You are currently browsing the category archive for the 'bazaar' category.

A Mostra de Ciencia e Cinema [M+C+C]  suma exponentes e na edición deste seu segundo ano incluíu un apartado de Ciencia e Poesía. O formato elixido: recital con música no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o pasado mércores 28 de outubro. Alí fomos Xavier Seoane, Marica Campo, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas, Emma Couceiro e mais eu. A música correu a cargo de Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillermo Fernández.

Cada autor lía un texto de seu e outro dalgún autor a elixir. A temática, claro, a ciencia. Dende Cirlot ata Pimentel, dende de Brito ata do Cebreiro, textos seus por alí desfilaron.  Aspectos como o traballo da fábrica [Ferreiro], a relación de paixón coa natureza [Rivas], o equilibrio [Couceiro] e ata unha sextina ao estilo Raymond Queneau [Campo]… O texto que escollín foi Microcosmos do último libro de Wislawa Szymborska, Aquí.

ilustración de Pablo Gallo

Non foi este de hoxe [Ghost in machina] o texto que lin alí, pero si  podería ter encaixado no recital. Na súa versión castelá servíu para a colección de Sci-Fi Poesía que inaugurou a editorial El Gaviero o pasado ano, colección de separatas en cartoné – aquí as vedes- ilustradas por fabulosos fabuladores como Pablo Gallo. Para preguntas sobre os plátanos dos protagonistas, diríxanse a el.

Read the rest of this entry »

Xamais me recoñezo nas entrevistas. Esfórzome. Pero non sei por que, acabo pensando: eu nunca tería dito iso.

Falo das miñas propias entrevistas, ese subxénero.

barbara rapponet

donantes

Na vizosa escuridade hai seres que non deixan de medrar.

Eses son os admirables.

velenosa pataca con fillos e mazá

pataca con fillos. Imaxe propia

portada de  -orama, 2002, debuxo de Samuel Fernández

portada de -orama, 2002, debuxo de Samuel Fernández

Definimos o Orama como un fondo de óntica, xeomancia e ornamento que encerra e contén a anécdota dunha escena. Un fondo concreto, visual, material, pecha por detrás o escenario coma un muro significante. Na pintura, no cine, na fotografía e na escena, o Orama é ese fondo ao cal, ás veces, destínaselle un contido ou mensaxe específica.

Os Oramas son fondos de escena. Na pintura tiveron unha alta sistematización. Os bizantinos, os sieneses, Giotto, Leonardo, o Tintoretto…, cada quen tivo a súa propia “panorámica”, estudo do “pan-orama”.

Toda escena social, todo encontro de homes, encerra nunha presenza do mundo, paisaxe natural, urbano, doméstico ou de fantasmática.

O Orama en escenarios centrais ou bifrontais, non pode darse; pero a tradición pictórica tanto occidental como oriental, ten unha severa sistematización. Non se pón calquera fondo. No cine, a fotografía e a escena aparece o tema do Orama aínda cando este quede reducido a un baleiro neutro, un A-orama.

[...]

Orama é un vocablo grego que significa “aquilo que se mira e se ve”, como espectáculo, paisaxe, ámbito, fondo de sentido.

A escenografía contempoánea está moi lonxe daquela canónica dos oramas renacentistas, pero todo escenario fala da constitución dun nivel semiótico exclusivo e paralelo do escénico-escenográfico, que reeditaría unha sistemática dos oramas. Por iso a súa actualización.

Gaston Breyer, La escena presente, 2005

Falaba cun amigo [co amigo] das galas de verán, as mesas redondas, simposios, symposia, relatorios e todo o – en palabras súas- roce de anteniñas que supoñen. Tamén do feito de que as mesas de redondas teñan pouco. Cadaquen chega e – nun conmovedor comosemprismo- bota o seu rollo dun xeito frontal, en mesa oblonga e moitas veces sen facer nin caso ao outro presunto par – ou igual- de Camelot. O meu amigo formou parte dunha mesa redonda sobre haiku, nun lugar de La Mancha.

Tamén eu formei parte na miña vida de espectáculos similares. Isto parece ser unha condición sine qua non do escritor de hoxe en día, sen embargo estou certa de que non o é. Conditio sine qua. Mais con todo, así coñecemos mundo, idioteces e de cando en vez, marabillas.

