You are currently browsing the monthly archive for Xullo 2008.

imaxe: patchwork de Emilia, col. persoal

O patchwork. En verdade dígovos que a miña nai leva anos facendo patchwork. Paquo, como di ela, con acento de baleeira de Moby Dick. Cose teas que non tiñan nada que ver, teas de argumentos diferentes, de vidas diferentes, de galaxias dispares, agarra un mutilado vestido da miña etapa universitaria, un retallo de forro de lámpada a cuxa luz lía Los 3 investigadores ou Esther, unha rachadela do seu traxe de noiva, unha reliquia do meu disfraz de xaponesa da guardería, catro biopsias téxtiles de camisas leñadoras de cando meu irmán lía a Wittgenstein [pero o meu irmán sempre le a Wittgenstein], de cando meu irmán lía ao segundo Wittgenstein…

…colle todo iso e sutúrao con aplicación, con cabeza de nai que cose, esas cabezas adorables, inclinadas baixo un flexo que as inmortaliza. Singers. Sigmas. Alfas. Refreys. Cabezas que cosen e cantan, e atusan cos beizos fíos invisibles e prenden agullas nas mamas, pequenos sansebastiáns femininos entregados á comunión dos tecidos, á integración dos sintéticos pobres e destinxidos con liños e algodóns patricios, a elección de cores que casan e non casan, sen moita clemencia ou mesmo sen gusto, porque son as nosas nais.

Por riba e por baixo desas cabezas discorren as ondas de móbiles 3G, as fibras ópticas preñadas de xigas de información, os avións a reacción, as naves lanzadas a un espazo imperturbable, os titanios, helio 3, derivados de petróleo, ventos solares e carros híbridos e señores amargados e pijas provincianas.

En verdade acontece que a agulla de mamá allea a todo iso asocia conceptos, ideas. O motivo xeométrico co monocromo, o lila co verde, a seda salvaxe co poliéster dos 90, o meu co teu. E todo o corrica de fíos vermellos, negros, beige, cunha certa présa por rematar e comezar unha nova obra que xa ten en mente. Esta vez con vellos trapos de cociña.

En verdade dígovos que o patchwork é o grande estilo da nosa época. En todas as ordes.

[Os satoris da ducha son iluminacións fugaces que pairan no meu cerebro uns segundos, dentro da confortable irrigación vespertina ou matinal, entre que me encrequeno a botar o xabrón e remato de aclararmo]

A todo isto, escoitaba Na cova da Barxa, d’O Berro Seco. Milladoiro.

En Barcelona, en Santa Susanna, fanse cousas como unha Feira da Maxia.

Nunha Feira da Maxia, ou Fira Mágica en santasusannés, ademais de mouchos, coruxas, sapos e bruxas, demos, trasnos e diaños ha de haber tarots dos que poidan termar as vellas bruxas entre os calos das mans para amargarlles a vida aos interventores de certos concellos e docificarlles a vida ás doncelas de encriptados e bretemosos pulmóns. Os tarots, como todo o mundo sabe incluído vostede, son un mosaico de todo

imaxe: La força. Estíbaliz...Espinosa

canto existe na superficie terrestre, no subsolo e na troposfera, vencellado ese todo ás… como dicilo? forzas do mal, forzas vivas e mortas. Forzas arcanas. Precisamente, o arcano número XI, o da Forza, foi o que me tocou preparar a min na edición do tarot deste ano.

Un pouco máis abaixo vedes as creacións para outros arcanos maiores:

imaxe: El Món, de Luis Luna; La Torre, de Claudia Quade Frau; L'estrella, de Clara Janés

O comisario e tamén artífice dunha das cartas deste tarot da Fira Mágica 2008 foi Agustín Calvo Galán, poeta visual ao que atoparedes por aquí.

imaxe: Luz que se procesa no momento non debido. Polaroid. Col. persoal

No colexio, as pálidas e reconcentradas eramos as máis firmes candidatas a ser mártires.

