You are currently browsing the monthly archive for Decembro, 2008.
Estou soa nalgún lugar desta frase, entre onte e hoxe, entre norte e sur.
Entre. Aquí. E. Alá.
O derradeiro día do ano parece preciso dar explicacións de algo, facer listas de algo, facerse unha foto de un mesmo facendo algo. A miña foto deste instante é:
unha vella chaqueta de lá fucsia
un neno durmido
estas 4 lecturas, remotas unhas das outras, pero xuntas en min: Sloterdijk, Banksy, Pureza Canelo, Pilar Pallarés
Grizzly Man descargándose no Ares
non teño 12 uvas
na casa da miña nai hai uvas
Grizzly man de Rockettothesky [Jenny Hval] soando no iTunes
pensando en 2 agasallos que mercaría
na fiestra do 8º piso da casa da esquina alguén pegou unhas caras moi simpáticas . Sempre me fan sorrir
pensar agora nun animal abisal bioluminiscente, unha medusa ou algo similar, é absurdo. Pero penso nel. É o seu derradeiro día do 2008, a menos que siga o calendario chinés ou un calendario abisal bioluminiscente cuxa existencia énos descoñecida
teño que ducharme
escribín bastante os últimos días, o cal proporcióname unha fraudulenta sensación de avance. Persisten dous textos que non sei como rematar
se poidese manter o ritmo de escritura dos últimos días durante todo o 2009
2009
Barcelona
Madrid
pero Barcelona
Y
sempre tendo a preocuparme antes de que se corporeice [?] o propio motivo da preocupación. Esa é unha das facetas máis preocupantes do meu temperamento
2009: tampouco cambiarei de temperamento
2009: rozar o mínimo luxo de poder escribir sen moverme de aquí. Non moverme de aquí. De Y. Dos meus. Rozar o mínimo luxo de non precisar saír de aquí para gañar a vida.
os meus pes descalzos. Son bonitos, os meus pes
penso en MDM, en traballar máis con eles
pensar agora nunha galaxia similar á nosa é absurdo. É mesmo estúpido. Pero penso nela. Visualizar galaxias, estruturas celestes, vectores e cousas así é un exercicio de paixón. Ás veces teño que procurar a emoción niso, en visualizacións de neuronas, de accidentes solares, de fórmulas do carbono, de cristais de neve, de neanderthais abrazándose nunha gruta cantábrica… Ás veces iso emocióname máis que que me digan que me queren. Máis ca o pobre cadáver abeto ao que se lle cae a purpurina a cachos no salón. Máis que pasar o ano nunha festa
as festas sempre foron exames suspensos para min, ou que pasaba raspando
as festas son un guion de comportamento
onte recibín un sms bonito
vexo unha foto do meu gato. O meu gato só existe en foto. Do meu ex-gato
teño que espertar o meu neno
teño que ducharme
teño a regra
teño que escribir unha última cousa máis
lembro que hai 11 anos estaba regresando de Ucrania, cunha persoa á que quería
acabo de visualizar o caixón da roupa interior: alí, ás escuras, está Betty Boop
vou ducharme e poñer a Betty Boop
gústame escribir sen ducharme e ducharme xusto despois. Coido que Luísa Castro, en Baleas e baleas, falaba diso nun poema final: Despois de toda unha tarde escribindo versos, ducharse, ou algo así. Eu imaxinaba a Luísa Castro, bonita como é, ollando para o desaugue, matinando no que acababa de escribir
iso vou facer eu nuns minutos
ficar pampa ollando para o desaugue remesturando no cerebro todo isto, matinando en todo isto
en Barcelona, Betty Boop, Pureza Canelo, foam cities de Sloterdijk, a maternidade de Sloterdijk
na maternidade
en mamá
en Y
na peli que vin onte comendo puré de cabaza, soa: No limiar da vida. Unha marabilla interior de Bergman
a maternidade
a maternidade
eu son mamá
comprendo as figuriñas de fertilidade, as divindades mexicanas parindo en crequenas, comprendo as rachadelas espazo-tempo, as rupturas, todo o mundo debería parir algunha vez, mesmo que lexitimamente non aspire a ser nai
parir é unha droga
a miña amiga E. cando quedou grávida asegurou que camiñaba polo mundo sentíndose poderosa, poderosa afrodita
eu lembro sentir que levitaba: a gravidez produce levitación
na tenda Alita de cómics merquei unha lata de Caramelos Anti-Gravity. Trasantonte. A dependenta é moi guapa. Celebro comprarlle cousas
gústame a palabra trasantonte. En galego, o pasado é máis profundo que en castelán

Tamén o que escribimos.
Tamén o que escribimos todos os miles de millóns que escribimos, que escribides. Tamén moitos deses textos ficarán como escritos con tinta simpática. Irán esluíndo.
Mimetizando co empapelado.
Coa paisaxe.
Coas nubes que pasan. Pasan. Calan.

