You are currently browsing the monthly archive for Novembro, 2007.
Natalie Shau, We are so fragile
Gústame máis a voz de Ella Fitzgerald que a de Billie Holiday.
[oh, amantes do jazz-en-pack, chasqueade a lingua e dicide levemente que non coa cabeza reprobatoria]
Gústame máis a vida privada de Billie Holiday que a vida privada de Ella Fitzgerald
Gústame máis quedarme atrás que chegar primeiro
Gústame máis publicar aquí que en edición impresa
Isto ten algo de sexo inesperado. O outro é máis un sexo consentido e aprazado, no que cómpren demasiadas relacións públicas das que carezo por completo.
Gústame máis a biomecánica que a mecánica de coches
Gústame máis o aire frío de non ir deixarnos nunca que teñen as estrelas que o aire cálido de non ir deixarnos nunca que teñen as multinacionais
Gústame máis Coppola que Scorsese
Gústame máis Orson Welles
Gústame máis China que Xapón
Gústame máis Xapón que China
Gústame máis a limonada que a laranxada
Gústame máis Puccini que Verdi. Por peliculeiro
Gústame máis PJ Harvey que Björk
Gústame máis o uz que as camelias
Gústanme máis as mulleres que os homes
Gústame máis a dor allea que a propia
Gústame máis Clarice Lispector
Gústanme máis as olleiras que a tez lisa
Gústanme máis as latas con fotos que os álbumes de fotos
Gústame máis non citar
Gústanme máis os arrogantes antipáticos que os simpáticos solícitos
Gústame máis o termómetro de mercurio
Gústame máis Chaplin que Spielberg
Gústame máis a xente que non se vende moi barata
Gústame máis o hentai que o porno
Gústame máis este universo que aquel universo
Gústame máis o adamantium que a seda
Gústanme máis os zapatiños de rubí que as botas sadomaso
Gústame máis a sensacion de vértigo que a sensación de terror
fotografía: pequesquimal
Iván López Gimeno foi o primeiro convidado a este experimento. Unha mostra de traballos que teñen como común denominador o xiraren arredor dunha pantalla. O ollo hipnótico. Mitoxénico. Temíbel. Carente de pálpebras. De bágoas. As pantallas son signos dun ollar febril. Coma o dun crocodilo.
O experimento toma a forma dunha mostra de fotografía, páxinas web, ilustración… todo o pantallabelmente posíbel.
O Centro On brindounos a súa sala. Entre restras de valores bursátiles. Unha pequena matriz negra. Alí, baixo o paraugas protector e caro de finanzas alleas. Unha sala pequena, como unha caverna, cunha pantalla grande como un bisonte.
Iván L. Gimeno traballa en narración audiovisual. En principio, orientada a calquera formato: o televisivo, o vídeoclip, a curtametraxe. Interésame o principio, nó e desenlace: a historia. Fala seguro do que trae entre mans. Non teño nada novidoso que contarlle ao mundo. Xorden esas palabras, orixinalidade, criatividade. Son como campás. Campás que preceden ou envolven calquera alusión á arte. Pero as campás tamén tocan a morto.
Iván expón. Faino con claridade. É moi ameno. Lamento o escaso público. As súas ideas apuntálanse con experiencias de anos en medios comunicativos. Son vehementes. Destilan criterio. E tamén crítica á suposta novidade de certos formatos televisivos que simplemente redundan. O seu currículum -o que me mandou por email, nunca nos viramos antes- di: carreira de humanidades. Historia. En Santiago. Mentres tanto, agardaba a implantación da licenciatura de Comunicación Audiovisual. Iso e o tren de 30 minutos entre Coruña e Santiago eran as grandes promesas dos meus tempos de estudante. Penso que é bonito iso: a xente estuda carreiras por moitas razóns. Por acalar a conciencia. Por inxenuidade. Por contentar aos pais. Por fe. Tamén por facer tempo mentres se espera a outra carreira. É lexítimo. Cántas veces amamos a unha persoa expectantes porque outra nos ame. Facendo tempo.
