You are currently browsing the monthly archive for Agosto, 2007.

senales.jpg

Unha fiestra ábrese

Unha, dúas. Pasan a ser incontábeis

Unha muller e unha nena corren atravesando a rúa

A parada de taxis baléirase

Unha fiestra péchase

Séntese o chío das trandeiras do patio

Un home fica no cornecho, en postura oferente

As gaivotas renxen máis do que nelas é admisíbel

Nas redaccións dos xornais agardan cos dedos tensos sobre o teclado

Nos centros meteorolóxicos xa o sabían. Toman café

Alguén instala un trípode xunto a unha fiestra

Dez segundos máis tarde, unha cámara de fotos

Nas fiestras baixas rosman vellas en bata

Nas fiestras altas curiosean parellas novas de coxas graníticas por mor de subir cinco pisos e facer o amor cinco veces por semana

O borracho arrota. Escudriña. Cantaruxa

O cego suspira

O xordo insiste

Un rapaz corre a anotar nun diario

Case todos nós contamos mentalmente entre o resplandor e o estrondo

Catorce paraugas son abertos ao mesmo tempo

Unha man sae coa palma extendida por unha físgoa

As nubes apresúranse

A lúa inmólase

Un gato sorrí envolto no seu abrocho de mantas

Un bebé esperta chorando

Un ordenador reinicia

Un home deixa a cullerada de sopa a medio camiño da boca

Dúas amantes deixan o que estaban facendo para despois

Un orgasmo é interrompido e amplificado

Unha muller que dorme na rúa é aplastada por un vento ríxido

Alguén que ve a tele só, séntese só

Alguén que mascaba unha decisión importante, esquécea

Alguén que estaba no baño, aproveita

Un coche non arranca no medio dun cemiterio de zombies

O lince ibérico detén por un instante o seu proceso de extinción

Andrómeda segue aproximándose e semella máis preto

O petróleo lamenta a cobiza humana

As rochas agardan ser partidas como un olmo seco

Os cactus entreabren os beizos

A planta do meu salón estira discretamente

Os icebergs deambulan iluminándose

Un vendedor africano soña que non é vendedor pero si africano

A auga embotellada na neveira encolle de medo

Unha segunda muller corre atravesando a escena

Titán… Titán segue a ser Titán

Tres mil catrocentos paraugas ábrense nun mesmo clic cun lixeiro eco

Unha cama intenta agochar debaixo do seu dono

O dono foi máis rápido

Un paxaro perdido atravesa a escena 1, exterior noite

Os cadros son tentados a baixar das paredes e vivir unha nova vida desparramados polo chan

Os utensilios de cociña tremelican no aparador

A corrente eléctrica titubea

Os cristais das fiestras bailan na punta do pe

A corrente eléctrica é seducida

Todos ollamos para o ceo pero non asemade

Apago a luz e fico en silenzo no mundo

Atreboada

Dentro do labirinto atopamos moitas cousas: atopamos wikipedia, atopamos a David Bowie, atopamos a Sir Laurence Olivier, atopamos moitos blogs, moitos peixes mortos que nadan panza arriba, moitas páxinas porno e moitas fotografías. Millóns.

Vía bisuria is pink coñezo a Loretta Lux. Busco na súa galería, con esa avidez que só encontramos nos enfermos cando cravan unha piqueta na vida en forma de pílula. A avidez dos nenos, que escanean un xoguete en menos de dez minutos. E son nenos precisamente o que atopo.

Daquela busco aquela foto de nena que máis se asemelle a min, a nena que eu era, é dicir, que son quen escribe isto, esta frase Daquela busco aquela foto de nena que máis se asemelle a min, á nena que eu era, é dicir

Estas dúas imaxes de entre todas son as que máis poderosamente có cheiro a lapis recén afiado e a corpo da miña nai, me retrotraen e subxugan [a orde lóxica e ao revés] á miña infancia.

lorettalux.jpglorettaluxyanan1.jpg

Pero hai moitas. E para todos.

Do aire irreal, maligno, de ilustración, de película do Marabilloso Mago de Oz ou cunca de Kellogg’s que teñen as imaxes poden falar os críticos de arte, se é que lles apetece. Mesmo un xogo de palabras coa verba lux pode facer de titular de impacto.

Nós xa non estaremos aquí. Estaremos, probablemente, mirando pola fiestra do post de mañá.

Sometimes I can see for miles
Through water and fire

Beautiful feeling, a pavorosa e pintalabial PJ Harvey

fotografía de Robert&Shana Parkeharrison, The Book of Life

Escribe.

Escribe con man mortal un coche.

Escribe con man mortal un coche sobre unha estrada.

Calquera outra man escribiría: un día apracíbel. Ti non. O día é apracíbel, pero non paga a pena rexistralo. Rexistralo todo é de funcionarios. A túa laboura é contraria a esa máxima.

