inside3.jpg

Hai un tempo dedicara no meu fotolog unha entrada a Emma, Emma es Encantadora, un agasallo de nadal que me fixera un tipo encantador co que vivo [nun cesto de serpes].

Trini Tinturé ou Purita Campos eran aquelas debuxantas [podo dicir iso, señoríos?] que poboaron a nosa preadolescencia de preciosas preadolescentes, de pretextos, de precocidade.

Pero moito antes, pre de pre, suprapre, reinou María Pascual.

Palabras maiores. María Pascual. Morritos de serea. Ollos enormes, case tumefactos. Pestanas brillantes e mestas coma derivados do petróleo. Damiselas de rizos perfectos. Príncipes imberbes. Con morritos de serea. E pestanas petroquímicas. E unha cohorte de duendes, fadas, coelliños e estreliñas que a todos, tamén a /kevincarter, estruxábannos o noso corazón de animaliños con sono, orinal e mantas nas que alguén broslara algo para nós.

Secádevos as lágrimas, crocodilos. Que lonxe estades de todo aquilo. As vosas células foron mudando cada dez anos. Non vos queda nin unha. Salvo as neuronas, das que vos fica unha indixentésima parte.

María Pascual ilustrou e infectou o mundo daqueles que xa non sodes vós.

Quen pode dicir, como a criatura mecánica, “eu estiven alí”?

Despois xa viñeron outras cousas. Los hermosos años del castigo, el libro de la almohada o el arco iris de gravedad.

Pero antes. Antes. Antes de todo. María Pascual [e Gloria Fuertes, que en gloria fuerte estea]

Leituras recomendadas: Miniclásicos, tomos todos. Cuentos de siempre. Cuentos azules. O Antigo Testamento [tamén por Meri Pascual]

Especialmente indicado para duros de corazón. Para duros de oído. Funcionarios. Artistas en serie. Asasinos en serio. Moinantes. Xente que busca porno por internél...