You are currently browsing the monthly archive for Xuño, 2008.

imaxe: Cherry Tree. By NoDate

Xuño e novembro.

Son os meses que prefiro.

É pola inminencia. Inminencia significa ameaza. Xuño e novembro ameazan con fluídos veráns en barcas bamboleantes, con follas tenras que podes arrincar coas mans e con invernos rusos, nos que hibernar escribindo baixo unha manta de calceta.

A inminencia é unha cousa inexplicable, como a hipóstase divina das substancias e a teoría de supercordas: ti dis que si coa cabeza, pensando fugazmente en Termalgin. A inminencia é unha sospeita, a corazonada de que algo non pode ser doutra maneira. A inminencia é saúdabel para o corazón. Como toda ameaza, boa ou mala, bombea cun vigor hormonal esa fina espera que sempre incomoda, que sempre se metaforiza con obxectos como cordas de aceiro, espadas de Damocles ou estiletes chinos de corte elegante.

A espera. Outra vez.

Acabo de pensar mentres fregaba unha tixola con restos de salmón -iso, enxabronarme o corpo na ducha e conducir pola autoestrada son os momentos máis zen e fecundos que podo acadar nun día-, acabo de pensar no que me gustan as cousas que me lembran que existen as estacións.

Vivo con alguén que vén dun país onde non existen as estacións. Consternoume iso.

Descoñecer o significado real da palabra inminencia. Solsticio. Equinoccio. Limpeza de primavera. Alerxia. As catro estacións de Vivaldi. Ser un home otoñado, como lle escoitei definirse unha vez a alguén. Hibernar. Froita en sazón. Serodia. Veranear. Astenia primaveral.

Descoñecer a inminencia, o cheiro do primeiro sol calcinando as cereixas, o primero baño do ano, que sempre nos tarda, os primeiros descapotables que todo fardón atesoura nun lóbrego garaxe coma un falcón nunha gaiola, á espera destes días… descoñecer as mudanzas de temperamento, as mudanzas hormonais, as variacións nas taxas de suicidios, enlaces ou rupturas matrimoniais segundo a estación do ano…

Cando unha estación despunta hai unha axitación tensa e moitos temas de conversa para panaderías e ascensores.

O outro día, sen ir máis lonxe, apareceu o verán.

Pinte un bisonte na caverna, por favor, para os que acaban de chegar ou residen en Macedonia, consistíu nun ciclo no que se deron cita artistas procedentes de eidos diversos que gravitan arredor do audiovisual: vídeo, pintura, fotografía, vídeoclips, vídeoarte, blogs… O último xoves de xaneiro, o 31, a sesión volveu ser dobre e con dous convidados especiais para min.

Noemí Cubillo é unha fotógrafa e deseñadora nacida en Madrid. Coñecina no contexto ás veces algo violento profesora-alumna. É dicir, por forza non nos pasamos inadvertidas a unha á outra. No caso de Noemí, pasar inadvertida debe de ser unha utopía: trátase dunha muller cristalina, belísima, que se exercita no paradoxo de se agochar tras o clic dunha cámara no canto de poñerse diante.

a fotógrafa Noemí Cubillo

Na caverna do centro On de Caixa Galicia repasou a súa obra, os seus claroscuros, a súa sensibilidade para captar retratos e entornos inquietantes. É moi nova Noemí. Verdadeiramente, unha desas persoas que supón un luxo coñecer. Mesmo como pupila.

imaxe de Noemí Cubillo

Son disparos seus as fotos da cabeceira deste blog. Pola súa minimalista páxina web, buceade.

Adrián Figueroa é outro exemplo de encontro na terceira fase. Neste caso, a través do fotolog, ese sistema de comunicación con fotos que en moitas ocasións non pasan dun carrusel de primeiros planos de xente borracha queimada con flash. O de Adrián aka Onionboy non era así, nin moito menos, senón que aproveitaba a ferramenta da web 2.0 para pendurar os seus debuxos fantásticos, ilustracións dalgunha especie de universo paralelo da constelación Moebius.

