You are currently browsing the monthly archive for Novembro 2009.

Na miña introdución ao mundo das salas de cine xogaron un papel crucial os cambios de mozo da miña curmá S. De non ser por eles, o meu curmán e mais eu non teriamos asistido de carabina a ducias de películas. Películas que aínda queiman celuloide na miña memoria.  As primeiras que eu lembro.

O meu debut como espectadora foi nada menos que con Flash Gordon, aquel rollo kitsch con Max von Sydow e Ornella Muti. Ornella Muti fustrigada. Malos malosos ensartados en rodas de pinchos. Iso non se esquece.

Xuraría que toda esa amalgama oitenteira de cores e paillettes con música de Queen desfilou ante a miña inocencia peiteada con trenzas no teatro Colón. E foi noutra sala xa desaparecida, a sala Riazor, onde S. , o seu mozo daquela e o meu curmán asistimos  á segunda película da miña vida nun cine: Furia de titáns. Sandalias, espadas e monstros. Actores debutantes nefastos, vellas glorias británicas sacándose un soldo extra. Na historia de Perseo que non valería moito de non ter sido polos deliciosos efectos especiais.

Ray Harryhausen era o artesán desa maxia para hoxe algo zoupona en stop-motion. A curuxa mecánica de Atenea. Pegaso. O kraken. E esa xoia de secuencia -que eu lembraba máis curta-  da fin da fabulosa Medusa a mans de. Pregúntome por que Hollywood non ten tirado máis proveito da fastuosa e delirante mitoloxía grecorromana. Ao mesmo tempo que mo pregunto, agradézoo.

O caso é que Harryhausen movía como peixe na auga no xénero do cine fantástico no que o protagonismo roubábano e merecíano os seus enxendros, en filmes míticos como a Viaxe fantástica de Simbad ou Xasón e os argonautas. A última produción na que colaborou -antes de se converter na marca do piano que toca o protagonista da Noiva Cadáver, de Burton- foi precisamente Furia de titáns.

Hai pouco achegueime ao museo Luis Seoane: estes días, ata o 10 de xaneiro, poden coñecer en vivo todo isto do que lles falo e pasear entre maquetas, gravados e proxeccións dalgunhas das pelis de Harryhausen. A verdade é que ese museo non dá máis que alegrías a este pequeno núcleo de provincias: alí lembro ver as polaroids de Tarkovsky ou as palabras contadas de Camilo Franco. Tamén programaron exposicións sobre Jacques Carelman, Lotte Reiniger ou o debuxante Max. Un gusto sempre raro e exquisito.

Na exposición do mago Harryhausen atrevinme a ollar directamente a maqueta de Medusa, unha muller con rostro de congro e investida dunha astucia rabiosa e azul, solitaria e diminuta no medio dun círculo de area. Conmovedora. Petrificadora. Aínda.

Medusa, foto de karohemd

BASE DE DATOS: OBSESIÓNS

Obsesióname o futuro.
Cantos escritores hai lendo isto
sen saber que algo lles influirei
ao seu pesar
con todo.
Obsesióname que el se atope ben.
Que as rochas do espazo exhíbanse indiferentes
que non todo nelas sexa significativo
ese alivio cósmico
obsesióname.

Obsesióname escribir extraordinariamente
o que sei que podería escribir de puta pena.
Obsesióname que pasou con Lucy
a australopitheco
e as tres pegadas de Laetoli. Cara a onde. E. Por que.

Saír á rúa a cruzarme cun mozo
máis novo ca min que mirará nos meus ollos
e a eles, como un ácido, arrebolará a súa vida.
Obsesióname non vivir en guerra
e que ninguén ameace con me voar as ideas.
Agradézoo pero
é sospeitosa tanta paz.
A palabra país non me obsesionaba malia que
todo na natureza indica que ha obsesionarme.
As árbores míranme interrogantes agardan nomes
que eu non sei darlles, eu non, senón Dorotea, a bisavoa
que xamais deixou de estar soa
na

súa

ca

ri

cola.
Imaxinábase a si mesma a miña bisavoa
como unha gran ammonites a miña bisavoa, seguramente
tampouco ela contaba con nome para iso.
Unha muller obsesionada coa súa propia natureza
furiosa de leira ferida.
Read the rest of this entry »

Rematou hai unha semana o encontro de Novos Escritores deste ano.

