You are currently browsing the monthly archive for Maio, 2008.

Imaxe: Low tide, de Robert and Shana Parkeharrison
Despois de 8 viaxes en avión, un esguince e unha mitose en menos dun mes. Resulta. Que. Sigo. Viva.
A quen lle importa a miña vida? A ninguén. A quen lle importa non pode lerme. A quen me pode ler non lle importa. A min. A min pode importarme.
E, se cadra, podo lerme.
Xa non sei en que idioma vivo. Non sei cal me vive dentro. Je pas. I not. Me nicht.
Ela volve preguntarse a quen raio lle importa isto, mentres chucha un lapis.
Os lapis. Lembran dos lapis? Que mundo aquel. Eu tiven un lapis, como alguén tivo unha granxa en África e o outro viu cousas que vós non creriades.
Tiven un lapis. Moitos. Aos sete anos, os lapis son seres apacibles. Son simpáticos, os lapis. Teñen mundos dentro, en miniatura dentro. Nunca agotan. Alguén na sala agotou un lapis? Eu non. Nunca. Os lapis lévanse xunto ao corazón e xamais, xamais nos deixan.
Pero o que escriben.
O que escriben os lapis, si. Si nos deixa. Os lapis son humildes. Non queren durar demasiado. Iso, para o mal gusto dos permanentes, dos pilot e demais ralea - opinan, co seu brando cerebro de grafito. Impresionable. Os lapis. Canta tenrura. Que pouca posteridade nun lapis. Con que elegancia se saben borrables, deletables, deleznables… [dicionario de sinónimos]… efémeros, en fin.
En fin.
Que si. Que sigo viva coa miña branda substancia pouco apetecible para un texto. Por que diría aos 7 anos que quería ser escritora? É unha condena. Lévoa fatal.
Por que non auxiliar administrativo, coma todo o mundo?
Tería moitísimos lapis. A vida escríbese a lapis. Saben? Non é por darmas de listilla, pero ningunha vida ten os bordes moito máis precisos ca unha fotografía de Robert e Shana Parkeharrison. Os da imaxe deste post. Si, esa que viron antes, a do home encadeado á praia. As súas fotografías están como feitas a lapis. Enfróntanse aos elementos, á maquinaria da terra, á tiranía das estacións e dos climas…
Somos humanos porque dalgún xeito, a pesar das nosas ecoloxías, das nosas conciencias medioambientais que pechan por nós as billas cando nos lavamos os dentes e separan o noso lixo cando non miramos, a pesar de todo iso enfróntamonos á natureza, desleigamos dela, burlamos as súas leis e as súas normas anárquicas e perfectas. Somos antinaturais, a pesar de todo.
A nosa conciliación coa Terra é, por todo iso, unha sofisticada maquinaria de convencións. Non somos obvia terra como é, por exemplo, un escaravello, unha acacia, unha egua. Ou ata un cóndor. Eles son terra.
Nós somos os aliens.
A nosa parte animal vive un desterro.
Escribimos a lapis o noso intento de fuxir da animalidade, da natureza, do instinto.
Coido que habería moito que borrar para que a natureza enteira nos volva deglutir e facer seus. Ven? Acaso non ven na imaxe as cadeas, os grillóns cos que nos enganchamos aparatosamente á nosa diferenza? Non ven que estamos encadeados á nosa humanidade?
É isto nihilismo?
Non.
Chuchen un lapis e acadarán vostedes tamén semellante estado zen de saudade.

O día 24 de xaneiro veu Sara Jess ao ciclo este dos bisontes. Sara Jess, pseudónimo de Lara Bacelo. Presentou varias das súas brillantes propostas en vídeo. Primeiro un, protagonizado por Turi: unha conversa baixo a forma de monólogo dun home peculiarmente reflexivo, desinhibido, diagnosticado. De. Esquizofrenia. Conversas con Deus.
A conversa deixa momentaneamente pranchada á audiencia.
Lara devólvenos o pulso pinchando varios vídeopoemas nos que pestanexa a súa ollada algo turbia non sei se por nostalxia, por saudade, por inocencia que se é consciente de estar abandonando. Son fragmentos atravesados. Non sei moi ben de que.
Rotos. Non sei moi ben por que.
- territorios [o stage6 pechou, así que non sei onde se poderá conseguir]
- fuxida
- carta dun domingo pola tarde
Por suposto, gústannos. Moitísimo.
Na butaca sentadiña penso. Non moito. Non é san. Pero vouno compartir: penso que a imaxe e a fotografía seguen dúas vertentes:
- a vertente brillante, a da imaxe de alta definición, enormemente agresiva porque imprime ante os nosos ollos cousas que non estaban aí, cousas que nós non vimos. A fotografía que mellora o mundo. Un mundo de contornos idealizados. A fotografía exultante de técnica. David LaChapelle oucomoseescriba por exemplo.
- a vertente opaca, a que trata de interpoñer pó ou tempo [son, e logo non, a mesma cousa] entre nós e a imaxe, a fotografía turbia, algo rachada, manchada. A fotografía tímida. Que, á fin, tamén nos amosa un mundo que nós non vimos. Que non estaba aí. Unha imaxe arcaizada -que para inventar palabros está o blog-. Un mundo de contornos esluídos. A fotografía de Sara Jess- Lara Bacelo, por exemplo.
Unha repentina categorización que nin sequera sei se resultará operativa.
Máis, pero moito máis non seu cartafol de silencios
A miña contribución ao número 2 da SciFi Poesía da Editorial El Gaviero con debuxo de Pablo Gallo [vaian a ese link, vaian, non sexan tímidos. Pasen e vexan]
Sempre me gustaron os robots. Son tenros. Sobre todo os xigantes de ferro. Esfórzanse tanto en ser humanos, en ser malvados, en destruír o mundo. Son tan humanas as súas ficcións. As súas aficións. Tan pulp.
Veleiquí o manifesto da SciFi poesía elaborado por Pedro Miguel e Ana Santos, artesáns editores.
A quen poida interesare [a min]. A poesía. Quen carallo le poesía? Os poetas?
E os novelistas, novelas e os esquelistas, esquelas e os blogueiros, blogs e todo así. Ad nauseam infinitam.
O manifesto:






