You are currently browsing the monthly archive for Setembro 2008.
Diante de min camiña Minia. Vai vestida de labrega rusa, igual ca min. Seguimos unha serpe azul que fosforece no chan para guiar os nosos pasos cara o escenario. Non falamos. Sentimos chist constantemente. Chist do rexedor. Chist do director. Chist dalgún compañeiro que ordena calar. En todo grupo social pretendidamente igualitario sempre hai algún compañeiro que, cobrando o mesmo ca ti na fin da obra, inviste dunha autoridade inventada para ordenar calar.
Sentimos chist malia non ter dito nada. Minia non dixo nada. Ela é calada, miúda, con esa curva no lombo de muller humilde, das verdadeiras labregas. Non sei se é humilde. Apenas a coñezo. Non é exactamente bonita, talvez graciosa ou entrañable. O seu nariz, por exemplo. Éo. Entrañable. Arrezagado. Un deses exemplares da nosa especie que, cun pequeno tic nos ollos e un aire honestamente despistado, fai segregar un cariño fugaz e fortuíto. Ela non dixo nada e eu tampouco. Camiñamos en silencio, como se naturalmente regresásemos dunha xeira baixo o glacial sol de todas as Rusias cun feixe de herba ás costas.
É mentira.
Vimos de nos peitear abaixo, en camerinos. De deixar a nosa cabeza en mans dunha perruqueira que nos esculpe un tocado estilo Bañista de Valpinçon. Non vimos de traballar para ningún barin. Non calzamos trapos envoltos que patinan na xeada endurecida do camiño.
Porén, dalgún xeito participamos desa colectividade anónima, dese modo de camiñar en silencio. Cantar nun coro é volverse anónimo voluntariamente, perderse na manda, na bandada, no fato. Algo tan antimoderno. Minia é obediente. Non destaca demasiado, non leva moito no coro. Hai máis de dous anos que o deixei, pero volver 10 días axiña che fai acordar de novo nesa corrente encontrada de Read the rest of this entry »
As listas de cousas que unha non fará xamais adquiren o estatuto da saudade. Son como cartas sen enviar atopadas na faltriqueira dun morto ou cartaces de festa nunha cidade bombardeada. Son o que puidemos ser e non fomos, son álvaros de campos concentrados, son xenios encerrados na intimidade das botellas.
Unha vez dentro dese espazo filosófico as potencialidades do ser son plenas e así o que nunca aconteceu, ese imperceptible desvío do devir, tórnase explosivo. Un grande suceso. Sabemos que iso non tería por que ter sido así, pero préstanos pensalo. Non é? Todo tería sido mellor se…
Supoño que todo tería sido moito mellor se eu tivese reunido as forzas necesarias para publicar libros coma estes que enumero e non os que publiquei. É un pensamento sucio, vitimista, e por unha vez non me importa. A porta que abren é precisa para eu respirar porque todo eu necesita, alomenos, a posibilidade de ter sido.
Sempre que me asaltan pensamentos así penso en G. A el secuestráronlle mesmo esa posibilidade de ter sido. Mesturánona nun cóctel químico, nun vaso de precipitado. E dende entón, todo nel é precipitación e baleiro.
Volvamos ás listas de cousas.
1.- Deste lado do telescopio: non sei moi ben por que, pero este tería sido un libro inesquecible. Lástima. Non debo escribilo xamais.
2.- Halo: un efecto interesante que acompaña a nosa percepción do mundo e das persoas. Pero hai trampa. Unha parte de Zoommm chámase así. E tamén un poema vello. Chamarei Halo a un libro hipnótico e errante, un deses que flota con elegancia, para non ser escrito xamais. Tan só descrito
3.- Un glaciar á deriva: iso é puramente escribir. Escribir ben. A retranca xusta esixe semellantes distancias
4.- Distancia: unha novela sobre as ganas de non dicir
5.- Arrasamento: supoño que este sería un libro definitivo sobre algo. Talvez un último/derradeiro libro de poesía antes de dedicarme por sempre xamais ao efémero, a cantar, a deambular, a peitear nenos, a medirme o escote…
6.- Criatura e telescopio: aleatoriamente, este sería un libro de textos moi curtiños.