De ser algo, serei a redución a este texto.
Non me queixo. Moita xente non é máis ca unhas mans a enguedellar cestas ou un lombo que sobe e baixa minas. Moita xente é un discurso esquecido, si. Pero moita outra é un discurso atravesado na garganta antes de emerxer. A fin de contas, unha lápida tamén é a redución a un texto.
Os libros de memorias. Os testamentos. As letras de cancións. Ata as leis e por suposto as constitucións son reducións do saber/deber dun pobo.
Son reducións a textos.
Claro que en ocasións non se pode falar con propiedade de reducións. Hai textos que magnifican aos seu autores. Fannos medrar, coma fungos de Alicia. Era veradeiramente Stendhal tan? Cervantes? Shakespeare? Valle-Inclán? Murasaki? Tan?
Debes sopesar amodo antes de poñerte a empuñar letras e ideas, antes de poñerte a facer voar conceptos pola bóveda do teu cranio, debes elixir que texto queres ser. A que texto queres verte reducido. A que palabra [Scheherezade, gruta, cosmonáutica]. A que título. A que subxénero. Estilo. Nivel semiótico. Coordenada socioliteraria. Parámetro sexual.
Mais se de verdade o que che importa é escribir, nada diso fará que te deteñas nin un par de minutos.
Debes conceder que o teu texto deveña máis humano, máis luminoso. Ca ti.
Ti non es máis que moitos demais.
Ti non es máis que moitas ou poucas letras.
Ti non es máis nin menos.
A editorial DVD pedíume que colaborase na súa páxina web cunhas antifelicitacións navideñas que irán pendurando ao longo dos vindeiros días celebraticios.
Non son moi de Christmas carols malia, por levar a contra, estas festas non me disgustan: gústanme a neve, o inverno, os beléns, as luces, as estrelas de Oriente, os mazapáns e o ouropel das árbores. Desprezo os papanoeis polo parecido fonético á palabra papanatas. Gústanme os agasallos pequenos. Cos grandes non sei que facer. Recoñezo que pasado o día 31 estas ferias volven insoportablemente decadentes, se cadra porque levan xa máis dun mes en apoxeo, e non hai nada -nada- que saia indemne dun apoxeo.
Divírteme ver a xente estúpida e malvada facéndose a boa. A caritativa.
E gústame verme nos ollos de Y tocando unha pandeireta de plástico verde dos meus 3 anos, dentro dun tempo seus.
Á web da editorial DVD mandei este texto, traducido ao castelán:
Neve sobre cacharelas de San Xoán. Muérdago contra a sida na lapela. Disfraz de camelo real. Baltasar nadando a braza na praia das Catedrais, 30º. Papa Noel de penitente en via crucis, con látego de sete colas. Astenia primaveral en Belén. Olentzero e mailo Apalpador brindando con cava. Uvas do val do Jerte. Peliqueiros de Laza azoutando con grilandas. Virxe alérxica ao pole. Herodes de magosto en Ourense. Caganet sorprendido en medio do Walpurgis. Melchor na tomatina. Gaspar na Oktoberfest. Anxiños con cabeza de cabaza. Ouro, incenso, un libro e unha rosa. Xesusiño no globo de Betanzos. Mula declarándose a Boi por San Valentín.
Festas. Festas. Festas. Sempre e cando e como un as queira.
Naviz Felidal.
do leandro lamas

