You are currently browsing the monthly archive for Febreiro, 2008.

dscn0540.jpg

foto: collection privée

-abúrrome

-de que?

-de que que?

- que de que te aburres, irmán
-abúrrome do aburrimento
-demasiado tautolóxico
-abúrrome de ser un de tantos
-demasiado esperábel
-abúrrome de darlle voltas sempre ás mesmas cousas
-demasiado posmodernuki
-abúrrome destas vistas que quitan o alento
-demasiado indolente
-abúrrome de non ser un cabaleiro andante e ti o meu escudeiro
-demasiado intertextual
-abúrrome dos paxaros
-demasiado cruel
-abúrrome do universo nocturno
-demasiado
-abúrrome de que me tiren fotos como a o home elefante
-demasiado primitivo
-abúrrome do vento
-demasiado freudiano
-abúrrome de ti
-demasiado tarde

Conversa capturada dun aeroxenerador a outro de camiño a Muros. Paxareiras. Un día de tantos, deses que son venres ou domingo

Aconteceu o 20 de decembro. A sala-caverna encheu.

As convidadas foron dúas. As dúas fotógrafas. As dúas manipuladoras das fotos. As dúas moi novas. As dúas cun talento e un estilo claros, irrebatíbeis. As dúas chegaron aos meus ollos antes que aos meus oídos a través de internet. Chegar a elas pola casualidade, tirando do fío de Ariadna.

A primeira en expoñer foi Pequena Suricata, pousada no mundo real como Elba. Elba Fernández. Xa falei aquí do seu onirismo. Do seu punto de vista manchado. Empañado. Hibridado con certa melancolía fantástica.

Silence?

A súa posta en escena foi silenciosa e por silenciosa, intensa: unha presentación en vídeo [neste aquí podedes ver e escoitar un fragmento] con música seleccionada, mais unha escolma de fotografías con textos. Tivo a delicadeza dos magos que amosan os seus trucos e no vídeo inseríu un making-off case paso a paso dunha das metamorfoses das súas creacións, dende a foto orixinal ata o resultado final.

Elba non practica a diafanidade. Prefire recluírse no palimpsesto fotográfico, na imaxe riscada na que por baixo aparece outra imaxe e debaixo outra e debaixo outra. Será por iso que o exercicio de perderse nas súas fotos promete achádegas diminutas en recunchos aparentemente homoxéneos co todo. Resolve con fantasía xogos de palabras transmutados en imaxe. Superpón. Ordena. Autorretrata. Todo cun compás submariño, cun aquel de alga ou estatua.

A outra convidada, Rebeca Saray Gude, emprega o pseudónimo Dosismortal. Abraiantemente prolífica, Dosis desenvolve unha iconografía de temas, texturas e escenarios propios do goth. Os seus retratos son tan plásticos que confunden ao espectador. Tan crus porque perturban. O curioso de Dosis é que, lonxe de ficar nese ámbito de pose sinistra, gore, explora outras temáticas tamén marxinais cunha sinxeleza aparente: series de vellos, do cárcere de Carabanchel ou retratos eróticos en contextos derruidos, sucios. Ten un selo bastante claro malia que, como asegurou mentres pintaba o seu persoal bisonte na caverna, leve pouco máis dun ano nisto da fotografía. Pero os seus retoques son sempre contrastados, limpos, como se lle pasara un escalpelo ao ruído da imaxe.

Black Butterfly

Ás veces lémbrame a algo circense, estrondoso e non sen certa maxestade, o cal pode chocar. Tamén é sorprendente a cantidade de modelos espectaculares que consegue. Ou seica a espectacularidade resida, precisamente, no tratamento da fotografía.

Na presentación optou tamén polo vídeo, deunos un paseo pola súa galería multitudinaria de flickr e falounos un chisco dos seus estudos en Madrid. Da súa morriña.

Disfrutade delas por aquí e por alá e seica por acolá.

Igor Lugrís, un señor que se dedica no seu lecer a poñerlle constricións aos que se chaman poetas, desafía ao universo dende o seu blog.