Nun dos meu primeiros saraos regaláronme un libro. Foi o mellor que obtiven a cambio. Un deses libros de compilacións de textos e poéticas de autores varios, libros fatalmente destinados ben ao Moucho [tags: libros de segunda man, bo prezo, cidade vella herculínea, traer pola calle da amargura], ben a soster ese moble que coxea. No meu caso gardeino porque atopei algo valioso.

Dentro dese libro había moitas cousas indispensables para seren prescindidas ata que a miña vista desencriptou un soneto: un soneto, ese bargueño tan mono para o vestíbulo do noso intelecto. Queda tan ben. De moza facía sonetos. Claro, e quen non? O contrario indica unha grave ausencia de corazón e, quizais, de glándula pineal. Todos deberíamos perpetrar un soneto na nosa vida, debería haber Violantes pagadas polo estado que nos conminen, nos amenacen, nos violenten obrigándonos a un soneto, un soneto que é un son, un miraoquefago. Miraoqueseifacer. Como facer o pino con saia de volantes ante o rapaz que nos gustaba.

Atopei un soneto. É difícil escribir un soneto hoxe que non se asemelle a un bargueño estilo florentino do século XVI. Por moi canalla que poidamos facer soar un soneto moderno hai algo vernizado nel, restos de pan de ouro nas gavetiñas, ABBA ABBA…  Sen embargo, naquel libro compilatorio dei cun soneto diferente, disimuladas as molduras, as patas de bronce, as medidas na madeira e, pasados os anos, lembrei del a miúdo. Esa é a proba sublime: canto me lembras? Todo texto leva implícita esa pregunta, lévaa inscrita como unha marca de auga só visible ao trasluz.

Pois ben, lembreino. O soneto é dun poeta chamado Raúl Vacas Polo. Non o coñezo. A verdade é que o único que sei del é ese texto. De feito, coñezo máis o texto que ao seu autor. Iso é raro. O poema veume á cabeza en máis ocasións: nas farmacias, ollando recetas recén asinadas, revisando datas de caducidade nos frascos dun botiquín. E iso foi: nas mans dese escritor o soneto peza de marquetería devíu en botín de botiquín.

Un dos mellores sonetos actuais que lin.

Para os que a rima dea grima: abstéñanse. Abstéñanse.  E unha vez máis -isto é poesía, señores, fagan xogo- abstéñanse.

VADEMECUM

Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,

Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,

Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.

Adiro, Conductasa, Senioral,

Profer, Optalidón, Gelocatil,

Zantac, Aureomicina y Hemoal.

Raúl Vacas

pals

col. persoal

post-iños, col. persoal

Nada tan clásico como un bo postmoderno.

Coñecín a Bei Dao, unha illa silenciosa no mar do Norte.

Sentou nunha mesa con 7 ou 8 persoas máis. Unha mesa pequena, diante dun público. Eu era público. Na mesa foron falando todos -todos- durante máis dunha hora ata chegar a el. El era o elemento máis exótico da mesa, o convidado especial. Sen embargo sentou no extremo máis apartado e con aspecto, como diría a miña nai, de non comer quente. Literalmente, quedou fóra da mesa. Observeino neses minutos que preceden a un acto institucional. Era Córdoba e chovía. Alí dentro, nunha caixiña de cristal a carón da Feira do Libro, arremuiñábanse fotógrafos e camarógrafos e organizadores e públicos, todos preocupados por non saltarse medidas protocolarias básicas. Unha muller sentada na segunda ringleira rosmoume que non debería sentar na primeira ringleira -onde me acomodara había un par de minutos- por estar presuntamente reservada a autoridades. Nada indicaba que estivese reservada a autoridades, pero a xente é así. Tómase a organización pola súa man, vela por protocolos abstractos. Díxenlle que eu agardaría alí ata que chegasen as autoridades para lles ir quencendo o sitio. A señora non ríu. Aos poucos, ela e a súa amiga viñeron sentar ao meu carón. Moi serias. Só velaban que ninguén se saltase o protocolo para poder saltalo elas primeiro. Ah, era iso.

Bei Dao apareceu probablemente da nada, cunha carteira marrón. Nunha constante reverenza, asumíu sen ningún tipo de interese televisivo o lugar que lle asignaban. Durante uns minutos non soubo que facer coa carteira marrón. Tratou de pendurala no respaldo da cadeira. Caeu. Deixouna no chan. Molestaba. Termou dela coas mans e colocouna no colo, a xeito de labor de calceta.