Nicoletta Ceccoli
Teño unha amiga que xoga ao póquer; un amigo que coordina unha ONG; outro que traballou de boy; outra que cambiou a vida urbana pola rural nunha casa con framboesas dende a que se ve Monçao; teño un amigo topógrafo que me leva a ver a neve e pensa silabicamente en haikus; teño un irmán que le sempre o axeitado; teño un amigo que viaxou a Xapón; teño un amigo cun pseudónimo; coñezo a un suicida; coñezo a dous; teño dous amigos pintores; teño un ex-compañeiro de facultade croupier; teño unha amiga produtora de teatro en Madrid; teño unha nai que se parecía a Romy Schneider, pero en forte; teño unha amiga que fuma Van Holden; teño unha amiga que nestes intres pode que estea na India ou en Italia; teño unha amiga cun can; teño unha amiga con dous gatos; teño unha amiga namorada.
Algúns deles pode ata que coincidan na mesma persoa.
Envéxoos a case todos. Por iso amoréoos a todos aquí, con fruición de coleccionista, para contemplalos dende este 0100011110110 mentres unha luz cae cientificamente sobre a miña condición mortal de non-figura literaria.

Espalda Núa Willi Kissmer
Un día, fun a unha exposición de Branda: un dos cadros era a parte de atrás dun lenzo.
Outro día, fun a unha exposición de Pablo Gallo: moitos cadros eran paisaxes urbanas sen xente nin coches. Tamén había outros con vísceras flotando sobre xente ou animais.
Dun modo intuitivo, todas esas imaxes ilustraban o que alimenta a literatura ou, máis que á literatura, aos modos de contar: os cambios de perspectiva. O metabolismo da perspectiva. Ou os seus cambios, trastornos, de fortuna.
Adiante pasa a ser atrás. Dentro pasa a ser fóra. Cheo pasa a ser baleiro. Eu pasa a ser el. Un texto pasa a ser falar dun texto. Un gran conto é a posibilidade de contalo. Unha grande novela é a posibilidade de vivila. Un gran poema é a posibilidade de…
A posibilidade de?
Non o sei. Non me gusta onde me deixou esa frase, semellante abismo, a quen se lle ocorre acabar así.
Vivo aillada e se cadra por iso a miña concepción da literatura aíllase cada vez máis. Non podo remedialo. Non quero remedialo. Os textos víranse de costas porque eu quero que se viren. Quero agarralos das omoplatas, non ver o seu sorriso triunfante. Os textos non triunfan. Os textos voan. As ás parten das omoplatas.
Eu quero agarrarlles as omoplatas.
Pensei en escribir un texto, un poema ou un texto tipo conto, dos que estou facendo últimamente, levo anos con eses contos no lombo, contos que falan de ir contar algo sen chegar a facelo nunca. Pois ben. Un deses. Ou un poema. Os poemas son incómodos, a xente non os dixire ben, acéptaos por compromiso:
Xente: un poema? Vaia, e que ben – e ti advirtes un sorriso moi torcido, torcido ata dicir basta. Torcido ata dicir Basta de poemas. Non escribo un maldito poema máis.
O único que fan os meus poemas hoxendía é engordar antoloxías ou libros temáticos: sobre lobos, sobre tundras, sobre pezas de ensamblaxe nunha fábrica de retroescavadeiras… Algúns deses libros son fabulosos, pero hei recoñecer que a vida dun poema reducida a iso é unha vida dependente, de circunstancias, pouco sanguínea, máis ben mortal.
A xente acepta moitas cousas por compromiso. Eu mesma acepto moitas cousas por compromiso. Os textos que quero escribir resenten diso e cando vou abordalos, cando vou escribir sobre a protagonista que morre ou namora ou incendia algo…, entón o texto revírase e non quere saber nada de min.
Dáme as costas. O texto que eu quero escribir, isto é incrible, dáme as costas. A min.
Esas costas debuxan na pantalla un texto coma este.
Se o noso coleccionismo fotográfico entra dentro da categoría dunha hybris, dun desafío arrogante á memoria cósmica, daquela xa sei cal é a súa peor némese: que un mesmo -e non un incendio, un tsunami, unha deusa ciumenta ou unha parella furiosa- se encargue da desaparición de moitos dos seus enxendros. É dicir, fotos. E que non se decate do feito ata pasadas varias semanas.
Poñamos: hai 5 anos adquires unha Polaroid 1200i. Durante os 3 anos seguintes dedícaste a rexistrar instantáneas con ela. Con mimo, gárdaas todas -unhas 200- nunha lata co debuxo do emperador e o reiseñor de Andersen na tapa. Para que conto ese detalle? Euquesei. Andersen é o mago da tristeza. Un emperador e un reiseñor mecánico compoñen unha figura outonal, de coleccionista, de coleccionista fotográfico.
Pouco tempo despois, a casa Polaroid anuncia que deixa de comercializar non só cámaras senón tamén cartuchos.
[Polaroid era un laboratorio pendurante, pero non un laboratorio químico, senón máis ben o de Paracelso. Polaroid era tamén un artiluxio maternal que paría fotos, abríase e lanzaba fillos de prodixiosa maravilla que ían cobrando forma na túa man ata volverse imaxes de calidade pésima, durabilidade finita e destinadas ao fervor]
Unha tarde de outono, durante unha limpeza, por erro botas no lixo unha bolsa coa lata de Andersen dentro.
Dous meses despois, unha mañá de decembro tras días de procura, decatas. Afundes nunha moderada desesperación, unha desesperación hemisferionorte, xa que alomenos escanearas algunha das fotos. Iso si: o encanto da polaroid, o encanto de desaparecer pouco a pouco, de amarelear, de botar un líquido por un ladiño porque se axitou mal… ese charme táctil e alquímico perdeuse para sempre. Con todo, un despiste tal, como drama, fica dentro dos estreitos límites da sociedade occidental.
Acoutando máis, eu diría que fica dentro dos estreitos límites do teu entorno inmediato. E máis aínda: eu diría que fica dentro dos estreitísimos límites da túa vida privada. Unha vida privada non é unha alma.
Daquela, o feito en si carece de trascendencia metafísica.
Xusto o que máis fode.
Nesta imaxe do 2004 ou 2005: María Lado, Lucía Aldao, eu