Na mesa na que me tocou falar, O peso da nación, Sechu Sende predixo que o futuro do galego será neofalante ou non será. Concluímos a mesa de debate nestes termos: como moitos dos que falamos e escribimos galego a día de hoxe somos neofalantes, conviría afondar nas motivacións que nos conduciron nese momento x do tempo a reinventármonos en galego. Foi a vinganza? Foi a resistencia? Foi a nigromancia? Foi unha estratexia? Foi tenrura? Foi unha bisavoa? Que foi?

Por outra banda, considero que moitos eidos alleos á literatura, malia que tanxenciais, perfílanse como bos candidatos a motivación: a investigación científica en galego, a cultura dixital en galego… funcionan como catalizadores, como unha presenza, se cadra, menos sospeitosa que a literaria. Unha posible motivación é asumir a normalidade no uso do galego, mesmo que esa normalidade aínda non exista.

[...]

Pregúntome, agora que pasaron o día e a romería: se a literatura dun país artéllase como arma de combate político e dentro dun tempo acádase boa parte dos obxectivos políticos marcados… de que pasa a falar a literatura? Esvae? Por exemplo, ten sentido escribir en galego como se o fixesemos de xeito clandestino? Ningún. A menos que se trate dunha opción estética. Escribe como se foses clandestino. Ben, pode ser. Ten sentido vertebrar a literatura galega como unha literatura de resistencia, entendida tamén esta palabra en sentido lato? Si, dende certo enfoque si. Hai unha tendencia clara na nosa literatura a falar do que se resiste a desaparecer, da memoria, das palabras que se recuperan para dar nome a obxectos que xa non existen. Sen embargo, a nosa cultura desenvolve con certa forza:  xa non é clandestina senón que existe baixo a luz do día e as regras do universo coñecido, e é esa forza a que tamén me interesa. Con certa perspectiva a nosa cultura é virtual, estase a refacer, a reinventar, a reconstruír, crea palabras para as realidades tecnolóxicas que agroman, para os descubrimentos da ciencia, da cultura postpop ou da filosofía. Medra parella ao mundo novo no que vive. Esa forza inventiva é tanto ou máis poderosa que a actitude de combate político, de saudade ou de memoria histórica. E tamén véxoa como un posible elemento de cambio para un lector de castelán que si entende o galego pero négase a ler en galego.

Como se pode atraer non só a neofalantes senón tamén a neolectores? Eu véxoo claro: facendo do galego unha opción normal [e non unha excepción normal] para quen le. Para iso o abano de posibilidades e rexistros de lectura ha de ser todo o amplo que se saiba e se poida: literatura metafísica, cool, científica, best-seller, obxecto de culto, geek, histórica…  Coido que nese proceso a nación [non entendida só como estado político senón como  cultura transfronteiriza, emigrante e inmigrada] pasa a ser unha das súas moitas medulas, dos seus moitos tentáculos. Do contrario, esclerotiza ou devén un tema oco por sobresaturado.

Haberá quen pense que só se nos din os de fóra que o que se fai aquí é válido, a cousa será certa. Lidiando cos prexuízos de sempre aclararemos: hai ben tempo que a literatura galega é convidada fóra de Galiza, considerada punta de frecha nalgúns eidos, antologada, traducida e premiada. Só nos queda a nós crérnolo.

Que lles parece? Do autoodio ao autobombo en apenas unha transición e unhas poucas lexislaturas?

Así tamén se fai país.

Ante a inminente estrea desta peli:

lembrei destoutra curta marabillosa en stop-motion con música machaconamente melancólica de New Order.  A temática non é igual, claro, a relación máquina-civilización humana apenas existe na curta de Mark Osborne, senón máis ben un desencanto finisecular polo traballo e o capitalismo. E a saudade. Unha saudade impenetrable, rescatada nun par de imaxes da nenez e só aliviada en parte polo resplandor interior e as drogas.

Dende certo punto de vista, a saudade que embaza a mercantilización de calquera recurso humano concernente a unha pulsión interior ou á emoción. A literatura, por exemplo.

Matinaba en pedir Bliss aos Reis Magos do Oriente Próximo. Pero non deixaría de ser, fíxense ben, un agasallo triste.