Primeiro foi o do cadaver exquisito. Unha morea de versos chuzados dende todos os recantos do globo, dior me perdoe o sutil paradoxo desta frase. Non contento coa proeza, agora ínstanos, tal cal faría Perec dende a tumba [non Peret dende a rumba, non se me confundan] a argallar un poema, lipograma ou queseieuoqué no que cada palabra que vostede enxendre no seu neocórtex comece coa mesma letra. Todas as palabras coa mesma? Todas, si. E logo por que? Ah, amigo. Se non queres xogar, non xogues. Pero non veñas augar a festa.

Unha especie de agotemos as posibilidades do alfabeto. I eu creo nese tipo de máximas absurdas como salvación humana, así que…

…cerebralmente condicionada coa carismática constrición, consonte comigo, cismei con curiosidade. Coño. Carallo. Veleiquí vos vai:

MIL MONOS MARCHAN

Máis marcianos
Menos musas
Máis mutación medular manifesta
Menos mentiras maxistradas. Militares. Monárquicas. Mitradas
Máis máscaras mordaces
Máis malva matutino
Menos mans moinantes manipulando multitudes
Máis marusía, moita marusía
Menos mandaríns marcadamente mediáticos
Máis mutismo
Menos música metade mediocre metade merda
Máis metabolismo máxico
Menos mileuristas muxindo ministerios macrocéfalos
Menos magnates miserábeis
Máis Marilyn Monroe
Menos mínimos
Menos matrimonios
Máis Marlene, Matahari, Murasaki
Máis mímese
Menos morbo médico
Máis michos, máis meigallos
Máis Moebius, Miguelanxo, Modigliani
Máis máquinas milagreiras
Máis maelstrom, menos marines
Menos munición mellorando mutilacións
Menos medios maquiavelos
Máis mentiras mitolóxicas
Máis mais
Máis Marx
Menos mundo
Máis M31
Menos M30
Menos memorias, máis mnemosine
Menos mulleres mesmamente misóxinas
Máis migracións menos mortificantes
Máis moléculas mollando margaridas
Menos modestia moderna mixtificada
Máis monstros mariños
Máis Maruja Mallo
Menos mitins
Menos mal
Máis mimo
Máis misterio

E…E 2008

 

Por que me miran así? E logo que esperaban rexentando un bloj chamado …mmmm… cal madame?

estidiana.jpg

 

imaxe: polaroide auténtica. O demo é da nenez. O bico é falso

Coidado. Agora ameazo co W o Y e o Z. Os que ninguén quere…

Actualización do 24 de febreiro: vexo que dúas aguerridas blogueiras xa seguiron a proposta-meme de Igor  a través deste post. E con excelentes resultados que fan caer mandíbulas.  Aquí e aquí. Fagan xogo!! O abecedario é finito, señores!!

Datos de interese: vivimos no tempo dos fenómenos cósmicos paranormais. Polo visto, sobrevoan as noas insensatas cabeciñas nubes polares inzadas de ácido nítrico que, lonxe de presentar un aspecto tóxico ou radiactivo, collen un aquel de madreperla, nácara, tornasol boreal que as fai interesantes a mazo. Persoalmente, espero que chova.

Tamén, se se fixan ben e practican o insomnio, poderán ser testemuñas dun eclipse de lúa, mañá de madrugada…

Mirando ao ceo un atopa de todo. Salvo o por que da terra.

natalieshaw.jpg

imaxe: Natalie Shau

O lugar permanece átono. Ti sentas cuns auriculares. O teu corazón latexa como foi aprendido a facer. O sangue, que sería dun cobizado ton escarlata se poidésemos velo a través da pel, segue un traqueteo preciso, sen sobresaltos. Os pulmóns inflan e desinflan como pequenos flotadores azuis. Son a sede da tristeza na medicina tradicional chinesa. O bazo, bacea. O fígado, atúrao todo. O estómago dixire restos do almorzo. Con alegría.

Todo semella normal en ti.

De súpeto a túa espiña dorsal cobreguea atravesada polo alampo. O fino pelo oculto nos brazos, nas íngoas, na caluga… ouriza. A pel dilátase como un campo de xirasois. As pupilas crecen, alimentadas de nervios. Ningunha víscera segue o compás de hai uns minutos. De aquí en diante seremos unha especie de cousa abandonada na auga. As nosas entrañas tratan de reacomodarse como poden. E a sensación morre.