Na guardería, no derradeiro ano: fico fascinada cunha nena nova que sentara no meu sitio. Cando unha ten catro anos, cada sitio é un sitial. Esa usurpación tan natural do fetiche propio tivo como consecuencia inmediata namorar dela. Xuntas disfrazámonos das dúas únicas identidades bárbaras capaces de facer sucumbir a unha nena (se exceptuamos, claro está, a árabe): ela foi de rusa; eu – detrás da súa preciosidade, e chiscando os ollos para volvelos oblicuos a base de perseverancia- de xaponesa.

Ao ano seguinte, xa no colexio, desprezaba a case todas. Eran seres mexóns, choromicas e non sabían debuxar. En clase de psicomotricidade amosaban o ritmo propio dunha lavadora industrial centrifugando. I eu non me sentía digna de ningunha.

Só de unha: de Beatriz.

A súa frialdade e a súa caligrafía eran signos externos de esixir devoción. Copiaba a súa letra inclinada, de muller romántica metida nunha urna de vidro e tiña envexa do seu rostro, no que semellaba ter nevado algunha vez. Eu tamén era pálida. Eu non me daba conta.

Asistimos xuntas a ballet. Eu era alta, de ósos anchos. Todo o contrario da sensación de ingravidez que despega a unha bailarina deste mundo. Abandonei ballet (aprendendo a pronunciar Terpsícore, como vinganza). Ela non. Ela proseguíu e fixo unha fermosa función de fin de curso na que o seu rostro semellaba a á dunha libélula escarchada. Beatriz, concentrada na súa perfección. O caso Beatriz foi sutilmente arquivado e a miña atención doída procurou outra icona.

Foi estraño, sen embargo, que na clase de psicomotricidade non tivese reparado en Inés. Supoño que, á altura da clase de psicomotricidade, eu aínda procuraba o absoluto, a perfección. Non lembro a Inés ata o ano seguinte, cando me deixei levar polas cousas deste mundo.

Como unha especie de aristotelismo, dende un punto de vista pedante.

Precisaba a amiga primordial. Un ser básico na madurez emocional de toda nena. De nena, unha séntese tan distinta a todo o mundo que busca algunha réplica que a devolva ao mundo: eu quería ter unha xemelga a toda costa. Porque non me parecía á miña nai, porque o meu irmán era maior, porque o meu pai estaba morto.

Así que con 6 anos probaba coa lingua o sal deste mundo.

Sabía que o platonismo era o único capaz de nos manter vivos. Sabía que o sal deste mundo non era platónico.

Había que saír fóra de unha para sabelo.

O corpo das nenas é tan morno, tan cómodo. A existencia é unha pel suavísima, branca e rosa coma as nubes de gominola. A existencia son caprichos, micrófonos, febres altas que nos conceden olleiras de mártir. De nena vomitaba sempre. Moitas nenas o fan. Coido que é unha reacción de acidez ao probar o sal deste mundo. Na superficie do meu corpo de nena só había lunares, embigo, perliñas de auga de piscina.

Dentro respiraba a orfandade e o horror dos seres únicos.

Pero Inés.

Inés rescatoume como un príncipe. Rescatoume desa soidade vertixinosa e palpitante que se cose a nós con tanto orgullo. Como fan os príncipes. Só que as dúas eramos princesas. Había algo simétrico alí que non cadraba. Algo siamés. Pero tendémonos os brazos e soubemos odiarnos como a ningunha. Eu non sabía que Inés ensaiaba comigo as súas futuras relacións cos nenos. Tampouco ela o sabía. Ninguén sabe nada. I é precioso así.

Estamos en 4º curso. Subimos unha escaleira. O recreo foi intenso e subimos suorentas, exultantes de animalidade. Confabulamos. Diante de nós, unha rapaza de maciza melena loira que sempre quere ser o príncipe –algo tan impensable-. ¿Cómo se vai querer ser o príncipe? Tennos engaioladas.

Con esa melena loira ningún cranio de nena pode albergar desexos de príncipe.

Inés e eu.

A catro banzos dela.

Confabulamos. Confabulamos e subimos, cheas de faunesco sorriso.