Xuntou os xeonllos separando os nocelos, un aceno que inconscientemente asociamos á humildade, a unha certa tosquedade tamén. Fixou a vista nunha China imaxinaria e agardou.

Escoitou pacientemente o chinés no que falaron o resto de convidados [en castelán, claro. Entre eles o Antón Reixa, cunha memorable arenga-dramática sobre retrousos, frases feitas, subtextos e demais que rematou cun académico Se nos organizamos ben, aquí follamos todos. Grande]. De cando en vez eu ollaba para el. Para a célebre illa silandeira no mar do Norte, que agora andaba calando polo Sur. Tiña ese aire de todos os chineses, un respecto que xa deviu en clixé: mesmo que non entendan nada, parecen asentir. Mesmo que lles preguntes polo corredor das alfombriñas de ducha, non responden e sorrín. Mesmo que non sorrían, sorrín. Mesmo que te exilien. Sorrín.

Un tópico aborrecible ese.

Bei Dao sorrir non sorría, pero adoptaba un aire minúsculo, esmagado polas presenzas occidentais. Máis que nunca fun consciente do que significa ser chinés, mesmo nun exilio. Ser chinés significa ser 1/1.300.000 aumentando o denominador. Iso pareceume ser chinés. Un proceso partitivo.

Hoxe leo unha entrevista con Bei Dao nun suplemento de xornal. Poeta e disidente, din. A entrevista só discorre temáticamente pola política chinesa ou a xeopolítica mundial. Literatura, cero. Non lembro con precisión os textos que lle escoitei recitar, primeiro en chinés e logo na voz dun intérprete. Non eran textos demasiado extraordinarios, xulguei. Por que se reverenciaba tanto a Bei Dao? Pola súa disidencia? Porque intentou entrar en China a porfía e devolvérono nun avión aos Estados Unidos?  A súa obra pareceume moi sosegada, árbores na soidade dunha fraga na que se penetra e cousas así. Talvez axiña entretecinos coa pouca poesía tradicional chinesa que coñezo e tamén, malia todo, con esa especie de sushi que se come en todo o mundo e que son os haiku. O caso é que non souben ver excepcionalidade nel. Se cadra, debería saber todas esas cousas que agora sei para interpretar símbolos na súa poesía? Era todo demasiado subtil?

Se eu fose Bei Dao sería suspicaz. Se cadra Bei Dao é suspicaz, non me deu tempo a averigualo. Sería suspicaz. Tanto honor, tanto convite a festivais literarios… ten a ver coa miña literatura? Ou co significado da miña literatura na política chinesa? Son cousas distintas. Que le a xente cando me le? Le letras? Le frases de xade, opacas pero cheas de vetas e sentidos? Le os meus símbolos, a miña imaxinería? Ou le a miña disidencia, le Tiananmen, le os abusos de poder chineses dos que son vítima?

É o que poderíamos chamar consideracións van Gogh: a xente non vai ver pinceladas brutas de tons marelos cando se esfrega unha contra a outra na National Gallery perante Os Xirasois. A xente vai ver unha orella cortada, a xente vai ver incomprensión, a xente vai ver nin un só cadro vendido en vida, a xente vai ver un tiro no peito, a xente vai ver unha prostituta, a xente vai ver Cartas a Theo, a xente vai ver a Kirk Douglas. Iso pensaría eu se fose Bei Dao.

Pero non son Bei Dao e, probablemente, esa poesía súa da que eu recibín leves fulgores nun mediodía cordobés sexa un lampión para moitos chineses e supoña un milladoiro literario e blablá porque bla.

Será consciente Bei Dao de todo isto? Preocúpame. Ao se deitar a noite tras a entrevista, non matinaría Bei Dao en por que o xornalista español non lle fixo pregunta ningunha verbo da súa poesía? China y poesía, titulouse a entrevista. Unha manobra de despiste, de marketing. Debería chamarse China e disidencia. Ou China e poder. Daría igual que o entrevistado fose zapateiro, arquitecto ou trapecista do Circo do Sol. Debe de ser algo case peor có exilio que a obra de un sexa valorada só en función de parámetros políticos ou sociais. Sen embargo, iso é así. E funciona. E funciona moito en calquera lugar. No noso culto á personalidade, tendemos a proxectar na obra das persoas trazos do seu temperamento. Un temperamento fogoso parirá obra fogosa. Non albisquei disidencia poética algunha na obra de Bei Dao. Se cadra non me deu tempo a vela. Semellaba clásica, filosófica, bucólica. Chinesa. Deume sensación de serenidade, de complicidade coa natureza.

