You are currently browsing the monthly archive for Outubro 2008.

Aschenputtel, figuriña de sombras de Lotte Reiniger a quen, por suposto, amo
O facebook… ben, no facebook latexa algo diabólico. Entre outras cousas, funciona como un dispositivo que che obriga a enterarte de conversas alleas. Un audífono mal amplificado.
A través dese enxendro do mal entérome dunha nova errata que vén sumarse a esas moitas que socavan os alicerces da nosa cultura, relixión, as nosas creencias máis incontestables, máis puras, máis redomadamente prístinas [entre elas, que a palabra virxe en realidade significaba moza e non necesariamente allea a coñecemento carnal con varón; que a editorial mexicana Fondo de Cultura Económica ía ser inicialmente de Cultura Ecuménica... e moitas outras a medio camiño entre a lenda urbana, o mito cazado e a cruel realidade]. A errata ou, neste caso, mellor erro de tradución ou mistranslation, velaquí:
O zapatiño de cristal da Cincenta non era de cristal
“Verre” [cristal en francés] seica é unha mala tradución por “vair” [pel grisprateada de esquío], co cal o zapatiño da heroína da grisalla, sendo de pel flexible, ben podería ter dado de si para enfundarse no pe de calquera outra. Mesmo dunha malvada irmanastra talla 41.
Naturalmente, unha zapatilla de pel volta é moito máis lóxica e cotiá que unha de cristal. Quizais o manoseo oral da historia modificouna ata o punto de lle outorgar esa especia fantástica da que carecía. Un zapatiño de cristal sitúase na mesma orde de cousas que unha alfombra voadora, unha muller que dorme cen anos, uns zapatiños de rubí ou unha princesa co pelo tan longo que podemos trepar por el e alcanzar unha torre. Un zapatiño de cristal é ríxido, é transparente, rompe con facilidade… O cal vén querendo dicir: só é apto para pes moi feituquiños, figuras gráciles, prodixios anatómicos. Alén diso, coido que metaforiza moito mellor a idea do efémero desa noite de baile co príncipe. Un zapato de cristal tampouco é para durar moito.
Fausto Larraguível achéganos máis datos sobre o tema [en realidade dicíallas a outro pero o facebook... xa se sabe]
La desventurada heroína en la penumbra, aparece ya por escrito desde la versión atribuible a Esopo, pasando por la Ródope (Ροδόπη) en Egipto (esclava de origen griego, a la cual le roba un águila una pantufla y la deja caer cerca del faraón, quien queda prendado del misterio y cree firmemente que la dueña de ella será su media naranja) descrita por Strabo en su Rerum Geographicum, la segunda Ródope reescrita por Claudius Aelianus en su Varia Historia, la Ye Xian china, la Chūjō-hime japonesa, la Kongji coreana, la Critheanach celta-escocesa, hasta las tres cenicientas (una de las cuales tiene final trágico) identificables en Las Mil Noches y Una Noche.
E o parrulo feo? O parrulo feo tamén era un Cincento.
En fin, os zapatiños de cristal xa son unha realidade. Por moi inxenuo que soe iso tratando con materia de contes de fées. A errata, como tantas outras veces, encargouse de mellorar o orixinal e lograr que manche a nosa memoria para sempre, como unha pinga de gasolina.
Mentres me ducho escoito Nude. Estou de Radiohead, de novo. Nude, de In rainbows, un tema que contén aloxados segundos preciosos cara o final, unha escala ascendente marabillosa que, tras a transfusión de frío e humidade abisal da letra e a atmosfera xeral do tema [como todo Radiohead], aseméllase a unha escaleira que conducise a un ático resucitado de luz. Non sei, unha vez que se extingue a música síntome como se me tivera visitado San Gabriel dentro dun Giotto di Bondone.
É o tempo que vai dende o minuto 3′55” deica o final da canción, non máis de 20 segundos que dende xa pasan a engrosar aquela lista de minutos preciosos deste post de hai un tempo.
Toda a tarde escoitando isto. Unhas 37 veces.
Estamos mal, doutor?

Estíbaliz...Espinosa aka "a criatura mecánica". Fondo de cartaz xaponés "Global Warming", foto de Ho Hosokawa
Traballo arreo con varios textos, sigo a voltas con versos siameses, con fotos intruders, traballo para Silvestar, de Croacia, traballo un monte a cambio de nada. Facendo o que ninguén me obriga, para min. Como cando tiña 10 anos e escribía, escribía, escribía.
Sen porqué.
Pura amateur.
Instinto cru.
