You are currently browsing the monthly archive for Xaneiro 2008.

Pablo Gallo [razón aquí] mata as horas ensamblando micrometraxes apátridas namentres o sol transmuta hidróxeno en helio como un condenado e os planetas seguen órbitas aburridas, keplerianas, estoicas.

Este é o Retrato de Ainara, unha moza riquiña e con aire de flor xaponesa á que lle acae como anel ao dedo a voz de lixivia no chan dun bar de Arizona de Waits.

Se queredes máis, nesas micrometraxes apátridas atoparedes magos impertinentes, amantes lingüistas, mortos con memoria… e conversas sobre Deus. 30 intensos segundos sobre o divino e o carnalmente humano, máomenos.

infinite-oz.jpg

Do macro ao micro. Semella que os humanos xa podemos movernos do macro ao micro coa soltura dun zoom. Do colapso dunha estrela aos desvaríos dun neutrino. Dunha multinacional en 3 continentes a unha tenda de comestibles chamada Fina. Dos asoballadores aos asoballados. Imos do colosal ao insignificante pasando polo humano.

O mecanismo do zoom xa vai incrustado no noso código xenético.

Mentres tanto, poden exercitalo nos seus momentos de lecer. Esta páxina brillante pode virlles como anel ao dedo. O tema é outro cover máis da historia do prodixioso Mago de Oz.

Trátase dunha promoción. Unha promoción da miniserie Tin Man do SciFi Channel, levada a cabo en Flash por 9 artistas. Simple e vulgar publicidade. Publicidade en forma de bucle infinto ou droste effect ou mise en abîme. Ou, se son de por aquí, abismo Mondariz.

Pero pérdanse.

Verdadeiramente, son raros os homes que lograron non seren escravos da época que lles tocou vivir. E non digamos as mulleres.

Algunha vez seremos examinados por alguén como bacterias no cristal dun microscopio. Ás veces, cando me ducho, cando remoloneo na cama, viaxo a 140 pola autoestrada ou asisto como oínte a unha charla de oblicuo interese, matino nas cousas que dirán de nós no futuro. Os do futuro. Eses idiotas sobreestimados.

O seu que dirán, naturalmente, impórtame unha figa. É máis ben o noso isto non pode mudar o que me fai gracia. Os nosos netos… ollarán con candor as nosas fotos como obxectos infantís? Nós mesmos miramos con paternalismo aos nosos avós, esforzados por parecer rectos e solemnes en fotos artificiosas nas que pousaban con roupa emprestada e beizos coloreados…

Que dirán de nós? Dirán algo? Talvez, por exemplo…?

Dior mío, aínda dicían cousas como dios mío. E eu. E conferencia. E dereitos de autor

Dior mío, aínda queimaban petróleo

Dior mío, comían vacas

Dior mío, non coñecían o groc, a mimia, o netarismo

Que animais, drogando ata a castración aos que diagnosticaban de enfermos mentais

Non sabían nin pisca do cerebro

Que patéticos, con conexión por cablemódem

Que indefensos, dependendo das baterías

Que crédulos, partillando a lúa en leiras

Viches? Mesmo confiaban na democracia coma no mellor dos mundos posíbeis

Fíxate se serían supersticiosos: crían nas ciencias exactas!

Dior mío, como serían quen de vivir nesas casas?

Dior mío, como poderían aturar ese cheiro a colonia, a desodorante, a perfume? A alcohol?

Que riquiños, tomaban café

Que repugnantes, tomaban café

Estaban obsesionados ad absurdum con ser significativos! Todo tiña por forza que significar algo: os seus nomes propios, as formas das nubes, o comportamento da materia atómica

A xente morría dun simple cancro

Aínda crían no progreso e chamaban a outros primitivos

Como podían comer iso! E iso!

Pero se pensaban que a novela era o summum da cultura escrita

A sinestesia para eles non era máis ca unha patoloxía

Que cantidade de fotos, vídeos, rexistros de todo tipo estaban empeñados en tomar

A xustiza era humana!

Aínda non sabían todo iso das árbores

Aínda non sabían todo iso da antimateria

Aínda non se descubrira a biomoloxía

Os seus debuxos animados eran así!

Consideraban que o ser humano estaba destinado a vivir… 400 anos!

Cociñaban os cogomelos!

As súas guerras! Jajajaja!

As súas películas… quen as entende? Son leeeeentas e a definición, baixísima

Non sospeitaban que nós diríamos isto deles

Non sospeitaban que nós non diríamos nada deles

A iso chamábanlle sinxelamente sorte

A aquilo chamábanlle, complicadamente, destino

Os seus vídeoxogos… pfff. Para os museos

Practicaban o sexo así!

Practicaban o sexo!

Non practicaban o sexo, pero crían que si!

A interfecta que escribíu isto era eu

A clase política cobraba!

Traballaban por lei 40 horas á semana e na realidade moito máis!

Iso e iso e tamén iso era todo ilegal

En troques, ……mmmm…… estaba legalizado e a xente consumíao sen problemas en lugares públicos e perante os fillos!

Como podían…?

Eran parvos

Eran espilidos

Eran demasiados

as dúas imaxes son de M. C. Escher 

Dende o 27 de decembro pódese descargar. Aquí.

Grazas a Elba Fernández, Pequena Suricata, pola decisiva foto da portada.