polaroid deteriorada e perdida para sempre

by Oleg Dou
O verdadeiro núcleo duro en todo isto radica na ostentación de autoridade moral, de integridade, de discurso válido do must be. O fondo, os contidos, pérdense no abismo.
A cuestión aquí é que non podo evitar detestar e desprezar aos ostentadores de autoridade moral porque iso é o máis parecido á Igrexa que existe: a Igrexa Católica -a primeira multinacional da historia, a primeira cun logotipo baseado no horror e a tortura, a primeira cun embaixador mártir- erixíuse dende certo momento como a posuidora de autoridade moral: nós somos os bos, vós sodes os malos. Pero achegándovos a nós poderedes rozar -previo pago, previo asentir en todo, previo sufrir- unha migalla da nosa celestialidade.
A relixión é connatural ao pensamento humano. As igrexas son connaturais a certos modos de organización social e mental baseados nesa autoridade moral incuestionable. Cuestiono ás segundas, non á primeira.
Sempre hai un sorriso autocompracente en todo canto ten a ver coas igrexas, coas freguesías. Un sorriso que escapa, de pura pracidez, de puro crerse bo ante o aplauso dos fregueses que non arriscan perder o seu posto na xerarquía.
Por iso de ser eu algo, coido que sería apóstata de todas. De todas. Mesmo de unha que levase o meu nome.

Non esquezas isto: textos forenses. Descuartizados. Esgazados.
Falar dun texto estando dentro del, adoptar ese perspectivismo. Iso é. Isué. Todo o demais non paga a pena.
Esa achádega, si.

A emperatriz de China
Se os homes xogan a deuses por escribiren novelas… déixannos ás mulleres a posibilidade de sermos Virxesmarías en libriños de poemas?
Lido por aí, nunha libreta moi vella