Autodidacta, torpe, acubillada no dominio sagrado de todo cangarexo ermitán, de todo zoupón en relacións sociais, de todo alérxico a interlocutores face à face:a interfaz. O antifaz. A rede. A rede dos acróbatas, das mariscadoras, dos humanos araña.
Nada de raciocinio na bóveda estrelada do meu cranio…
Viva este xeito de ser.
Un conto de ciencia- ficción. Dende certa perspectiva, un conto siamés. O autor, un tal Fredric Brown. É un pequeno xogo, mesmo ata pode semellar insubstancial para os amantes de tochos e xenealoxías. Porén, acada unha recompensa literaria moitas veces acariciada e poucas obtida:a síntese lexítima entre fondo + forma.
Aparentemente faccile pero sen dúbida divertente.
O final
O profesor Jones traballara na teoría do tempo ao longo de moitos anos.
-E atopei a ecuación chave- dixo un bo día á súa filla-. O tempo é un campo. A máquina que fabriquei pode manipular, e mesmo investir, devandito campo.
Apertando un botón mentres falaba, dixo:
-Isto fará retroceder o tempo o retroceder fará isto- dixo, falaba mentres botón un apertando.
-Campo devandito, investir mesmo e, manipular pode fabriquei que máquina a. Campo un é tempo o -filla a súa á día bo un dixo-. Chave ecuación a atopei e.
Anos moitos de longo ao tempo do teoría na traballara Jones profesor o.
Final o
Pero hai unha modificación. O tempo a recuar non transcorre exactamente igual. Por mor da sintaxe, un diminuto detalle revela que, contada cara atrás, a historia varía no seu xeito de ser contada: as maiúsculas. As maiúsculas son outras.
Se cadra a máquina do tempo, de funcionar, faría o mesmo: priorizaría detalles antes insignificantes e minusculizaría outros…
Así é cando a manipulación do tempo atópase cara a cara co papel, a escrita, a gramática de Alarcos e as súas propias leis.
A ordenación dun cosmos no interior dun rostro.
Hai unhas semanas escribín un conto con ese título, se cadra provisional.
O feito de deixalo aquí e por escrito pode resultar definitivo e mesmo condenatorio se eu decido, por exemplo, presentar ese relato a un premio. Semella evidente que un blog non é un libro, e sen embargo todo este ballón de páxinas persoais actualizadas leva un tempo rillando como unha couza nesas brandas pastas de papel que son os conceptos de autoría, de edición, de publicación. Fágome pública por verter cousas aquí? Deixo de ser inédita por falar dese conto, por penduralo neste espazo invisible para moitos?
Non penduro ese conto aquí. Gárdomo. Non vai maduro para editar, polo momento. Nin sequera aquí. Se isto que fago é editar. Éo?
A fin de contas… que raio quere dicir exactamente ser édito? Simplemente facer que un texto abandone un caixón ou -o que xa vén sendo o mesmo- un cómodo limbo de ceros e uns nun documento dunha carpeta dun ordenador persoal?
Estou publicando esta frase?
Ou non é moi diferente a pegala nun papel nun semáforo polo que pasa xente diversa de diversas nacionalidades, idades, estudos?
Realmente, que significa a efectos legais ter un blog? Se un abríu un blog hai 6 anos e xamais publicou un libro, pero pendura posts regularmente… pode chamarse escritor a si mesmo? Pode facelo con propiedade? Pode facelo con dignidade?
Escribe.
Cal é a diferenza? Os intermediarios? A infraestructura que decide, corrixe, edita, imprime, cola, fixa un prezo e distribúe e organiza unha presentación? Con todos os meus respectos, si. Pero se cadra ás veces esa infaestructura revelouse igual de parcial e subxectiva que un mesmo, en si mesmo, ensimesmado cando decide abrir un blog porque considera que ten algo moi importante que lle amosar ao mundo.
Son areas movedizas e tramposas. Eu teño publicado libros en papel pero sempre arrastrei un punxente pudor a me chamar escritora. Esperaba un recoñecemento por parte dos demais, un recoñecemento que, de non anticipalo un mesmo, non xorde espontaneamente. Non me bastou ter publicado 3 libros para me chamar escritora.
Faltoume ter lanzado algo ao meu estilo, na miña atmosfera. Faltoume escribir aquí.
Esa foi a dose que precisei.
Porque, dalgún xeito, é indubidable que aquí permanezo inédita. E iso proporcióname unha perspectiva moi diferente do que me queda por facer.
Virxindade.