Algunha di –non importa cál, somos princesas as dúas, somos princesas siamesas cun só cerebro, temos ese mal- : “Seguro que es un niño disfrazado. Sí, mira, mira. Mira la careta”.

A careta é o cerco de rubor que lle cobre toda a cara. A nena-neno de leoparda melena loira leva unha máscara de sangue bombeada a forza de tanto cabalgar nos xogos do patio.

É o príncipe. O príncipe que vive agachado nunha clase de pálidas e reconcentradas nenas de 4º, con opción a ser mártires. Monxas ou mártires. O futuro Rei, Dios salve al Rey.

Inés i eu ollámola en fite, engaioladas, palídísimas, e máis princesas e malvadas ca nunca.

De súpeto, un pensamento conxelado parece dar unha man de permafrost ao noso idilio: Pero a raíña serei eu.

E trémenme os labios e a miña fronte abomba, como lles soe acontecer ás raíñas cando len nos seus Libros de Horas a fugacidade do poder e da vida.

Xa por entón era raíña.

E xa elixira selo na arrogante modalidade de mártir.

2002

a imaxe é de Ruslanas Baranaukas aka Efendi

Avive el seso y despierte…

Merco libros para as fillas da miña curmá. Remexer entre portadas de fadas, meigallos, preadolescentes que comezan a intercambiar fluídos, usar compresas e maquillarse. Deterse un pouco nalgúns. Hai tanto tempo, cada vez máis, que non se teñen 13 anos. 9 anos. 7.

Nun expositor da librería, dexergo libros da colección Barco de Vapor. Os títulos non me soan de nada, xa. E sen embargo, aí radiactívanse as follas do meu pasado: como compañeiras do verán, das anxinas, dos domingos pola mañá nos que o meu irmán poñía música clásica e fumaba en pipa, como se iso contribuíse a aburguesarnos máis. Os meus 12 anos aburguesados e musicais pasan follas e máis follas e leo ata atragoar e tusir letras e antibióticos.

Vénme á cabeciña a biblioteca das monxas antes de que o colexio pechase por 300 millóns de pelas a cambio dun solar que hoxe en día encrespou en pisos de luxo e unha plataforma de Telefónica ante a que cada pouco organizan manifas e tatúan pegatinas de CCOO. O patio dianteiro do cole no que esperaba a mamá, facía o pino con Inés, xogaba á goma, procrastinaba e lía libros do Barco de Vapor converteu a día de hoxe nun recanto do mundo para se manifestar pola puta precariedade laboral dun país que se cre histericamente europeo e neuroticamente avanzado.

The question is: O Barco de Vapor. Os libros de entón. Alfaguara. Edelvives [que sempre asociei con Edelweiss, o tema da peli aquela]. Aqueles marabillosos de Anaya [colección Laurin] que arrecendían a vainilla e a suor de imprenta. Que como sei a que ole a suor de imprenta? Iso é unha revelación. Iso sábese. Ábrese un libro e, pola fenda do medio, o naris [que sabe cousas que vós non creriades] percorre. E -zas- sábese. Hai algúns que olen a suor de bibliotecario cego, e outros a fío de seda chinesa e outros a cona de viúva rica. E outros a ti. Segue lendo.

The question was: Tus Libros, colección de Anaya.  Colección clásica juvenil. Bruguera, La Biblioteca Amarilla. Austral. Xabarín de Xerais. Labor. Esther. Antoñita la Fantástica en reedición dos 80…

Mercando os libros para as curmás decateime de que xa non coñecía a ningún dos escritores. Son deses que nunca figurarán en ningún canon de Bloom, pero cos que unha se inicia. Eses que escriben para nenos e adolescentes, ex profeso [non como Verne, Carroll ou Swift, que seica revolverían nas súas tumbas véndose nos andeis de autores para enfants non tan terribles].

Non, agarda. A un si. Volvo mirar. Folleo o libro. El talismán que vino por el aire. A este si. A este si o coñezo. E moito. Era un dos meus preferidos. Quizais o meu autor español favorito. Volvería  eu ler a un español con tanta dedicación, fascinio, pingas de auga de piscina perforando a folla, pebidas de cereixa dun lado a outro da boca, lingua muda aquí e acolá?

