You are currently browsing the monthly archive for Novembro 2008.
Hai unha semana traizoei á miña cidade no delicado momento no que estreaba como anfitriona da Feira de Artes Dixitais Move, da que quedei coas ganas, as moitas ganas; traizoeina porque o domingo conducimos o noso coche rumbo a Vigo, a cidade destartalada, a cidade sen lei, a cidade gabeadora.
Carnívora.
Clausurábase o Art Futura en MARCO.
Alí fomos.
Unha vez constatado que o xarope de chocolate dos gofres da rúa Príncipe vai en crise, penetramos no futuro como quen atravesa a porta de pedra dunha prisón.
Chegamos xustiño para nos coar na emisión que me interesaba: cómo non, a titulada Máquinas e Almas. Alguén que ande por aí que me siga dende hai uns anos sabe que me conmove e me aglaia a distorsión semántica á que nos somete a vella linguaxe da máquina, tamén nun eido coma o literario.
A dixitalización invade case todas as formas de expresión, sedúceas cun baile de sete veos, mestúrase con elas intentando salvagardar un chisco de analoxía ou textura, capturar un olor, ollando cara atrás como a muller de Lot… E eu, que entrei na literatura pola porta do cambio de século e cun libro de poemiñas, dedico o meu lecer a procurar xeitos de inxectar esa apertura cósmica, esa escordadura narrativa, en todo canto se me dá por escribir.
Sexa poesía ou non. Sexa bo ou malo. Sexa por encarga ou porque me peta.
Pero andabamos por Vigo, no antigo cárcere que hoxendía alberga MARCO. Alí I entra nunha das celas da instalación durantes uns minutos; somos perforados pola nada acústica gravada nas paraxes dos crimes de Ciudad Juárez; hai globos para Y, globos como bálsamos para esquecer, globos que miran ao ceo voltos un ollo irritado. E tenden a el.

Na pequena sala da planta baixa proxectan Máquinas e Almas. Robots que cantan, esculturas de ferrofluído, os espellos de Rozin [podemos falar desta era sen empuñar un espello?] ou os animais das praias de Theo Jansen. Y asiste a todo iso caladiño, e mesmo atura un par de curtas pop-neuróticas de Satoshi Tomioka. En certo momento comeza a intervir en voz alta no que está vendo e temos que saír.
Unha vez fóra da sala de proxeccións pervagamos polo museo. A exposición temporal do 1º andar é A grande transformación: Arte e Maxia Táctica. Intrígame o nome e subo. Madames Blavastkys levitando, terróns de turba preñados da posibilidade de seren diamante, peneiras de ouro, plantas sobre as que proxectar pensamentos negativos… Matino no moito que ten a ver esa exposición coas ideas que manexaba en Pan [libro de ler e desler], escrito hai 10 anos. A maxia, o ouro, o ovo, mesmo o carbón do que emerxe o diamante… Os textos daquela altura falaban de todo iso, desa posibilidade inxenua da arte e a escrita como maxia. Desa explosión de ilusionismo fumegante baixo a cal se gorece o humano. Da probabilidade de transformar a materia dos pensamentos nun libro, e a quen escribe en algo un chisco máis torpemente inmortal.
Á súa maneira, era un libro sobre a subversión. Ninguén trataba a subversión dende ese enfoque. A subversión polo sexual semellábame xa un campo sementado naquela altura por parte doutras poetas e por escritores/as anteriores a nós. E non digamos a subversión pola linguaxe [roturas sintácticas ou moitas palabrotas e moito coloquial]. Era vangardista de principios de século XX. Era obvio.
Pero a subversión do propio concepto da escrita, da intervención humana no mundo a través dunha páxina? Esa vía presentábaseme moito máis tentadora, máis subrepticia. Máis miña.
Na derradeira páxina de Pan… convidaba a queimar o libro unha vez lido, un desafío para comprobar se se trataba dun libro de ler e desler que ao arder bota luces multicolores. Ninguén que eu saiba fixo a proba. Ou se a fixeron, non ma relataron. É unha mágoa que xa non teña onde atopar ese libro, porque se cadra nun San Xoán…
En MARCO tratamos de contemporizar: subo a unha peneira de ouro xigante e xiro concentrándome en transmutar en pebida no río Ouro; I encerra un minuto nunha especie de foguete psicodélico. Colaboramos coa exposición, deixámonos ultrapasar por ela. Fomos cidadáns boíños.
