You are currently browsing the monthly archive for Xuño, 2007.

Dispoño de 50 segundos para captar a vosa atención antes de que vos esfumedes de link en link, coas vosas botas de sete leguas.

Vivo rodeada de bolsas negras e caixas e libros, nun piso onde a luz fai perigar as cores. Sen cortiñas.

Sen mobles.

Somentes cousas. Ciscadas no chan co seu estatuto de cousa.

Mudarse é cambiar a disposición cerebral. Cando mudamos, a nosa vida pasa ante os nosos ollos. Pode facelo durante algunhas horas [se son poucas as pertenzas a empaquetar e hai camión de mudanza abaixo] ou varios días [como foi o noso caso, con non moitas cousas pero só dúas almas dende un andar sen ascensor].

Coa firme promesa de tirar todo o innecesario [qué crueis que somos con nós mesmos], propoñémonos unha casa útil, orgánica, na que prevaleza a luz por riba do consumismo. Sorrimos almorzando horchata con fartóns sobre un somier aínda plastificado.

Facemos inventario de manías domésticas:

1.- Non aturar os zapatos da rúa na casa. En zapatillas ou descalza.

2.- Luces baixas, de mesa ou de pe. Dan un aire medieval que pode estropear un pouco a vista se pretendemos lernos Os Irmáns Karamazov, pero moito máis cavernoso ou cavernícola. Lareiro, en fin.

3.- Necesidade de ver ceo dende a cama. A maior proporción de ceo lonxano, maior sensación de que todo encaixa e de que esluímos no espazo coma lágrimas na chuvia, ras no estanque ou pílulas na boca

4.- Necesidade de poder realizarmos comodamente a fotosíntese dende varios recunchos da casa. Os pisos lúgubres que llelos dean aos de Facenda

5.- Procura pracenteira de esconderixos : os ocos onde enrolan as persianas; espazos mortos entre moble e parede; zócalo que se move. Isto dos esconderixos atribúoo a algún xen perdido de paleolítica superior, neanderthal a fuxir de homo sapiens, xudeus ou xitanos medievais agochando candelabros de sete brazos ou esmeraldas roubadas, pega común [Pica pica] ou filibusteira do XVII.

++++++++++++++++++++++++++++

Read the rest of this entry »


Internet, coma outros medios de comunicación, nútrese de si mesmo e dos que falan del. Na tele acontece escandalosamente: os programas refírense os uns aos outros, co cal o contido, como sucede nas cantigas galego-portuguesas, resume en dúas liñas que se van alternando e versionando a medida que se repiten. O mecanismo da tele é un leixaprén mesturado con zapeo. En definitiva, que os que se curran os programas serán uns catro.

Por Internet, como aínda é un laboratorio experimental, o mergullo é moito máis emocionante. Máis variopinto. Máis pintoresco. Ir de link en link ou tecolear palabras ao azar na barra de procura do google pode proporcionarnos encontros del.icio.usos. Ese sistema de búsqueda alternativo que é o linkeado, os hipervínculos… converten cada hipertexto nunha montaña furada de galerías. Nada máis tentador para seguir camiñando. Ás apalpadas. Ás escuras.

Coido que foi Borges, ese señor que todo o mundo quere citar para pasar por eminente, quen coa súa idea [máis ben o seu título] de xardín de vieiros que se bifurcan máis acertadamente metaforizou -sen querer- o fenómeno da divagación internauta. Ese andar ao chou, de link en link, ata perder o fío da ariadna e atoparnos de fronte con moitos máis monstros ca un simple minotauro de nada.

Iso fixen esta tarde.

Toda a tarde vagabundeando, sen oficio, sen beneficio, polo labirinto. Labirinto. Esa outra obsesión borgeira que tanto prace aos postmodernukis.

E nese errar atopei esta páxina que comparto con vostedes, quen queira que sexades e calesqueira que sexan as vosas turbias motivacións para estardes aquí. Unha páxina que me lembrou dous dos meus contos preferidos [polas ilustracións]: Contos do Río Amur e Contos Populares Rusos.

Ata aquí. O resto do camiño pola fraga tenebrosa fágano vostedes.

BSO: unha muller dirixindo unha orquestra? Existe! E unha orquestra só feminina? Velaí. Estas danzas de Béla Bártok [abaixo, en youtube], o húngaro marabilloso e sincopado, poden servir de BS non O para as ilustracións eslavas do link ao que lles remitín antes.

Datos de interese: + mudei por fin
+ a luz verbeneira de xuño
+ Cibernética, de Norbert Wiener [grazas, Bruno. Algún eon destes cho devolverei]
+ Na casa da miña nai había un piano xusto sobre a miña cabeza cando durmía. Non me disgustaba. Nesta casa hoxe escoitei un. Por favor, que non pertenza a un mal estudiante que só fai escalas!

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

cápsulas de son

ad kalendas graecas

Xuño 2007
Lu Ma M Xo Ve Sa Do
« May   Xul »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930  

flickerismo

chico marx

Serie intrusos: Alfombra voadora

Serie intrusos: Arabian nights

More Photos