Teremos que ver as heroicidades mesiánicas do Número 9 nunha peli catastrofista [unha vez máis] sobre máquinas rebeldes e planeta arrasado. Como nos presta ver o noso planeta arrasado, ven o que lles dicía?

Os bonequiños de ámbolos dous films danse un aire.

Contar unha historia.

Saber contar unha historia.

A novela quere saber contar historias. Ás veces a modo de redacción escolar. Ás veces a modo de guión cinematográfico.

Pregúntome. Pregúntome por que.

Por que esa teima decimonónica en contar historias. En contalas ben, por entregas. Esa entrega nas entregas. Por que.

En tramas que turren de nós coma a gravidade e a ambición, nos arrebaten. Por que.

Será que a moita novela contemporánea só se lle ven as ganas de tirarse ao cine,  de cepillárseo na última butaca.  Maquíllase para devir guión.

Por que, noveliña miña, por que.

Barbara Stanwyck e Fred MacMurray. Perdición

Barbara Stanwyck e Fred MacMurray. Perdición

Imaxe: fotograma de Double Indemnity [Billy Wilder, 1944], aquí titulada boleramente Perdición [para min moito mellor que o orixinal, que é un xoguiño de palabras co tecnicismo da póliza de seguros].

cocaine

Dúas son as especialidades médicas que creo máis en bragas: a xinecoloxía [obstetricia, en concreto; partos, en particular] e a psiquiatría.

Tumbamos de costas ás mulleres para que parir sexa máis cómodo. Para quen atende o parto. Parir redúcese, pois, a un asunto de posturas. Ben, queremos fochancos no chan como os dos talleres dos coches, pero máis estreitos. E queremos ver os rostros dos médicos debaixo, manchados como o rostro dun mecánico co aceite da nosa maternidade. A fin de contas, parir é manipular un motor.

En canto ao cerebro. Limitámonos a adurmiñalo cando os seus pensamentos molestan socialmente. Canto máis molestos, máis o durmimos. Canto máis o durmimos, peor sente o doente a súa recepción na sociedade. Canto peor se sente o doente, máis molesto é.  A psquiatría é a única disciplina médica cuxos remedios enfatizan aspectos da propia patoloxía. Non trata de curar. Só trata de facer calar.

As drogas psiquiátricas son vergoñentas -en efectos secundarios, en adicións- sobre todo se se ten en conta que moitos de quen as administran probablemente manifestarán en contra do uso de drogas ilegais e criticarán dende os seus carísimos zapatos todo ese inframundo de substancias ilícitas. Entre foxo e foxo. Ferro 3 e putter. Voando cerebriños de surlyn en forma de pelotas brancas.

O efecto arrasador do haloperidol nun cerebro que podería ter sido o meu.

Posto que é o ser humano quen crea todos os sistemas de clasificación, cómpre saber quen fixo as regras e con que propósito. Se non tomamos esa precaución, corremos o risco de ignorar as regras exactas ou, peor aínda, de confundir o produto da clasificación con feitos ou cousas que aparecen naturalmente. Considero que iso foi exactamente o que aconteceu en psiquiatría nos últimos sesenta ou setenta anos. Durante este período, os feitos reclasificados como enfermidades foron moitos. Deste xeito chegamos a considerar que as fobias, os actos delicitvos, o divorcio, o homicidio, a adicción, etc. son – case sen límite- enfermidades psiquiátricas, o cal constitúe un erro enorme e moi custoso. [...] O feito de incluír a algúns individuos ou grupos na categoría de persoas enfermas pódese xustificar en termos de convivencia social, pero é imposible facelo mediante observacións científicas ou argumentacións lóxicas.

Thomas Szasz, O mito da enfermidade mental,1961

A Ucraína entrei en autobús, atravesando os campos polacos no Nadal de 1997. Nada parecía diferenciar moito un país [Ucraína] do outro [Polonia] agás no feito de que os ucraínos contiñan no sorriso máis dentes de ouro. Pero diso non me decatei ata o día seguinte, no que o primeiro habitante de Lviv co que falei sorríume por calquera razón. Aos 20 anos sobran razóns para que che sorrían. É aos 30 que a xente deixa de ser amable.

Volvamos a ese autobús que sae da fin do milenio para entrar na chatarrería emocional dos pecios da CCCP.

