Pablo Gallo volve co seu punch. Este delicioso, derradeiro, navideño e decúbito supino paseo pola neve en stop-motion.

Lembrei de Robert Walser. Morreu así. Despois dun paseo pola neve.

Alguén cunha cámara inmortalizouno morto. Era Suíza.

Pablo corroborou as miñas sospeitas: trátase de Robert Walser. Dixo.

Tamén lembrei dun anónimo en Stalingrado, da maléfica raíña das neves, da pequena vendedora de mistos, dos trapalleiros de Fargo, duns escaladores que, dentro dun soño dunha peli de Kurosawa, atopan a Yuki Onna e dun senfín de xente que na neve atopou á desdentada.

Para un día soleado e tranquilo coma o de hoxe no que as leis da física funcionan coma sempre, os materiais responden segundo está escrito, o sol abrasa e troca lentamente en helio, as nubes condensan e esgazan monotonamente, a terra dá voltas, as mareas sucédense e a veciña de enfronte pón e quita albornoces sen acougo… para un día nin singular nin plural, esta pequena xaneliña animada á morte, ao lento deixarse ir. Ao glacial.

Esta pequena xaneliña animada

debuxo Robert Walser, de Pablo Gallo

Na música que escolleu Pablo, o estrañamente oriental, cabareteiro Erik Satie. Outro escorregadizo. Malvividor. Outro Walser ao piano. Ás veces asinou como Virginie e chamábase a si mesmo gimnopediste.