Natalie Shau
Clarice Lispector.
Ucraína e brasileira.
Unha especie de oxímoron andante, escribinte, silandeiro. Arelante. Os textos de Clarice teñen algo de aparición no alto das escaleiras. Sobrecollen un pouquiño. Ás veces.
Este é un dos contos que máis tardei en esquecer escrito por ela. De feito, polo de agora non logrei esquecelo nunca. Iso é moito para un conto.
O PRIMEIRO BEIJO
Os dois mais murmuravam que conversavam: havia pouco iniciara-se o namoro e ambos andavam tontos, era o amor. Amor com o que vem junto: ciúme.
- Está bem, acredito que sou a sua primeira namorada, fico feliz com isso. Mas me diga a verdade, só a verdade: você nunca beijou uma mulher antes de me beijar?
Ele foi simples:
- Sim, já beijei antes uma mulher.
- Quem era ela? perguntou com dor.
Ele tentou contar toscamente, não sabia como dizer.
O ônibus da excursão subia lentamente a serra. Ele, um dos garotos no meio da garotada em algazarra, deixava a brisa fresca bater-lhe no rosto e entrar-lhe pelos cabelos com dedos longos, finos e sem peso como os de uma mãe. Ficar às vezes quieto, sem quase pensar, e apenas sentir – era tão bom. A concentração no sentir era difícil no meio da balbúrdia dos companheiros.
E mesmo a sede começara: brincar com a turma, falar bem alto, mais alto que o barulho do motor, rir, gritar, pensar, sentir, puxa vida! como deixava a garganta seca.
E nem sombra de água. O jeito era juntar saliva, e foi o que fez. Depois de reunida na boca ardente engulia-a lentamente, outra vez e mais outra. Era morna, porém, a saliva, e não tirava a sede. Uma sede enorme maior do que ele próprio, que lhe tomava agora o corpo todo.
A brisa fina, antes tão boa, agora ao sol do meio dia tornara-se quente e árida e ao penetrar pelo nariz secava ainda mais a pouca saliva que pacientemente juntava.
E se fechasse as narinas e respirasse um pouco menos daquele vento de deserto? Tentou por instantes mas logo sufocava. O jeito era mesmo esperar, esperar. Talvez minutos apenas, enquanto sua sede era de anos.
Não sabia como e por que mas agora se sentia mais perto da água, pressentia-a mais próxima, e seus olhos saltavam para fora da janela procurando a estrada, penetrando entre os arbustos, espreitando, farejando.
O instinto animal dentro dele não errara: na curva inesperada da estrada, entre arbustos estava… o chafariz de onde brotava num filete a água sonhada.
O ônibus parou, todos estavam com sede mas ele conseguiu ser o primeiro a chegar ao chafariz de pedra, antes de todos.
De olhos fechados entreabriu os lábios e colou-os ferozmente ao orifício de onde jorrava a água. O primeiro gole fresco desceu, escorrendo pelo peito até a barriga.
Era a vida voltando, e com esta encharcou todo o seu interior arenoso até se saciar. Agora podia abrir os olhos.
Abriu-os e viu bem junto de sua cara dois olhos de estátua fitando-o e viu que era a estátua de uma mulher e que era da boca da mulher que saía a água. Lembrou-se de que realmente ao primeiro gole sentira nos lábios um contato gélido, mais frio do que a água.
E soube então que havia colado sua boca na boca da estátua da mulher de pedra. A vida havia jorrado dessa boca, de uma boca para outra.
Intuitivamente, confuso na sua inocência, sentia intrigado: mas não é de uma mulher que sai o líquido vivificador, o líquido germinador da vida… Olhou a estátua nua.
Ele a havia beijado.
Sofreu um tremor que não se via por fora e que se iniciou bem dentro dele e tomou-lhe o corpo todo estourando pelo rosto em brasa viva.
Deu um passo para trás ou para frente, nem sabia mais o que fazia. Perturbado, atônito, percebeu que uma parte de seu corpo, sempre antes relaxada, estava agora com uma tensão agressiva, e isso nunca lhe tinha acontecido.
Estava de pé, docemente agressivo, sozinho no meio dos outros, de coração batendo fundo, espaçado, sentindo o mundo se transformar. A vida era inteiramente nova, era outra, descoberta com sobressalto. Perplexo, num equilíbrio frágil.
Até que, vinda da profundeza de seu ser, jorrou de uma fonte oculta nele a verdade. Que logo o encheu de susto e logo também de um orgulho antes jamais sentido: ele…
Ele se tornara homem.
Clarice Lispector en “Felicidade Clandestina”

Nos últimos tempos un troll visitou este blog e logo paseou por outro coa mesma cantilena. Claro que o segundo blog era “da mesma fila” ou seica compartían sombra e non pasou nada.
Pero a min non me van os trolls. Nin que dicir dos curas que sermonean. E a xente con moralina que pretende dar leccións? Para nada. E a que critica sen ton nin son? Pois tampouco me vai. E non esquezamos as pijadas. As pijadas… tampouco me van, hale. Hoxe non me vai nada, que lle vou facer.
Comungar con rodas de muíño, déixoo para as freguesías.

