ilustración de Nicoletta Ceccoli

Unha vez escribín: se dixese de min un signo, diría puntos suspensivos. Non me refería a min en concreto senón á situación dese manoseado suxeito homo dentro do discurso literario que, por aquel entón, semellábame unha especie de corpo en suspensión.

En calquera caso apropieime do simboliño e incluíno na miña sinatura, polo demais infantil.

Foi o inicio da miña relación co signo, unha relación que podemos extrapolar á era na que nos atopamos [quen? nós? que nós? what exactly us?]: unha era en suspensión, unha era pouco representable con adxectivos gastados, unha era que vén de poñer en dúbida o cosmos, o significado, a ciencia, a existencia de algo fronte á nada. Unha era que vén de ser posmoderna e abre unha paréntese [coa detención temporal que iso implica, a paréntese é algo que acontece fóra da secuencia temporal sintáctica, a paréntese é unha burbulla, unha esfera na que se nos permite esquecer o que estabamos a dicir] abre unha paréntese dicía e digo, e cincela tres

puntiños

inocentes

pouco cargados semanticamente

con cara de parvos

tres puntiños

aos que non se lles sospeita maldade ningunha

dobrez ningunha

traizón

ou letra pequena.

Ningunha.

Os puntos supensivos rodan dentro da súa paréntese como alegres partículas subatómicas e sobre todo, incitan á fantasía, á especulación, ao que non dicimos pero pensamos. Son un silenzo cargado. Son un non dicir enfermo.

Son unha manipulación sutil.

De aí que tamén os collera para o nome do blog: non é mmmm, senón …mmmm… O mmmm vén de algures e encamíñase cara algures. Iso son os puntos supensivos. Rodas, rotacións, rodamentos, aceleracións. Algo que non digo que había antes e algo que sigo sen dicir que vén despois. Un vaiavostedeasaber pero nobre.

Ten que haber algo de nobre. É demasiado triste xa ter que falar.

As razóns do mutismo poden ser varias: preguiza, inexactitude, fartura das palabras. Ou máis que fartura, desencanto. Melancolía. Si, melancolía. Viciei esa palabra, de tanto tratarma. Melan- como melanocito. Tinte negra. Cólicos negros, espesos. Bile. A melancolía é unha especie de petróleo ou chapapote, se me permiten manosear ese vocablo nahuatl tan galego el, tan pedante e anxélico, un chapapote sentimental. Veño dunha pola de familia, a paterna, de talante melancólico. Os puntos suspensivos son melancolías lingüísticas.

E tamén dalgunha maneira nonmedáaganas lingüísticos.

Así que sentei enriba dos puntos suspensivos e adquirín unha pasmosa velocidade que favoreceu a miña visión microscópica, telescópica, estroboscópica; o mundo vive en suspensión. Occidente vive en suspensión. A merda -chapapote de novo se me permiten, sempre se me permiten- paira sobre as nosas cabezas como lixo cósmico, come canda nós como ese oitavo continente de merda no Pacífico.

De que carallo falamos agora. Os filósofos pregúntanse. Despois de Heidegger, que nada fica mellor no anuncio?

Os puntos suspensivos tamén son unha liña moi fina, tímida. Unha liña entre a ciencia e a literatura. Entre a tecnoloxía e a literatura. Entre o corpo real e o cibernético. Os puntos supensivos son unha forma de rematar

que non quere rematarse.

E niso, niso é que comparten o patetismo, a insidia, da memoria humana.