You are currently browsing the monthly archive for Decembro 2007.
No pasado 29 de novembro, a 2ª sesión do ciclo tróuxonos ante as pupilas os xogos e paradoxos fotográficos de Olga Osorio. Olga. Ingredientes: cámara de fotos, biberón, CD de audio e imaxe, colar longo, perfil exótico. Olga. Funcións: fotógrafa, nai e profesora de narrativa audiovisual da Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, profe tamén na Escola de Imaxe e Son de Someso e impulsora deste innovador blog [galería que foi enchendo coas diferentes xanelas dos fotógrafos que quixesen enviar as súas perspectivas. Todo un exercicio de Fiestra Indiscreta, lonxe dos trillados egologs].
Olga amósanos dous traballos. Faino cunha sinxeleza, unha franqueza que parece preceder unha obra igual de franca e sinxela. E así é. Pero hai mar de fondo: a aparente sinxeleza da iconografía de Olga agocha unha profunda reflexión e elaboración. Unha óptica múltiple. Unha óptica con retranca. O primeiro gran traballo é Reflexións, un proxecto premiado no Concurso de Proxectos de Creación Fotográfica sobre o Mar de Galiza e editado en Do Trinque.
Explicáronme que todo o que vexo son reflexos. Con esa alusión á caverna platónica abre Olga o libro homónimo Reflexións, publicado a raíz do premio. Dende a devandita caverna salta á caverna do Centro On para pintarnos na pantalla as súas reflexións privadas: un enorme mural móbil, un fresco da Galiza rural, mariñeira e urbana, sempre co mar de fondo. A través dun espello de alicia, dun espello no espello de Ende, dunha obra dentro dunha obra, dun marco que serve de pretexto para falarnos dos mares persoais dunha manchea de personaxes sabiamente escollidos, as imaxes xogan a reflectir un mar imaxinario, desexado, tristemente real ou idealizado. Cada personaxe retratado sostén un marco. Dentro dese marco habita un océano galego e fondamente propio. Cada un terma dun mar privado. O mar non ten cancelas, así que transmuta en definitiva nun mar que pertence a toda a galeguidade. A toda terra emerxida.
Mariscadoras, redeiros, conselleiras, tripulantes estranxeiros, naseiros, fareiras, enxeñeiras de portos, piragüistas, militares, asistentas, percebeiros, o lendario home do tempo da TVG, mergulladores, ruleiros e un aldraxado Neptuno… todos levan entre as mans ese marco de madeira a través do que, en vez de no ollo mecánico da fotógrafa, mergullamos noutro espazo físico. O evidente protagonismo do mar retratado cede sitio ao protagonismo humano: o que sostén o mar devén o seu verdadeiro sostén. Na charla, Olga enfeita cada foto con anécdotas do retratado, debullando así unha intrahistoria que tende un claro fío: a historia do mar galego é a historia social de Galiza. Isto é unha obviedade. Se cadra acontecerá así en todos os pobos marítimos, arquipiélagos, illas, penínsulas… que o mar inunda os libros de Historia con maiúscula.
O segundo traballo de Olga, aínda en elaboración, ten como protagonistas aos habitantes de Vilacampa, un pobo despoboándose. No concello de Valadouro, Lugo. Galiza está inzada deses fantasmais vestixios. Casas que baleiran e fican en pe, con certa resistencia, con certa resiliencia, absorbendo a enerxía de ceibárense dos humanos. Olga coloca ás familias perante as casas con coidada obscenidade. Parte da obra, baixo a forma de instalación, apareceu na mostra colectiva 25 outonos.
Olga Osorio by opia
Pintando bisontes en cavernas estamos todos os xoves, ata abril, de 19:30 a 20:30 no Centro On, de Caixa Galicia, no Cantón Pequeno da Coruña. Non servimos pinchos. Non servimos drogas legais. Somos antipáticos. Pero gustámoste.
debuxo de Pablo Gallo
Veleiquí o microrrelato:
Seguirás a historia co dedo.
As ilustracións. Semellan a pluma. Ti non coñecías esa técnica. Son limpos, coma os de Tenniel para Alicia. Non tan litográficos. Rodearás co índice os contornos das figuras. Dalgún modo, ese aceno simple avultará as figuras proxectándoas cara o teu naris. Inocularálles unha vida efémera, que durará os segundos que demores en pasar a páxina.