Será Bei Dao un revolucionario nos actos e un clásico na súa literatura? Para que o entrevistaron exactamente? En calidade de que? Como obxecto de exotismo desmitificador da nova China ultrapotente [un invento estadounidense para ter outro país ao que temer, dixo, polo visto sorrindo]?

Como poeta, está claro que non.  A súa poesía nesa entrevista permaneceu virxe.

Debe de ser difícil ser Bei Dao e non pensar en todas estas cousas antes de pechar a carteira marrón, espernexar un pouco e apagar a luz no exilio.

shimoda_hikari_05

Almacéns El Sol, Praza de Vigo, A Coruña, anos 1940-50

Almacéns El Sol, Prza de Vigo, A Coruña, 1940-50 col. persoal

Levo días sen escribir e iso apágame da vida. Levo días sen escribir porque acumulei demasiadas notas de futuros posts nos últimos días en Barcelona, nos únicos días en Madrid e nos días alternativos de voos Santiago-Barcelona, Santiago-Madrid, BCN-SDC, MAD-SDC. Demasiadas notas. Demasiado amor por un fillo. Todo iso conforma unha nube-de-tags, un clúster de emocións que, como ben sabían os chineses, toma asento nos pulmóns. Ben, non todas as emocións son pulmonares, tan só aquelas nas que intervén a tristura. Eu son unha persoa alegre, algo pallasa, tímida, lúcida, chistosa nas ceas de sociedade, dotada para a música. É dicir, á hora da verdade son unha persoa inclinada cara a tristeza.

Por iso estou tusindo. Toso como outros tusiron literaturas enteiras antes ca min, dende Kafka a Bernhard. Hai algo de enfermidade pulmonar na literatura. Teño tendencia xenética ás enfermidades pulmonares. Tendo á literatura como 1 debe sempre tender a infinito.

Pero que tenda a ela non signifca que a alcance. Hai obstáculos. Os externos son sorteables [expectativas de xénero, trampas de envexosos, reorientacións cara a manda, falta de tempo, necesidade de comer para vivir], son os internos os que converten en Escilas e Caribdis máis inclementes.

Teño moitas ideas na cabeza, síntoas como respiran. Un texto é un pulmón. Un texto é un pulmón axitado. Ven que fermoso titular? E ocorréuseme aquí. Na miña casa alugada de cidade de provincias, nunha cama na que repousa un neno de dous anos e medio, vendo o horizonte dos tellados e as gaivotas en guerra perpetua co mundo, coas mans cheirando ao peixe que acabamos de xantar, as mans resecas de fregar a man. Son cousas que acontecen.

Necesito tusir e necesito escribir todas esas anotacións sobre posts futuros.

Deberían vacunarnos contra a literatura.

Contra a necesidade de escribir.

Sexa ou non literatura.

by Gerhard Richter

by Gerhard Richter

Saio correndo do teatro [Teatre Gaudí, Padre Claret 120]. Atraveso este blog e tiro para adiante. É a primeira vez na miña vida que corro por Barcelona. Visitara Barcelona varias veces antes, tres concretamente [la 1ª por coraje, la 2ª por capricho, la 3ª por placer] pero nunca vivira nela. Nunca correra nela.

Hai que terlle confianza a unha cidade para iso. Un rumbo fixo. Eu téñoo.

Non hai moito que correr. O cine está na mesma rúa, algo máis adiante, no 168. É un cine pequeno cun bingo. Pouca xente. Vou soa.  Hai moito tempo que non vou soa ao cine. Merco Maltesers e un botellín de auga pirenaica con cumios nevados na etiqueta.

Saio da sala envolta nesa crisálida imaxinaria que tece unha película, todos eses rostros xigantes [o primeiro plano renacentista -e logo cinematográfico- coido que foi a causa icónica de que o ser humano rematase de namorar perdidamente de si mesmo], a peluxe no rostro de Kate Winslet, a música amplificada, deseñada para aocarche as válvulas cardíacas. Canda min sae unha velliña cunha muleta. Do Bingo. Non me paro a comprobar se sae feliz. Eu vou feliz.