Debuxos moi elegantes, oníricos, flotantes. Ilustracións para un libro de contos á deriva.

onionboy

debuxo de Adrián Figueroa

Adrián expuso nunha pequena charla, que abríu cunha pequena animación, o seu traballo e o seu estilo de traballo: simple, pouco metódico, de trazos sinxelos e un pouso imaxinario.

Podedes seguirlle o rastro ao seu fértil fotolog se dades un chimpiño no hiperespacio ata

aquí

O recurso á violencia, simbólica ou non, para impór un criterio revela antes que nada unha castrante falta de imaxinación.

Co sinxelo que é manipular ás persoas utilizando subterfuxios: cordas, afagos, chantaxes emocionais, historias para non durmir…

Do Manifesto Sherezade [tamén coñecido como Manifesto Monicreque]

imaxe: Arabian Nights, de Kay Nielsen con intromisión de yinn femia
ilustrando a Sherezade ante Schariar

Imaxe: self-portrait with Detmold's Arabian Nights and Dante

A novela.

Hoxe quixen escribir sobre ela. Nada fixen de particular esta mañá. Fun a un parque co meu fillo. Devolvín tarde un par de libros na biblioteca. A bibliotecaria é comprensiva. Non xulga o mundo. Conforma con colocalo no andel correspondente, co seu imperceptible tic organizador. Logo comprei limóns. Un moi grande. Todas estas cousas non deberían ser escritas, pero aquí están, revolvéndose coma estómagos famentos, arrotando: escríbeme. Fala de min. Das banalidades, das bibliotecarias, dos parques, dos limóns.

Coido que non mirei a ninguén aos ollos. Se exceptuamos a Y.

Debeu de ser esa introspección algo monacal, esa disciplina de tachar cousas-que-debo-facer dunha axendiña ridícula onde anoto cousas-que-debo-facer e sentirme así de idiota, así captatio benevolentiae, así de idiota que pensei na novela e deume por pensar aínda máis, e mesmo por lembrar, que é unha sofisticación sublime do pensamento.

Pensei na novela como cousa-do-mundo. Esta tempada a novela adquiriu semellante protagonismo dentro da miña vida porque ocupa dous metros cadrados do chan deste cuarto. Gozo da inestimábel honra de ser xuri nun premio de novela. O premio de novela ocupa dous metros cadrados. No chan. Deste cuarto.

É por iso que a novela.

Hai anos asistín a un congreso internacional de escritores.

Tamén teño un pasado. Pero sigan lendo. Avanti.

No congreso internacional de escritores crucei con algún que outro escritor.

Con un, por exemplo, recordo discrepar frontalmente. E iso foi o que lembrei esta mañá: o interfecto [gran palabra, crea a distancia precisa entre o pensamento do tipo e o propio] aseveraba, non sen certa predisposición á resignación cósmica da verdade revelada, que a novela constituía o summum da cultura escrita, a forma máxima xa que o comprendía [comprehendía, palabro, si, pero compréndenme?] todo. TODO. Así. E salivaba ao padalear as verbas porque el, señoras e señores e androides e formas de vida que non coñezo aínda, el, EL escribía. Novelas. El era novelista. El novelaba.

E novelaba e novelaba e arrimaba a ascua á súa sardiña cunha actitude pesarosa: que lle vou facer, amigos. A novela éo todo. Na miña última novela escribo sobre iso, precisamente.

Claro. A novela éo todo. E o soneto é a revelación do mundo, dixo o sonetista. E o son da miña trompeta conduce á música das esferas, dixo o trompetista. E o haiku di todo con nada, dixo o haijin. E no cemento a amasar na hormigonera reside o segredo da materia, dixo o xefe de obra. E no aceite que ferve rebordando patacas a se fritir atopo o sentido da vida, salpimentou o pinche. Read the rest of this entry »

O noso universo observábel, segundo se cre, é unha pequena parte dun universo inmerso nun multiverso.

Revista Investigación y ciencia. Temas. Núm 51

Comprendemos o superávit de poetas.

Pablo Gallo volve co seu punch. Este delicioso, derradeiro, navideño e decúbito supino paseo pola neve en stop-motion.

Lembrei de Robert Walser. Morreu así. Despois dun paseo pola neve.

Alguén cunha cámara inmortalizouno morto. Era Suíza.