Non sei. Momento que o considere. Mmmm. A Valle, talvez?

A Valle, vale. Pero con 12 anos eu era virxe en Valle. Valle ademais non sei moi ben se é autor español, galego ou turco. Saben que hai unha discusión bizantina entre galeguistas, españolistas e lusistas de pelaxe variada e o protagonista sempre é Valle? [máis que o protagonista, o pretexto: en realidade debátense os criterios para inserir ou non a un autor no sistema literario galego ou castelán; é unha cuestión, en definitiva, de catalogación, de sistematización, de inventario]

Seica porque Valle-Inclán é o único autor que lamentamos que endexamais escribise unha liña en galego patente: de ter sido así, atoparíase entre os grandes do sistema literario galego. E digo patente porque sosteño que Valle escribía en galego latente. Pero claro, iso é outra historia e debe ser contada noutra ocasión…

Daquela, o que pasaba dun lado a outro dos ollos coma pebida de cereixa dun lado a outro da boca non vos era Valle. Éravos outro.

Era Joan Manuel Gisbert.

Quen?

Gisbert.

Catalán.

Si, bueno, catalán. Ou español, disque. Mais naturalmente, eu diría que töklandés

Devoraba as noveliñas de Gisbert. El museo de los sueños. Escenarios fantásticos. La noche del viajero errante. Era o noso Ende particular. Esquecérao. Tanto. De máis. Así que Joan Manuel Gisbert existía. E seguira publicando. Onde me quedara eu? Ah, si. No Misterio da Muller Autómata. Prestáramo Monique a finais dos 90, Monique que logo mudou o nome por Leyshack. Prestáramo sendo Monique. Eu dixéralle Grazas, Monique. Pero algo mudara tamén. En min. Lendo ese libro. Xa non me fascinaba tanto como os anteriores.

Tiña máis leituras enriba. Estudaba unha carreira. Non, dúas. Asemade. Jo, vaites, tan importante. Cortázar, Rimbaud, Sor Juana Inés. Queseieu qué pensaba entón.

un dos meus predilectos dese mestre de profundidades
que foi Urbano Lugrís: Lenda Mariña

Pero hai unha noveliña de Gisbert, El misterio de la isla de Tökland , que vive alugada nos meus 12 anos como as perliñas de auga da piscina, o último verán sen tampax, a ausencia de amor e sexo, unha certa actitude preguiceira en deixar a nenez, o morbo palpitante por deixala, e Chernobyl e o Halley e o Challenger…

O derradeiro verán que fun töklandesa.

Unha nacionalidade que tamén me gustaría compartir con Valle. No caso de que quixer apropiarme unha nacionalidade para sempre. A ultranza. A mantenta. A morrer.

Como Igor Lugrís, vivo pegada a algo que talvez cómpre nomear doutro xeito. Como Igor Lugrís, elixo a lonxana, a hipercúbica, a agallopante Mongolia

Datos de interese: I é descendente de españois [galegos] e escravos supoñemos que africanos. Non debe de existir unha molécula no seu corpo que sexa indíxena, realmente. Sen embargo, cando falamos da prehistoria -que é un tema de conversa habitual, xunto co de e que comemos mañá?- el fala da súa terra como da terra dos seus antepasados, os que estaban alí cando chegaron os exploradores españois. E di nós. Nós, os amazónicos, os indios. Nós, os venezolanos prehistóricos.

E ollo para el cun tipo de pasmo que, de analizar en laboratorio, podería levar un gramo de envexa.

Identifícase con esa abstracción total.

El é de alí.

Termino de comer o iogur con avea. Onde raios quedará Tökland.

imaxe: Rimbaud, by ElyseBlackRose

Despois de moitos anos escribiulle.

Envioulle cartas, anotacións, fotos, todas esas vísceras dobradas que gardamos baixo o horizonte de probabilidades de volver desvelar.

Quería soprar e soprar e ver se a vela se axitaba, ver se a vela ardía.