Son calafríos musicais. Todo compositor, mediocre, ambulante, xenial, cortesán, megaestrela, funcionario, boapersoa, xenioinmundo ou ratadecloaca, todo aquel que trebella cos filamentos da música no seu laboratorio, trata de sabotear a conexión para que dea calambre no futuro público. Unha peza musical pode ser máis ou menos anódina porén, se tiver unha pisca de xenio, agochará por algures segundos sublimes. Poden ser ata minutos. Outras veces, nanosegundos. Os trucos para logralos poden ir dende simples cambios de volume ata complexas variacións no ritmo, sorpresas musicais, harmonías inesperadas ou instrumentos que, de socato, quedan sós, abandonados no bosque e entoan melodías crúas, puro óso, que nos parten a vida entre o que foi antes de escoitalas e despois.

Todos saben do que falo.

Todos somos presa desa sensación, buscámola na asepsia do iPod cando levámolo a todo volume namentres eliximos as verduras no mercado. Sentadas no bus, fronte a ama de casa con varices. No tren, entregando o noso billete con indolencia. No coche, a 150 un día gris. Somos a carnaza do calafrío musical. Do estremecemento.

La mer, Debussy, De l’aube à midi sur la mer: segundos finais. Dende o 7′ 30” nesta maestática versión. Ourizado de pelo con timbais

Angelene, PJ Harvey: toda ela, sobre todo o ritornello constante do piano. É unha das cancións favoritas desta época da miña vida [como noutrora foron temas de Madonna, Tracy Chapman ou Capercaillie]. Melancolía power

The box 1, Orbital: primeiros 3 minutos. Canto paseei eu polo mundo con este tema nas orellas

Nimrod, Variacións Enigma IX, Edward Elgar. Con este tema coñecín o botón repeat dos reproductores de CD. Supoño que nalquela altura eu agardaba algo. Construía unha torre…

Rock Music, Pixies: adrenalina porque si

Vem, Madredeus: arpexio de guitarra dos primeiros segundos que se repite ao longo do tema

La cathedrale engloutie, Debussy: exactamente do 2′24” ao 4′40” nesta versión de Michelangeli. Chea de graves mergullados, submariños, pegados como anémonas nun campanario

Pyramid Song, Radiohead: ambientación sonora de fondo. O piano, a voz do tipo, a percusión. A partir do minuto 2′ está o momento sublime

All along the watchtower, Jimi Hendrix roubándolle o temazo a Bob Dylan: 2′ ata 2′58”

Requiem, Mozart: primeiros segundos de Lacrimosa, dende o 14” ata o 58”.

Main Titles, Blade Runner BSO: dende 1′10”. Podo dicir tantos tópicos de todo isto…

Chant d’amour 2, Messiaen,Turangalîla : minuto 1′55” a 3′52” por se a alguén lle interesa [a min] do título desta sinfonía provén o nome de Leela, a cíclopa de Futurama

Paranoid Android, Radiohead: sobra falar da xenialidade desta xentiña. Aquí van dúas cancións nunha, ou a min parécemo. A balada final é soberbia, pero que me din deste intermezzo do 2′09” ao 3′04”

Killing in the name, Rage Against the Machine: foi mítica, que queren. Especialmente gustábame dende o 50” ata o 2′

Comfortably Numb, Pink Floyd, The Wall: cando di When I was a child I had a fever [1'24''] e o I have become comfortably numb [1'54'']. E o little pin prick exactamente no minuto 2′ 52”. Está logradísima a atmosfera narcótica e de indolencia neste tema. Unha déixase caer…

2ª Sinfonía de Mahler, Resurrection, [cantei iso no 2005 coa OSG. Pfff. Impresionante. Tiñamos que subir dende un pianisísisimo, como zombies emerxendo da terra e, nun crescendo paulatino coa mezzosoprano, rematar levitando tipo anxos por notas etéreas, o la sostido, o si natural. Cantar iso dentro dunha orquestra é unha das sensacións máis taladradoras que existen. Auferstehn, ja, auferstehn wirst du mein Herz in einem Nu. Rexurdirás, si, rexurdirás, corazón meu, nun breve instante. Non puiden rematar de cantar do subidón. A partir do minuto 2:30 desta versión de Abbado]

Rape me, Nirvana: 28” ata 1′02”

I cover the waterfront, Billie Holiday: en realidade gústame o raspado da voz dela. Vai ben co abatemento

Me pas dans la neige, Keren Ann. Non chega a sublime. Limítase a ser charmante.