Acendo o iPon. Aleatorio Cancións. A aleatoriedade conmóvenos porque, xa o dixen no post anterior, ten algo de destino minúsculo e punkarra. Que quererá dicirme o azar con esa selección de cancións? Nesa teoría do caos a pequena escala que poño en marcha cando froto a xema do meu dedo corazón contra a rodiña central, que liña argumental de cosmos albisco?

Enfilo por Càrrer de la Marina escoitando isto:

Nice dream [Radiohead]-When I was seventeen [Frank Sinatra]- Spirits in the material world [The Police]- The box [Orbital]- L’illusioniste [Keren Ann]- Non sei [Nordestin@s]- Chivo que rompe tambó [Bola de Nieve]

Non significa nada. Nada máis que eses son algúns dos meus gustos musicais.  É a miña suxestión nocturna a que atopa semiótica niso. Algunha simboloxía, algún vencello comigo. O certo é que non hai ningún. Esa sucesión de cancións non me pertence. A única diferenza é que eu fágoa constar neste blog, calcifícoa. Convírtoa nun fósil. Algunha vez lerei de novo esa sucesión de temas e crereina algo máis miña.

Apropiámonos da música, incluímola nos nosos posts, talvez por un desexo de fosilizarnos a carón dela.

Por facer tempo [gran expresión], esa noite paseo ante o Auditori, no que cantei hai 5 anos. Lobgesang, Mendelssohn, soprano primeira, cuarta ringleira. Die Erde. Lembro aquela fuga. Desa cantata lémbroo case todo. Non podería esquecela mesmo que axitase o cranio ata que me nevase a vida, como nunha esfera de cristal. Endiañadamente Lichts. Die Waffen des Lichts. No Auditori. Subo e baixo unhas escaleiras que lembraba diferentes. Barcelona tamén é para min unha lembranza inventada. A primeira vez vina desde un autobús, nunha excursión de colexio. Barcelona significaba entón unha alteración sanguínea, unha pulsión coa que o universo non me correspondía. Ganas de aspirar o aire a padas.

Agora o aire entra e sae normalmente. Logrei ser normal, unha viandante normal que sae dun cine normal nunha cidade normal. Logreino.

Chego ao hotel e subo á habitación dunha das compañeiras. Atópoas a todas bebendo cava, espalladas nas camas e no chan. A tele está acesa, tamén un pequeno netbook branco coa páxina aberta dun diario dixital. Dánme a nova. As eleccións autonómicas saíron ao revés do esperado. A burbulla na que viña camiñando dende o cine Napòls fai plop.

Collo un vaso. Aleatorio Cancións segue a soar dentro do bolso. Para ese momento non lembro a banda sonora.

Na habitación campa o bo humor, malia todo. Nótase que non somos os nosos pais e as nosas avoas. Un cambio político para nós non significa apenas nada. A certos niveis si se nota, e moito. Pero na superficie todos imos seguir vivos, ninguén marchará para un gulag, non imos empuñar armas nin desaparecer do mapa.

Ás veces teño a sensación de que a política, o cambio social, é realmente outra cousa.

Actúa noutro teatro.

A súa banda sonora é un aleatorio de cancións.

Días despois, baixo o scaléxtric de Glòries, descubro esta pintada: el vasco continúa a ser tan lindo!

Quen escribiría iso? Un portugués, un porteño, un barcelonés? Referirase ao idioma ou a un mozo vasco especialmente cachondo?

Escribir nunha lingua que continúa a ser linda consola. Hai saudade niso. Pero o argumento da beleza por veces soa a eses razoamentos de alivio que aseguran que os negros teñen moito sentido do ritmo. Non deixan de ser argumentos exculpatorios,  balsámicos. Supoño que tamén Aquiles acabou por namorar de Troia. Cando algo fica abatido, non deixamos de verlle poesía por todas partes.

Logo, sacudimos o mazazo final.

A través desa arma cargada de futuro polo diaño -Facebook é o seu nome- chégame unha proposta baseada na aleatoriedade: xogar a ser deseñador de portadas de discos inexistentes a partir das procuras random da wikipedia, de flickr ou das wikiquotes. Como vivo estas semanas nun hotel branco con wi-fi, almorzo-buffet e tedio-opulento, acepto.

Lástima que neste portátil non teña cargados máis que os tipos de letra por defecto do OpenOffice. Con todo, a proposta enturba a miña límpida materia gris e paso un par de horas entregada a ese absurdo cometido, fabricando portadas de discos inexistentes de grupos inexistentes, inexistindo, en definitiva. Photoshopeando portadas coma churros.

