You are currently browsing the monthly archive for Marzo 2009.

Almacéns El Sol, Praza de Vigo, A Coruña, anos 1940-50

Almacéns El Sol, Prza de Vigo, A Coruña, 1940-50 col. persoal

Levo días sen escribir e iso apágame da vida. Levo días sen escribir porque acumulei demasiadas notas de futuros posts nos últimos días en Barcelona, nos únicos días en Madrid e nos días alternativos de voos Santiago-Barcelona, Santiago-Madrid, BCN-SDC, MAD-SDC. Demasiadas notas. Demasiado amor por un fillo. Todo iso conforma unha nube-de-tags, un clúster de emocións que, como ben sabían os chineses, toma asento nos pulmóns. Ben, non todas as emocións son pulmonares, tan só aquelas nas que intervén a tristura. Eu son unha persoa alegre, algo pallasa, tímida, lúcida, chistosa nas ceas de sociedade, dotada para a música. É dicir, á hora da verdade son unha persoa inclinada cara a tristeza.

Por iso estou tusindo. Toso como outros tusiron literaturas enteiras antes ca min, dende Kafka a Bernhard. Hai algo de enfermidade pulmonar na literatura. Teño tendencia xenética ás enfermidades pulmonares. Tendo á literatura como 1 debe sempre tender a infinito.

Pero que tenda a ela non signifca que a alcance. Hai obstáculos. Os externos son sorteables [expectativas de xénero, trampas de envexosos, reorientacións cara a manda, falta de tempo, necesidade de comer para vivir], son os internos os que converten en Escilas e Caribdis máis inclementes.

Teño moitas ideas na cabeza, síntoas como respiran. Un texto é un pulmón. Un texto é un pulmón axitado. Ven que fermoso titular? E ocorréuseme aquí. Na miña casa alugada de cidade de provincias, nunha cama na que repousa un neno de dous anos e medio, vendo o horizonte dos tellados e as gaivotas en guerra perpetua co mundo, coas mans cheirando ao peixe que acabamos de xantar, as mans resecas de fregar a man. Son cousas que acontecen.

Necesito tusir e necesito escribir todas esas anotacións sobre posts futuros.

Deberían vacunarnos contra a literatura.

Contra a necesidade de escribir.

Sexa ou non literatura.

O outro día chegou a casa un señor cun sobre marrón, acolchado. Read the rest of this entry »

O domingo pasado na parte superior do pub La Cigale, no barrio de Gràcia, coñecín en vivo a unha desas persoas que só coñecía través da máquina. Agustín Calvo Galán. Fixo un amenísimo e dúas veces bo recital dos seus textos. El é o argallador do blog das Afinidades Electivas. Tendes o seu blog de poesía visual por aquí.

Foi el -fillo de turolense e ourensana que emigrou a Barcelona cando o seu pai negoulle uns zapatos- quen me falou de Segundo de Chomón. Turolense.

No tubo atopei algo de Segundo de Chomón. De 1907. Non sei se por sorte ou por desgraza, coloreado.

Un ilusionista de primeira, don Segundo.

Lembroume a aquel outro vídeo que circulara por internet hai un tempo. Claro que o segundo vídeo si é de xaponeses auténticos. Claro que a música do segundo [vídeo] non ten nada que facer comparada coa do vídeo de don Segundo. [Achtung: cota de xogos de palabras cuberta por hoxe].

Case por definición, a cría selectiva de animais domesticados produce animais que engordan con facilidade, reproducen ben e son dóciles e torpes. Os cerebros das vacas e mais dos cochos son un tercio máis pequenos que os dos seus parentes en estado salvaxe. As cadelas con frecuencia son o dobre de fértiles que as lobas. É notorio que os cochos gañan moito máis peso que os xabaríns

Matt Ridley

Que nos fai humanos

image3

by Gerhard Richter

by Gerhard Richter

Saio correndo do teatro [Teatre Gaudí, Padre Claret 120]. Atraveso este blog e tiro para adiante. É a primeira vez na miña vida que corro por Barcelona. Visitara Barcelona varias veces antes, tres concretamente [la 1ª por coraje, la 2ª por capricho, la 3ª por placer] pero nunca vivira nela. Nunca correra nela.

