You are currently browsing the monthly archive for Xullo 2009.

Falaba cun amigo [co amigo] das galas de verán, as mesas redondas, simposios, symposia, relatorios e todo o – en palabras súas- roce de anteniñas que supoñen. Tamén do feito de que as mesas de redondas teñan pouco. Cadaquen chega e – nun conmovedor comosemprismo- bota o seu rollo dun xeito frontal, en mesa oblonga e moitas veces sen facer nin caso ao outro presunto par – ou igual- de Camelot. O meu amigo formou parte dunha mesa redonda sobre haiku, nun lugar de La Mancha.

Tamén eu formei parte na miña vida de espectáculos similares. Isto parece ser unha condición sine qua non do escritor de hoxe en día, sen embargo estou certa de que non o é. Conditio sine qua. Mais con todo, así coñecemos mundo, idioteces e de cando en vez, marabillas.

Nun dos meu primeiros saraos regaláronme un libro. Foi o mellor que obtiven a cambio. Un deses libros de compilacións de textos e poéticas de autores varios, libros fatalmente destinados ben ao Moucho [tags: libros de segunda man, bo prezo, cidade vella herculínea, traer pola calle da amargura], ben a soster ese moble que coxea. No meu caso gardeino porque atopei algo valioso.

Dentro dese libro había moitas cousas indispensables para seren prescindidas ata que a miña vista desencriptou un soneto: un soneto, ese bargueño tan mono para o vestíbulo do noso intelecto. Queda tan ben. De moza facía sonetos. Claro, e quen non? O contrario indica unha grave ausencia de corazón e, quizais, de glándula pineal. Todos deberíamos perpetrar un soneto na nosa vida, debería haber Violantes pagadas polo estado que nos conminen, nos amenacen, nos violenten obrigándonos a un soneto, un soneto que é un son, un miraoquefago. Miraoqueseifacer. Como facer o pino con saia de volantes ante o rapaz que nos gustaba.

Atopei un soneto. É difícil escribir un soneto hoxe que non se asemelle a un bargueño estilo florentino do século XVI. Por moi canalla que poidamos facer soar un soneto moderno hai algo vernizado nel, restos de pan de ouro nas gavetiñas, ABBA ABBA…  Sen embargo, naquel libro compilatorio dei cun soneto diferente, disimuladas as molduras, as patas de bronce, as medidas na madeira e, pasados os anos, lembrei del a miúdo. Esa é a proba sublime: canto me lembras? Todo texto leva implícita esa pregunta, lévaa inscrita como unha marca de auga só visible ao trasluz.

Pois ben, lembreino. O soneto é dun poeta chamado Raúl Vacas Polo. Non o coñezo. A verdade é que o único que sei del é ese texto. De feito, coñezo máis o texto que ao seu autor. Iso é raro. O poema veume á cabeza en máis ocasións: nas farmacias, ollando recetas recén asinadas, revisando datas de caducidade nos frascos dun botiquín. E iso foi: nas mans dese escritor o soneto peza de marquetería devíu en botín de botiquín.

Un dos mellores sonetos actuais que lin.

Para os que a rima dea grima: abstéñanse. Abstéñanse.  E unha vez máis -isto é poesía, señores, fagan xogo- abstéñanse.

VADEMECUM

Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,

Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,

Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.

Adiro, Conductasa, Senioral,

Profer, Optalidón, Gelocatil,

Zantac, Aureomicina y Hemoal.

Raúl Vacas

pals

col. persoal

post-iños, col. persoal

Alta tensión. Foto tomada por Sandra G. rey

Alta tensión. Foto tomada por Sandra G. Rey

A Revista das Letras de Galicia Hoxe tivo a xentileza de comezar a serie Monográficos do verán cun conto meu.

Acheguei este relato un pouco espuriamente relato: Discurso hibridado con. Un monólogo idealizado da convivencia entre a nosa especie e esa outra diferente -pero similar-, ardente -pero queimada-, homo – pero non sapiens-.

Claro que falo dos neanderthais.

Todo aquilo que puidemos ser e non fomos. O que puidemos compartir e non compartimos. Nós quedamos co universo e eles coa memoria. Que parte do pastel é máis gorentosa?

En todo vencido alenta sempre un fragmento dourado de victoria, un por pouco. Os desaparecidos escintilan ao seu xeito opaco, xordo, na súa asfixia.

A literatura -a magnífica impostura, o erro tan grande- cautiva a voz que endexamais tiveron. Sácalles un brillo bastardo. Inventa palabras – xemas da tribo, dicía Umbral- para eles.

Os neandertais que non fomos.