Con frecuencia de churro, calidade de churro e poder alimenticio de churro.

Unha vez perpetradas unhas 4 portadas abro unha carpeta no Facebook [ese antro de perdición, de perdición de tempo] á que titulo Randomismo.

Bótolles un última ollada antes de as subir á rede. Non están tan mal. Algunhas coarían por portadas reais. Cada unha levoume uns 10 minutos. O xogo seduciume porque en ocasións a min sedúceme calquera con xogos semiabsurdos e porque un fenómeno tan doméstico, tan cutre, tan fractal e tan feitonacasa paréceme a expresión perfecta da sobredose mundial de grupos e discos, só parangonable á de escritores e libros. Unha sobredose que comparo con aqueloutra de vocacións relixiosas na Idade Media: crerían todos eses monxes e abadesas e arciprestes firmemente en Deus? Amarán todos estes grupos, cantoras, percusioneiros, oh señor, a Música?

Vendo os resultados das 4 imaxes con orgullo de nai agradecida ao señor por lle ter enviado 4 fillos azarosos, resolvo que o nome de Krzewa gústame especialmente, quizais porque entre todos os nomes de cidades do mundo en xeral e da wiki en particular, foime saír o dunha cidade polaca; sen dúbida, a cita que dá título ao disco [there is no such thing as algebra] en consonancia coa foto das 3 lerchas campestres, axuda. Agradezo enormemente á divindade randomista wikipediana que me brindase na primeira procura Messier 77, unha galaxia espiral barrada que converteu no nome do meu primeiro grupo. A portada máis bizarra é a de Bekhud Badayuni, cunha errata que me quedou na palabra civilization e que a estas alturas non penso cambiar. O nome de grupo máis grimoso é ablepharon, palabra grega que significa sen pálpebras, algo impensable por exemplo na poesía galega, na que todo é pálpebra [ademais de paisaxe, excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe, Colectivo Ronseltz dixit]. Falando de personaxes, lembro  que hai anos encarnei un chamado Blefaron na comedia Anfitrión, de Plauto. Un tipo medio pampo, supoño que coas pálpebras a media hasta, durmiñón. Ter sabido iso das pálpebras naquela altura teríame axudado moitísimo na composición-introspección-stanislawskismo dese personaxe de 3 ou 4 frases que combinaba con outro na mesma obra [facía un dobrete]. É o que ten o traballo de actor: demasiada literatura. Se non lle botas literatura, non es actor.

É o que ten o traballo de escritora: demasiado teatro. Se non lle botas teatro, non es escritora.

Volvendo ás portadas random:  nun fallo imperdonable non anotei o nome dos autores dos fragmentos de citas que dan nome aos discos.

A música deses 4 grupos é, por suposto, aleatoria case postaleatoria cun punto after-cyber-wiki- punk.

portada aleatoria 1

portada aleatoria 1

Portada aleatoria 2

Portada aleatoria 2

Portada aleatoria 3

Portada aleatoria 3

Portada aleatoria 4

Portada aleatoria 4

Estas portadas poden tamén servir de reflexión verbo da posible e nunca ben ponderada xenialidade da aleatoriedade. Observen por un momento a derradeira portada: unha foto magritteana con alguén de costas, un grupo denominado Ablepharon [sen pálpebras] e o título do disco Problems of other people. Non é marabilloso como o azar urdiu unha composición indolente, cunha vulnerabilidade remota similar a unha canción de Radiohead? Os problemas doutra xente. Sen pálpebras un non ten máis remedio que velos. O único xeito de non velos é volver de costas. Quen é esa outra xente e cales son os seus problemas? Vivir ablepharon, sen pálpebras, equivale a telas perpetuamente pechadas sobre os ollos, a non ver? A non ver por ver demasiado? Somos nós, os espectadores, esa outra xente con problemas ou somos quen vivimos de costas a ela?

Non me digan -non me digan- que esa portada con todos os seus elementos non resulta cando menos enigmática.

Durante canto tempo aturaremos os humanos os enigmas do azar? Ata cando pensaremos que é fascinante e que goberna as nosas vidas dun xeito análogo a un destino algo máis ácrata que o Destino?

Outra día sigo con este fío.

