You are currently browsing the monthly archive for Setembro, 2007.

A memoria é o único arquivo inexacto do universo que nos permite crer que as cousas aconteceron como nunca aconteceron.
Naturalmente, supera mesmo á Historia.
En crúa competencia con fotografías e películas, e a diferenza delas, a memoria xamais descansa. O seu proceso de deformación segue un bucle incesante de ecuacións con varios denominadores comúns: as emocións, o azar, o número de veces que se volve sobre un recordo, a súa conexión a outros da súa mesma especie…
Memoria para enxertos futuros do día de hoxe: a linguaxe humana conta cun patrón xenético, impulso primixenio e inconsciente por querer falar. Iso dixo Chomsky. Agora, nos seus primeiros balbuceos, ese patrón ten que ser común a monos e homos e, mesmo, a homes e bestas de todas clases. Porque, neste período de observación, decátome de que non hai cousa que máis guste imitar a un cachorro humano ca unha voz animal.

Polos meus traballos, houben percorrer moitas estradas deste país.
Ás veces chaman para unha voda no outro estremo da provincia [da provincia romana. Gallaecia]. Entón collo o coche e paso soa un par de horas. Chego. Subo unhas escaleiras de caracol moi tímido, reviravolto. Escaleiras de concha de nautilus fosilizado no gótico. Rumbo ás gárgolas, ás tearañas, aos símbolos masóns na mampostería. Cousas que ningún ollo ve, ou seica os dos campaneiros. Os dos chepudos. Os dos pintores de bóvedas. Subo como oufana de pertencer a semellantes lumpen gremiais…
Arriba, dende o coro, unha aínda cre menos en deus e máis nos homes, mália o esforzo escolar en que fose do revés. As pedras falan do que é capaz de facer un home por un ferrado no ceo. Ou nalgures. As vidrazas enferman a miña pel pálida. Proxéctanlle mil cores, como se padecese todas as enfermedades a un tempo. As virxes.
Miro a virxe. Nel, no seu rostro de beleza antiga, esparramo La vergine degli angeli, de La forza de destino. Ou algún sonado Ave María. Un espiritual. Algo de Bach. De Haendel. Dos Beatles. Dalgún musical. Algo que non pega con todo ese pastel de merengue. Cargo con partituras, mália que as sei todas de memoria. Miles de cancións. Son analfabeta musical. Os analfabetos compensamos cunha memoria instintiva e tumefacta.
Os músicos tocan cos seus papeis dispostos sobre atrís recén abertos. Os violíns. Normalmente vou cun piano. O piano tamén vén no coche, connosco. Silandeiro, na parte de atrás. Co cinto de seguridade. Déixase carregar e logo soa na marcha nupcial obediente e tan tópico coma nos soños do pai de toda noiva.
Vomito sobredoses de canto dende nena. Aborrezo as vodas. Teño que combinar esas dúas paixóns encontradas para gañar diñeiro negro e sobrevivir.
A xente felicítame. Conserva esa voz. Que rexistro tan amplo. Se souberan. A miña voz é un desperdicio. Contenedor verde. Lixo orgánico.
E carregamos de novo con todo. A música métese nos seus estuches aveludados, os arcos limpan os restos de corcheas, o piano sacúdese os bemois. Carraspeo e un fa terma da miña úvula. Quere saír. Fica aí, penso. Ás veces teño pesadelos nos que desapareces.
De novo no coche.
De volta a casa. Soa. Ou co piano.
Cando vou soa, ideo. Conducir pola autoestrada ou a ducha sempre foron momentos de especial inspiración. As miñas grandes ideas, se é que teño diso, enxendraron neses intres necesarios. Rutinarios.
Neses vectores de A a B. E volta, de B a A.
As estradas de Galiza son especialmente proclives ao pensamento. Un ten que ir tan atento ás curvas que ha compensar esa tensión, esa fatiga, con ideas esplendorosas sobre ciencia, sobre arte, sobre literatura. A resolución de todos os males deses tantas veces artríticos dominios que moitos queren encerrar no puño, transcorre na estrada Curtis-Melide.
Transcorre polos camiños de Husqvarna. En todo pendello-á-beira-de-camiño que se precie, reina a hache coroada de Husqvarna. Como unha consigna ["vas ben, amigo, tira para adiante" ou "para un pouco a beber unha birra e despois si, despois xa lle dás tó tieso"]. Como un escudo heráldico cun fondo xornaleiro, comunal. Unha pegada de bestia. Unha especie de Ikea rústica, rupestre, rudimentaria. Ruda, coma a herba velenosa. Husqvarna é se cadra o logotipo do campo galego. Un logotipo sueco. Talvez aos galegos préstenos facernos os suecos.