Na portada do monográfico calcaron esta marabillosa foto da reproducción actual dun señor neandertal. Co meu nome debaixo. En delicada simbiose. Empréstame o teu nome, muller sapiens, que non teño.

E deillo.

escanear0007

Se queren ler o texto porque lles tira, porque lles vai, porque lles proe, porque me odian, porque me adoran, porque nunca saberei por que… sigan lendo, sigan:

principio de Discurso hibridado con

DISCURSO HIBRIDADO CON

A cuestión máis importante podería ser que a extinción dos neanderthais non é unha novela paleoantropolóxica desordenada mais coherente; é máis ben un conxunto de relatos breves -relacionados pero singulares- verbo da extinción.

Stephen S. Hall, Os derradeiros neanderthais, National Geographic, set. 2008

Agora que estamos sos os dous.

Senta. Ponte cómodo. Queres tomar algo? Sírvete. Hai xeo na Antártida e auga no Sil. O whisky tardará uns miles de anos en se inventar.

Aquí deixamos que a froita apodreza. Fermente. É o noso xeito. Deixar facer. Non intervir.

Embriagamos con ela. Bebémola, quero dicir.

Sírvete ti mesmo. Que tal andas? Ben?

Aquí, lendo un pouco, non?

Ben. Ben. Iso está ben.

Xera ganancias ás fábricas de papel, aos oculistas. Xustifica a rede. É o noso pretexto para vivir. Oír e ser oídos. Escribir e ser lidos. E ler.

Se ti non estiveses lendo, para empezar eu non existiría. E iso é enormemente tiránico. Enormemente diabólico. Decatas? Nazo da túa necesidade de ler e morrerei cando te sacies. É algo que me pón un chisco nerviosa. Perdoa. É algo que me pón un chisco nerviosa.

Queres que che conte de min.

Con que propósito?

Ah, ben, paréceme ben. Queres que che conte de min para, nunha especie de bucle referencial, falar de ti. Explicar a túa presenza. Que é o que te engasta a este planeta que partillamos.

Se é que nos foi dado partillar algo.
Read the rest of this entry »

monos fumando

Xa tiña saudades dunha lista. Poña unha lista na súa vida. Verá como, ao rematala, semella que algo encaixa en algo e que vostede…

Vostede.

Nadie habrá dejado de observar que con frecuencia… atopamos persoas, escoitamos frases, vivimos situacións que, na nosa natural misantropía, tornan o mundo un chisco máis habitable. Un chisco. Máis. Habitable.

A xente, por razóns de sobra sabidas, é imbécil. En particular pode revestir certo interese. A nivel molecular é apaixonante. Vista dende o universo dános ganas de nos precipitar a apertala. Durmindo, ata o peor asasino en serie presenta quebros respiratorios, apneas delicadísimas, infinitesimais salaios capaces de conmover a Mr. Spock.

Todo o mundo ten un corazón. Algúns, os que se criaron á caloriña dunha pulpeira no baixo da súa casa, desenvolven 3. Coma os polbos. Non é o habitual. O normal é un e graxento.

Ese corazón que a todos acompasa non latexará xamais co mesmo pulso. Acelerou no nacemento, palpitou prácido canda unha nai, case desapareceu naquela grave enfermidade da nenez. É o noso mellor delator cando arelamos que nos trague a terra. Latexa cunha pasmosa facilidade. Apoiamos a nosa parva cabeciña sobre unha almofada e velaí está, tomtom- tomtom, o corazón de María, o corazón terrible de Iván o Terrible, o corazón en pelegrinaxe de Exeria, o corazón autocompracido de Christian Barnard, o de Yuri Gagarin e Fidel Castro e tamén o corazón de [vou dicir unha obviedade séculovinteira] o corazonciño de Hitler Tibbets.

Matinar en tantos corazóns durante a adolescencia perturboume. Sobre todo se me detiña a observar a seres en definitiva idiotas que poboaban a miña aula de bacharelato e non podía -mesmo que quería- deixar de imaxinar o seu, o seu corazón a propulsar sangue estúpido por arterias estúpidas para facer non sei que intercambio de cretino osíxeno nos pulmóns e regar ideas estúpidas en cerebros dignos de non se fosilizar xamais. Na miña indiferenza ou menosprezo cara a eles alampeaba un gramo de curiosidade. Tamén de empatía.

A xente non merece panexíricos. Non. Esta lista non é máis ca unha constelación de momentos nun universo humano francamente escuro. Os humanos son medoñentos, torpes, insulsos, tópicos, demasiados. Só un astronauta pode botar de menos á humanidade, concibida así en xeral.

