You are currently browsing the monthly archive for Xuño 2009.

Pablo Gallo. Xa falei del algunhas veces aquí. El é o autor desta micrometraxe baseada nun texto de Zoommm. Textos biónicos, o titulado suspense. O texto naceu no ano 2002 e ten unha morte prevista para o 3200, aprox. Ata entón poderá ser lido en forma de texto ou sub specie visionaris [corríxeme que me trabuco, Cicero] aquí:

SUSPENSE
non sigas lendo. isto é unha trampa.
non vou dicirche que faría canto quixeras


e estamos incriminados nela, ti e máis eu

non vou dicirche que quizais non

e debes seguirme punto por punto ata o final
non vou dicirche que enterrei todas as palabras

estás atrapado agora, e a vida váiselle a este poema
poderás empezalo unha e mil veces e unha e mil veces acabará da
mesma forma
estamos só os dous e ti fasme sentir que todo isto é certo

pero se non é certo, por qué segues aquí
por qué segues
a piques de caer nesta trampa indivisa
na vida que se lle vai a este poema, secamente

faría canto quixeras
quizais non
enterrei todas as palabras

quédanme estas para che dicir que quero
aprender
o teu rostro
de memoria

Escher Hands revisited

Escher Hands revisited

Hai unhas semanas convidáronme a dar o meu primeiro recital vía dixital. Foi no LILEC 09, a Feira do Libro e a Lectura de Almería. O ano pasado estivera presente fisicamente, de corpo e alma, e este ano acudín virtualmente.  Só coa alma.

O recital tiña lugar no pub El Zaguán, mais o único que se molestou en acudir alí foi o público. Primeiro a poeta Ana Gorría leu textos de varios blogs . Todo foi ben. Na miña quenda, a comunicación cortouse un par de veces. Nada que non aconteza nun recital de corpo presente no que a audiencia comeza a pensar noutra cousa. Córtase a comunicación. Orabén, con esta nova modalidade recitativa sentín algo xenial: podo ser unha cabeza parlante, como as de Futurama, o meu corpo xa non é preciso para nada, son incorpórea, viaxo en aeroliña astral 1000 km e poden escoitarme e verme nunha pantalla xigante de bar.

E iso que me pasa a min, pode pasarte a ti.

O ano pasado, no LILEC o8 a experiencia tirara máis cara ao spoken word: María Lado, Yolanda Castaño e eu leváramos as nosas imaxes connosco. Desta vez, a miña imaxe levouna a tecnoloxía.

Mel nas filloas. Todo cómodo, indoloro e doméstico. Dende un sofá da miña casiña, cun xersei e a parte de abaixo dun pixama acudín a un recital en Almería.

Oh, prodixio prodixioso, oh marabilla marabillosa!

Facer recitais así soa máis gorentoso e insto ás autoridades pertinentes a que promovan e provoquen máis vídeorrecitais: queremos ver aos autores cociñando, pelando patacas, lendo en albornoz ao saíren do baño, na cama a piques de apagar a luz, posando nun sofá caro cos Ferrero Rocher na mesiña, co sempiterno andel de libros detrás… Xa non nos abonda coa intimidade dos textos: queremos a intimidade da alma.

Queremos menos recitais de corpos e máis recitais de almas.

De cabezas parlantes.

Estar ou non estar.

Velaí the cuestion.

Banda sonora: os temas, os fragmentos de pelis e documentais e as letras acrílicas do novo disco de Ataque Escampe. Perdérseo é delito. Neste intre soa A Febre. O caos absoluto comanda a expedición. Son mineiro nas minas do rei Salomón. O deserto é a promesa de beber. Non hai repouso, din as moscas tse-tse.

postiños, col. persoal

postiños, col. persoal

Toda ficción é unha distancia con lampexos de proximidade.

