You are currently browsing the monthly archive for Abril, 2008.

na imaxe: Fleur Jaeggy
Por algunha casualidade que non logro explicarme, moitos dos meus escritores preferidos resulta que son escritoras.
Non falo de discriminacións positivas. Dixen moitos de. Outros moitos seguen sendo -ores. E seguirán sendo -ores. E seguramente haberá unha porcentaxe que ignoro de transexuais e se cadra de asexuais. E de amebas. E de chimpancés cunha olivetti. O cal é irrelevante para o tema do que quero falar. Polo tanto…
sigo.
Non teman: non son sospeitosa de ser feminista de raíz [pero rózoo, rózoo, aí está a gracia, idiotas]. As miñas mulleres predilectas. Son moitas. Criei nunha órbita feminina. Non todo o mundo obtén da vida ese orfo privilexio. Nalgúns casos toma a forma de desgraza, pero unha desgraza ao cabo do tempo tamén é un xeito de costume.
Temos por costume humano agradecer os costumes humanos.
Nunha órbita feminina os puntos de ancoraxe na terra son mulleres. Entre as mulleres predilectas que lembro na miña nenez había bastantes actrices. Había poucas filósofas ou compositoras. Unha científica. E moitas escritoras.
Co tempo, e de maneira como xa dixen casual, as mulleres predilectas foron sendo cada vez máis e por máis motivos. Das Simone, Rosalía ou Ingeborg orixinais [esta última agasallo do meu irmán] dun xeito paseniño como a explosión dunha supernova no firmamento, fun achegándome a seres sempre en órbita, sempre algo marxinais dos cánones, sempre como termos marcados: femininos. E non só falo dos grandes nomes da literatura ou da música. Falo tamén das María Pascual que ilustraban os libros da infancia, das Purita Campos, Borita Casas, Tracy Chapmans ou Madonnas que rechearon a preadolescencia dunha especie de hormigón rosa.
Despois as Mary Shelley, as Clarice, as Frida, as Emily. As Wislawa. As Teresa. As Juana Inés. As Virginia. As Amélie. As Agota. As Colette.
As Sei.
-no medio había PJ, había María, había Janet Baker, Billie, Ella, Sarah, Björk, Cecilia, Isabelle, Buika, Maruja-
E Fleur.
Fleur merece un punto e aparte. Este.
Fleur merece puntos suspensivos. Velaí…
Fleur podería ser un Thomas Bernhard que non provoca vómitos. Nin insomnio. Nin cefalea. Pero que circunda todo iso dun xeito subcutáneo, febril. Unha distante dama que corta. Non é bo dicir demasiado de Fleur. Non é bo que a coñezan demasiado. Adiei este post varios meses, varios anos, porque non quería compartila. Non quería que coñecesen esa flor rara, esa flor medio suíza, velenosa, alpina, carnívora, azulada, esa flor animal disfrazada de rocha entre os libros onde se acumulan
as historias estúpidas
os egos astrinxentes
as tramas que ofenden a un leitor medio
as tramas que ofenden a calquera, sexa leitor ou non
As chorradas. Fleur non. É abominable. É violenta. É anti-autocompasiva.
Como as flores. A súa sensitividade é distinta. A súa, si. É distinta. Menos trillada. Menos topicaza. Un pouco menos insoportábel que o resto de sensitividades. Algo máis vexetal. Algo máis umbría.
Unha flor entre a merda literaria. Que é moita. E moi variada.
Los hermosos años del castigo
Proleterka
Temor del cielo
El ángel de la guarda
Letras de Franco Battiato [?]
Todo iso. De Fleur Jaeggy.
Memoria para enxertos futuros: Fleur apenas deixa retratos. A imaxe de arriba é un dos dous que lle coñezo. Hai pouco escribín este comentario nun blog que criticaba a introducción dunha obra [La princesa de Clèves] na que se xulgaba á lixeira o aspecto e intencións da autora:
Sin embargo, y sin ánimo de ofender -ni ningún otro tipo de ánimo-, tal vez exista en la fisonomía de los autores algo que aunque en nada afecte a su genio sí alimente nuestro morbo o nuestra curiosidad. O nuestro estómago.
No quiero decir con esto que las afirmaciones sobre la Lafayette en una introducción pseudoliteraria estén justificadas. Sobre todo porque el estilo de la introductora Persona Ana María es gazmoño y autocomplaciente. Pero sí que en el fondo, agradezco esos libros con foto de autor. Y no sólo de escritores, de científicos o escapistas del XIX. Me detengo en sus caras. Y naturalmente, juzgo si los retratados son guapos o feos, atractivos o repelentes, elegantes o birollos. Dignos. O indignos.
Por eso Pynchon o Salinger tienen ese punto irritante y un poco descorazonador. No nos permiten estudiar sus rasgos y decidir que su cara es del montón. O una soberana mierda.
