na Alhambra é dun lirismo abafante, sí. Permítoa. Pero que non chova.

Y responde con tatata: por fin pode dicilo coa boca e non só co cu. Y é un híbrido entre o enxebrismo e o caribe.

Amo a un caníbal. A palabra caribe e caníbal son a mesma, disque. Qué fermoso paralelismo.

Algunhas das perlas de House: Case todo o que prescribo é adictivo e perigoso, a diferenza é que isto é legal.
Pero por humildade a cal te referes? Á xenuína ou á cortés e condescendente humildade de Mr. X?

Discutín acerca de se House exemplifica o humor inglés. Iso é humor inglés? Como está dobrado perdémonos se o actor británico finxe ser ianqui ou non. Se se trata do new humor inglés está claro que, ademais de flema, vai acompañado de bile negra. A compoñente da melancolía, para os médicos do Medievo. Agradezo ver House, pero de cando en vez encantaríame que fose unha televisiva muller quen cometese esas falcatruadas contra o politicamente correcto e reaccionase máis caústica que sosa.

Para calquera pregunta sobre o tema, por favor, non chamen.

I feel pretty.

Créditos das imaxes:
Imaxe 1, roubada de Internet
Imaxe 2, propia e manipulada con PS

Nota: o termo hybris orixinalmente alude á soberbia que atenta contra os deuses i é castigada coa némese. Non está claro que sexa a orixe da palabra híbrido, pois semánticamente están lonxe.