O autor real adoito atópase entre os personaxes, camuflado nunha 3ª persoa que semella redimilo falsamente da subxectividade, ese animaliño palpitante, ese lémur, a subxectividade. Coetzee, Rosalía, Nabokov, Woolf, Pessoa, Lispector, Calvino, Rulfo, Nothomb. Podo seguir nomeando miles, millóns [quen non escribe?]. Todos utilizaron ou utilizarán terceiras persoas de alivio. Testaferros ficticios. Personaxes aos que mandan a polo pan ao fondo dunha novela para logo gorentar das farangullas eles mesmos, no dorso da páxina, con avareza. Interpoñen distancia.

Dende hai uns séculos, esa parece ser a misión da literatura: interpoñer distancia. Metros, iardas, anos luz entre o autor real e o narrador da historia. Que non pareza que se coñecen demasiado. Unha cámara que filma e non se nota que filma. Distancia e discreción.

Esa distancia compénsase coa proximidade cara ao lector. Hai un achegamento. Non obvio, claro, ou evidenciaríase dun modo groseiro a súplica: leme. Esa súplica chega ás veces a maquillarse de guerra ata o punto de semellar un Non sei que fas léndome.

Mais o fondo da piscina ten o mesmo mosaico: leme.

A proximidade cara ao lector máis tóxica que lembro é a de Walt Whitman. Convídanos ao seu carrusel galáctico de corpos, multitudes e paisaxes americanas. Fala de tocarnos. Iso é brutal. Quen toca este libro, toca un home. Esa mentira é deslumbrante. A min deslumbroume. Que trola tan ben chorada, tan instintiva. O que precisaba como lectora aos dezaoito era iso, sen máis: crer que no canto dun exemplar de 2ª man de Hojas de Hierba mercado nunha librería de vello de Madrid en 1993, o que sostiña entre as mans era o lombo de atlas daquel señor barbudo de 35 anos e máis que morto.

Esa era a Proximidade e non había xeito de estar máis preto de ninguén: estar morto e dicir Pero tócasme.

Necrofilia era.

A distancia reside noutros intersticios da ficción. Emocióname que o autora [sic] dun libro pretenda ser distante e o sosteña ben todo o tempo ata que, chegados a un punto da lectura, nun pequeno fogonazo, destrúa ese mito xélido. La cague. Por exemplo, Hamlet. Un príncipe en Dinamarca, un pestazo, un pai morto e vingado, os brumosos devaneos entre estar vivo e non estalo… todo ese armatoste semella lonxe de Shakespeare, un dramaturgo no sucio e alegre Londres do século XVII. O autor está e non está.  E logo? Hamnet. Hamnet era o fillo de Shakespeare e morre repentinamente. O autor non está todo o tempo, parece non estar todo o tempo, pero Hamnet. Á hora de retomar a historia -xa por entón coñecida- do heroe tráxico máis evaescente de todos, o autor está. De súpeto, está. Aí dóelle. Aí, medindo o nome dese heroe, aí dóelle. Dando a luz un novo fillo. Proe. E decide interpoñer unha distancia, un alivio. Unha pequena distancia en forma de L. O heroe é por un pouco o seu propio fillo. O seu propio fillo morto. Un anguliño, un cornechiño de L sepáraos.

Hamlet, o príncipe danés das lendas recollidas por Saxo Grammaticus e Belleforest, atravesa por un intre un camposanto como un zombi na procura do cerebro do seu pai. O seu pai, un descoñecido para el. Os fillos. Os fillos posuían un estraño estatuto. Eran distantes. En calquera caso, estraña énos a relación – e macabra- entre Hamlet, Hamnet e un señor disque cobizoso a escribir escenas de teatro isabelino.

Esas son as relacións que atravesan. Os travesaños da literatura, as partes de atrás do cadro.

Non interpreto a glacialidade na escrita como a descrición de crimes, mutilacións gores, salferir ao lector de sangue mesturada -non axitada- con seme ou amosar pouco sentimentalismo á hora de narrar a morte dunha ancianiña; entendo a glacialidade como unha perspectiva que intenta interpór distancia para se afastar dunha humanidade demasiado… demasiado… demasiada.