E a vela axitouse. E a vela ardeu.

Tragou saliva.

Era o único que podía tragar sen medo a mancarse.

imaxe de Kassandra aka Elena Chernenko [ou ao revés]

As frases. As citas. Hai e hai. A eito. Xente que mesmo as colecciona. Abusa delas. Vive nunha eterna perversión de citas e todo o acompaña de citas, peixe con citas, whisky con citas, citas con citas. Son unha posesión intelectual de alto calado, equivalente a coñecer entresixos da composición do Macbeth ou información de primeira man do estado mental de Pizarnik.

A través do xogo da cita opera un tipo de pensamento máxico que, lonxe aínda, non se erradicou do noso cerebro reptiliano, ese que compartimos con crocodilos e xeranios en maceta: o pensamento máxico simpático. O do vudú. O do roce. O do contaxio. Se compro as bragas de Marilyn en Sothebys e durmo 3 noites con elas… serei Marilyn? Se toco a un famoso, resplandecerei? Se me arrimo a alguén con cartos, beleza, intelixencia, poder… contaxiarame algo que non sexa venéreo?

Aplicado ás citas: se cito aos grandes… serei grande? Señor Misericordioso, sereino?

A literatura leva moitas páxinas falando de si mesma. Engólese, faino con delectación e ás veces autocompracencia. Cítase a si mesma porque é un xeito de convocarse. De necesitarse. Apóiome no que dixeron outros antes ca min para dicir eu algo. A miña voz é un eco gardado nunha gruta de ecos. Subo enriba das frases de outros -xigantes- para enxergar máis lonxe ou para darme coa cabeza no teito…

Ou invento a celebridade de frases anódinas, lisas coma desertos, frases irrelevantes, porque iso me sitúa algo máis preto daqueles que citan, da súa sapiencia, dos seus andeis supurando letras, letras de molde, letras pequenas, verdanas, tahomas, new romans, letras que imprimen nas nosas coxas virxinais as fisuras polas que observar o mundo lonxe dos tópicos, dos clixés, das fórmulas vizosas baixo a sombra das cales un 80% acubilla a súa preguiza mental e bótaa a sestear.

A literatura, como toda esfera sublimada, é xa un lugar demasiado concorrido, unha festa saturada. Un xeito de xustificarse é optar polo vello truco das monarquías e as democracias: referirse sempre a si mesmas para crear a ilusión de necesidade a través dese loop infinito, esa autofaxia.  A literatura cómese a si mesma só coa postrer [como me gusta ese adxectivo, manierista el] finalidade de saír polo outro lado. Se as citas funcionan como dispositivos condensados de materia literaria, logo son o que queda tras desbotar o que sobra, son os churros delicatessen, os chourizos inmanentes, os comprimidos decantados. Son literatura de literatura. Son Lite2

As grandes citas, as de verdade, quérense escorpións para o noso encéfalo. Intentan poñernos contra a parede do non tan obvio. Planean inxectarse no noso torrente vital e alimentar cada víscera co seu veleno.

As grandes citas funcionan a modo de inxectables. Iso que todo o mundo quere hoxe: algo rápido que o instrúa para tirar para adiante na conversa, na carreira polo prestixio, os cartos, a emoción, a conmoción…

Pero as miñas citas son pequenas e absurdas. Non concito grandes frases. Non.

Elixo parruliños feos das citas, cito o pouco citable, o pouco lembrable, o que non fai pensar.

Dixen: as grandes citas [Tolstoi, Wilde, Nietzsche] son escorpións encefálicos. Pois logo as miñas son xoaniñas moteadas 7 veces, coccinella septempunctata. Xoaniña voa, voa, que che hei de dar pan de broa.

Citas fugaces. Parvas. Xoaniñas. E así.

Cerebrumosso. Un debuxo de Pablo Gallo

Véxome obrigado a falar porque os homes de ciencia negáronse a seguir o meu consello sen saber por que

H.P. Lovecraft Nas montañas da loucura

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Xullo 2008
Lu M M X Ve Sa Do
« Xu   Ago »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

criatura mecánica, eis