You are currently browsing the monthly archive for Agosto 2008.

Odiosos son moitos. Imaxinen, de 6.600 millóns alomenos 5.000 deben de ser repulsivos crónicos.

Existen algúns odiosos queribles e outros odiosos patéticos. Queribles son aqueles que resultan pesados, inconvenientes non por vontade propia, senón por egocentrismo, ignorancia ou mesmo grosería.

Os odiosos patéticos son os aproveitados de calquera caste. Os abusóns. Un subtipo, por exemplo, resúltame dun patetismo que roza o rubor, o meu rubor, claro, ruborízanme, pásoo francamente mal ao seu carón: os e as escritores ou artistozuelos en xeral que, exercendo de incomprendidos, de deostados, de feridos e cicatrizados, viven coma funcionarios dos parabéns de gobernos de turno, premios de turno, proteccións de turno… en definitiva, uns incomprendidos semisubvencionados.

A súa obra éme indiferente, polo xeral facilona e esperable. Son as súas presenzas físicas as que me ruborizan ata o punto de cuestionarme se escribir realmente serve para algo se unha ten que aturar iso.

Así pensaba hoxe, enxabronando os brazos.

Na miña enladrillada e lenemente asmática cidade de provincias, cada ano Batman fai horas extra como sentinela no alto do edificio do Banco Pastor e Spiderman agatuña pola columna estriada do obelisco, supoñemos que ambos coa nobre finalidade de velar polo mundo: as finanzas un e o tempo o outro. Pouco máis fai falla para que rode un planeta.

Cando iso acontece, a feira do cómic Viñetas dende o Atlántico está en marcha.

Hoxe veño de deambular por alí, entre fragmentos de enciclopedias délficas e edicións Sins Entido.

Os cómics sérvenlle ao homo sapiens para contar tumores da imaxinación, imaxinoses. Isto é evidente: o debuxo, como obra da fantasía humana prefire vencellarse a ese xénero, de xeito que boa parte das tramas e personaxes que moran esmagados baixo dúas tapas duras cun selo editorial desenvolven nos límites humanos do cosmos, as posibilidades físicas e anatómicas e as conxecturas sobre ciencia, política ou filosofía.

Endalí, os debuxos funcionarían como un dispositivo ou entidade paralela, siamesa a nós, que nos ilustra o cómo teríamos sido, o cómo poderemos ser, o cómo se cadra somos.

Pero asemade as ilustracións, desvencelladas xa do campo unicamente infantil, serven a outros fins: atenuar a crueza do humano, por exemplo. Neste conmovedor e espléndido anuncio de Amnesty International France, feito por TBWA baixo a direción artística de Erik Vervroegen, as sombras das torturas, violacións e lapidacións quedan amortecidas, amaciadas, por uns debuxos sobrios, de estética moi francesa [algo de Moebius hai, un Moebius branco e negro e quizais tamén algo da sublime Princesa Mononoke]. Os corpos son brancos [vítima] ou negros chameantes [torturadores]. A intrusión nese mundo plano e bicolor dunha sinatura [o elemento chave do spot] en azul -a cor máis característica dos bolis de medio mundo e cuxa tinta eslúe para transformar nunha ferramenta de salvación- comporta a maxia da palabra, a maxia da tinta tamén, a redención [a amnistía] a través do que permanece nun papel representando a un ser humano que apoia unha causa.

Sería igual de terrible ver todas esas escenas filmadas con seres humanos? Os debuxos anestesian pero, ao mesmo tempo, fannos conscientes de que a realidade é máis desapiadada aínda. A carne maltratada dun debuxo é unha simple rozadela. Como nas cuestións sexuais, as rozadelas suxiren máis que caricias obvias. A suxestión deste vídeo, alomenos a que eu tiro, é que a súa crueza mantense en suspenso, gravitando, pero inevitablemente .

Por suposto, despois de emocionarse vendo este anuncio e levantarse logo a comer un iogur e elixir -mazá ou albaricoque?- e volverse sentar e poñer un vídeoclip de, poñamos por caso, Floria Sigismondi e logo achegarse á tele a ver ximnasia artística chinesa e a calzarlle as zapatillas ao teu fillo, que ten os pes tan fríos… despois de todo iso e de que esa conmoción primixenia polo vídeo de Amnistía fique sepultada baixo capas de emocións contiguas, a unha múrchaa a sospeita de que ata que punto estas manifestacións funcionarán como bálsamo artístico no medio dunha sucesión de bálsamos artísticos, apaciguadores [o mundo vai ben... aínda hai criatividade no medio dun fogo cruzado!!] como o son youtube, deviantart, flickr…

[Excurso: É a arte, multicopiada, excesiva, un bálsamo como o foi o interior dunha capela?

Lembro os meus apontamentos de clase, as miñas primeiras historias escritas... non eran máis que viñetas, debuxos, bálsamos]

Aquí tendes outro anuncio da mesma liña e a mesma equipa. Unha vez máis, e dun modo marabillosamente realizado, plasma algunhas desas situacións nas que un ser humano desexaría que o tragase a terra [ou que o levase un globo, ou que aparecese plop! unha escaleira ou unha ave xigantesca...] A música é a mesma. Fantástica.