Así que: a estrada; e sobre dela, o coche.

No interior do coche viaxan tres persoas. Un home. Unha muller. Un neno.

Calquera outra man diría algo deles. Ou faría un punto de inflexión no relato. Por exemplo: a parella discute. Por exemplo, a parella non se coñece de nada. Por exemplo, accidente.

Ti non. A túa teimosa man mortal escribe a nada dese día, dese coche, deses seres. Un vector no espazo. A música soa moi por enriba das posibilidades de que suceda algo máis. A muller peitéase o pelo longo e bótao cara atrás, coa soltura dunha man mortal efervescente de células. O home ri e fai algún comentario sobre as árbores do camiño. Son vizosas. O río discorre como unha intuición, brillante ao longo dunha idea. Aquí vese. Aquí non. A muller ri tamén e estira o pescozo. Coido que intenta ver o río.

Ti non ris e segues narrando.

É un traballo duro porque narrar baseáse na curiosidade humana. Na curiosidade humana e en certo xeito de abordala.

Un diálogo? Agora? Por que non?

- Podiamos bañar no río

- Iso dilo porque o vemos dende aquí. En canto achegas á beira vai todo cheo de insectos

- Parece un cofre de esmeraldas e zafiros

- Iso é a perspectiva. En canto achegas hai lama e merda e auga fría. Insectos

- Bañarei núa

A conversa podería ser superflua, pero non o é. Moitas conversas son superfluas. Son xeitos de acender unha realidade que escintila i esmorece. Unha realidade hipnótica como unha estrada nunha fraga compulsivamente mesta. Mesta ata a sobredose. A realidade en silenzo parece suspensa, parece en stand by. Hibernar. Os humanos falamos para contrarrestar esa sensación de tempo detido. Falar é poñer en marcha un cronómetro finito. Unha parella nun coche fala. Da música [nesta cantaba Lennon ou McCartney?], das árbores, do viño do xantar, das cousas que viron, coñecen ou esperan atoparse. Do neno que vai entretido na parte de atrás. Entretido no detalle. A infancia non ten nunca unha visión global. A infancia é un detalle: un marco dunha porta, os ollos dun boneco, a cor do zapato. A infancia é mergullarse no estampado do vestido, laranxa e branco.

O neno viaxa mergullado no seu río privado de abellas de madeira e peluxes destinxidos de moitos lavados.

Non escoita a conversa sobre o río. O sol non lle afecta demasiado. O día non é singular nin plural.

Escribe, escribe con man mortal que nada acontece. Que o coche circula pola estrada paralela ao río. Que o home sorrí, que a muller sorrí.

E agora fainos crer que todo iso, que todo iso é alta literatura.

Ter a necesidade de ser grande é unha desgraza

dixo Robert Walser dentro dun libro

fotograf�a de Sophie Delaporte

fotografía: Sophie Delaporte 

A precocidade:

cheguei a ela demasiado axiña. Durmía aínda Read the rest of this entry »

debuxo de Mizna Wada 

Unha gaivota acaba de caer do tellado ao patio.

É marrón, pequena. Nova.

Ela non o sabe, pero ten 8 pisos que remontar.

Sentín a caída dende esta habitación. De seguido, os laios. Levantei. Sen correr. Asomei á fiestra da cociña. Era marrón, pequena. Nova. Estaba asustada.

Imaxinei o seu corazón. As gaivotas non teñen corazón. Pero esta tiña un, marrón e pequeno. Novo. Bombeaba moito sangue ao seu cerebro de gaivota. Así que movía a cabeza nerviosa, buscando como saír.

Ninguén estaba asomado ás fiestras do patio. Somentes eu. A única da raza humana entre toallas e braguiñas postas a secar baixo as mamparas das trandeiras. A única que podía estimar as probabilidades de supervivencia desa criatura caída. A única que podía poñerse na súa pel permeada e compartir os latexos do seu corazón. A única que podía facer algo, fóra do enxeño do cerebro e a habelencia no voo dela. Da gaivota. Daquilo que ía selo [gaivota]. Do que fose que fose.

Pechei a fiestra.

Os laios e as pisadas no teito de plástico amorteceron.

Comprobei que todo estaba no seu lugar: o azucre no tarriño. A auga, na botella. O corazón, á esquerda.

Só a gaivota estaba fóra do seu lugar, pero iso xa acontecía fóra dos límites dos meus ollos. Dos meus oídos.

Volvín ao meu traballo humano. A esta páxina. Aquí.

Un traballo que podo xustificar de mil maneiras sen que haxa unha gaivota polo medio de ningunha delas.

Pero verdadeiramente, desexaría baixar a por esa gaivota e depositala con amor infantil no tellado.

E con estas sintaxes esforzadas non son quen de facelo.

Como non podo volver a xuntar o azucre desparramado.

Como non podo reintroducir a auga na botella roto.