Nos condenan a su literatura
ilustración de Rebecca Dautremer: as princesas siamesas Ding e Dong
A identidade [e a noción de verdade que leva aparellada] só é posíbel, ao fin e ao cabo, na linguaxe matemática. Só alí, sen referente, é onde A pode ser idéntico a A
Chantal Maillard falando de Nagarjuna nun artigo de El País
Falando de identidade: acaba de publicarse na Regueifa Plataforma o Proxecto Identidade, unha obra conxunta, híbrida e quizais mutante cando se molle ou lle dea directamente un raio de lúa ou unha radiación de fondo cósmica. Nela participamos 54 blogueiros deste país.
Deste país.
Internet.
Datos de interese: o sol brillou hoxe. Nin moito frío nin moita calor. A xente parecía xente. O ascensor, ascendía. E volvía baixar. China- Tíbet. O xenoma. Os transbordadores espaciais. A desaceleración na economía. Eses ingredientes que burbullan nunha pota pechada, moi lonxe do noso oído. Fino. O noso oído.
Lonxe, eles.
Memoria para enxertos futuros: penso en textos siameses. Híbridos. Mutantes. Desconsideradamente mortais. Non creo que a identidade sexa proxectábel. Non creo que a identidade sexa nada máis que unhas poucas letras, unha fotografía que tampouco durará para sempre. E dende logo, a identidade non é unha procura. Non é unha busca. En absoluto. Iso é literatura barata. Unha vontade. Unha Wille. Unha Vorstellung.
Unha burda exhibición.
ilustración de Nicoletta Ceccoli
Unha vez escribín: se dixese de min un signo, diría puntos suspensivos. Non me refería a min en concreto senón á situación dese manoseado suxeito homo dentro do discurso literario que, por aquel entón, semellábame unha especie de corpo en suspensión.
En calquera caso apropieime do simboliño e incluíno na miña sinatura, polo demais infantil.
Foi o inicio da miña relación co signo, unha relación que podemos extrapolar á era na que nos atopamos [quen? nós? que nós? what exactly us?]: unha era en suspensión, unha era pouco representable con adxectivos gastados, unha era que vén de poñer en dúbida o cosmos, o significado, a ciencia, a existencia de algo fronte á nada. Unha era que vén de ser posmoderna e abre unha paréntese [coa detención temporal que iso implica, a paréntese é algo que acontece fóra da secuencia temporal sintáctica, a paréntese é unha burbulla, unha esfera na que se nos permite esquecer o que estabamos a dicir] abre unha paréntese dicía e digo, e cincela tres
puntiños
inocentes
pouco cargados semanticamente
con cara de parvos
tres puntiños
aos que non se lles sospeita maldade ningunha
dobrez ningunha
traizón
ou letra pequena.
Ningunha.
Os puntos supensivos rodan dentro da súa paréntese como alegres partículas subatómicas e sobre todo, incitan á fantasía, á especulación, ao que non dicimos pero pensamos. Son un silenzo cargado. Son un non dicir enfermo.
Son unha manipulación sutil.
De aí que tamén os collera para o nome do blog: non é mmmm, senón …mmmm… O mmmm vén de algures e encamíñase cara algures. Iso son os puntos supensivos. Rodas, rotacións, rodamentos, aceleracións. Algo que non digo que había antes e algo que sigo sen dicir que vén despois. Un vaiavostedeasaber pero nobre.
Ten que haber algo de nobre. É demasiado triste xa ter que falar.
As razóns do mutismo poden ser varias: preguiza, inexactitude, fartura das palabras. Ou máis que fartura, desencanto. Melancolía. Si, melancolía. Viciei esa palabra, de tanto tratarma. Melan- como melanocito. Tinte negra. Cólicos negros, espesos. Bile. A melancolía é unha especie de petróleo ou chapapote, se me permiten manosear ese vocablo nahuatl tan galego el, tan pedante e anxélico, un chapapote sentimental. Veño dunha pola de familia, a paterna, de talante melancólico. Os puntos suspensivos son melancolías lingüísticas.
E tamén dalgunha maneira nonmedáaganas lingüísticos.
Así que sentei enriba dos puntos suspensivos e adquirín unha pasmosa velocidade que favoreceu a miña visión microscópica, telescópica, estroboscópica; o mundo vive en suspensión. Occidente vive en suspensión. A merda -chapapote de novo se me permiten, sempre se me permiten- paira sobre as nosas cabezas como lixo cósmico, come canda nós como ese oitavo continente de merda no Pacífico.
De que carallo falamos agora. Os filósofos pregúntanse. Despois de Heidegger, que nada fica mellor no anuncio?
Os puntos suspensivos tamén son unha liña moi fina, tímida. Unha liña entre a ciencia e a literatura. Entre a tecnoloxía e a literatura. Entre o corpo real e o cibernético. Os puntos supensivos son unha forma de rematar
que non quere rematarse.
E niso, niso é que comparten o patetismo, a insidia, da memoria humana.