Courtesy Card
Courtesy Card

Non hai nada máis torpe, oportunista e estéril que sucumbir ao mandato do supereu de inventar continuamente novas transgresións artísticas e provocacións (a performance do artista masturbando no escenario ou cortando masoquistamente, o escultor que desprega cadavres animais decadentes ou excrementos humanos), ou ao mandato paralelo por se comprometer en formas cada vez máis “atrevidas” de sexualidade…

Slavoj Zizek, pensador postmoderno

Nada tan clásico como un bo postmoderno.

As Alfaias, de Fanny+Alexander.

Soaron no meu ordenador primeiro, nun CD despois e hai unhas semanas, dende o fustrigante [cando actualizo este post, xa fustrigado] Aberto por Reformas do Xurxo Souto, escoitei este temaso a todo volume regresando pola autoestrada.

Alfaias por alfaiates, como se definen os integrantes do grupo nunha entrevista: cosen con minuciosidade e gusto retallos alleos para facerse traxes absolutamente persoais. Por incrible que poida parecer -a lírica non vén da lira? Non viña sendo a poesía unha especie de irmá siamesa separada da música ao nacer ?- escoitar un texto que naceu vencellado ao papel transmutado a música non deixa de ser curioso.

Sucede que o texto, que posúe unha dimensión de superficie, de pantalla branca, experimenta esa transformación que toda música brinda e que a converte na arte máis universal da nosa era: a de devir substancia que se inocula, que corre polo corpo, que non agarda ser descodificada senón que, con impaciencia, penetra.

A música non pide permiso. É a súa insolencia a que cura. Nun texto atopo restos de resignación.  Descíframe- pide. Non deixa de resultarme inquietante -non deixa de resultarme tranquilizador- que unha letra miña viva unha desas vidas insolentes, ondulantes, penetrantes a carón das letras dos outros 10 escritores que asinan os textos destas Alfaias.

Xastres, os Fanny+Alexander tamén son xemólogos. Tamén xoieiros.  Levan tempo pulindo. Levan tempo procurando as facetas máis raras, máis valiosas dun cristal. Nese micromundo da escena indie pop galega. Nese calcapapeis de bola de vidro.

Como letra redonda, a do poema Píntamas de escuro de Lara Dopazo. E o mítico Ardía París, coma no cine de Emma Couceiro…

Xa somos canción.

[Oxalá fose o Xurxo quen nos seguise pinchando...]

Momentos-funil son aqueles nos que, fagas o que fagas, semella existir unha turbia forza gravitatoria que che conduce cara ao mesmo punto do espazo, que ben pode tratarse dun concepto. Esta fin de semana todo conducíume cara ao mesmo lugar. Esta fin de semana foi un momento-funil.

Primeiro presentóuseme a etimoloxía da palabra: o venres, unha muller levoume no seu coche ata Compostela. Dado que eu tiña pensado tomar o tren e ler, a que sostivemos foi unha conversa inesperada para min e, como tal, sentina vivaz. Falamos de moitas cousas, entre elas das palabras. Da publicidade pasamos á orixe dos significados, que ela coñece ben. É profe de latín e grego. Unha neuralxia é a dor nas neuronas, unha lumbalxia, no lombo, unha mialxia nos músculos… e unha nostalxia? Unha dor no sentimento do regreso a casa, dixo. Nostos significa o regreso a casa. A Odisea é o nostos por antonomasia. Unha civilización de loitadores e poetas como a grega acuñara unha soa expresión para iso. E non só a expresión senón tamén a patoloxía dolorosa asociada.

Primeiro choque coa palabra.