Hai que terlle confianza a unha cidade para iso. Un rumbo fixo. Eu téñoo.

Non hai moito que correr. O cine está na mesma rúa, algo máis adiante, no 168. É un cine pequeno cun bingo. Pouca xente. Vou soa.  Hai moito tempo que non vou soa ao cine. Merco Maltesers e un botellín de auga pirenaica con cumios nevados na etiqueta.

Saio da sala envolta nesa crisálida imaxinaria que tece unha película, todos eses rostros xigantes [o primeiro plano renacentista -e logo cinematográfico- coido que foi a causa icónica de que o ser humano rematase de namorar perdidamente de si mesmo], a peluxe no rostro de Kate Winslet, a música amplificada, deseñada para aocarche as válvulas cardíacas. Canda min sae unha velliña cunha muleta. Do Bingo. Non me paro a comprobar se sae feliz. Eu vou feliz.

Acendo o iPon. Aleatorio Cancións. A aleatoriedade conmóvenos porque, xa o dixen no post anterior, ten algo de destino minúsculo e punkarra. Que quererá dicirme o azar con esa selección de cancións? Nesa teoría do caos a pequena escala que poño en marcha cando froto a xema do meu dedo corazón contra a rodiña central, que liña argumental de cosmos albisco?

Enfilo por Càrrer de la Marina escoitando isto:

Nice dream [Radiohead]-When I was seventeen [Frank Sinatra]- Spirits in the material world [The Police]- The box [Orbital]- L’illusioniste [Keren Ann]- Non sei [Nordestin@s]- Chivo que rompe tambó [Bola de Nieve]

Non significa nada. Nada máis que eses son algúns dos meus gustos musicais.  É a miña suxestión nocturna a que atopa semiótica niso. Algunha simboloxía, algún vencello comigo. O certo é que non hai ningún. Esa sucesión de cancións non me pertence. A única diferenza é que eu fágoa constar neste blog, calcifícoa. Convírtoa nun fósil. Algunha vez lerei de novo esa sucesión de temas e crereina algo máis miña.

Apropiámonos da música, incluímola nos nosos posts, talvez por un desexo de fosilizarnos a carón dela.

Por facer tempo [gran expresión], esa noite paseo ante o Auditori, no que cantei hai 5 anos. Lobgesang, Mendelssohn, soprano primeira, cuarta ringleira. Die Erde. Lembro aquela fuga. Desa cantata lémbroo case todo. Non podería esquecela mesmo que axitase o cranio ata que me nevase a vida, como nunha esfera de cristal. Endiañadamente Lichts. Die Waffen des Lichts. No Auditori. Subo e baixo unhas escaleiras que lembraba diferentes. Barcelona tamén é para min unha lembranza inventada. A primeira vez vina desde un autobús, nunha excursión de colexio. Barcelona significaba entón unha alteración sanguínea, unha pulsión coa que o universo non me correspondía. Ganas de aspirar o aire a padas.

Agora o aire entra e sae normalmente. Logrei ser normal, unha viandante normal que sae dun cine normal nunha cidade normal. Logreino.

Chego ao hotel e subo á habitación dunha das compañeiras. Atópoas a todas bebendo cava, espalladas nas camas e no chan. A tele está acesa, tamén un pequeno netbook branco coa páxina aberta dun diario dixital. Dánme a nova. As eleccións autonómicas saíron ao revés do esperado. A burbulla na que viña camiñando dende o cine Napòls fai plop.

Collo un vaso. Aleatorio Cancións segue a soar dentro do bolso. Para ese momento non lembro a banda sonora.

Na habitación campa o bo humor, malia todo. Nótase que non somos os nosos pais e as nosas avoas. Un cambio político para nós non significa apenas nada. A certos niveis si se nota, e moito. Pero na superficie todos imos seguir vivos, ninguén marchará para un gulag, non imos empuñar armas nin desaparecer do mapa.

Ás veces teño a sensación de que a política, o cambio social, é realmente outra cousa.

Actúa noutro teatro.

A súa banda sonora é un aleatorio de cancións.

Días despois, baixo o scaléxtric de Glòries, descubro esta pintada: el vasco continúa a ser tan lindo!

