2.jpg

debuxo de Pablo Gallo

Veleiquí o microrrelato:

 

Seguirás a historia co dedo.

As ilustracións. Semellan a pluma. Ti non coñecías esa técnica. Son limpos, coma os de Tenniel para Alicia. Non tan litográficos. Rodearás co índice os contornos das figuras. Dalgún modo, ese aceno simple avultará as figuras proxectándoas cara o teu naris. Inocularálles unha vida efémera, que durará os segundos que demores en pasar a páxina.


A historia fosforecerá baixo o teu dedo. Un dedo inquedo, coa xema deseñada coma o rostro dun guerreiro maorí, e dedicado á tarefa de explorar a trama coa curiosidade dos amantes novos e científicos perante un corpo recén saído da nada, extraído da rutina ao igual ca un baixorrelevo ou un globo ocular da súa conca.


Deterás sobre certas palabras. A trama precipitarase por un estreito funil. Inevitábel. O teu dedo vacila en seguir. Volverá atrás. Son malignas as palabras. Velenosas.
Non, non son malignas. Están preparadas para gravitaren ante ti. Para erixirse ante ti. Hologramas. Por exemplo esta palabra. Ou esta. Ou, máis abaixo, esta. Algunhas amosarán formas redondeadas, ourizadas cun vello fino que ao trasluz semella loiro. Outras serán delicadas, cunha epiderme subtil e máis escura có resto, rematada en punta. Aquela, por exemplo, tomará a forma dun brazo de heroe. A outra imitará as colunas de mármol fundadas sobre vasas de oro fino que canta a Sulamita. No medio da páxina, unha morea de letras desordenadas, negrísimas, rizarán sen solución.

Segues a descer.


Un “o” marca a transición entre o plano superior e o inferior, entre parte cerebral e parte visceral, entre firmamento e terra. Cara dentro, a carne puramente umbilical dese”o” recolle nun soño impreciso. Abaixo burbulla a escuridade e, finalmente, esta palabra. Ti colocarás con suavidade o teu dedo enriba. Coma se pulsases un interruptor moi vello que ameaza con fundirse. Ollarasme.

- Agora?

- Si

-Cos beizos?

- Si

Tomarás a palabra coa boca.

Botarei a cabeza atrás e cruzarei os brazos tras a caluga, o cabelo leonardescamente enroscado sobre cada ombro.


As páxinas do libro, abatidas por un vento rapaz, sucederánse unha tras outra ao xeito de nubes, trens, xiróscopos, alucinacións ópticas.


Encaprichada en descodificar esa palabra única, a túa boca será incapaz de ver máis ningunha. A historia levitará desprendendo do seu libro cunha especie de súplica, devecendo por ser lida.

O resto das páxinas chamearán todas en branco

todas en branco

todas en branco

todas en branco

e logo sucesivamente os teus ollos

e logo os meus