You are currently browsing the monthly archive for Febreiro 2009.

6394d5799832ed69b1ec71503d50ed5765aa9b0f_m

Modos de electrocutarte

Un estudo absurdamente preciso estima que un 28% de científicos destacados, un 60% de compositores, un 73% de pintores, un 77% de novelistas e un pasmoso 87% de poetas presentaron un certo grao de trastorno mental

Matt Ridley

Que nos fai humanos

Abráiame que non inclúan a políticos, actores ou directores de cine, teatro e TV nese absurdamente preciso estudo.

Actualização 25 de feb: tras a reflexión ao fío dos comentarios, o que verdadeiramente é inexplicable é que non inclúan a psiquiatras, constructores de urbanizacións, alcaldes, corredores de bolsa e directivos do FMI nese absurdamente preciso estudo.

E a moitos. Moitos. Moitos máis.

Retrato de muller negra. Maruja Mallo

Retrato de muller negra. Maruja Mallo

Estes días xanto con moita xente ao mesmo tempo. Estou nunha cidade con moita xente ao mesmo tempo. Xantamos delicias picantes de moitos lugares do mundo. Nós vimos doutro lugar do mundo. María Reimóndez tamén anda por aquí, cunha bolsa con agullas de calcetar e un protoxersei verde, a medio facer. É bonito ter cousas a medio facer. A vida, por exemplo, a medio facer.

Ollo longo tempo esa bolsa con calceta que repousa onda unha mesa, coma un biscoito nun forno, como unha nena nunha cama a medio facer.

A miña nai calcetárame unha vez un xersei terrible, medieval, que me molestaba na sisa. Aprendérame a calcetar. A calcetar e a ganchillar. Era delicado facelo pero había naquilo algo elocuente. Entre os sons que me gustaban por aquel entón atopábanse os miudísimos clin-clin das agullas de calceta ao entrechocaren, así que unha das motivacións da miña pseudocalceta consistía en propicialos no silencio da casa.

Mamá non calcetou moito máis e dedicouse aos patróns do Burda con resultados máis resultóns. A día de hoxe fai tapiz gobelino e patchwork. Hai anos que non calceta. Boto de menos o dano na sisa daquel xersei que probablemente xa non existe.

María si calceta e lémbrame a esa fotógrafa estrela do flickr, a islandesa Rebbeka Gundleifsdottir, que fai xerseis. Con grecas nórdicas. Aproveitando o seu éxito como fotógrafa, Rebbeka xa vendeu varios na rede.

O ano pasado, María ordenoume calcetar. Dixo:  Calcétame unha bufanda. Non sei facelo, non me lembro- respondín. Logo, que sabes facer? Crin que sabía escribir, como todo occidental. Escríbeme un texto para un libro con textos de galegas e mais etíopes

Penseino un pouco.

Podo escribir un texto sobre algo que só coñezo mediatizadamente? Talvez debería poñerme a calcetar bufandas.

Unha bufanda para unha etíope. Se cadra serviralle o mesmo que este texto que calcetei ao longo duns poucos días do ano 2008.

Escribín “para unha etíope”. Imaxino máis facilmente a unha muller etíope que a un home etíope. Son consciente dese pequeno luxo inxusto: que no meu cerebro unha categoría nacional estea representada en abstracto polo suxeito feminino e non o masculino. Etiopía éme unha categoría mental feminina.

Velaquí copicolo o texto para un futuro libro conxunto de etíopes e galegas que coordina María dende o seu traballo á fronte de Implicadas no Desenvolvemento. A día de hoxe míroo e xa é un pouco menos meu. Unha bufanda de varios centímetros que emerxe das miñas axilas e roza por un momento a ilusión de ser significativa na garganta dunha abisinia. Unha inxenuidade tamén occidental. Asumo con digno pesar que pertenzo a esa raza terrible, vanidosa. Os occidentais.

Elixir

Entre ser texto ou non selo, elixiches selo.

Entre unha rocha de Lalibela, unha desangrada árbore de coral ou un representante do reino animal, titubeaches uns cen milenios.

Entre cordada ou invertebrada, deuche igual: chordata

Tetrápoda ou bípeda. Aí pensáchelo un pouco. Logo, traballosamente, levantaches.

Ao lonxe, unha panteira bocexaba logo de terche devorado por non correr dabondo aínda.

Decidiches criar aos cachorros dentro da propia especie e non ceibalos en ovos
tan perfectos, si,
mais fendendo apenas ao os nomear.

Entre primate e non primate: quixeches termar do mundo coas túas mans. E fuches primate.

Doado.

Na casilla chimpancé ou homo escolliches homo, na terra na que os homo aconteceron e pestanexaron antes que en ningunha outra terra.

Viches claramente a un chimpancé tapando a boca por non escachar a rir.

Despois, o deus copto puxo ante ti: elixe agora, varón ou femia.

Deixaches medrar as mamas e penduraron así o resto de todas as túas vidas. Un trofeo obtido do engado á natureza.

A raíña de Saba, tataravoa túa.

O perfil monárquico de mulleres con 40 quilómetros de auga na cabeza.