7.- Eco: unha palabra evocadora, a ninfa que namora de Narciso e vive condenada a repetir o que outros din. Coido que é unha figura fatalmente literaria porque a literatura, ao igual que toda arte ou similar, funciona como unha superposición de estruturas en eco. De aí que Cervantes, Borges ou Auster sexan considerados [gústennos ou non] quintaesencias literarias: porque o material das súas invencións foi extraído directamente das entrañas e dos magmas da literatura. Acontece o mesmo co cine ou a pintura. Esa autofaxia, tamén chamada intertextualidade nos círculos dantescos da cultura oficial, ten un alto valor a día de hoxe porque utiliza como referenzas referentes previos e, polo tanto, satisfai o noso mono platónico de reminiscencia.
8.- María Río: un alter ego. A verdade, durante un tempo pensei buscarme un pseudónimo chorras, tipo Anónima. As únicas veces que asinei con pseudónimos na miña vida, en revistas de universidade e así, empreguei Galadriel [antes da peli, claro] e Mitilene [agás en internet, onde uso a criatura mecánica, opia ou a criatura]. E tamén María Río. Como alter ego non está mal. Coido que é unha persoa moito máis riquiña ca min, con ese nome de galleta. Se o meu nome peca de filosófico e aristocrático, María Río funciona como unha especie de nena postiza, un ser crisálida, entre proletario, anónimo e 1/6.600.000
9.- Textura: talvez un libro de pequenos contos, textos, texturas. Algo se cadra difícil de clasificar nas bibliotecas.
10.- Z: tiña un libro de poemas así que non sei onde puxen
11.- O xenio encerrado na botella: un libro de artigos ou microensaios.
12.- Case quasar: unha achádega eufónica que me lembra ao titulo inicial deste blog, como kosmos
13.- Vodevil: quizais porque o factum de escribir arranca dunha vileza. Quero perdurar por riba dos demais. Ou, como mínimo, por riba de min mesmo, do meu deseño mortal. A cultura de consumo e o espectáculo de variedades ofrecen metáforas moi axeitadas e actuais a esa vella necesidade [necidade?] humana.
14.- Intimidación: a grandeza dun libro nunca escrito ten, como mínimo, que intimidar. As escritas grandiosas, os grandes parágrafos de Lolita, Neruda, Macbeth, Vallejo, Woolf, chegaron a confundirme. Cando lía Residencia en la tierra doíame a cabeza. Esa sensualidade nos adxectivos, todo ese contoneo verbal e a imaxinería vertixinosa xamais antes imaxinada lograron intimidarme ata tal punto que houben lelo na habitación sentada contra a porta para que ninguén abrise. En todo semellante ao onanismo, a un onanismo de descuberta. Despois de ler textos así, unha traga saliva a grandes grolos, luminosos, coma quen bebese uranio. Hai un rachón no tecido espazo-tempo. Comprendemos algo, un algo fugaz que é algo. E sentímonos amenazados. Si, amenazados de beleza. Intimidados pois, aló na noite do noso cranio, houbemos imaxinar barbaridades léxicas semellantes, tiñamos os elementos, as sensacións, faltounos a gramática. Chegaron eles, Clarices, Jaeggys, Cortázares, Vallejos, Szymborskas, Tizóns, Rivas, Coetzees… e fixeróno. Cun boli, pluma ou qwerty. Escribírono. Esa connivencia, esa clandestina electricidade de un a outro, ese arco voltaico entre un cranio que escribe e un cranio que le dentro dunha cama cunha bombilla de 60… iso intimida. É fantasmal. Arrepiante. En certo sentido, monstruoso e tan apetecible.
15.- [...]: por suposto, Puntos suspensivos é un dos nomes que barallei sempre para calquera cousa. Un blog que xa levo, por exemplo. Mesmo o propio signo, sen máis, aínda que soe a capricho estilo Prince. Supoño que todo libro fabrícase dos silenzos doutros libros e, se é verdade que non existe o libro definitivo, calquera grande obra [e tamén aquelas menores] consiste nunha fina liña de puntos en suspensión ata a seguinte
Datos de interese: en Marte resulta que amencen con rosada. Sen dúbida, haberá poetas marcianos que escriban textos chamados Orballo en Utopia Planetia ou O resío que non nos deixou arrancar. Determinar se iso é unha boa ou unha mala nova para o resto do sistema solar, deixo que o decidan vostedes.