Grazas a Noel. Non Papa, exactamente. Pero a [i]alma dunha extraordinaria plataforma de música [e outras herbas] en rede

O resto de agradecementos e dedicatorias xa van dentro do libro. Que non consta unicamente de agradecementos e dedicatorias, porque daquela trataríase dun panexírico i eu non sería máis que outro alguén que busca obter algo a cambio

Claro que…

Cubrirás o roteiro A Coruña- Madrid todos os días

Furgoneta. Mercancías

Ida e volta

De luns a venres

Saída ás 5 da tarde e chegada ás 9 da mañá

Sortearás, por esta orde:

1.- O mandato imperioso de durmir, durmir, durmir…

2.- Os kamikazes ou atolondrados ou estrábicos que atravesan, por exemplo, o porto de Manzanal en sentido contrario a 140 un venres, ás 3 a.m.

3.- Os atracadores de furgonetas apostados nos ángulos sen luz do polígono de Coslada, Madrid

4.- Os virus de gripe, gastroenterite, ébola… así como calquera bacteria que che impida empuñar o volante. A máxima é: ti traes baixa médica e nós non renovamos contrato

5.- A hipnose tentadora, peraltada, ziguezagueante de durmir, durmir, durmir…

… e durmir, durmirás cada día unha media de 5 horas. E con luz natural

Cobrarás certa cantidade que, unha vez lido todo o anterior, non pode provocar máis que riso. Un riso transilvano. Un riso, nada máis que un, e de seguido un grolo de algo. Forte e seco

Traballarás 80 horas á semana

Percorrerás 6.000 km. á semana

Fabricarás millóns de leucocitos novos á semana

Acumularás miles de puntos da Travel Club

Na casa, un fillo pequeno que dorme e unha muller que escribirá isto

Para deixar constancia, nada máis para deixar constancia da plenitude laboral que vive este país

O teu traballo consistirá non en trasladar valixas e caixas con agasallos navideños estúpidos -papanoeis desafinados, paraugas que convertirán en látego ao primeiro trebón- pensados por oligofrénicos de empresa, dun lado a outro do Estado. Lonxe diso, o cerne do teu traballo será loitar contra a túa natureza animal para mimetizarte o máis posíbel cun piloto automático hibridado cunha máquina de café.

Memoria para enxertos futuros: a noite pasada, unha curuxa branca atravesouse ante a furgoneta de I. De ter sobrevivido, houbo quedar moi malferida. Morrer na neve que vai caer nas próximas horas séntalle ben a unha curuxa. Unha curuxa sempre é un animal do alén. Xunto con ourizos, raposos e todo tipo de insectos, forma parte de esa tribo de seres que, na noite, abalanzan nas autoestradas, presa dalgún instinto mal levado. Desatinados. Encandeados.

Esmagados.

octopus.jpg

Grazas aos fallos mecánicos do noso ollo, ás súas peculiaridades anatómicas e ao noso cerebro soñador, deductor, inductor, investigador privado pola súa conta… o mundo tórnase un chisco máis habitábel dentro dunha ilusión óptica. Sempre me gustou a palabra trampantojo, por fea, caprichosa e ilusionista [a palabra. Ou eu?]

Nesta imaxe combínase con ese grande tímido, submariño el…

Imaxes: Judit decapitando a Holofernes, Artemisia Gentileschi; O regreso de Judit, Boticcelli

Por ese concurso Gran Hermano, decadente, musculado e saturado, endexamais pasara unha concursante tan preciosa e independente como Judit.

Había moito que non vía Gran Hermano. Pero coñezo a Judit. Alégrame moitísimo que gañase, que gañase toda esa pasta e a toda esa banda de holofernes gilipollas. É como se gañase alguén da túa familia. Anunciáronmo nunha cea de compañeiros de Socioloxía. O mesmo día que saíu vencedora. Non sei se agora será Miss Judit e todas esas chorradas de reinados. O máis probábel é que, como é lei e circunstancia cósmica, sexa esquecida nun remuíño de cables e cinzas.

Agora, ata entón vaino pasar de medo. Que ben, Judit, que ben o fixeches, ofrendarte a ese programa de merda para fosforescer aínda máis, para saír única e victoriosa, vaporosa e nuclear como unha dama prerrafaelita. Judit foi criticada por presentarse como concursante. Por rebaixarse, din. Iso non é rebaixarse, señores. Iso é cortarlle a cabeza ao inimigo mentres dorme. Gañar sen encaixar. Ser a mellor sendo a rara.

Que ben. Pero que ben.

Ilustración: As moi Ricas Horas do Duque de Berry. Xaneiro. Irmáns Limbourg [1411-1416]

Comemos para rematar, comemos para comezar. Comemos con luxuria, con preguiza, con soberbia, con envexa, con avaricia, con ira. Comémonos os uns aos outros. Eructamos cun pracer case insidioso, como se pesase. E pesa. Dende logo que pesa. Só hai dúas evaescencias posíbeis: o suicidio ou a anorexia. Todo o demais, carne.

Carne de ricas, moi ricas, pero que moi riquismas horas.

Juan del Encina :

Oy comamos y bebamos

y cantemos y holguemos

que mañana ayunaremos

Unha máxima repugnante.

Vía íchina coñezo á diva do gastroporno, a fermosa e vil Nigella Lawson. Deusa doméstica, filla do barón Nigel Lawson [adiviñen de onde sae ese nome de superheroína, ao estilo ruso dos nomes paternos feminizados para ornar o apelido da filla], xogadora de crockett [como a Raíña de Corazóns, si, temos pensamento paralelo] pero esta montada nun palanquín chinés , esposa dun Saatchi e, sobre todo -e por méritos propios e non de sangue ou vicaría-, barbarella da cociña. Para estes días de neves, nevaditos, peladillas, zucre glass e demais brancuras de abominábel pureza, velaí unha receita delicada como ganchillar con ovo fiado: Mel Semifrío. Ou, como ela o denomina, Honey Semi Freddo.

Cara. Bellisima. Pijisma. Nigella.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Xaneiro 2008
Lu M M X Ve Sa Do
« Dec   Feb »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

criatura mecánica, eis