Pero que é isto? Que representa un blog ? Outra burda manobra de popularidade? Como a televisión?
Búscome a min mesma [nesta etapa do personismo en termos de Vicente Verdú, neste episodio da historia con maiúscula?] en cada foto miña que penduro, en cada texto que publico?
Aspiramos a ser a imaxe de marca de nós mesmos? A garantía da nosa propia brand equity?
Para iso é que nos construímos? Era ese o concepto de carisma que Weber aplicaba á autoridade política? O concepto de fotoxenia que lle podería valer a Avedon ou a Almodóvar?
Cando escribía na nenez e na adolescencia matinaba en todo isto?
Non. Sei que nin se me pasaba polas constelacións do cranio que as regras do mundo fosen estas. Que eu tivese que simular ser escritora para selo, que houbese impostar a voz, telefonar, fabricarme unha páxina na rede, saber un pouco de linguaxe html, outro pouco de photoshop, outro pouco de dereitos de reproducción de textos, outro pouco de subvencións [e anda rápida], latricar animadamente con editores e xestores culturais, ir a festas para ser vista, repetirme como un clon de min mesma en cada soporte posible, en cada páxina que me brinda a oportunidade de existir, en cada verso, en cada atmosfera que se me ocorreu por casualidade a min antes que a ninguén para logo ser usurpada
todo eu soa na soidade dun cuarto, dunha ducha, dun auditorio con pantallas xigantes…
O decadente star-system hollywoodense traspasounos algo da súa miseria co seu modus operandi: a sona calcina, pero todos ansían calcinarse como estúpidos. O star-system puña por diante rostros e corpos de actores antes que directores, guións ou efectos especiais [os reclamos de hoxendía]. O star-system funcionaba porque un rostro equivalía a un xeito de ser [Non son Henry Fonda. Ninguén posúe esa integridade. Henry Fonda] e os actores eran fáciles encarnacións do abstracto, dunha moral, duns soños. A día de hoxe a saturación de rostros do star-system esgana a posibilidade de encarnar nada por moito tempo. De aí que haxa que ser camaleónico. O novo adxectivo da modernidade.
Tamén na literatura e tamén na galega.
Que significaba ser escritora antes de toda esa pegañenta arañeira?
Ser escritora significaba escribir. Escribir cousas marabillosas como a revelación do segredo do cosmos ou terribles como a condena dun cerebro ao haloperidol. Escribir era relatar un momento do universo, íntimo ou global, e facelo perdurable. Escribir era non procurar a estúpida popularidade, a mercantilista, a de son porque me recoñecen senón unha arela moito máis cobizosa e reptante: a posteridade. Non quero que me recoñezan na cola do pan. Non quero que me vexan en todas partes. Non.
Nin sequera creo que lembrarse do meu nome me vaia facer un favor.
Non. Popularidade non. Eu buscaba a posteridade. A posteridade a través de ideas que se me rompían por dentro, de argumentos e teimas nos que se me ía a vida… A posteridade en forma de inxección de vida para outros, un concepto maternal de posteridade, en calquera caso un concepto feminino e como tal maquillado, peiteado e vagamente silueteado. A posteridade matricial. A posteridade matrix: pervivir na memoria dos que me continúen en forma de texto, en forma de idea, en forma da encarnación dunha idea ou dunha serie delas.
Na esfera de vidro da literatura galega e da literatura da galaxia, se é que o confín se amplía, eu aspiraba a encarnar os textos cósmicos, repregados sobre si mesmos para verse a si mesmos, os versos siameses e os relatos e as novelas biónicos: as criaturas, os espazos de vida… Aspiraba eu a encarnar todo iso antes ca ninguén. Na esfera de vidro da literatura galega. A reflexionar desde a literatura dese estatuto humano que significa non ser único.
E o guión deste espectáculo, ese guión tosco e escrito unha soa vez, todo ese argumento patético de vaidades que albisco, todo ese “quítate, por favor, que teño que poñerme eu”, todo ese “necesito que me vexas”, todo ese “mírame, cómprame, págame” e todo ese “eueueueueu” sóame a iso. A eueueueueueueueu. Un xeito de farfullar. O opio dos vulgares: crer que poderán ser alguén. Crer que o seu nome andará a repetirse cun par de altofalantes chantados un na Antártida e o outro nun glaciar do Ártico cando eles vaian defuntos.
Cando era nena eu escribía o tempo todo para min de non ter que convertirme niso.
Escribir. Ao final, por máis arrevesado que sexa, escribir é isto. E isto tamén.
E isto.
En canto á foto, tamén é unha trampa.







Ecos con reverb