A nosa entrada na cidade de Lviv [Lvov en ruso] resultou espectacular: as luces prendidas dos colosais edificios ex-soviéticos apagaron simultaneamente. Para nós, sen dúbida. Para nos impresionar cunha das súas especialidades en vida fodida polo estado: os cortes enerxéticos. Habería máis. Internabamos por unha ferida que supuraba. Sovieticamente, no 97 Ucraína era un enorme hórreo que abre as súas portas e deixa voar o gran. O gran voaba. Como unha nube radiactiva voaba o gran. O gran voaba.

Ucraína, quen podía sabelo entón, conformaba un dos territorios máis fascinantes do planeta: nela experímentabase dun xeito inconsciente co non-lugar. Tomemos por exemplo Lviv. Por ese nome – a designación ucraína- poucos a coñecían daquela. Lvov era en cambio máis popular, ou Lemberg para o antigo Imperio austro-húngaro ou Lwów para os veciños da Galitzia polaca. Alí, en Ucraína, naceu un dos máis grandes poetas polacos que coñecía, Zbigniew Herbert. Era de Lwóv, quero dicir, Lviv. Unha cidade ucraína e non polaca.

Tamén de Ucraína -malia figurar en todas partes como alemán e rumano e xudeu asquenazí e suicida, que vén sendo outro tipo de nacionalidade- sería o poeta alemán Paul Celan, diseccionado así para a posteridade en nacionalidades infinitas: en realidade o seu nacemento tivo lugar nesas coordenadas caprichosas que hoxe, quen sabe pasadomañá, delimitan Ucraína.

Paul Celan e Zbigniew Herbert. Ningún dos dous diría de si mesmo que é ucraíno, mais as cidades nas que naceron si o son, polo menos nesta hora do día deste día en concreto.

Síguenme? Síganme.

Síganme porque queda a xoia da coroa dese enorme país de nacionalidades difusas. Chernobyl. E Pripyat. O lugar tabú, o noso escenario after-the-bomb máis logrado no que atopan inspiración todas esas películas norteamericanas que sobrevoan un Nova York asolado onde pinchacarneiran os impalas e as leoas. Pelis como Son lenda [mala], Wall-E [boa], A estrada [non a vin aínda, a de Cormac McCarthy], 12 monos [ boa] ou o documental do National Geographic A terra sen habitantes [bo]. O lado milenarista e supersticioso da nosa civilización atopa un especial pracer no vitimismo, en presentarse a si mesma como un ecce homo.

Ecce homo. Éche aí. E éche as súas grandes cidades incribles e todopoderosas. Éche Chernobyl.

Et campos ubi Troia fuit.

Non chegamos a visitar Chernobyl e a vila pantasma de Pripyat, lonxe da nosa cidade bastantes quilómetros -poucos para ese estraño habitante das pedras que chamamos radiación -. Pero, como sabemos, a nube radiactiva e as súas consecuencias en plantas e animais estendérase por boa parte de Bielorrusia, Rusia e Ucraína. Así que sen dúbida comín e bebín radiactividade chernobyleira, sentín a atracción dese non-lugar, contemporicei con el.

Chernobyl está próximo a acadar algún tipo de categoría literaria, unha especie daqueles vetustos topoi: ao meu xuízo o atopos, precisamente, o non-lugar.  O lugar común do non lugar común. O lugar deshumanizado. O que nos fala dunha grandeza que pasou, que se esfumou, que criamos eterna, que non o foi.

Iso encántanos e encántanos moito. Por iso con Chernobyl tamén comeza Nocilla Lab. En Chernobyl aúnanse a ciencia campando en forma de radiación e o baleiro filosófico en forma de estrutura abandonada.

Éche Chernobyl et campos ubi Chernobyl fuit.

pripyat-6

Este tema dos estelares e eclipsados Gentle Giant, brit prog dos ‘70, pode acompañarlles uns minutos – 9:11- se pinchan aquí. Nothing at all. Ao igual que moitos temas de Radiohead contén dúas ou tres atmosferas incrustadas nunha soa canción, ademais do único dúo batería-piano que coñezo, a iso do minuto 6.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Tecnoloxía e literatura? Claro, ho, falemos

Sil

Túnel bolivariano

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Portada de Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Portada de Samuel F. para número e, Espiral Maior, 2004

Portada de Samuel F. para -orama, Tambo, 2002

Portada de Pan (libro de ler e desler)

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria