cocaine

Dúas son as especialidades médicas que creo máis en bragas: a xinecoloxía [obstetricia, en concreto; partos, en particular] e a psiquiatría.

Tumbamos de costas ás mulleres para que parir sexa máis cómodo. Para quen atende o parto. Parir redúcese, pois, a un asunto de posturas. Ben, queremos fochancos no chan como os dos talleres dos coches, pero máis estreitos. E queremos ver os rostros dos médicos debaixo, manchados como o rostro dun mecánico co aceite da nosa maternidade. A fin de contas, parir é manipular un motor.

En canto ao cerebro. Limitámonos a adurmiñalo cando os seus pensamentos molestan socialmente. Canto máis molestos, máis o durmimos. Canto máis o durmimos, peor sente o doente a súa recepción na sociedade. Canto peor se sente o doente, máis molesto é.  A psquiatría é a única disciplina médica cuxos remedios enfatizan aspectos da propia patoloxía. Non trata de curar. Só trata de facer calar.

As drogas psiquiátricas son vergoñentas -en efectos secundarios, en adicións- sobre todo se se ten en conta que moitos de quen as administran probablemente manifestarán en contra do uso de drogas ilegais e criticarán dende os seus carísimos zapatos todo ese inframundo de substancias ilícitas. Entre foxo e foxo. Ferro 3 e putter. Voando cerebriños de surlyn en forma de pelotas brancas.

O efecto arrasador do haloperidol nun cerebro que podería ter sido o meu.

Posto que é o ser humano quen crea todos os sistemas de clasificación, cómpre saber quen fixo as regras e con que propósito. Se non tomamos esa precaución, corremos o risco de ignorar as regras exactas ou, peor aínda, de confundir o produto da clasificación con feitos ou cousas que aparecen naturalmente. Considero que iso foi exactamente o que aconteceu en psiquiatría nos últimos sesenta ou setenta anos. Durante este período, os feitos reclasificados como enfermidades foron moitos. Deste xeito chegamos a considerar que as fobias, os actos delicitvos, o divorcio, o homicidio, a adicción, etc. son – case sen límite- enfermidades psiquiátricas, o cal constitúe un erro enorme e moi custoso. [...] O feito de incluír a algúns individuos ou grupos na categoría de persoas enfermas pódese xustificar en termos de convivencia social, pero é imposible facelo mediante observacións científicas ou argumentacións lóxicas.

Thomas Szasz, O mito da enfermidade mental,1961