Cando un vai botar unha sinatura detense un intre. Asina. Que pode significar isto? Isto que fago?

Servirá?

imaxe: Vida de Ramón Llull

Tranquilamente sentada sobre min mesma, inflando e desinflando unha querida caixa torácica e pestanexando cada pouco por necesidades do guión, leo. Leo sentada onda un patio. Leo e leo nun Babelia atrasado que o Meiac de Badaxoz ofrece unha mostra de arte, ciencia e tecnoloxía. Maldición. I eu aquí. Veraneando. Vacacións en cru. Casa feita un campamento xitano. Sen facer ren. Apenas cantando coma unha autómata en mostras de jazz e cerimonias nupciais nas que os noivos vesten de moaré cor porcoteixo.

Perdéndome campos extremeños, autoestradas extremas e duras, camas de hotel con pata negra e landras ciscadas por ondequeira que devesas.

Retornemos, benqueridos: a exposición do Meiac. Titúlana O discreto encanto da tecnoloxía, un xogo de palabras cinematográfico que semella querer alonxarse diametralmente das estridencias futuristas máis esperables nos títulos de mostras desa caste, por presupoñelas quizais máis acordes co contido. Da tecnoloxía sabiamos xa que era fascinante; que era cara; que era luxosa; que era masculina [eh, pero!]; que era críptica e belixerante; que o seu poder medraba mentres os tecnócratas durmían; que era, en fin, despampanante; que chufaba de ser a panacea de todos os males da carne…

Non sabiamos, malia todo, que tamén pode ser un encanto. Un charme. Charmante, disque, a tecnoloxía.  Aínda preto pero xa algo despegada dese clixé que leva un tempo a ser a guinda de todos os pasteis de arte e ciencia que se cocen nos fornos pasteleiros do occidente: o de que a tecnoloxía redimirao todo, a saturación artística, os desafíos da ciencia e os pozos filosóficos.

Para todos os que cremos que a linguaxe da máquina, as investigacións no xenoma, na antimateria, nos fluídos ferruxinosos, na holografía, na biónica ou cibernética mudaron xa para sempre o panorama do noso hemisferio dereito e da nosa medula espinal, esta mostra pode ser un imantado motivo para achegarnos a Badaxoz. Esa terra que, polo demais, non me di nada. Por moito que aplique a orella.

[pacenses do mundo, desincrustádeme da miña ignorancia, atrevida!!]

Estes son os 5 módulos temáticos nos que se artella a devandita mostra do Meiac que, en breve viaxará a Karlsruhe [ e unha vez escrito este topónimo, pregúntome: visitaráa o filósofo-elefante, o señor Sloterdijk, que ten trazos de habitante da aldea de Astérix e a sabedoría e o cinismo de Panoramix?].

En fin, que os módulos éranse:

Operar sobre el código formal

Operar sobre el código visual

Operar sobre el código sensorial

Operar sobre la interfaz del cuerpo

Operar sobre la interfaz de la realidad

E unha vez aí dentro, obras do pioneiro Ramón Llull onda as de Joan Fontcuberta, Dora García, Daniel Canogar, Isabel Herguera, Pepe Buitrago, Ignacio Pardo ou Roberto Aguirrezabala baixo o comisariado de Claudia Gianetti, Antonio Franco e Peter Weibel. Encantaríame dicirlles que a exposición é estupenda e que ben o merece, pero só son quen de deixar constancia do meu desexo, probablemente inalcanzable, de calibrala.

imaxe: Ivan and Kloka, de Joan Fontcuberta

Entón era que vostedes saltaban aquí, e dicíanme adeus axitando a man, conturbados, e moito era o que me amaban. E aquí ficaba eu, chuchando un lapis un 0 e un 1 e matinando no que escribir mañá para seguir sendo adorada ou, xa que logo, consentida por vocés…

Poden escoitar Die Roboter, de Kraftwerk. Unha salsa de retrotecnoloxía

Non querería -pero estou a piques de facelo- redundar no tópico pop de que certa publicidade pode rozar máis lírica que un libro de versos impreso, cosido, encolado, distribuído como tal. E vendido e deglutido como tal.

Levo varios anos impartindo aulas en publicidade e aventuro que, dentro dese inframundo deostado por servir, vehicular e ilustrar [e mesmo metaforizar]  á cultura do consumo e do mercado, atópanse vetas na cara interna nas que resplandece o enxeño expresivo, o acerto nas técnicas e materiais, o punch directo ao rostro e talvez -de tela-  á mente do espectador… e todo iso, toda esa torsión da linguaxe, esa precisión, ese escalpelo, non son os ferraganchos que se lle presupoñen a esa cousa quenonseimoibenqué que poesía, ou?

-e por favor, non me retruquen con expresión de cordeiros degolados que a arte non se vende. Xa non -

Anuncios inesquecibles coñecemos todos. Si, os anuncios son circunstanciais. Xa. Son efémeros. Tamén. Sensubstancia. Pfff, e cánto. Son aéreos coma organdíes e ferralla cósmica. Os anuncios. Se ben algúns, cos seus jingles e a súa inxenua arte de rimar, penetran e incrustan no noso código xenético e mesmo poden chegar a constituír o derradeiro que lembremos antes de morrer.