Pablo corroborou as miñas sospeitas: trátase de Robert Walser. Dixo.

Tamén lembrei dun anónimo en Stalingrado, da maléfica raíña das neves, da pequena vendedora de mistos, dos trapalleiros de Fargo, duns escaladores que, dentro dun soño dunha peli de Kurosawa, atopan a Yuki Onna e dun senfín de xente que na neve atopou á desdentada.

Para un día soleado e tranquilo coma o de hoxe no que as leis da física funcionan coma sempre, os materiais responden segundo está escrito, o sol abrasa e troca lentamente en helio, as nubes condensan e esgazan monotonamente, a terra dá voltas, as mareas sucédense e a veciña de enfronte pón e quita albornoces sen acougo… para un día nin singular nin plural, esta pequena xaneliña animada á morte, ao lento deixarse ir. Ao glacial.

Esta pequena xaneliña animada

debuxo Robert Walser, de Pablo Gallo

Na música que escolleu Pablo, o estrañamente oriental, cabareteiro Erik Satie. Outro escorregadizo. Malvividor. Outro Walser ao piano. Ás veces asinou como Virginie e chamábase a si mesmo gimnopediste.

Vostedes non a ven. Pero os blogs teñen cociña. Unha parte de atrás, un backyard, no que se mesturan os ingredientes que chegan á súa mesa e nós [o maldito plural maestático: eu] fisgo informacións do exterior.

O cotilleo nútrese aquí, padaléase, como en todas as cociñas.

Por exemplo, boto unha ollada na cociña deste blog que alimenta os seus perturbados sorrisos dun día hoxe, enteiramente hoxe e por exemplo xoves, e vexo que hai xente [que hai xente!] que tecolea no google cousas como:

judith 2
agua detras de un cristal 2
natalie shau 1
xitanas con manto 1
goticas porno 1
significado:abismo 1

E arriban a unha páxina como esta, como esta que brilla e ronronea ante as súas pupilas.

Non contentos con iso, tamén hai xente que procura…

boticcelli 5
nude 4
estíbaliz espinosa blog 2
hibris 2
mmmm 2
holograma 1
pequeña suricata 1
actrices zoo 1
branda 1
cara de princesa alicia 1

… e non sei que cara de princesa ou de póker lles queda cando chegan novamente aquí. Algúns atopando o que buscan. Outros, nin remotamente.

Interésanme especialmente as persoas que procuran cousas como: agua detrás de un cristal, actrices zoo, cara de princesa alicia, góticas porno ou xitanas con manto. Cando digo que me interesan especialmente é nun sentido morboso. Dende logo. Non literal.

É inquietante, e non sei se aleccionador ou deprimente, a variedade, mellor a variopintidade, mellor a pintoresquidade de persoas e intencións que poboan o mundo. E que rondan por aquí ou por alá. Comprenden? Que caen aquí como cae unha mosca nunha tarta, sen a intención final de morrer nesta tarta, un pouco polo azar que queremos crer que goberna as nosas vidas… Crer no azar é un xeito que crer que todo é posible. Un pensamento benéfico, como un trasno, un duende: o azar. Novela e desnovela, enlea e desenlea, enladrilla e desenladrilla, o azar lévanos a google, san google, o patrón do azaroso, tecoela calquera cousa e acertarás, toooooodo existe [e ademais, máis] e podemos procurar

calquera, calquera, calquera cousa

calqueridades e calquerismos

[o nome daquela actriz, unha frase célebre que esquecimos, o por que de certas cuestións e certas outras, as imaxes do actual, do novísimo, do posmoderno, do futurible, google é o patrón da recursividade, do que se alimenta a si mesmo e se lexitima por si mesmo, a creación dun universo a partir dunha ferramenta que servía para outra cousa...]

Os blogs son recursos espías, espellos nos que miramos quen nos mira e con que intencións.

O de escribir neles tamén. Tamén é unha escusa.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

cápsulas de son

ad kalendas graecas

Xuño 2008
Lu Ma M Xo Ve Sa Do
« May   Xul »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

flickerismo

chico marx

Serie intrusos: Alfombra voadora

Serie intrusos: Arabian nights

More Photos