Actualización día 13: leo hoxe completa a famosa entrevista a Steiner no País. Resulta que o libro que vén de publicar chámase Os libros que nunca escribín. E a súa autobiografía Errata. Maldición. Antes non tiña motivos para odialo. Agora, si. Fareino como unha profesional.

juan francisco casas debuxa con bic laranxa ou bic cristal
Nunca traducimos nada de Steiner, do señor George Steiner, de profesión: comparatista
Xamais tivemos o detalle de convidalo a unha ración de polbo á feira.
O Mencía non aparece nos seus estudos comparatistas. Non digamos un Martín Códax 2004
Steiner compara o obvio co evidente e do que non leu prefire facer coma que non existe.
Steiner manexa argumentos de terceira man.
En troques, Steiner lembra moi ben aqueles nitro coulants en Girona, e as ostras cun aire de cenouras.
Steiner padalea aquel Penedès antes de se lanzar en diagonal a ler Tirant Lo Blanch.
Steiner contemporiza. A autocompracencia prefire non tomarse a molestia de levar a contra
Steiner compara unha cousa con outra como eu compararía o cu coas témporas
Steiner exclama Pero non me compare…! , frase cando menos paradoxal en labios de quen se gana as lentellas e o prestixio a golpe de comparanza.
Seica Steiner abandonou as comparativas e prefire deslizarse no cómodo bambán do que se espera que diga.
Porque seica as súas palabras non pretenderon constituír unha aldraxe á estirpe literaria galaica. Talvez, pretendéronse unha louvanza absoluta á estirpe literaria catalana. Será entón posible que a súa opinión gastada pertencera antes a moitos popes culturais cataláns.
Steiner, cos anos, os viños e os premios, devén incomparatista.
Non son da opinión de que se deba convidar a ninguén que só activa o seu dispositivo máisque, igualque, menosque a base de paparotas, cerimonia e reverencia.
Mellor que lea.
Niuno è solo l’april.
Mimí, La Bohème
Quero roubarlle a Eloy Tizón un verbo. O verbo crujir.
En galego, un chisco menos onomatopeico, renxer.
Armado con ese excepcional verbo da terminación lexemática en -ger [excepto tejer y crujir] este señor de Madrid troca un texto normal [define normal], dos que se len en voz baixa e concentración de conos e bastóns, nun texto audible e, por riba de todo, táctil.
Lendo Labia, unha das lecturas máis crocantes, crepitantes, coruscantes dos últimos tempos [xunto con Esferas de Sloterdijk, Ghost World de Daniel Clowes, La velocidad de los jardines, tamén de Tizón, Orlando de Woolf, Los comebarato de Bernhard, La invención de Hugo Cabret de Brian Selznick e Claus y Lucas, de Agota Kristof].
Perlas tiznadas:
Ah, qué difícil era poblar esa espera, ese crujido leve [cuanto más leve, más terrible], esos dedos de repente convertidos en raíces o tentáculos, en monstruosos ángeles.
Labia, páxina 27
…y al atravesar las estancias fantasmales el pie tropieza con llaves y crujientes telarañas
Labia, páxina 183
Pero ya el pasillo se dobla, ya es tarde, tus rodillas crujen con ansia…
Labia, p. 112
La línea que separaba el bien del mal en la pantalla era tan nítida como el sable del pirata, tan rotunda como el ruido del disparo a quemarropa -seco, crujiente- con que el policía malo acababa con la vida de los amantes fugitivos que huían tras robar un banco…
Labia, p. 193
cuando entraba cada mañana aseada, apenas empolvada, era una visión crujiente y vulnerable que llegaba a hacerte daño si se te ocurría pensar en ello a medianoche
La velocidad de los jardines
O máis curioso é que a escrita de Tizón estilísticamente non me resulta crujiente, senón cremosa, unha especie de nata a presión para os sentidos…
Unha cousa é certa [define certo]: o crujiente, o renxente, é máis vulnerable. Quizais ese é o verbo que o autor escolle para representar acusticamente as picadas de hipersensibilidade de nenas, adolescentes, reis desgraciados. O verbo da vulnerabilidade.
Iso pensei hoxe, mentres me frotaba nos xeonllos. Nas sofraxes. No hipersensible.









Ecos con reverb