Signore Ascolta, Puccini, Turandot: os pianisisisismos da Caballé pinzados por unha harpa de fondo: do 2′12” ata final

Cheek to cheek, Louis Armstrong& Ella Fitzgerald

Invisible Sun, Police: un dos meus principios preferidos de tema. Ata o segundo 40”

Jardin Féerique, Ravel, Ma mère l’oye: primeiros 58”. As imaxes deste link parécenme un horror

Im Abendrot, Strauss, Vier Letzte Lieder: maxestuoso fin existencial. 5′25” ata final

Vuelta de paseo, Enrique Morente& Lagartija Nick: non agardabamos isto no minuto 1′55”

Thriller, Michael Jackson: a voz de Vincent Price un golpe de efecto inesquecíbel no minuto 2′52”

Round the bend, Beck: ambientación sonora

A Day in the life, The Beatles: ese subidón orquestral ata o ultrason. Dende o minuto 3′58”

Lullaby, The Cure: a partir do segundo 20”

The court of the crimson king, King Crimson: dende 58” a 1′25”. Pero hai unha frautiña por baixo nas estrofas que moito me gusta, pastoril ela.

En fin, ata aquí por hoxe. Que cunda.

Engadido do 8 de marzo: alguén suxeríume algúns minutos da Suite do Paxaro de Lume, de Stravinsky, sen dúbida unha das obras máis celestiais e infernais do século XX [aínda que lle gaña en demoníaca a Consagración da Primavera]. Déixovos con esta versión na que o propio Stravinksy, sen batuta e con certa usura emocional, dirixe a parte final desta obra elexíaca, sincopada, eterna.

Línkovos tamén outra versión que eu prefiro, con esa trompa de caza que parece chamar aos deuses e toda esa lenta metalurxia final. Lembro que Bruno dicía que non aturaba unha versión desta obra na que o tempo fose un miligramo de segundo máis acelerado. Supoño que rompe un pouco o clímax do costume.

Ola.

Este é un saúdo para os que estean no Centro On nestes momentos lendo isto, aí, na cómoda escuridade, caladiños…

Isto está escrito no pasado, co cal presupoño que estes momentos precisos son o futuro, e de aí que eu estea como é normal e esperábel, emocionada por estar escribindo neste meu pasado, o voso futuro.

É unha trapallada. Fascinante trapallada.

Resulta que vós estádesme a ler dende o Centro On i eu estou aí, convosco, cando xuraría que me atopo nestes intres, ás 17:06 hora local, facendo a dixestión dun pato chino e uns tallaríns tranquilamente na miña casa.

Mais non. Estou aí convosco, lendo esta páxina proxectada nunha parede.

O mundo é un lugar verdadeiramente confuso.

cafetera.jpg

Cafeteira para masoquistas. Porque habelos, hailos.

Houbo unha vez un home que pensou cousas imposíbeis. Non soles saíndo polo oeste. Non neve ascendendo cara o ceo. Non varóns dando a luz. Non bestas compasivas das súas presas. Non xustiza social. Cousas que se nos poden vir aos miolos cando invocamos cousas imposíbeis. El matinou máis ben en obxectos cercanos, inofensivos, con algo do monstroso e fascinante que conleva o epíteto imposíbel: preside a cafeteira para masoquistas, pero entre os artigos do seu catálogo atopamos preservativos de encaixe, a máquina de coser con enerxía animal [un rato a dar voltas na rosca], o xadrez esférico ou o aparello para poñer os puntos sobre as íes

Houbo un home que pensou en cousas imposíbeis. Houbo moitos. Habería moitas detrás de cada moito, ou tamén habería moitas exentas?

En fin, hoxe tocounos este, deseñador dun catálogo que de tan imposíbel volveu máis atractivo e comercial ca outros con posíbeis. O señor imposíbel é Jacques Carelman. O público imposíbel, vos, que tan así me mirades.

globajedrez.jpgsello-digital.jpg

Xadrez esférico. Unha volta e vaise ao carallo. Carimbo dixital. Para compras en e-bay, ocórreseme

Datos de interese: saravia. A saravia, di este, convoca á xente ás fiestras. Como os accidentes de tráfico, as liortas callejeras, as comparsas, a choiva forte ou o aburrimento. O mundo olla polas fiestras. Namentres, uns poucos fan campaña electoral en diversos lugares do planeta e, durante cada vez máis tempo, esquecen que son ou van ser políticos ao servizo dun pobo e comen no mesmo prato que os divos mediáticos.