Quen escribiría iso? Un portugués, un porteño, un barcelonés? Referirase ao idioma ou a un mozo vasco especialmente cachondo?

Escribir nunha lingua que continúa a ser linda consola. Hai saudade niso. Pero o argumento da beleza por veces soa a eses razoamentos de alivio que aseguran que os negros teñen moito sentido do ritmo. Non deixan de ser argumentos exculpatorios,  balsámicos. Supoño que tamén Aquiles acabou por namorar de Troia. Cando algo fica abatido, non deixamos de verlle poesía por todas partes.

Logo, sacudimos o mazazo final.

A través desa arma cargada de futuro polo diaño -Facebook é o seu nome- chégame unha proposta baseada na aleatoriedade: xogar a ser deseñador de portadas de discos inexistentes a partir das procuras random da wikipedia, de flickr ou das wikiquotes. Como vivo estas semanas nun hotel branco con wi-fi, almorzo-buffet e tedio-opulento, acepto.

Lástima que neste portátil non teña cargados máis que os tipos de letra por defecto do OpenOffice. Con todo, a proposta enturba a miña límpida materia gris e paso un par de horas entregada a ese absurdo cometido, fabricando portadas de discos inexistentes de grupos inexistentes, inexistindo, en definitiva. Photoshopeando portadas coma churros.

Con frecuencia de churro, calidade de churro e poder alimenticio de churro.

Unha vez perpetradas unhas 4 portadas abro unha carpeta no Facebook [ese antro de perdición, de perdición de tempo] á que titulo Randomismo.

Bótolles un última ollada antes de as subir á rede. Non están tan mal. Algunhas coarían por portadas reais. Cada unha levoume uns 10 minutos. O xogo seduciume porque en ocasións a min sedúceme calquera con xogos semiabsurdos e porque un fenómeno tan doméstico, tan cutre, tan fractal e tan feitonacasa paréceme a expresión perfecta da sobredose mundial de grupos e discos, só parangonable á de escritores e libros. Unha sobredose que comparo con aqueloutra de vocacións relixiosas na Idade Media: crerían todos eses monxes e abadesas e arciprestes firmemente en Deus? Amarán todos estes grupos, cantoras, percusioneiros, oh señor, a Música?

Vendo os resultados das 4 imaxes con orgullo de nai agradecida ao señor por lle ter enviado 4 fillos azarosos, resolvo que o nome de Krzewa gústame especialmente, quizais porque entre todos os nomes de cidades do mundo en xeral e da wiki en particular, foime saír o dunha cidade polaca; sen dúbida, a cita que dá título ao disco [there is no such thing as algebra] en consonancia coa foto das 3 lerchas campestres, axuda. Agradezo enormemente á divindade randomista wikipediana que me brindase na primeira procura Messier 77, unha galaxia espiral barrada que converteu no nome do meu primeiro grupo. A portada máis bizarra é a de Bekhud Badayuni, cunha errata que me quedou na palabra civilization e que a estas alturas non penso cambiar. O nome de grupo máis grimoso é ablepharon, palabra grega que significa sen pálpebras, algo impensable por exemplo na poesía galega, na que todo é pálpebra [ademais de paisaxe, excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe, Colectivo Ronseltz dixit]. Falando de personaxes, lembro  que hai anos encarnei un chamado Blefaron na comedia Anfitrión, de Plauto. Un tipo medio pampo, supoño que coas pálpebras a media hasta, durmiñón. Ter sabido iso das pálpebras naquela altura teríame axudado moitísimo na composición-introspección-stanislawskismo dese personaxe de 3 ou 4 frases que combinaba con outro na mesma obra [facía un dobrete]. É o que ten o traballo de actor: demasiada literatura. Se non lle botas literatura, non es actor.

É o que ten o traballo de escritora: demasiado teatro. Se non lle botas teatro, non es escritora.

Volvendo ás portadas random:  nun fallo imperdonable non anotei o nome dos autores dos fragmentos de citas que dan nome aos discos.