Como non podo por arte de maxia facer latexar un corazón.

A gaivota é unha criatura desesperada. Con 8 pisos que remontar [só eu dispoño dese dato].

Unha vez coñecín alguén igual.

E a literatura foi unha ferramenta demasiado branda, demasiado autocompracente, demasiado estúpida para levantalo de novo ata o tellado.

mpascual1.jpg

ilustración María Pascual, Cuentos de Siempre

Preparativos de viaxe. Marchar a un lugar chamado Vila Verde.

A vostedes non lles importa que eu o chame así.

Este efecto de perspectiva recibe varios nomes: o máis coñecido é Droste effect [vía microsiervos poden acceder a lúcidos e redundantes exemplos]. Un termo alemán que nos leva a unha marca de cacao cun clásico debuxo das orixes da publicidade.

Saberán do que lles falo. A imaxe é moi similar á dos famosos [e un chisco sobreestimados?] fractais de finais do século XX. O termo en francés é mise en abîme. Eles son así de poetas, así de terribles. Os franceses. Mise en abîme. Algo así como posta en abismo.

[fascíname cómo os franceses utilizan o verbo abîmer. Dun xeito livián. Despreocupado. Nunha crema de mans que hai no meu baño leo: mains abîmés. Mans abismadas. Danse conta que terrible? Perdidas nun vórtex espazotemporal? Esvaecendo pouco a pouco a partir dos pulsos? Mans que caen por un pozo sen fondo mentres o resto do noso corpo as observa, espantado? Abîmer semella un acto cotián, case doméstico para os franceses. Eles han saber por que]

En verdade, a idea -e a técnica subxacente- consiste en abismar. Un abismo suponse que non remata nunca. No noso cerebro, o señor abismo comparte piso -un piso deseñado por Escher, claro- coa idea de infinito, de ∞, de cosmos, de universo, de ceo, de átomo, de decimais de ∏… todos nunha alegre vertixe cranial. Pero neste caso son as técnicas da repetición, da recursividade, as que alimentan ese abismo.

Incrustar unha imaxe nunha imaxe maior e idéntica a ela, ata que a imaxinación - a de cada un- dispare os límites do macro e do micro.

Volvendo aos franceses, nese queixo surrealista -surréalisme, tamén vocablo francés. Aínda que aquí xa vin moitas veces escrito subrealismo. Claro, estamos por debaixo deles no mapa Mercator. Normal que o surrealismo ibérico teña unha compoñente sub- , volvendo aos franceses -estame saíndo un texto do máis recursivo, frases dentro de frases, un texto sumamente voilá e abîmé-, volvendo a ese queixo francés e surrealista chamado La vache qui rit, traducido con moito siso como La vaca que ríe, aí tamén temos un exemplo de efecto Droste ou mise en abyme.

Lembrarán: nunha caixa redonda, a vaca aparece en primeiro termo. Nun coqueto close-up. Como non podía ser doutro modo, ri. E, se nos fixamos no detalle dos seus pendentes, eses que adoitan levar as vacas cun número de serie, veremos que neste caso da vaca penden dúas argolas coa forma do queixo La vaca que ríe, polo que no interior deses pendentes novamente volvemos atopar, máis miudiña, á mesma vaca - é a mesma? é un clon?-. Rindo, a vaca. E logo xa tomamos a lupa con certa preocupación. Porque achámonos cara a cara coa idea de infinito.

E iso pode acarretarnos serios problemas de vista.

Ben. Onde quero chegar? A Mondariz. Nese ilustre balneario de Pontevedra embotellan auga dende 1877. Fano cunha etiqueta de época: unha ilustración dun home con peluca sostendo unha botella xigante de Mondariz; dentro da botella que sostén está el mesmo, novamente, sostendo outra botella, a mesma … e así en abîme.

Viviseccionando a etiqueta da botella, varios detalles captan a nosa atención: Read the rest of this entry »

deseño Base Amethys de Citron Rouge

…a eles

Nunca faría un texto sen eles. Terían que amordazarme, logo de terme arrincado a lingua cun coitelo infectado. Terían que abrirme o cerebro polo sitio preciso das palabras onde eles viven coma larvas e, con coidado, aplicar o escalpelo. E seccionar. E mesmo así persistirían lugares dentro de min, no meu cerebro [o meu universo coñecido ] de onde emerxerian eles. Todos eles. E a mutilación tería sido en van.

_Falas de min, acaso?

Si, claro. Falo de ti. Por todas as historias que nin sequera cheguei a propoñerche, e que querería ter contado, de ter sido eu unha verdadeira escritora.

_Historias? Cales historias? Read the rest of this entry »

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

cápsulas de son

ad kalendas graecas

Agosto 2007
Lu Ma M Xo Ve Sa Do
« Xul   Set »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

flickerismo

chico marx

Serie intrusos: Alfombra voadora

Serie intrusos: Arabian nights

More Photos