Non o nome en caligrafía do amado, o sorriso con dentamia de leite da súa filla ou aquel solpor de interior de caramuxa nas dunas de Corrubedo. Non. Un anuncio absurdo, entrevisto entre sopa e segundo prato, que entrou directo no seu hemisferio dereito e por alí pervagou, rosmando encol da antigravidade dunhas zapatillas deportivas, todo cun fondo musical minimalista…

A derradeira imaxe na nosa pupila que se dilata a medida que a vida se nos contrae. Imaxinan?

Non desprecen a publicidade. É a materia lene, a pasta follada [e si] con que está feita a súa vida.

Velaquí varios botóns de mostra:

*Premiado e onírico mergullo un chisco Nemo e destinado a dotar de certo fascínio os traballos domésticos:

*Odiamos a Nike por Naomi Klein, por vendernos zapatillas que valen tres infancias e ducias de vacunas e logo endosarnos anuncios impecables coma:

Read the rest of this entry »

O 14 de febreiro de 2008, día de San Valentín e da matanza de San Valentín e do cumpreanos dunha que coñezo non-chamada Valentín, día no que o sol saíu ás 6:16 h. e deitou ás 17:48 h. e, por se fose pouco -urxe que o saiban-,  o día no que o asteroide 385 Ilmatar oculta a estrela HIP 8718 de magnitude 6.9, ese día algúns de nós decidimos fuxir de tanto fenómeno cósmico e gorecernos na caverna do centro On. Por vicio.

imaxe: mina antipersoa

O convidado desta ocasión foi O levantador de minas aka Alfredo Ferreiro. Un home que coñecín como público hai anos, nun recital que el e outros escenificaban na Cova Folk. Naquela época na que cría nas fadas escocesas [nas fadas, non nas faldas] e nos gaiteiros e na people of the mound ou sidhe e en Avalón e no Leabhar Ghabhala, e debuxaba mouras eslamiadas e lamias mordendo con ponzoña as marxes dos apontamentos… a Cova abríase como unha sorte de cripta celta á que acudía en segredo sumo Migueliño Campovello [Mike Oldfield, o chiste NON é meu] e daban concertos privados os integrantes de Capercaillie. Alí, nunha diminuta tarima tras unha vidraza, Alfredo Ferreiro e un colectivo de 6 poetas máis brindaban pola poesía e lían textos cun aquel de platonismo e ebriedade.

Era o máis parecido a unha velada parnasiana que vira nunca.

Naquela altura, eu tamén persuadírame de ser poeta – a causa dun mal escritor e peor amante que coñecera e de varias moreas de folios que gardaba dende a nenez do colexio de monxas- mais por sorte tratouse dunha miraxe do deserto da que creo estar recuperándome, coma un paciente inglés.

Alfredo Ferreiro, co tempo, decidiuse a levantar minas -supoño que anti-persoa, ou talvez de carbón ou grafito- pola rede adiante. O seu impecable labor como divulgador, activista, crítico, xornalista e poeta no seu buque O levantador de minas -subtitulado A literatura, as súas ramas e as súas raíces. Outros sentidos- axiña multiplicouse en eco e a día hoxe a súa é unha das páxinas de referenza do blogomillo.

Alfredo explicou a traxectoria de O levantador de minas, o que o motivou a embarcar nel, a súa actividade como xestor cultural [con proxectos como a coruña son], a mudanza de servidor – arestora en Blogaliza-, mesmo os versos que figuran coma friso de benvida ou inspiración …

Do mesmo modo que a mãe / precisa de filho para ser mãe, / o título precisa de poema / para ser título. Daí este poema.

…e asimesmo a historia desta preciosa foto [encántame como ela cruza as pernas]

historia que vostedes non poden deixar de coñecer, por stevensoniana, por truculenta, por bufonesca  e que lerán completa aquí.

O vindeiro outono, Alfredo publica Metal Central en Espiral Maior. Miren que debuxo abrirao.

Esta foi a segunda sesión dedicada aos blogs dentro do ciclo cavernario.

imaxe: Máquina de coser de Jacques Carelman

[...]

still cries at a good film,
still kisses with saliva,
no longer empty and frantic like a cat tied to a stick,
that’s driven into frozen winter shit
(the ability to laugh at weakness),
calm,
fitter,
healthier and more productive
a pig in a cage on antibiotics.

Non será o tema máis lembrado dos grandes temas de Radiohead, que moitos son, que altos son y relucían.

Pero como letra, a de Fitter Happier é das máis cínicas e lobregamente brillantes deste grupo no que certas cancións soan como ateridas. Como cantadas dende un arcón conxelador no que coexistisen, ademais, todas as miserias dun humano cando se sente tan cósmico e tan así fin de siècle.

Amabas a Radiohead.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Agosto 2008
Lu M M X Ve Sa Do
« Xul   Set »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

criatura mecánica, eis