You are currently browsing the monthly archive for Outubro 2007.

Camiñaba pola rúa. Houbera un accidente na estrada. Un carro prendera lume. Dous policías arrastrábano para desconxestionar a vía.

Caracterizada de xente, a xente arremuiñaba. Descoidaba, entrementres, fillos, carteiras, amantes no móbil, barras de pan… Ollar ben e darse por enteirado vale máis que todo iso.

Xirei a cabeza. Un capó queimado. Nada máis. E bombeiros, policías. Barullo. Xente.

Nese intre, alguén chamou por min.

Estíbaliz

Soaba como esas chamadas que escoitamos ás veces cando deitamos na cama, despois dun día intenso. Talvez sexa un fenómeno que non lle acontece a todo o mundo: tras un día axetreado socialmente, no que fomos interpelados de contino, o noso nome fica só, xirando na ruleta rusa do pavillón da orella. Xira ata que, neses silenzos uterinos previos ao sono, cae fóra do circuíto e penetra ata o tímpano. Escoitamos que chaman por nós, o noso nome perpetuo, como un disparo, deitados na cama. A piques de nos durmir. Algún experto en alucinacións auditivas na sala, por favor?

Porén, esta chamada era a plena luz do día. Pero igualmente irreal, atmosférica

foto: Pequena Suricata. La noche

O caso é que voltei a cabeza. Obediente. Ela -era unha ela- dixo:

Ah, si, es ti

E presentouse.

Son Elba

Internet devolve un pouco de maxia a este tipo de encontros. Encontros de xente que fala a través do cable, a través dalgunha aplicación da web 2.0 na que coincide xente que vive case porta con porta sen se coñecer. Coñecín a Elba [Pequena Suricata] a través do seu fotolog. Logo resultou que, nunha pequena cidade como a nosa, o mago do circo enrugounos no seu pano de gasa e tivemos moitos máis puntos de contacto, en forma de coñecidos comúns, coñecementos descoñecidos e outras especies similares…

Falamos. Sempre a través do e-mail.

Quixen contar con ela para o do Centro On.

De súpeto, un día miramos sincronizadamente un accidente na rúa. Ela recoñéceme. Está na porta dun comercio. Eu paso cun carriño de bebé.

Somos mortais.

Un papel de parede despégase pola humidade e dás de fronte cun espello.

**********************

O traballo gráfico desta muller promete ser cada vez máis magnífico e moitos máis adxectivos que adornan e estorban. Dispón con harmonía, é elegante. É sutilmente barroca. Prismática. Na súa obra conflúen imaxes empapeladas como armarios vellos, como alacenas, gatos, mundos en miniatura, constelacións, burbullas, bordes de foto carcomidos, amarelecidos. Entre o ollo do espectador e a imaxe multiplícase unha distancia abisal que pode adquirir a textura dunha gasa, agora é unha veladura, agora un conto de fadas, agora de bruxas, agora é un estourido. Poderiamos concluír que entre o ollo e a imaxe transcorre un tempo remoto. Que dura entre un pestanexo e a lenta xestación dunha galaxia. Hai po. Hai arañazos. Hai tempo que o estropea ou o cauteriza todo. O que di Tanizaki do gusto xaponés pola suciedade/opacidade dos obxectos: hai lustre. Pequena Suricata compón macedonias cun alto grao de capacidade hipnótica e semella ser ese o mellor adxectivo que se pode aplicar nun mundo que vive completamente occidental e hiperestimulado.

Manexa unha linguaxe gráfica preciosa. Precisa. Os reflexos de fiestra nas olladas. As clonacións. O entorno líquido, submariño. As manchas. Os empapelados. Nestas páxinas un atópase asistindo á formación dun universo. Ningún elemento desentoa: nin os animais, nin as bombillas, nin o cambio climático. O noso ollo adaptouse a procesar imaxes conformadas por mil imaxes superpostas. Necesitamos ese zoom continuo para atopar un puto mundo dunha puta vez dentro deste marabilloso [sic] mundo.

A sensación que tiven tras o encontro é esta: a da alegría [podemos escribir esa palabra sen nos sentir ñoños? podemos!] de dar coa indicación exacta dun tesouro privado. E logo, unhas enormes ganas de apropiarmo, de apropiarme de Elba Suricata e amosala por feiras e circos ambulantes e berrar: mirade o que se fai dende aquí, mirade á que estado de excepción chegaron na fotografía, mirade unha coruñesa pequena, suricata, reservada e esplendorosa.