Eu non sei nada, e ademais pasaba por aquí. E asubiaba… fiiifiriii
Bonito é, o cosmos.
Só fronte ao cosmos. Entre o cosmos. Difícil atopar a preposición exacta.
No cosmos.
B kosmasie, diría un ruso. Iso pensou. Un ruso sería tan feliz - ¿non celebran eles o Día da Cosmonáutica?-. Con todo o universo diante do cristal do escafandro. Con Todo.
Tamén estaría feliz o director de fotografía de Kubrik. E o señor da Vinci. E o pobre señor Hawking, que non por pobre é máis eminente. Nin menos. E quizais Méliès estaría feliz e movería o mostacho así
:[ :/ :[
cun tic de cine mudo.
Todos felices de ter proxectada na retina a imaxe que el tiña agora. Sen arriba nin abaixo. O tempo todo do mundo, que non sei se é moito, non sei se é pouco, desde que o mundo é mundo.
Así ficaba el. Só.
Pero non é o mesmo ficar só no medio dun cuarto que ficar só no medio dunha leira recén sementada que ficar só no medio do cosmos.
No medio do cosmos arrastra dentro como a imprecisión.
Ademais, perdera as coordenadas había tempo e a súa autonomía significaba a morte.
Porque este home que pendurei no medio e medio desta páxina, vai morrer. Morrer é a razón última de que eu o creara. Pero non é de min de quen veño falar. Esquecín o meu nome. Tamén o do meu cosmonauta. Só adiviño o seu frío, a vertixe cobregueándolle a medula coma unha serpe, a náusea da vertixe que nos sume nun espacio con máis dimensións das tolerables. Pero, mesmo que ás veces eu sinta mágoa del, non pode durarme moito. Eu seguirei sen el. Read the rest of this entry »
Eu, que son unha muller fermosa, teño que empequenecer para agradarvos
Eu, que son unha muller furiosa, teño que servir as cuncas sen que rompan a unha contra a outra
Eu, que son unha muller intelixente, teño que sorrir, no podium perdedor no que me aupades, coa estulticia coa que se finxe un orgasmo
Eu, que son unha muller inconscientemente bela, teño que cometer perxurio para falar da vosa beleza
Eu, que non son unha muller patriota, teño que xustificar escribir na lingua na que escribo
Eu, que son unha muller supersticiosa, teño que finxir escepticismo
Eu, que son cosmonauta, teño que pousar os pes na terra para non ser devorada
Eu, que teño unha sexualidade descuberta tarde e por min mesma, teño que facer como que volo debo
Eu, que son unha criatura mecánica, teño que introducir claves de acceso ás emocións para non ser hackeada
Eu, que odio o cretinismo político, teño que ter unha postura política coa forma dun monolito
Eu, que amo o mundo desde arriba, teño que comer o po de ser comparada
Eu, que podería ser eu, teño que ser todas
Eu, que non quero saber nada máis, teño que saber máis
Eu, que quero saber moito máis, teño que maquillar as traxedias familiares
Eu, que son unha nena pallasa, teño que cantar en vodas infames
Eu, que nacín cunha voz de rexistro fantástico, hei admirar o feminismo rudimentario da miña nai
Eu, que son lúcida e depravada, hei aleitar un fillo polo que daría a miña medula
Eu, que nacín nunha familia arruinada, tiven que ter a lucidez para comprender que así seriamos sempre
Eu, que nacín nunha familia anárquica, pequena, orfa, pobrísima, obsesionada coa arte, obsesionada co riso, deliciosamente enferma, tiven que comprobar cómo me fabricaba á súa imaxe e semellanza
Eu, que son libre entre escravos, hei estropear a miña pel perfecta e os meus ollos de corza mecánica
Eu, que vivo neste mundo, hei vivir neste mundo
Non, isto non é zozobra. Esa palabra non pode dicirse en galego. Un pode caer fulminado polo raio. Que é un corrector cuxas descargas eléctricas no cerebro só propagan en forma de dicionarios publicados e oficiais.
Welcome to podcastinator, estibaliz’s [difficult to pronounce this] podcasts, that means a procrastinator podcasting.
Alcohorama.Text by Charles Baudelaire. Texts from the prologue and epilogue by Estíbaliz… Performed by Estíbaliz… I Award in Certame de Podcasts Poético-Artistics del Ajuntament de Tarragona
CanLobo: Text and performance by Estíbaliz... [cover de la Vie en Rose, Edith Piaf] performed by Estíbaliz…Espinosa
Cyohibernación: Text, music and performance by Estíbaliz…
En xeral, non poderiamos facernos cos homes se non os encerrásemos ás veces dentro de nós, ata que os rodeamos pequenos e tranquilos
Desexo, Elfriede Jelinek