Seica a política non é máis ca unha cuestión de divismo mediático. Desprezámola.

Memoria para enxertos futuros: Y sopra moi ben, o cal permítelle usar matasogras en antroido, inflar globiños pequenos, facer soar o moucho de madeira de I ou tocar un chiflo militar que levo coas chaves. A Y non se lle dá ben soarse os mocos nin que llos soen. A Y gústanlle Tom e Jerry. A quen non?

O 13 de decembro foi a primeira xornada dedicada aos blogs dentro do ciclo.

Concorreu pouca xente, pero iso xa vén sendo unha constante. A xente non sabe onde queda o Centro? Será que semella un banco disfrazado [éo]? A xente é parva?

María chegou antes ca min e esperoume tomando un café no bar dun rueiro sospeitoso [de feito, o único rueiro sospeitoso que queda no centro de Coruña, centro de edificios iluminados de pequena cidade digna e os seus recantos convertidos ao turismo, como a mítica plazuela na que cantan as clarisas; centro obvio e pouco sospeitoso]. O rueiro de San Blas, ou algo así. Un rueiro que só ten un bar. Ése. Aí estaba María. Na decimoquinta volta de culleriña semimergullada en café quente, entrei.

A súa charla na caverna do Centro On foi, como xa vén sendo unha constante, enormemente clara, cercana, virtuosa. Amosounos un traballo de vídeocreación, un adianto de Novembro, o seu último proxecto. Falou de casatlántica, o nome da súa casa virtual. O blog no que pendura, como todos, imaxes e textos. Pero ela, dándolle a volta á tortilla, creando textos a partir de fotos e non do revés [buscar fotos que sirvan de cálida guarnición a textos crus]. Falou dos seus inicios no blog, nese se cadra emblemático 2005. E brindounos a lectura dun texto entrañábel, un pequeno encaixe de Camariñas que obtivo o I Premio no Certame de Microrrelatos Carlos Casares o pasado ano. Un texto sobre unha casa. Todos temos un pasado. As casas, en ocasións, gozan de mellor memoria cós humanos.

Agora que matino detidamente nela, María ten algo de caracol. Ten algo de casa ás costas. Cantas veces falei con ela de mudanzas? Varias. Das súas casas. Non só, como é obvio e re-publicábel, atopámonos dentro de casas na súa obra literaria. A presenza doutro tipo de espazos é notábel. Cidades. Novembro, quizais un pouco sinestesicamente, non é un momento senón un espazo. Unha illa.

María ten algo de compañeira-de-piso. É emocionalmente sabia. Inspira comodidade, tenrura. A súa obra tamén ofrece esa dispoñibilidade emocional coa porta aberta. Franca. Con letra minúscula, como ela escribe. Sen solemnidade.

Ao final, marchamos.

Creo que María seguíu sentindo cousas a respecto deste reencontro coa cidade, porque é sabido que as persoas seguen a experimentar emocións unha vez nos separamos delas e tomamos o bus para a nosa casa. A xente, ás nosas costas, resulta que vive.

No blog do lado atoparán máis e mellor información dese fío que se tendeu unha vez nos separamos na noite do 13 de decembro, botando bafaradas pola boca e axitando luvas.

En canto á caverna do Centro On, que saibamos, permaneceu no seu estado de caverna, e non converteu, por exemplo, en quirófano ou en xungla congoleña; os espazos pechados non son veleidosos unha vez lles pasas o fecho. Permanecen. Ou iso nos fan crer.

A caverna seguíu caverna e como tal a encontrei unha semana despois.

E como debe ser para que todo isto funcione… continuará

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

cápsulas de son

ad kalendas graecas

Febreiro 2008
Lu Ma M Xo Ve Sa Do
« Xan   Mar »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
2526272829  

flickerismo

chico marx

Serie intrusos: Alfombra voadora

Serie intrusos: Arabian nights

More Photos