As rastafari primixenias, invocadas dende dentro dun anel de fume.

Algunha concubina fértil de Rimbaud.

O sol renxe por riba das túas miles de nais, provoca o parto do futuro.

O calcio dos seus ósos reencarna nos teus dentes. Que sorrín. Os teus dentes.

Todas esas damas abisinias, supervivintes a esgrimiren un coitelo e un par de máximas arcaicas. E así seccionar á pura da impura, á moza que aprendeu a enfeitar colares da muller mutilada de despois.

Os homes fumando e ollando a outro lado, a un pasado escintilante, cos seus orgasmos ben cargados no horizonte.

Terías ante ti toda esa estirpe de mulleres no lombo

Elixiches ser muller porque nesta terra xa ninguén querería selo.
E ser muller é un xeito de ser
calquera cousa.
Animal, mineral ou cousa.

Elixiches ser
as tres.

Estíbaliz… 2008

imaxe: Mellizas: As raíces da asimetría no universo descoñecido.Col. persoal

Hoxe teño dezanove anos.

Cría que non volvería telos. Trabuquei.

Aquí están. Meus.

Relocentes. Aínda con ese rubor impalpable dunha pel sen manchas.

Non coñezo ao meu fillo. As torres xemelgas están en pe. A miña tía visítaas e cóntanolo, sobre o mantel. Debuxa Nova York. Onda o coitelo, a quinta avenida. Avenida aquí, avenida acolá. O mantel, por sorte, é a cadros. Hai farangullas do postre.

Non coñezo ao pai do meu fillo. Vive noutro país e segrega hormonas para outra. O seu país é un máis do mapamundi. Sei a capital.

O meu irmán posúe enteiro o fémur. Miro o seu rostro. É tan novo. Podería tanto.

Aínda non falo galego. Nin escribo en galego.

Aínda boto de menos ao meu pai. Aínda me lamento por min mesma e non por el.

Aínda me lamento polos mortos e non polos vivos. Aínda creo que a arte é lamentarse. E a literatura. Por que non?

Os pousos cristiáns dos que custa desfacerse malia todo escepticismo.

A miña nai. Semella maior do que me semellará máis tarde. Xa é marabillosa. Adóroa. Pero preciso despegar un pouco do seu colo inmenso e bendito, da súa granxa de Kansas.

O meu pelo medra tan forte.

Vivo demasiado viva.

O universo vén de abrírseme coma un fungo nuclear e síntoo, volto un membro pantasma nas miñas tempas.

As miñas tempas. Tócoas decote. Escribo cunha olivetti moi vella porque non hai cartos para máis. Non coñezo internet nin os PC.

Nin ao meu primeiro amor. Ao correspondido. O outro, o platónico,  deshidrata na miña memoria de colexio de pagamento.

Escribo sonetos.

Vou ao planetario os domingos.

Contemporizo.

A miña saliva é doce. Rosada. Compartina pouco.

Non saín de Europa. E Europa non é Europa, senón o continente do que tampouco me sinto contido.

Europa é, naturalmente, fenicia e princesa.

Non fabricaron aínda o coche que conduzo, o teclado co que escribo isto, o empaste da miña moa esquerda, a fortaleza Schengen.

Non falo unha palabra de ruso nin sei cantar ópera. Ás veces, noquéame unha melancolía que non entendo.

Atribúoa a causas esotéricas e non á secuencia dos meus xenes.

Corro. Corro bastante. Son quen de correr para:

a.- coller un bus

b.- atrapar un folio que voa

c.- fuxir de ti

d.- seguir correndo

Fíxome se me cruzo con algún senegalés na rúa. Borges é deus. Bernhard pertence ao feudo do meu irmán, coma o globo terráqueo que se prende.

Non teño CD. Pero si moitas cintas. A beca dá para pouco. A miña nai chega inqueda unha mañá porque equivocou o día no INEM e poden retirarlle o subsidio. Trae froita. Sempre a de mellor calidade.

Algunha vez toco a guitarra. Xa non lle limpo o po. Agora Nirvana.

Ignoro o significado de siglas como SMS ou USB. O meu mundo é tan real e analóxico como pode selo un mundo.

Roubo libros no corte inglés.

Estrico polas mañás. Durmo moitísimo. China é pobre e ninguén fala de Shanghai. Deixo de fumar.

Cuba existe, logo resiste. Os meus meses preferidos son xuño e novembro. Pola inminencia.

Vexo 10 veces Blade Runner, 5 Star Wars e namoro de Orson Welles.

Creo no big bang e nalgún outro tipo de vida extraterrestre.

Bebo bourbon. Créome unha grandiosa. Fago teatro. Cousas moi humildes que a min fanme levitar.

Aínda me miran pola rúa.

Aínda podo cometer loucuras e atribuírllas ao clima.

Nas noites fosforezo.

Empezo este poema unha noite desas. Soa e a lápis.

Ao meu redor

tan só

cinco mil seiscentos millóns

de humanos máis.

E mañá. Mañá. Mañá seguirei tendo

dezanove

violentos, putos

sobreestimados pola posteridade

soberbios

anos.