Pola noite leo. Breviario de podredumbre nunha edición que cheira mal. Vella, cor tofu seco, rugosa. Léoa por calquera páxina porque todas queiman por igual e non se pode atacar dende o principio, como un libro normal no que se entrase suavemente ata chegar a un clímax: Breviario de podredumbre naceu xa clímax, un clímax treboeiro; lelo é amasar un anaco de uranio, é mirar o sol nun eclipse, é non pestanexar a mantenta. Ideal para durmir. Malia que todos os pequenos textos do libro fulguran como a espada candente que deixa cego [os títulos xa son promesas: A gama do baleiro, Exéxese da decadencia, Apoteose do vago, O pensador de ocasión, A disciplina das santas, títulos que en moitos casos remítenme aos elixidos por Amélie Nothomb para as súas obras ou para obras dentro das súas obras (penso en Prétextat Tach)], é un o que drasticamente abre as súas azas de curuxa para min: Sobre la melancolía. A melancolía non é a nostalxia, pero ambas semellan seguir unha dieta similar en rexións próximas do universo. É dicir, do noso cranio.

Cando un non pode librarse de si mesmo, deleita devorándose.

Así comeza ese fragmento. É certo que a nostalxia parece un sentimento máis cósmico, non tan personalizado. Cioran cita varios termos  siameses da nostalxia ao longo do Breviario: Sehnsucht, yearning, saudade. Relaciónoo coa khandrá rusa, que o autor non menciona. Cioran di que en francés non existe un termo similar, que cafard non ten calidade metafísica e ennui está singularmente dirixido. En rumano [pero el non o di] hai un termo minuciosamente igual ao galego: dor. Porén en galego a dor é unha palabra banal, desprovista de vida submariña, para iso están a ampla saudade atlántica e esa palabra diminuta: a morriña. Cioran esquece a sabendas o rumano. Cioran escribe en francés. Cioran é de ningures. Admiro ese ningurismo. Cioran camufla a dor rumana con etimoloxías da nostalxia. A dor  polo regreso.

É o segundo encontro co tema-teima.

O sábado pola tarde vou a unha exposición. Alí atopo isto:

Hai unha casa, a casa da nenez de Tarkovski seica, que aparece en moitos dos seus filmes. Na exposición leo citas en letras de vinilo. Citas de Bachelard sobre a poética do espazo. Fisgo nunha sala escura e dexergo isto. Neve. E unha muller que canta. Canta mamá! Y entusiasma de máis. Cómpre marchar. Logo de ter contemplado esa imaxe, ese marabilloso zoom inverso que nos abre a un espazo soñado, sagrado, infantil, cargo cun estropicio na alma. Na presunta.

Convidara a G. a acudir a esa exposición comigo. Non quixo vir. Pero a ti prestábache tanto Tarkovski, non? Non. Algunhas cousas. Andrei Rubliev, Solaris, A infancia de Iván. Pero vai sobrevalorado. Non me interesa ver a exposición.

Eu sei que hai dez anos G. tería vido comigo. Tería louvado a Tarkovski.

Coñecen esa sensación? Cando alguén moi influínte para nós, alguén que nos recomendou leiras de coñecemento, que mesmo nos instruíu nelas, descré de todas. Cando nós seguimos crendo malia todo. Cando vemos o tempo, como  transcorre e transmuta. Cando sentimos esa punxente desilusión.

Esa dor ao longo de todo un regreso.

[...]

A forma fotográfica da nostalxia semella estar sendo a polaroid. A exposición de Tarkovski consiste en polaroids soñadoras e privadas, de Rusia e de Italia, ademais de fotogramas e citas. Sinto a cicatriz das máis de 200 polaroids orixinais que perdín o pasado inverno. Nesta primavera atopei unhas poucas [6 ou 7] que salvaron. Sospeito que, por moito que nos esforcemos en ocultalas, as lembranzas nunca perduran baixo a forma que nos gustaría.

Tampouco nós. Podería engadir.

E engádoo.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Xuño 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Mai   Xul »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

criatura mecánica, eis