A música deses 4 grupos é, por suposto, aleatoria case postaleatoria cun punto after-cyber-wiki- punk.

portada aleatoria 1

portada aleatoria 1

Portada aleatoria 2

Portada aleatoria 2

Portada aleatoria 3

Portada aleatoria 3

Portada aleatoria 4

Portada aleatoria 4

Estas portadas poden tamén servir de reflexión verbo da posible e nunca ben ponderada xenialidade da aleatoriedade. Observen por un momento a derradeira portada: unha foto magritteana con alguén de costas, un grupo denominado Ablepharon [sen pálpebras] e o título do disco Problems of other people. Non é marabilloso como o azar urdiu unha composición indolente, cunha vulnerabilidade remota similar a unha canción de Radiohead? Os problemas doutra xente. Sen pálpebras un non ten máis remedio que velos. O único xeito de non velos é volver de costas. Quen é esa outra xente e cales son os seus problemas? Vivir ablepharon, sen pálpebras, equivale a telas perpetuamente pechadas sobre os ollos, a non ver? A non ver por ver demasiado? Somos nós, os espectadores, esa outra xente con problemas ou somos quen vivimos de costas a ela?

Non me digan -non me digan- que esa portada con todos os seus elementos non resulta cando menos enigmática.

Durante canto tempo aturaremos os humanos os enigmas do azar? Ata cando pensaremos que é fascinante e que goberna as nosas vidas dun xeito análogo a un destino algo máis ácrata que o Destino?

Outra día sigo con este fío.

Por se a alguén lle proe o hemisferio dereito, os termos do meme foron estes que copicolo:

Ola, estás aquí porque fuche “tageado” nesta imaxe, pero isto é un xogo no que tratamos de facer portadas aleatorias de discos.

Para facer isto:

1 – Vai a “wikipedia.” e Clica en “random article”, aquí: http://en.wikipedia.org/wiki/Special:Random … O nome da entrada que che saia será o nome da banda.

2 – Busca unha cita aleatoria, clica aquí: http://www.quotationspage.com/random.php3 … As 4 ou 5 últimas palabras DA PRIMEIRA CITA serán o nome do disco.

3 – Vai a flickr para ver as fotos interesantes dos últimos 7 dias, aquí: http://www.flickr.com/explore/interesting/7days … A TERCEIRA IMAXE, non importa cal sexa será a imaxe para a portada do teu disco

4 – Usa photoshop ou similar para xuntar todo iso.

5 – Postea a imaxe a Facebook, pega o texto coas instruccións e tagea aos amigos que queres que se unan.

Original text in english:
http://fluzo.tumblr.com/post/79649512/to-do-this-1-go-to-wikipedia-hit-random-or

Neverending Story

Neverending Story

Por cuarta vez en 20 días emprendo viaxe. De cada vez, súbome ao avión máis silenciosa. Miro pola fiestriña. Nunca hai xente. Só casas, coches, granxas, camiños infinitos a montañas infinitas. Nubes que non son nada, apenas unha vibración na cabina. Unha sensación de membro fantasma. No oído. No exterior. Na alma.

Nos bosques solitarios a rentes da pista nunca albisco un paseante tranquilo cun sombreiro e unha gramínea na boca.

Xente. Nunca hai.

Penso nos meus. En todos.

Non son moitos.

Lembro do amigo topógrafo que patea montes de haikus e mide xogadas de xadrez. Sempre me gustaría preguntarlle que son todos eses signos de terra de aí abaixo. Se iso é unha lagoa. De que van esas formas perfectamente redondas e enormes nos campos de labor. De que ferida é tanta cicatriz.

Encendo o iPon. Aleatorio cancións, por suposto. A primeira que soa é unha das miñas preferidas da miña preferida.

Horses in my dreams

Anoto mentalmente que lle debo a este blog dous posts: un chamado Aleatorio Cancións e outro sobre o caso Fontcuberta e o Lugartenente Kijé.

I have pulled myself clear.

Raandeiros

Randeeiros

richter-31

by Gerhard Richter

É malvada a escritura.

É tramposa.

Fíxoche crer no teu prodixio persoal. As túas cartas imaxinativas e audaces, os teus exames de matrícula de honra, as túas redaccións louvadas polas monxas, primeiros relatos e poemas cheos da zoupona seiva do crecemento. Por escrito ti eras tóxica coma todo o fabuloso.