Por se a alguén lle proe o hemisferio dereito, os termos do meme foron estes que copicolo:

Ola, estás aquí porque fuche “tageado” nesta imaxe, pero isto é un xogo no que tratamos de facer portadas aleatorias de discos.

Para facer isto:

1 – Vai a “wikipedia.” e Clica en “random article”, aquí: http://en.wikipedia.org/wiki/Special:Random … O nome da entrada que che saia será o nome da banda.

2 – Busca unha cita aleatoria, clica aquí: http://www.quotationspage.com/random.php3 … As 4 ou 5 últimas palabras DA PRIMEIRA CITA serán o nome do disco.

3 – Vai a flickr para ver as fotos interesantes dos últimos 7 dias, aquí: http://www.flickr.com/explore/interesting/7days … A TERCEIRA IMAXE, non importa cal sexa será a imaxe para a portada do teu disco

4 – Usa photoshop ou similar para xuntar todo iso.

5 – Postea a imaxe a Facebook, pega o texto coas instruccións e tagea aos amigos que queres que se unan.

Original text in english:
http://fluzo.tumblr.com/post/79649512/to-do-this-1-go-to-wikipedia-hit-random-or

Neverending Story

Neverending Story

Por cuarta vez en 20 días emprendo viaxe. De cada vez, súbome ao avión máis silenciosa. Miro pola fiestriña. Nunca hai xente. Só casas, coches, granxas, camiños infinitos a montañas infinitas. Nubes que non son nada, apenas unha vibración na cabina. Unha sensación de membro fantasma. No oído. No exterior. Na alma.

Nos bosques solitarios a rentes da pista nunca albisco un paseante tranquilo cun sombreiro e unha gramínea na boca.

Xente. Nunca hai.

Penso nos meus. En todos.

Non son moitos.

Lembro do amigo topógrafo que patea montes de haikus e mide xogadas de xadrez. Sempre me gustaría preguntarlle que son todos eses signos de terra de aí abaixo. Se iso é unha lagoa. De que van esas formas perfectamente redondas e enormes nos campos de labor. De que ferida é tanta cicatriz.

Encendo o iPon. Aleatorio cancións, por suposto. A primeira que soa é unha das miñas preferidas da miña preferida.

Horses in my dreams

Anoto mentalmente que lle debo a este blog dous posts: un chamado Aleatorio Cancións e outro sobre o caso Fontcuberta e o Lugartenente Kijé.

I have pulled myself clear.

Raandeiros

Randeeiros

A conversa máis ou menos transcorre así:

-Ola, bo día. Pode pasarme con intervención?

-Si, de parte de quen, por favor?

- Chámome Estíbaliz. Estíbaliz Espinosa

- O motivo da chamada?

- Quero saber en que estado do trámite se atopa unha factura dun concerto que dei hai 5 meses

- Agarda, creo que o encargado non está [soa un Mozart monofónico e periclitado para retrasados mentais, supostamente porque a música amansa ás feras. Acontece que a música feita por retrasados mentais, enardéceas]. Efectivamente, saíu

- E…mm.. non hai ninguén no departamento?

- Non

- E ben?!

- Chama dentro de 15 minutiños, por fav…

A escena pode [e debe] repetirse con diversas variantes a intervalos de 15 minutos, 15 días e, se nos relaxamos e todos nos poñemos un pouco hiperbólicos, 15 anos e 15 eóns.

O que acabo de transcribir é o protocolo necesario e absoluto neste país [=Galiza] para cobrar calquera cantidade relacionada con algún evento cultural municipal antes de que pasen 6 meses. O que acabo de describir é vergoñento e inadmisible. O que acabo de describir é a bunkerización dos xestores de cartos públicos para evitar seren presionados cara a unha xestión xusta, limpa e puntual.

Todos colaboran nesa trama sucia de trapos permanentemente por lavar, de residuos tóxicos que temos que comernos os que algunha vez traballamos para eles. Todos. Dende os técnicos de cultura que non saben nada porque iso é cousa de intervención, ata os interventores que me choran [isto é verídico] que me entenden [todos me entenden] pero que a culpa é do sistema, que é así.

O sistema. A invención máis audaz, despois do nazismo, para expiar as culpas todas de todo o occidente de benestar. O sistema, que é así.