E regresamos conducindo pola noite na autoestrada A9. Ese funil para aparicións, repeticións e néboas da mente. Con esa maxia ameazante de todo o veloz. O destinado a pasar.
Hoxe ás 19:00 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, 7 mulleres damos vida aos personaxes do Club da Calceta de Teatro do Morcego, aínda que no meu caso non dou vida exactamente, senón ultravida…
O máis prodixioso de pertencer a unha compañía de teatro un pouco zíngara que percorre Galiza dende marzo e na que conviven 7 mulleres é que, ademais de plasmar unha ficción escrita por María Reimóndez, entretecemos a nosa propia obra de teatro behind the scene. As nosas 7 historias privadas son tamén materia da dramaturxia. Pero esa é outra historia e debe ser contada noutra ocasión…
Estíbaliz…Espinosa, aka A Criatura Mecánica [aka Opia] vén de publicar escolmas persoais en issuu.
http://issuu.com/criaturamecanica
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/textos_carbon_feros
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/escolma_de_mec_nica_zeleste
Foi no 98, ou quizais no 99.
Non foi por idolatría, cousa que odio por patética, senón por curiosidade. Curiosidade devota, si.
Escribinlle unha carta a Wislawa Szymborska. Busquei unha tradutora polaca e reescribina toda. En polaco. Sentíame tan preto dela, desa octoxenaria, apenas separada dela polo grosor dunha ou dúas páxinas… crinme investida de insoslaiables dereitos. Enviarlle unha carta entre eles.
Nunca fixera nin volvín facer cousa semellante.
A carta dicía moitas cousas, principalmente que agradecía ter coincidido con ela nesta membrana? supercorda? rebanda? dimensión espazotemporal. Que me gustaba como humana. Que eu visitara Cracovia un ano antes de xira cun coro e só pensaba en atoparma pola rúa, na Stare Miasto, botando bafo polo nariz e cun gorro de lá grosa. E que a súa poesía redimía todas esas versións petardas da poesía, todos eses Contra os poetas impresos e reimpresos do agudo Gombrowicz, todas esas lexítimas e fundadas razóns para aborrecer ou mofarse de semellantes interfectos barra as.
A cousa foi que tras moito tempo ela respondeume. Contra todo prognóstico. Envioume esta encantadora e algo fuxidía criatura [Ja chce do domu coido que quere dicir algo así como Quero ir a casa] cunhas letras en polaco ao dorso. Telefonei á miña tradutora polaca: marchara. Quedei un chisco desconcertada. Xa para sempre. Desconcertada. Endexamais sabería o que me caligrafou esa muller dende Kraków, probablemente unha mañá despois de apurar o almorzo quentiño, entre miles de cartas de admiradores barra as, con +2º de máxima no exterior, unha cunca con restos de café, figuriñas de cerámica absortas nas tesouras que recurtan, mentres a algúns quilómetros o director do seu banco trisca a lingua botándolle un ollo á conta corrente desa mulleriña, na que a partida de cartos do Nobel leva varios meses fosilizada.
Ela alí, pegando ese esquelete de dinosaurio nunha tarxeta beige. E eu aquí.
A nada máis 3.041 quilómetros, 1 día e 4 horas segundo o Google Maps. En coche.
A súa resposta atravesou voando eses parámetros.
E dende aquela, leva comigo en mudanzas, metida en libros, pendurada en cortizas… sen ter sido descifrada todavía, como un disco cretense en Liñal A.
Hoxe quedei mirando para ela, un xeroglífico cotián ao que non presto demasiada atención. E ocorréuseme pensar que talvez haxa por aí algún Turco Mecánico lendo isto que posúa os rudimentos precisos para traducir do polaco ao galego.
Es ti?
Eu vin ceros e uns que vós non creriades.
Hai cousas. Hai cousas que só acontecen en internet. E, de logo trascender
en, faranno manchadas de cibernética, manchadas deste grotesco e vasto curral que é a rede onde todos se buscan ás agachadas, tecooooleando o seu nome en google.
Á súa esquerda, un vaso de algo. Que apuran. A sorbiños. Compulsivos.