Iván L. Gimeno ten experiencia como todólogo: fai de todo. Sempre orbitando arredor da narrativa audiovisual. A el gústalle a historia, especifica, contar historias. O guión parece a saída máis natural e cursa estudos destinados a gañarse a vida diso. Publica un libro de relatos. Un guión para a USC. Pero de guión a produción hai un paso. E a direción, cómo non. Semellan disciplinas entreveradas nalguén que comeza en plataformas con poucos medios. Hai que asumir varios papeis. Na New York Film Academy estuda Direción de Cinema Dixital e ten un compañeiro de piso xaponés. Ambas circunstancias conflúen e desembocan nun par de colaboracións memorábeis: un vídeoclip, Abisal, para o grupo Mecánica Celeste, e mais unha curtametraxe, The performer, visualmente moi lograda, contada a base de retallos a ritmo sincopado ou respiratorio, e cun argumento que instila sarcasmo no mitificado eido da actuación cinematográfica. Os desvelos por meterse no papel. O método. A escusa escenográfica: Nova York [a cidade que pode observar de esguello Hollywood]. O protagonista: o compañeiro de piso xaponés.
Algunhas das ideas lanzadas por este novo realizador ao longo da súa charla pintada na caverna:
#ser orixinal aínda é factíbel. Pon como exemplos a Charlie Kauffman e vídeos coma este.
#existe unha fractura xeracional entre os fillos da televisión e os mozos de hoxe que atopan en internet unha interactividade coa que o medio televisión xamais poderá competir [iso lémbrame á gala de Premios da Televisión, na que Buenafuente ironizou sobre o mesmo feito aludindo a youtube: infórmanme polo pinganillo de que xa se pode descargar en youtube a primeira parte deste monólogo]
#non é honesto vender como orixinais formatos televisivos que levan lustros funcionando
#en definitiva, ou iso pareceume entender a min, non se lle pode pedir orixinalidade nin frescura a un medio como o televisivo
O fallo da caverna: como no cine dos inicios, fallou o audio e non escoitamos nada da música dos vídeoclips. Por sorte The performer é case por enteiro unha curta muda.
As sesións deste ciclo estenderanse ata o xoves 27 de marzo de 2008. Emitiranse todos os xoves en rigoroso vivo e coleando, agás vacacións e festas de gardar. De 19:00 a 20:00.
Altas miras dende a caverna do Centro On
Uf
[acepto tamén arf e grrr ante esta imaxe da Shau]
*****
Deixáchela soa.
No hotel [era un hotel]. Á muller [era unha muller].
Tiña que ter os ollos tapados. Tiña que soster unha rosa. A desgana xa era súa. Súa. O guión non falaba de languidez. Habías observala como se observa unha fera á que conducen á morte; a fera emprega enerxía en ruxir, por exemplo. Iso é unha proba de inocencia. A fera sábese sitiada, intúe os pasos da morte baixo as patas. E ruxe. Rúxelle á morte porque non a coñece. É un ciclón de enerxía enfrontándose á nada, unha suma de átomos desordenados comandándolle a unha vida: resiste.
Habías observar nela esa enerxía disolta: os humanos só sabedes perecer con elegancia. Hai quen agarda á morte como quen agarda a un amante cauteloso.
A habitación do hotel afunde no lago, un pantano miserable.
Ela sábese sitiada pola miseria nun miserento hotel dos suburbios. A súa pel non súa. É molecularmente perfecta. É unha mantegna disfrazada de virxe disfrazada de prostituta. É un descendemento. É unha dama do lago e non dubida en facernos crer que non morrerá esta noite.
Cando ti apures os pasos contra ela.
Cando a auga apure os pasos contra ela.
Cando afunda a cidade, os parkings da cidade, os hoteis da cidade, demolidos pola lagoa infecta de Venecia
nunha cidade que non o é.
Comezo este texto mirándote a ti, quen sexas, con certo estupro.
Perdón, quixen dicir estupor.