O 21 de febreiro deste ano en curso, de gracia, de desgracia, quéseieu qué foi para vostedes, algo sería porque así coleccionamos os anos na memoria: o ano no que non pasou nada especial, o annus horribilis, o ano das olimpiadas de Pekín, o ano que Khruschev deu un zapatazo, o ano que o avó caeu vestido ao mar e a lagosta botou a perder o trigo, o ano que se extinguíu o dodo, o ano que a lúa desprendeuse de nós e as órbitas planetarias comezaron a se asemellar ás de hoxe, o ano no que escordei un nocelo e fixen clienta de evax con aquel e desencanto, o ano que nevou en Coruña, os fermosos anos do castigo…
Perdínme.
Este ano 2008 significou algo para vocês. Agora vai máis que mediado, pero o 21 de febreiro aínda era un ano recente, a estrear coma quen di.
Ese día, para o ciclo Pinte un bisonte na caverna, por favor arribou dende o Bierzo Igor Lugrís coa sá intención de nos falar de ovnis. De ovnis e de isoglossas. É dicir, da súa páxina persoal en rede e dos proxectos que alimenta dende alí, dende ese alí que non é exactamente aquí pero que é máis aquí que moitos outros aquís.
Igor Lugrís caracterízase por ser home de artefactos. Por exemplo, Mongólia, un dos libros máis retranqueiros e corrosivos da poesía de hais uns anos sobrevive, ademais de como libro en artefacto editorial, como artefacto per se. Razón aquí.
Hai pouco, por acolá, confesou a perda dun libro do que é autor titulado Nunca um helicóptero. Iso xa é nome de artefacto, queiras ou non. Dende que marchou ao Berzo, Igor atopou a escusa ideal para incriminar ao servizo postal que leva e trae obxectos entre ambos confíns do recanto galaico. En virtude dese puntual servizo, hai uns meses recibía no meu buzón esta espléndida xoia pop-artefacta:
Trátase dun dos moitos artefactos de Igor. Unha exposición de cartaces elaborados por el mesmo a partir de versos propios e alleos e fotos e debuxos tirados da rede. No mesmo buzón desembocaron, procedentes de Ponferrada, colantes, poemas soltos, tarxetas de convite e libros. O último, O Livro das Confusons, edicións Infinitas [artefacto?], Ponferrada, 2007.
Aquela tarde do 21 de febreiro da que non lembro se chovía, no Centro On de Caixa Galicia Igor repasou as súas orixes blogueiras, o que procura na rede, o que ofrenda no seu blog [o que ofrenda e non o que ofrece porque dende un blog un ofréndase] e o que alenta dende el con seguinte mascarón de proa: Defende a cultura: Cópia todo o que saibas, todo o que podas, todo o que queiras.
En tanto que el falaba, na penumbra das butacas eu perfilaba a seguinte sentenza mental: se houbesemos dividir os poetas e escritores entre aqueles que aspiran a vivir pasivamente do que escriben [funcionarios, no peor sentido do termo; autocompracentes, no peor sentido do adxectivo] e aqueloutros que aspiran a vivir activamente do que escriben, os cuestionadores, os que argallan, os que non toman iniciativas de segunda man… Igor vai estar dentro destes últimos, e diso non me cabe dúbida. En moitos sentidos, o seu xeito de estar no mundo é concibido coma un combate e é esa a actitude, levada coa intelixencia e o humor con que el o fai, a garantía dunha dose fabulosa de experimento + ironía. Esas pequenas doses en forma de artefacto, colante, convocatoria cibernética, colaxe ou cartaz que lle vimos coñecendo dende hai xa varios anos. Read the rest of this entry »
É tan evidente.
Malia o moito que lle pese ao meu admirado señor Bloom, antisociólogo, anticultural studies… non é evidente que a grandeza artística atribuída a, por dicir un calquera, Van Gogh, atópase nun punto indefinido da relación entre a súa obra – técnica, trazos, cromatismo, temas- e a súa personalidade, a súa vida e a súa morte?
Non todas as obras sostense por si mesmas. En moitas delas, o que sabemos do seu autor e a súa forma de plasmarse nelas constitúen o punch definitivo.
Por iso, recomendo a todo aquel que pretenda ser algoasícomo artista procure levar unha vida e desenvolva unha personalidade que superen en medio punto á súa obra. Talvez lle axude.
Claro que talvez non.
Isto pensaba hoxe na ducha mentres o chorro de auga fría evidenciaba, á súa vez, a triste fin dunha bombona de butano.









Ecos con reverb