A historia fosforecerá baixo o teu dedo. Un dedo inquedo, coa xema deseñada coma o rostro dun guerreiro maorí, e dedicado á tarefa de explorar a trama coa curiosidade dos amantes novos e científicos perante un corpo recén saído da nada, extraído da rutina ao igual ca un baixorrelevo ou un globo ocular da súa conca.
Deterás sobre certas palabras. A trama precipitarase por un estreito funil. Inevitábel. O teu dedo vacila en seguir. Volverá atrás. Son malignas as palabras. Velenosas. Read the rest of this entry »
Dende Bilbao, este mozo propónme un xogo: poñer textos a uns debuxos para un Libro Voyeur. Forma parte dun proxecto que, de saír adiante, publicaría unha editorial chamada Belleza Infinita [axeonlládevos perante ese nome para unha editorial, oh mortais!].
A cousa aínda non está confirmada, pero gústanme eses xogos: ponlle texto a isto, hala. Trátase dunha restrición liberadora [achtung! paradoxo] á que me houben enfrontar en varias ocasións cos maliciosos editores artesáns da revista Salamandria, en números dedicados a unha silla, ao pelo, ao tren ou ao círculo… como agora cos velenosos e doces arsénicos…
De modo que enxendro un par de páxinas cheas de letras, unha que poderíamos chamar poema [ou seica] e outra que poderiamos chamar microrrelato [ou por-que-non]. Este é o orixinal en galego de Perversa, o poema. Sempre quixen publicar un libro de nonseimoibenqué que se chamase Perversidade e outro de relatos ao que titularía Por certo. Mais se cadra, non teño por que facelo agora que xa o dixen…
O poema. Veleiquí:
PERVERSA
Algunha vez sentaches pola parte de atrás dun poema.
Entón víchela a ela.
foto: Nude in Universal Hologram
Hai temas dos que unha criatura na rede elixe non falar.
A actualidade máis incisiva. Tanta actualidade. Non son actual. Elixo non falar constantemente de actualidade como tantos e tantos blogs tomándolle o pulso constantemente a… outros blogs.
Galiza. Vivo nese país [só semella ser tal cousa en expresións como queixo do país ou vacas do país -en charla cunha amiga xestora cultural ela decidíu que esa etiqueta, do país, debería converter en denominación de orixe]. Vivo neste país que loita por ser país do país, nunha época na que a paisicidade como tal xa non é útil, senón o recoñecemento [por parte de quen?] dunha cultura, valores, e disposicións de seu, chámese o resultado país [o País Vasco non acaba de logralo, malia chamarse país], comunidade, etnia ou banda cazadora-colleitadora. Falar de Galiza moitas veces presupón ter que posicionarse politicamente cada nanosegundo ou dedicarse a panexíricos silvestres. A verdade, non me interesa.
A cultura galega. Descreo a miúdo dun negocio como o da cultura, a pesar de que algo cobrei do sistema. Neste país non se sabe xa como estragar máis cartos públicos para encher toda unha cidade da que pende o carteliño: cultura. Algo pasa. E se a chamamos city of kultur? Ou culturism citadela? Tampouco. A cuestión non é o continente, témome, senón o contido. Mais o orgullo arquitectónico mamotrético enche as cidades como pavos de Nadal: primeiro faremos unha ponte vertebral, estilo [irmáns] calatrava; e logo nada, ho: apenas modificar o curso dun río para que pase por debaixo e obrigar a xente á que o cruce [coido que cousa tal aínda non se fixo, pero Venecia corre perigo de afundir máis por non sei que ponte recente]. Ou mellor: fabricamos en pleno porto da Coruña unha enorme caixa de zapatos que albergue cines [caixas negras] para que ninguén poida volver ver os muxos comendo a merda portuaria, a non ser que tome unha copa pagando no bar de atrás. Algún día falarei do abortado proxecto de Jean Nouvel para este porto e do que, nos azares da vida, uníume a el.