Ramificaches no aire. Escribiches sobre cortizas desangradas e secas. O teu cerebro enxendrou aneis, dendros, celulosa disposta a ser escrita, é dicir, violada cada certo tempo.

O mundo constituíao unha palabra. Ti sempre, sempre, tiñas a fortuna de poder pronunciala.

Sempre -sempre- acertábala.

Coas relacións persoais empezouche a ir peor. En vivo e en directo a xente engurraba ao te coñecer. Non é que foses desagradable, en absoluto. Era só que che faltaba algo… non sei. Un sotaque. Unha tipografía discursiva máis clara. Negro sobre branco. A contundencia dos teus argumentos por escrito talábase no cara a cara. Todos os que te amaban ao te leren, que moitos eran, os que caían rendidos tras dos teus puntos finais, suspensivos, os teus dous puntos, os que entraban en coma polo teu desprezo cara as comas, os que adoraban o teu pulso, as túas negriñas, a bastardilla dos teus maxistrais enxeños verbais, os que en definitiva poñían os ollos en branco e lambían a páxina onde ti pasabas de secuencia xenética a secuencia sintáctica… todos acababan por non querer volver tropezarse contigo.

Evitábante no metro, no bus. Finxían non verte na biblioteca, na froitería. Na sex-shop.

Todos acababan por non querer volver tropezarse contigo. No mundo ese. Real.

Non che importaba demasiado. Preguntácheslles ás túas editoras se a venda dos teus libros perigaba. Non, responderon. A venda dos teus libros ascende, as cartas das túas fans seguen embutindo o noso pequeno puñeteiro buzón. Segue adiante, Escritóraliz Escritora. Adiante.

Non te convencían.

Diante do espello, do teu corpo de diario, case iridiscente, case comezando a desaparecer. O teu sorriso de Cheshire, os teus membros do Griffin de Wells, o teu cerebro de lince ibérico, pita de monte e cangarexo de río. A piques de desaparecer. Ante o espello es case transparente. Pensas nas túas sólidas editoras, cos seus lentes tres veces sólidos. Sólidas e estólidas. E impávidas. E esdrúxulas. Non che convencen en absoluto. Para nada. Non. E non.

Por exemplo. Ti viras a H. aquela mañá. A mañá fora o anonimato, ti poderías estar morta ou ter fugado a Brasil. Ninguén te viu. Na túa casa non había ninguén. O correo colapsaba de mails sen contestar. Non deixaches pegadas na porta que pechaches con luvas. Non xeraches lixo. As chamadas non foron devoltas. O frío cortaba o teu rostro ata facelo esvaecer, case non tiñas rostro, érase unha vez un pucho e unha bufanda ocos sobre un abrigo oco ante un par de coquetas luvas ocas. Só ficaba de ti o lunar no centro xeométrico do teu pescozo, unha especie de satélite que orbita o teu cráneo sen se desprazar. Case non existías porque toda a túa vida envorcábase nunhas 100 páxinas amoreadas nunha mesa. Elas comían o que non comías ti, nutríanse da túa esencia e, vistas de esguello, atreveríaste a dicir que palpitaban xordamente. Compuñan unha historia.

[cal das semánticas anteriores precisará ser explicada no futuro? A palabra mail xunto a correo? Pita de monte? Sorriso de Cheshire? E cal acompañará á raza humana ata o momento xusto no que ti les isto, tornando inncesaria unha nota ao pé ou un hipertexto?]

Ninguén che viu saír nin entrar. Non mercaches leite. O único que accediches mastigar foi un anaco de pan do día anterior ou de había varios días.

Eras anónima.

Talvez por iso ver a H. turbouche o ánimo. Era inesperado e no teu pucho oco a conversa non se coagulaba, non pedía abrirse paso ata a túa boca. Non soubeches que dicir. H. esperaba de ti a pirotecnia, o artificio, a revelación do segredo do cosmos, o por que disto e aquilo ou polo menos unha puta suxestión literaria.

Ti. Non. Dixeches apenas nada.