A lista:

1.- Que neve. Isto é puramente clima mais, como dirían Montesquieu e a miña avoa, clima somos nós. Ou o clima socialízanos. Or something.

2.- Os sucos naturais dunha vella moi revella

3.- A vinganza. Todas as grandes historias son vinganzas. Mesmo a Ulises non lle sae máis que vingarse dos deuses con astucia humana. E Han Solo? E Ben Hur? E Mad Max?

E Proust? Vinganza do Alzheimer.

4.- Escribirlle un mail a alguén que xa morreu e que conteste. Isto aconteceulle a un cibercoñecido meu -que é como dicir a un quensabequenserá-.

Fíxeno tamén eu, hai anos.

Non recibín resposta.

5.- Ler un libro chamado La tentación de existir a medias con outro chamado Trastorno. Malia todo, durmir ben.

6.- Escoitar Beautiful freak, dos Eels

7.- Falar por teléfono con G.

8.-  O signo 

9.- Un libro recibido por correo. O libro vén dedicado. A carteira fai o favor de subirmo ata casa.

10.- Unha cría de mamut conxelada atopada no permafrost de Siberia. Xente interesada nun dente seu, no aire prehistórico aínda aloxado nos pulmóns seus, nas circunstancias minuciosas da súa morte.

12.-  Ver e escoitar algo así

13.- Un neno de dous anos e medio pregúntache se bailas con el

14.- Que alguén escape neste momento

15.- Que alguén morra tranquilamente neste momento

16.- Ma mère l’oye

17.- Alguén a quen non queres saudar finxe non verte tampouco. Un detalle de cósmica sintonía

18.- Ver unha foto de Rimbaud nun suplemento cultural. Unha foto de Rimbaud en África. Escrutar o rostro para ver se algo de. Para ver se. A foto é moi antiga. Non se ve. Ler o artigo, para compensar. Era un pupas, Rimbaud. Sempre laiando. Un cu inquieto, Rimbaud. Un Michael Jackson, Rimbaud.

19.- As devolucións de Facenda

20.- Que de cando en vez haxa quen -dende moi abaixo ou baixo circunstancias atenazantes- o logra

21.- O  disco d’ouro das Voyager

22.- O talento inconsciente

23.- Unha raiola nun ollo

.

.

.

.

.

Datos de  desinterese: coma moitos de vós eu tamén espertei un día e morrera Michael Jackson.

Sinto curiosidade polos talentos: interésanme aqueles cos que se sabe que facer e aqueles cos que non se sabe que facer. MJ sabía o que facer co seu, diso non cabe dúbida. O que lle sobraba un pouco era a súa persoa. Era un talento cunha persoa pegada e a persoa, por iso de ser persoa, sufría.

I comentoume onte na cociña que atopaba un paralelismo entre o Truman do Show de Truman e o Rei do Pop: podemos rastrexar toda a súa vida en imaxes e audios, posta a disposición das jaurías esfameadas que conforman un público: dende o seu primeiro ABC ata a súa entrada triunfal no coma sobre unhas angarelas o pasado 25 de xuño.

Persoas moi achegadas a min eran fans deste señor. Tamén eu o fun. Fun fan.

Ou semi.

Neste blog, por exemplo, aparece citado moitas máis veces do que eu esperaba. Non só pola súa música -extraordinaria e moitos máis adxectivos que non se me ocorren-, senón por  iso que fixo consigo mesmo. Ser un exacerbado caso de mutación racial voluntaria. A súa marabillosa voz de castrato. O seu corpo a dislocarse. O mesianismo. As síndromes. A súa sexualidade naïf, todo ese barroquismo sentimentaloide da súa figura. A real estirpe de monstros con corazón dos últimos séculos desembocou nel: dende a Criatura de Frankenstein ata Eduardo Manstesouras pasando polo Xigante Egoísta de Wilde, Dumbo, Pinocho ou o Ieti. É, como xa se ten dito ata a saciedade, unha icona. É dicir, que de humano xa lle restaba pouco.

Non son un animal! Son un home!- reivindicaba o Sarxento Negro da peli. Non me chamedes Wacko Jacko! Non estou tolo! Son un ser humano!- pregou Michael.

Por riba de todo, bailarín e músico. Pero iso parece esquecelo quen porta a música como un agasallo divino.

Que levante algún dos seus tentáculos quen non se conmova con isto. Ou con isto.

E que chore agora medio mundo por el como debería chorar por outros. Eu estou a lamentarme por MiJac todo o que non me lamentei por ti.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Xullo 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Xu   Ago »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

criatura mecánica, eis