Así é a historia do homo: unha sucesión de erratas de posible alcance épico.
Nunha película recente, Benicio del Toro entraba nunha xoiería en Amberes disfrazado de xudeu e dando unha pantagruélica explicación sobre o erro de traductor no que se cimenta boa parte do cristianismo: traducir a palabra hebrea “moza” (almah) por “virxe” (parthenos).
Así que tantas coma min rezáronlle -co corazón feito un hime- ao rostro níveo dunha muller que sí coñecera varón.
Oh.
Non se queda curto o libro dos libros: polo visto, inclinado sobre a traducción da súa Biblia, San Xerónimo colleu a palabra kamelos e traducíuna alegremente [tivo que ser alegremente] por camelo. Xa nolo advirten as vellas profesoras de inglés por riba dos seus anteollos: coidado cos false friends, children. San Xerónimo non tiña profesora de inglés. E do hebreo colleu kamelos [vocablo que designaba as sogas de amarre dos barcos ao porto] e logrou que todos os fieis imaxinaran a un animal con chepa pasando polo ollo dunha agulla, no canto dun cabo de esparto groso. Debo dicir, en defensa do desvalido San Xerónimo, que louvo insidiosamente esa errata porque resulta ben máis coherente co eterno deserto bíblico [o de Moisés, o do maná, o da meditación de Cristo] un camelo intentando a proeza da agulla que un rudo pescador tratando de enfiañar un cabo de soga. Na segunda imaxe xa hai algo dos irmáns Marx que, seica, distraería a nosa devoción… Read the rest of this entry »
Queremos saber ata onde iría unha xavalina coa forza da gravidade que existe en Xúpiter? Abonda con poñer en marcha as ecuacións, substituír g por 27 m seg -1 e resolvelas. Non precisamos ir ata Xúpiter e lanzar unha.
De aquí ao infinito, Ian Stewart

debuxo: Snowtime. CitronRouge
As rúas peatonais de recente apertura e os cambios de horario verán-inverno [entre varios millóns de cousas das que podería e fodería falar] non adoitan chover a gusto de todos.
O cambio de horario, en concreto, non lle gusta a case ninguén: todo o mundo vive os primeiros días rosmando nunha especie de jet lag colectivo. Polo menos, no cambio de outubro. É noite antes. Á xente non lle gusta que sexa noite. Gábase de ser nocturna. Mais en realidade, calquera cambio motívao a laiar. E iso é un gusto propio da colectividade. A xente queixa máis en bandada. Quéixase de non poder pasear. De vivir perturbada por biorritmos que saltan unha hora antes. De non saber cal reloxo marca a hora correcta.
Quero lembrar que a min gustábame a entrada en novembro, un mes tan lánguido e crepuscular, ás escuras. Que me gustaba a noite prematura e baixar ás 7 e ver tanta actividade fodida e con luces artificiais. Como en Polonia, que ás 4 da tarde era noitiña.Que me gustaba a xente trabucada. Que, a grandes trazos, non me gustaba moito a xente.
Quero lembrar que me sentía especialmente activa neses días destinados á inxesta de castañas asadas e das primeiras sopas. Que gastaba luz de máis. E que iso restaba puntos na miña ficha ecolóxica, o grande valor do milenio.
Por que raio mudamos a hora? Que importa! É un tema do que falar nas rúas e nos telexornais. Un tema que mesmo pode ser controvertido politicamente. A política é experta en poñer sobre o tapete temas estúpidos disfrazados de trascendencia.
Aparellado a este recordo do gusto pola noite precoz, quero fixar con superglue este outro, polo mesmo prezo: o de que algunha vez na adolescencia soñei que era a 1 da madrugada e brillaba o sol. O soño en si non ten importancia. O curioso é que durante moito tempo, case ata hoxe, crin que fora totalmente certo.
Por favor, que non se me esqueza
A quen lle interesa isto? A cazadores de memoria humana.
A morbosos.
A replicantes.
A aborrecidos.
A ti. Que chegaches aquí.