Pero andabamos… onde andabamos?? Ah, si. Vagabundando polas inmensas naves desoladas da Cidade da Cultura compostelá, tal que pantasmas. Na cultura galega, xa dende o principio, funciono como eses zapatos que nunca terminan de sentar.
O certo é que isto vai dar un xiro argumental. Read the rest of this entry »
Vía Lois Carril chégame esta páxina da que se fai chamar The Cloud Appreciation Society.
A malla é un bo diagnosticador do manierismo ao que pode chegar unha sociedade. As capacidades de vínculo entre un ser humano e outro son versátiles, inesperadas. Rocambolescas. Sabemos que hai amigos da tortilla campesiña, asociacións pro tacón de 16 centímetros, gourmands do caracol do Languedoc rebozado nas súas propias babas. Sabemos que estamos interminabelmente sós baixo a xeada cósmica. Seguimos sós? Vou comprobalo co meu telescopio ultraespacial… momento…
Si. Para alegría dos nosos filósofos e das nosas preguntas sen resposta, seguimos sós.
Desa unión anodocatódica entre nos asociar baixo o pretexto que for + mirar o ceo para ver se xa por fin veu alguén penetrar a nosa esfera virxe, xorde esta Sociedade para o Aprezo das Nubes que ve pasar cúmulonimbos da choiva con emoción e unha reflex preparada sobre un trípode nun descampado. Mentres as persoas normais o que fan é recoller a roupa ou meter as vacas na corte. Unha sociedade conformada por tipos que chegaron á convicción de que tanta forma de nube insólita non podía vivir sen coñecerse ata que berraron: Stop. Asociémonos. É de balde! E faremos barbacoas virtuais os domingos.
Unha sociedade para todos vós que, apoiada a vosa estúpida cabeciña sobre o brazo dalgún outro estúpido, xogastes a dicir Mira, esa semella un dragón chino. Non, non, é un samovar ruso. Non, é o cu dun elefante indio. Africano, con esas orellas. Teu pai, con esas orellas.
Unha sociedade para todos vós, fartos de ver as fiestras de enfronte nas que non hai máis que cachondas poñendo e quitando albornoces. Para vós, que esquecestes palabras eufónicas como cirroestrato.
De verdade que ver sucederse nubes é unha atracción de ricos. Pero o cautivador non ten por que votar ao mesmo partido político que nós, que hai moito tempo que non votamos nin vemos a tele. En certo modo, ver nubes parécese moito a ver imaxes de nús por internet. Hai algo intercostal nas nubes. Hai algo da túa forma de agarrarme nas nubes. Non me doe expresamente. Hai algo eterno como morder un pezón aí. Nas nubes. Hai algo e algo é unha proba inconstante de que a vida segue baixo a xeada cósmica. Baixo cada pequena explosión da que só coñecemos un difuso resplandor en nada parecido a nós. Calmante.
Se entran na páxina poden entreterse nos cloud lookalikes.
De súpeto, sentín que me facía pequena e que na miña caída de incríbel muller minguante escoitaba isto: Round the bend. Beck.
Memoria para enxertos futuros: hoxe tirei fotos de canicas coa cámara nova. Hoxe botei moito de menos a I. Vai e volve. É un boomerang alto, da madeira coa que se tallan os soños duros. Os celmes.
O día seguinte decátome de que…: …para oprobio ou seica simplemente por molestar con esa levada e traída memoria histórica das cousas, o perfil das rochas de Monument Valley [o da foto é o Monument Valley] parécese bastante máis aos indios malismos das pelis de John Ford [Cicatriz] que aos anódinos bos de ascendencia irlandesa. Unha vinganza muda e lapidaria puxo neses penedos os rostros do pobo exterminado. Así. Co silenzo un pouco idiota e un pouco devastador das pedras. Por xustiza cósmica.
behin ere ez dena, izaten al da
O que nunca é, pode ser
Había unha vez no mundo un ser que lía as páxinas dun libro que outro ser escribía.
A medida que o segundo ser escribía
o primeiro, lía.
E tal era a súa fala.
Non había neles reproducción. Nin tacto. As palabras que saían da cabeza do segundo chegaban ás do primeiro, pero o primeiro non as repetiría máis nunca. Nunca na súa vida. Nunca no mundo.










Ecos con reverb