Mírena.

******************

Ao deixarse ir polo stream do flickr, a criatura mecánica recupera a esgalla varios enxertos de memoria: estampados de alacena da casa de mamá, gatos en pose eterna en tardes eternas, sombras chinescas, mitoloxías… Todo o onírico resúltanos lonxano. E cálido, non obstante. Buceamos nese acuario do esquezo paulatino dos soños, dos soños de toda caste: dos que reservabamos para o noso futuro e dos que nos fan suar cada noite.

Sucede que a poderosa linguaxe visual obríganos a lembrar quen quixemos for. O que soñamos a noite do día 13. Por que nos calcina de tal modo o seu recordo. Con que e quen imos soñar mañá. E por que imos ocultalo…

foto: Pequena Suricata. Secret 

Asocio o traballo desta muller con PJ Harvey [como case todo canto me gusta]. Permítanme o link

escanear0002.jpg

Kan ja ma kan

La han, wa la han

Érase unha vez… ou non o era? , así comeza Iku, o paxaro de ouro, Conto Árabe

 

damera2.jpg

foto: col. persoal

muller maior, cellas negras, vestido malva/neno con mochila/ latinoamericana, 23 anos, seguramente serve nunha casa/ mozo barbeado, deseñou un logotipo para un bar e escribe deseñador na casilla Profesión/muller loira, en realidade morena, pelo liso, en realidade rizado, casada, en realidade, aborrecida/ adolescente 1, demasiados grans, demasiado preocupado polos grans/ adolescente 2, calculando o próximo festivo, dentro de 3 anos hackeará Inditex/ señor moi gordo, non cabe entre a xente, refrega, eslúe, non lle importa/ home, uns 35, probabelmente marroquí/ home, uns 42, probabelmente marroquí, probabelmente emparentado co anterior, sen dúbida satisfeito da xornada/ moza, gafas, un libro aberto á metade, vista por riba das gafas, algo non lle cheira ben, non sabe que vai embarazada/ bebé, dorme cunha teta grande, esférica, selando a entrada do soño/ home, descontento da vida, descontento da calva, contento co seu membro/ muller, non debería ter cargado tanto as bolsas no súper, como castigo rodan unhas mazás/ nena, diadema, vou mercar un boli verde para escribir na libreta, recolle mazás para señora, tome, señora/ muller, mediana idade, anoxada co conductor, suor, frenazo, moito aspavento/ home, ollándome/ muller, a través da fiestra ve subindo a un senegalés cun vulto grande ás costas, non lle gustan os senegaleses pero mercoulles un bolso de imitación/ moza, 28, toca o piano os sábados, avergóñase de ser virxe/ rapaz, 10, gáñate en calquera vídeoxogo, morrerá aos 103 e sairá nos xornais electrónicos/ muller, mediana idade, pensa en patacas lavadas e peladas, saíu como fondo na foto duns chineses que visitaron a Torre de Hércules no 2004/home, antigo compañeiro de estudos, finxe non recoñecer/muller, ollos demasiado grandes, incómodos, inquisitivos/ conductor, sentoume un chisco mal esa caña…

liña 6 rumbo a casa

cryomutación

foto: tomates da vindeira glaciación. col. persoal
tomates: da tenda
conxelador: lynx de 2ª man
taburete: tendas tuco

Non sigan lendo. Isto é unha trampa.

Pasamos por certos [ por certos] textos como quen o fai por riba de brasas ardendo. Pero non somos fakires. A nosa pel non fica igual despois. Hai textos-trampa: dispositivos elaborados para facer saltar polos aires un sistema, unha convicción, unha sensación. O capital. Follas Novas. O libro da almofada. Cantos caucanos. Os Upanishads. Alicia no país das marabillas. O proceso. O rei Lear. Fausto. A historia de Genji. O prospecto do haloperidol. A frauta máxica. Strange fruit. All along the watchtower. Across the universe. Angelene…

Read the rest of this entry »


 
And the bouncer is a 
sumo wrestler 
cream-puff casper milktoast
And the owner is 
a mental midget 
with the IQ of a 
fence post

E o matón sabe sumo

Pero é un mixiricas covarde

E o dono é retrasado mental

Co coeficiente de intelixencia do poste dun valado

The piano has been drinking, Tom Waits

cold silence
has a tendency to atrophy any sense of compassion
between supposed lovers

Schism, Tool

A idea sería esta:

escoitar o tema cos ollos pechados. Imaxinar a fisonomía dentro da que habita esa voz. Atribuírlle un rostro humano a un atributo.