Limitábaste a sorrir. Pero o sorriso é patrimonio dos parvos, dos que non teñen nada que ofrecer máis que o seu sorriso. O sorriso procede do medo. Do nervio social. Os chimpancés da Jane Goodall sorríanse por nerviosismo. O sorrisiño nervioso é o parafuso solto dese acto que é sorrir e ao que atribuímos seguridade, confianza nun mesmo, facilidade para o orgasmo. Nada que ver co riso, que pon en funcionamento a musculatura toda, o esqueleto, a intelixencia: é un proceso contundente, preciso e acabado. O sorriso é un medio facer. Un non saber para onde tirar. No sorrisiño nervioso descóbrese a súa verdadeira orixe rastreira, que mostra os dentes sen control, desesperadamente. Sorrir é para os desesperados. Pero para os desesperados sociais. Existen desesperados introspectivos. Kafka, Shostakóvich, Clarice Lispector, Fleur Jaeggy, Valle-Inclán. Non precisaban sorrirte nunca.

Que fas sorríndolle a H.?

H. cre que es simpática. Que lle segues o rollo. Intentas esterilizar o teu sorriso a base de mentalizacións. Pontes derrubándose, aforcados, concellos estafadores.

A túa expresión varía. H. marcha, decepcionado de non atopar á muller prodixiosa, á heroína de todas as túas novelas desde Pretensión ata Ovalado misterio, ao eu disimulado nun ti de todos os teus poemas desde Glup ata O seu carbono radiante, á intelixencia eruptiva mimetizada en longas frases subordinadas de ensaios brillantes como Política para Nintendo e a Play, O cinema que empobreceu o uranio, Pensamentos siameses ou A natureza da morte en contextos de ingravidez.

H. non atopa nada diso. Atopa tan só a unha muller aparentemente estúpida cunha conversa en forma de glaciar. Marcha na procura de calquera can que lle ladre.

Ti percibes entón, nese divino momento, que a túa humanidade non se parece nin de lonxe á túa literatura. Ese pensamento natural alíase con estoutro: entre ser ente literario ou ser humana sae gañando o primeiro.

Entre ser texto ou non selo, elixes selo.

Así é como chegas á túa casa. Diante do espello, do teu corpo de diario, case iridiscente, case comezando a desaparecer. O teu sorriso de Cheshire, os teus membros do Griffin de Wells, o teu cerebro de lince ibérico, pita de monte e cangrexo de río.

Desapareces nun tifón diminuto que comeza nos teus ollos: transforman en dous puntos, coma os dun puto emoticón. As túas orellas, todas as orellas, curvaron sempre como interrogacións a ambos os dous lados do cranio; niso trocan. Nos teus brazos os tendóns rinchan enchendo dunha fibra pastosa. As febras de papel substitúen o teu sistema vascular. O teu clítoris metamorfosea nun punto suspensivo, seguido doutros dous, invisibles, subcutáneos. A tinta flúe coma se viñese de derramar por unha mesa de traballo, as túas pálpebras aletean coma folios a carón dunha fiestra que un trebón abre de súpeto. Un vurullo de papel con frases endexamais pronunciadas desdobra ata a túa lingua, ata os teus peitos baixan enroscadas obscenidades e versos cursis, da man, extremo con extremo. O cursi e o obsceno nalgún punto rózanse. Volves a un tempo negriña e cursiva e tachada e letra capitular. O lunar do teu pescozo é o punto de partida, a túa palabra maiúscula, a túa voz.

No espello, unha lámina de papel contémplase. Engurra. Cae. Como a todos, só lle queda agardar. Ser lido.

richter-4

by Gerhard Richter

O papel componse de fibras vexetais, é dicir, de materia orgánica, ou o que é o mesmo, de elementos que están ou estiveron vivos.

A historia que conta ese papel. Xa non a distinguimos. Saímos deste texto desordenadamente, como lectores compunxidos por un final tan melancólico como no fondo desexable.

Como os textos rongo-rongo, o manuscrito Voynich, o liñal A, grafittis ao longo de soidosas vías de tren, mensaxes no interior de celas ou despachos de torturas ou paredes íntimas de casas derruidas. Historias mudas. Escritas que ao final non serán nin grandiosas nin vaidosas nin inapropiadas nin rancias.

Nun ceo demasiado cheo, só indescifrables.

2001. Space Oddissey

2001. Space Oddissey

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Marzo 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Feb   Abr »
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

criatura mecánica, eis