Sereas de Ramón Casas

Sereas de Ramón Casas

Nunha cartografía persoal de sons hai xente que elixe o son da auga fervendo, o ruído dun motor, un renxer, un xemer, un grolo, un siseo.

No exercicio da traducción seica quede patente unha cousa: se ben as linguas enchen ocos conceptuais diferentes, é difícil que exista unha palabra que, explicada, siga a ser incomprensible. O feito de que non pensáramos nunca o mundo así non implica que non sexamos quen de facelo. Os famosos y e en dos franceses, sen tradución en galego, son asimilables ao noso infinitivo conxugado: o recordatorio dun referente, unha especie de pegada dun pe invisible na oración. Outra cousa é verquer iso nunha linguaxe literaria, o cal implica un traballo de reconstrución. O traballo do tradutor, que tende a infinito. Algo especializado, que require horas de lectura, inmersión e proba/erro. Sempre haberá ocos que non se enchan de xeito ningún, ausencias idiomáticas inexplicables, baleiros ou complexas connotacións de moi difícil expresión na outra lingua, nesa lingua na que se envorca o caudal do texto.

O universo das onomatopeias é un dos máis agradecidos dado que se trata do universo lingüístico máis naturalista ou máis analóxico: intenta imitar un feito acústico real. Existen poucos sons que, no caso de non coñecer, non sexamos quen de os imaxinar. O que nos desconcerta é o xeito de transcribilos, pronuncialos ou mesmo o grao de precisión nalgúns eidos sonoros: na India existen verbas que representan o son da auga ao se precipitar,  a auga que enche un cántaro, o mergullo dunha pedra que cae nun pozo ou nenos xogando nun río.

En Indonesia utilizan unha expresión para un son vencellado aquí ao verán: o chapuceo das mans na auga. Un son marabilloso. Primordial. Kecipak-kecipung.

Na praia de B. fago kecipak-kecipung nunha auga fría, redonda como un cristal, cun fondo estriado polas correntes mariñas das mareas vivas, limpa e amniótica. O mundo acaba de empezar a ser mundo e cada ser acaba de empezar a ser.

The Cure, From the edge of the deep green sea