De teren procedido así o seguinte, naturalmente, sería abrir os ollos.

O que teñen diante [no youtube] é un dos híbridos máis fabulosos da natureza homo sapiens: unha garganta feminina encerrada na paréntese dun home. Dado que os castrati coñeceron o seu auxe nos séculos XVII e XVIII e desapareceron a principios do pasado, as gravacións sonoras daquelas criaturas divinas [sinónimo de monstruosas] foron imposíbeis. Polo tanto, esa voz que acaban de escoitar i ese rostro de mancebo que veñen de contemplar, non pertencen a castrato ningún.

Pero sigan esta historia da miña man de mala narradora.

Os castrados, fillos deses pais que perseguen a fortuna e a sona a través dos seus vástagos, rara vez as conseguían. Fama e sona. Poucos obtiveron esa cousa horrorosa que eu tamén ensaio: posteridade. Serían nenos pálidos abrindo bocas de bocexo no alto das igrexas e sendo benefactoramente observados por ollos comerciantes, devotos, dispostos a qué. O prezo era alto: as operacións habían realizarse cando eran aínda demasiado novos para saber se aquelas gorxas cocerían o ovo dunha grande voz.

Con moita probabilidade, castraban unha alta porcentaxe de cantantes mediocres.

A meirande parte deles, dunha orixe humilde.

Non obstante, obtiñan certos mimos a cambio de testículos: algúns compositores escribiron arias exclusivas para eles, para as súas proezas e tesituras lixeras coa potencia dun asento de aire masculino. Esta frase debe de soar a algo de enxeñería aeronáutica. Pero o canto non é máis ca iso: enxeñería aeronaútica.

Os castrati eran homes desfigurados hormonalmente, pero as súas voces rozaban a divindade ao xeito das das sopranos líricas ou as mezzos: áxiles e robustas. Algo complicado. Normalmente as axilidades son propias de voces lixeiras que, ao meu xuízo, resultan insulsas, pouco acabadas. Unha voz potente capaz de correr polas notas como un atleta de obstáculos deviña unha xema aprezada: escoitábase en todo o espazo do teatro [a técnica vocal consiste unicamente en lograr amplificar a voz ao máximo na época na que non existen a electrónica, nin os micros nin as etapas con reverb], co cal amortizábase moito mellor, e ademais era quen de sutís alpinismos con corcheas, trinos e escalas cromáticas.

Volvamos a este home. Non é castrato, que saibamos. As operacións foron prohibidas. Os homes do século XX que querían recuperar ese vasto e mimado repertorio dos castrati, o reservado a eles e negado ás mulleres [as arrebatadas da escena, como no teatro isabelino, como no kabuki], houberon adestrarse noutra técnica. No falsetismo.

A voz de falsete de todo varón é a base da técnica dos chamados sopranistas ou contratenores. Os primeiros logran un rexistro máis agudo [de soprano]. Os segundos, timbre de mezzo ou contralto.

O caso do tipo deste fragmento do youtube.

Un contratenor. Un home con voz de home o 50% da súa existencia [que mesmo pode ser de rexistro grave] e de muller arrebatada da escena o outro 50%. Un home lobishome. Un home que oubea. Un home que xeme. Un home que rompe as copas. Un home que cobra máis e veste frac. Un home non necesariamente home. Unha profesión de home que canta como muller papeis destinados a homes. Pero que non sementa escándalo [un leve morbo, si] nin está obrigado a desfilar en Berlín unha vez ao ano. Un home versado en transversarse. Un home que pode, se quere, acomodarse o paquete como todo macho na intimidade, e tamén á luz do día. Un home ao que ninguén se xira a mirar pola rúa, pero que todos esculcan como a unha cría de dinosaurio cando abre a boca para que saia Haendel nun filado como spaguetti.

Canta Ombra mai fu.

Un texto simplísimo, case un haiku, se non fose porque os haikus son como cofreciños cunhas medidas moi estrictas. Unha aria dedicada a un plátano [a árbore, non a froita]. Unha música demasiado fermosa para un texto demasiado estúpido.

David Daniels. Unha muller demasiado bonita como para ser un home.

E, sen embargo, home.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Outubro 2007
Lu M M X Ve Sa Do
« Set   Nov »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

criatura mecánica, eis