ilustración de Rebecca Dautremer: as princesas siamesas Ding e Dong

A identidade [e a noción de verdade que leva aparellada] só é posíbel, ao fin e ao cabo, na linguaxe matemática. Só alí, sen referente, é onde A pode ser idéntico a A
Chantal Maillard falando de Nagarjuna nun artigo de El País

Falando de identidade: acaba de publicarse na Regueifa Plataforma o Proxecto Identidade, unha obra conxunta, híbrida e quizais mutante cando se molle ou lle dea directamente un raio de lúa ou unha radiación de fondo cósmica. Nela participamos 54 blogueiros deste país.

Deste país.

Internet.

Datos de interese: o sol brillou hoxe. Nin moito frío nin moita calor. A xente parecía xente. O ascensor, ascendía. E volvía baixar. China- Tíbet. O xenoma. Os transbordadores espaciais. A desaceleración na economía. Eses ingredientes que burbullan nunha pota pechada, moi lonxe do noso oído. Fino. O noso oído.

Lonxe, eles.

Memoria para enxertos futuros: penso en textos siameses. Híbridos. Mutantes. Desconsideradamente mortais. Non creo que a identidade sexa proxectábel. Non creo que a identidade sexa nada máis que unhas poucas letras, unha fotografía que tampouco durará para sempre. E dende logo, a identidade non é unha procura. Non é unha busca. En absoluto. Iso é literatura barata. Unha vontade. Unha Wille. Unha Vorstellung.

Unha burda exhibición.