Todos os que traballamos aquí, deste lado do mundo, deste lado da fervenza do val dos elefantes, deste lado do ecrán, deste lado do telón de 000 e 11111, deste… [basta, non me pagan por exprimirme ata este punto, de feito non me pagan] sabemos que nos enteiramos de novas, memes, accións que ao mundo real poden arribar con outra forza, con perspectiva diferente. Sabemos que hai cousas que só existen aquí.
Que a súa dimensión é diferente por existiren aquí.
[I en ocasións vemos mortos]
Non sei se o sabemos ou o intuímos. Vén sendo o mesmo?
Deste lado do telón de ceros adquirimos outra entidade, que é case unha outra identidade. Os grandes tímidos atrévense e os ghuapos fican reducidos a unha frase que asegura que son guapos a carón dun pequeno avatar. A xente búscase a si mesma para descubrir a outros que se chaman exactamente igual e viven en, poñamos, Petrópolis. Ante a interfaz os grandes negociadores salivan, os artistas dixitalízanse tamborilando os dedos sobre o qwerty con furia artística, as novas intranscendentes volven relevantes e acaban por colonizar a prensa e outros medios de comunicación. A rede, coma todo enredo comunicativo, tamén fala de si mesma, tamén practica a rendible autofaxia: do mesmo modo que os rancios contidos da tele consisten na propia tele [programas que aluden a outros programas, programas feitos de retallos, patchwork televisivo], un dos grandes protagonistas da internet é o propio elemento mistérico da internet. A enxeñería, a linguaxe, os artiluxios de ordenador. Geekadas. A sublimación da chatarra silícica.
E a comunidade virtual. O aval de todo intento de volvernos postrimería.
Moitos escritores, impostores, clons e aledaños saltamos aquí porque dexergábase un reino fabuloso tras dun telón de ceros. Un reino que tardou apenas un par de anos en se superpoboar, ben é certo, pero un reino onde por fin a impostura era lei e non importaba non figurar no círculo da edición e xestión de libros en papel. Tras do telón de ceros son moitas as tramas que se urden, moitas as conquistas e algunhas non pasan das 1000 visitas. A posteridade converte nun grial sensiblemente máis esotérico: quen pasa á posteridade entre tanto nome? Quen garante o seu nome ante un millar de nomes? Quen esixe semellante titanismo de si mesmo?
E sobre todo, que significa un nome?
Está claro que unha condición sine qua non para existir sobre as calizas da terra é existir sobre o cristal líquido da pantalla. Así aconteceu co Prestige, coas protestas pola guerra de Irak, co acelerador de partículas do CERN ata chegar ao governo de transición de Obama… e aquí, na internet, todas esas apariencias de realidade flotan con new yorkers, animacións chinesas, elena chernenko, portais nacionais de bhutan, rebelion.org, lotte reiniger, lectores malheridos, petites claudines, microsiervos, pornotubes, chuzas, persoas en prácticas, criaturas mecánicas, ciber pin-ups, turcos mecánicos, calidonias, haijins, levantadores de minas, foros de ubuntu, bellas varsovias, multas de luisgarcíamonteros, fotos do teu fillo, mensaxes da sonda mars phoenix en twitter e terabytes de documentos en creative commons.
Mentres outros ven a tele, somos moitos os que vivimos deste outro lado. Onde disque faise a compra, procúrase parella e se queda ben ante a modernez estando aquí. Cunha presenza espectral, inventada, conectada. Seica o mundo comezará en anos vindeiros a suceder por aquí? E a nova forma de sociabilidade redistribuirá as categorías sociais entre conectados e non-conectados [plugged e unplugged]? Que acontece cos que non acceden a este lado? Simplemente, non existen. Que conclúes se tecoleas Liberia e non aparece nada? Non existe.
Os que precisan colirio nos ollos e fisioterapia para malas posturas da columna xa somos lexión… Lexión de zombies.
Isto é a parte de atrás dun poema chinés.
As artes dixitais permiten entrar e saír dun sen pedir permiso.
Coido que é o mellor que se pode facer cun poema a día de hoxe: atravesalo de parte a parte.
Perspectivizalo.
Tamén este évos tremendo. Máis lento. Máis tao.
A música.
Sonríe cuando te vayas a fosilizarQue no piensen luego que lo has pasado mal
Procura extinguirte con clase y dignidad
Piensa en el Museo de Historia Natural
Pueblos del mundo, extinguíos. Siniestro total











Ecos con reverb