2007

O palíndromo latino da entrada anterior [in girum imus nocte ecce et consumimur igni], alén de vello esconxuro de propiedades máxicas ou mesmo alquímicas,  é coñecido como o verso do diaño.

Ata onde eu sei do diaño tamén a el se lle atribúe a inspiración do tritono ou  cuarta aumentada, antes denominada o diabolus in musica. Un intervalo disonante, inestable mentalmente, que hai que pensar antes de emitir coa voz e do que o exemplo máis sinxelo sería o Fa-Si nunha escala de Do maior [proben a entoar en voz alta só as maiúsculas: dorremiFAsollaSI. Velaí]. Moita música contemporánea conténo, de feito coido que é unha das súas especias máis aromáticas. Máis recoñecibles.

Hai uns días mantiven unha conversa con alguén que me revelou certos detalles para min descoñecidos da vida de Shostakóvich. Aseguraba que sempre saía nas fotos con esa complexión discordante e resignada de Buster Keaton con gafas [ou máis ben de Morris, puntualizou] xa que a súa vida na Rusia comunista consistira nunha sucesión de condecoracións e condenas raiando na esquizofrenia. Nas fotos parece pregar: non me poñades unha puta condecoración máis, di o meu amigo. Inmediatamente despois de enxalzala, as autoridades condenaban a súa música por burguesa, formalista, pornográfica, decadente, en definitiva anti-soviética.

Aí percibimos algo interesante: como se sabe que unha música é burguesa?

Sabemos que as tonalidades menores [modo eólico] poden inducir á introspección ou á melancolía, en tanto que as maiores [modo xónico] adoitan ser brillantes, expansivas . A música discorre polos mesmos leitos  do temperamento. Isto é evidente. Venus in furs, da Velvet, é sinuosamente sensual, con perfidia. O In Paradisum, do Requiem de Fauré resulta celestialmente ascendente. Round the bend, de Beck, é un spleen atmosférico, case orbital. E o Fever de La Lupe é pura fase de meseta. A instrumentación, as escalas, os cromatismos condúcennos a certas paraxes ocultas no noso cosmos cranial. Ese poder está reservado á música.

Pero que había na música de Shostakóvich para cualificala de “contrarrevolucionaria”?  A que soa unha revolución? No canto dunha sinfonía en Re menor [grave e devoto. Melancolía feminina], un Fa maior [furioso e arrebatado] tería servido? No canto dun torvo Si bemol menor o clasicote Do maior? Menos timbais? Máis timbais? Asonancias? Consonancias? Atonalidade?

Se recoñecemos intervalos musicais diabólicos e versos satánicos, é dicir, música e semánticas que se aliñan coa espiritualidade do humano, ha de existir música política. Sabemos do poder convocador das marchas, os tambores, as gaitas escocesas, as fanfarrias metaleiras ou os rachóns vocais de Rage against the machine. Mais poderiamos auscultar con precisión cara que orientación política se dirixen? Conservadurismo, corrupción, dereita repulsiva, esquerda trampulleira, subida de impostos, desfeitas sanitarias? Ou ben xestións limpas, vontade de mudar algo, traballo efectivo a prol dun pobo? Hai algo imperceptible nas escalas e nos modos que agocha a maneira de conducirnos no mundo?

De cando tocaba a guitarra, lembro predilección polo o Si, o Fa e o Sol. Eu son logo unha persoa Si maior? Si menor? Fa maior? Sol menor?

A que soo?

As musicalmente cutres campañas políticas… anuncian cutrez de miras? Como de afinado está o mundo político? Pretende ser a Kulturburg un xigantesco e fracasado diapasón?

E os instrumentos empregados? Agochan tendenciosidades nas súas fundas  negras?

O piano é de dereitas e o saxofón de esquerdas? Era por iso que Bill Clinton pretendía tocar o saxofón? Unha frauta é despreocupada e nova? Como é un arpa? Un dos meus instrumentos preferidos. Harpo Marx tocaba a arpa. Se cadra  é patrimonio dos mudos. A arpa. Ningunha campaña política farase con arpas.

Porén,  as caricaturas de Nerón queimando Roma preséntannolo rabuñando unha lira ao tempo que compón un hit.

A Cabalgata das Walkyrias, de Wagner. Aparece en Apocalipse Now. Escoitei a lenda de que os nazis facíana soar na 2ª Guerra mundial para amedrentar aos inimigos  [non acabo de visualizar onde. No cerco de Stalingrado?]. Son as walkyrias de dereitas ou de esquerdas? Valen para reivindicar dereitos de clase ou dereitos de estado de benestar?

Segue a lateralidade a dar conta das complexidades políticas?

Ás veces este recanto do mundo soa un pouco a orquestra que aínda non rematou de se afinar. Estamos expectantes para que comece dunha vez a sinfonía, o concerto, a ópera.  E en Fa sostido maior.

Descanso na ópera Don Giovanni, 2005

Descanso na ópera Don Giovanni, 2005

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Febreiro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Xan   Mar »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
232425262728  

criatura mecánica, eis