You are currently browsing the monthly archive for Marzo, 2008.

inside3.jpg

Hai un tempo dedicara no meu fotolog unha entrada a Emma, Emma es Encantadora, un agasallo de nadal que me fixera un tipo encantador co que vivo [nun cesto de serpes].

Trini Tinturé ou Purita Campos eran aquelas debuxantas [podo dicir iso, señoríos?] que poboaron a nosa preadolescencia de preciosas preadolescentes, de pretextos, de precocidade.

Pero moito antes, pre de pre, suprapre, reinou María Pascual.

Palabras maiores. María Pascual. Morritos de serea. Ollos enormes, case tumefactos. Pestanas brillantes e mestas coma derivados do petróleo. Damiselas de rizos perfectos. Príncipes imberbes. Con morritos de serea. E pestanas petroquímicas. E unha cohorte de duendes, fadas, coelliños e estreliñas que a todos, tamén a /kevincarter, estruxábannos o noso corazón de animaliños con sono, orinal e mantas nas que alguén broslara algo para nós.

Secádevos as lágrimas, crocodilos. Que lonxe estades de todo aquilo. As vosas células foron mudando cada dez anos. Non vos queda nin unha. Salvo as neuronas, das que vos fica unha indixentésima parte.

María Pascual ilustrou e infectou o mundo daqueles que xa non sodes vós.

Quen pode dicir, como a criatura mecánica, “eu estiven alí”?

Despois xa viñeron outras cousas. Los hermosos años del castigo, el libro de la almohada o el arco iris de gravedad.

Pero antes. Antes. Antes de todo. María Pascual [e Gloria Fuertes, que en gloria fuerte estea]

Leituras recomendadas: Miniclásicos, tomos todos. Cuentos de siempre. Cuentos azules. O Antigo Testamento [tamén por Meri Pascual]

Especialmente indicado para duros de corazón. Para duros de oído. Funcionarios. Artistas en serie. Asasinos en serio. Moinantes. Xente que busca porno por internél...

A primeira cita do 2008 na caverna do Centro On de Caixa Galicia dentro deste ciclo veu da man [enzoufada] do Branda.

download.jpg

Branda, así sen anestesia, é showman. El non o sabe ou importálle un corno. Chego á caverna do Centro On e el xa leva un bo pedazo estilo Popeye perante a pantalla engaiolando, probablemente con mentiras, a un fotógrafo de xornal. Nunca coñecín a ninguén que posase como Branda. Semella recén saído da pantalla que ten detrás. Dunha película. Dun cómic. Dunha lenda mariñeira. Dun libro troquelado para nenos. Para asustar e cautivar nenos.

Do mesmo modo que cautiva en directo, cautiva en lenzo. Ou en madeira. Ou en parede de ladrillo. Branda intoxícase da materia que trata. Onde nos conduce iso? A que en estado de sobriedade dea a impresión de levar unha existencia docemente embriagada, inquisitiva tamén. Branda vive ebrio de si mesmo. E dos materiais cos que traballa. E traballa arreo. Branda cautiva por cautivado. Por ter as pupilas dilatadas. Por mans sucias.

Como xa dixen noutra ocasión, bebe sangue acrílico.

Se botamos un ollo á obra de Branda - e para iso quixen traer á xente ao Centro On, para iso- atoparemos nela unha enorme carnicería. E por carnicería quero dicir humanidade. O pintor deforma tenramente un universo carnal, cárnico, carnavaleiro. Carnívoro. En forma de biombo de contrachapa. De lenzo convencional. De miniatura. É igual. Todo podería decorar un circo. Un camarino. Un prostíbulo. O hall do Rome Cavalieri Hilton.

Gústanos Branda. E dificilísimo que non sexa así.

Na charla - cautivadora outra vez, vehemente- esta imaxe que tendes inmediatamente baixo o parágrafo foi unha das máis sorprendentes: trátase da fotografía dun biombo tallado en madeira dentro do estudio do pintor, pero houbo quen pensou que en realidade era un cadro máis. Ao longo da exposición, Branda amosou unha manchea de cadros, disertou sobre os seus diversos estilos, sobre os seus referentes clásicos [que algún listo sinale a que célebre lenzo emula a 3ª imaxe, a da muller vendo a telenovela], o cromatismo, a composición, a temática e algunha das súas teimas actuais: os interiores de vehículos, por exemplo.

branda2.jpg

Foi un 17 de xaneiro. Non ía moito frío. Ao saír fomos á Nova Pataca. O único local de Coruña que sen dúbida reencarnará en viñeta. Supoño que ese converte no noso espazo natural.

A día de hoxe, Branda ten unha exposición no Hotel Araguaney de Santiago de Compostela ata o 23 de marzo. Cara á parede. O título convídanos a contemplar calugas, pasadores de carei, xente que afasta sen se decatar da nosa ollada espectadora ou ben glúteos coma estes:

branda3.jpg

Para Costumismo, a súa última exposición na Coruña, Branda encargoume un dos 3 prólogos do libro. Foi en abril de 2007, no Casino do Atlántico. Se ides seguir lendo, aquí vai o prólogo, que é un compendio de brandismo:

MALIGNAN OKULON 1.0 SOFTWARE LIBRE DE RECEITA CONTRA O MAL DE OLLO

DOWNLOAD AQUÍ Read the rest of this entry »

copyright_zholloway_cage1.jpg

a imaxe é de Zena Holloway

Todo canto fai está mal.

Pero está mal dun modo cheo de talento.

Un mestre de Debussy. Falando de Debussy

Escoiten a versión do célebre Clair de Lune [Luar] desta adorable nonaxenaria húngara entre flores, gafas de moita dioptría, vestido de seda lunar e mans hiperpigmentadas. E agora calculen cántas veces ao longo desa vida esa musculatura, eses tendóns, esas veas terán crispado o piano au clair de lune, da Suite Bergamasque.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

cápsulas de son

ad kalendas graecas

Marzo 2008
Lu Ma M Xo Ve Sa Do
« Feb   Abr »
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

flickerismo

chico marx

Serie intrusos: Alfombra voadora

Serie intrusos: Arabian nights

More Photos