Traballo para distintas entidades culturais dende hai máis de 10 anos: traballei como contacontos en campañas de lectura da Xunta, fago recitais e obradoiros como escritora or whatever, dei charlas e conferencias, actuei como cantante cun grupo de jazz, cun octeto vocal, con compañías de teatro… Para entidades tanto públicas como privadas e, dentro das públicas, para calquera dos 3 supraorganismos, calquera das 3 grandes tetas que pairan cupulescamente xeodesicamente sobre nós: Estado, Autonomía, Municipio.

Das 3, a besta negra nos pagamentos é, con diferenza, a terceira. Nin un só concello dos moitísimos cos que traballei neste país [=Galiza] pagoume antes de 3 meses. Mentira, lembro un. Só un. Oleiros.  Foi o único concello que me pagou dentro do prazo normal dos 30 días.

Houbo outro, a Pobra do Caramiñal, que tardou 2 anos e unhas 30 chamadas en pagarnos. Por un contacontos. Do 8 de marzo de 2000, día da muller traballadora. Érase aquela unha ironía tan ben broslada. As mulleres traballadoras que traballan ese día por amor á arte, parnasianas as mulleres traballadoras. Cheguei a falar co tenente de alcalde: Bos días, son a muller traballadora que resulta que tamén era cobradora.

Daquela facía moitos xogos de palabras.

Iso si, en cando mentas ao alcalde os cobros axilízanse. Pero para iso tes que botar bile, tes que escoitar moitos É que eu enténdote pero, moitos sospeitosos cortes de chamada, moita música para midisubnormais, moita pregunta capciosa de funcionaria listilla O motivo da chamada?, e tes que intentar vía meditación hindú que todo iso non derive nun cancro no teu organismo.

Todo para cobrar cantidades que xamais sobrepasan os 2oo euros. É miserable e, se non fose porque evito o café, o tabaco e a humillación por parte de xentes miserables, sería tamén humillante.

Ao longo destes máis de 10 anos traballaría con máis de 100 concellos. Un 1%, segundo a miña estatística subxectiva e persoal [coma todas], un 1% dos concellos deste país [=Galiza] paga o que debe cando debe  ás persoas que traballan para eles.

Se falan vostedes con xente que se dedica á música, ao teatro, ás artes plásticas, á literatura,  á retroescavación ou, imaxino, a calquera actividade que requira un concello dado para o lecer dos seus cidadáns o para calquera outra finalidade [didáctica, arquitectónica, floral, oquesexa], toda esa xente poderá contarlles anécdotas que mesturan indignación coa besta temible do estado de benestar, resignación:

8 meses? Aínda menos mal, muller, que eu do concello de F. aínda non cobrei unha función de hai 6 anos

Coido que a S. nunca lle pagaron o mural que pintou no concello de C.

Fixen 15 chamadas para cobrar 60 euros.

Esquécete de cobrar iso ata dentro de como mínimo, 1 ano. O. éche así. Paga fatal.

Transcorreron 15 minutos dende que empecei a escribir esta entrada aquí. Vou chamar ao concello de S. Desculpen.

A conversa máis ou menos transcorre así:

-Ola, bo día. Pode pasarme con A. B.?

-Si, de parte de quen por favor?

- Son Estíbaliz Espinosa

- O motivo da chamada?

- Quero felicitarlle o novo ano

[Agora a música xa non soa. Un elocuente silencio que se prolonga un minuto, dous, tres, catro, cinco... A chamada córtase]

A resignación: vivimos nun estado de benestar, privilexiado, recibimos subvencións, pagamentos extraordinarios, cestas de Nadal [agás nas crises], as rúas e avenidas ilumínanse para nós, as portas automáticas abren co noso halo [agás que sexamos un vampiro, ou alguén moi pérfido. Unha vez coñecín a unha muller sen halo que non era quen de entrar en  establecemento ningún xa que as portas automáticas non se lle... en fin. É outra historia], hai festas con pregón, garantías mínimas, cámaras de seguridade, cabalgatas, fontes e pontes luminosas, leis de protección forestal, solares recalificados, prestacións, pazos restaurados, parques moi eólicos, letras recurtadas co nome da cidade e os seus emblemas en parterres visibles… Hai de todo e en abundancia para todos cada día de cada ano ata o fin do teu futuro. Non quererás por riba de todo iso, cobrar á primeira de cambio por un traballo que fixeches. Abondo fan con chamarte por teléfono e poñer o teu nome nun xornal o día da actuación. Abondo fan con ter a intención de pagarte dentro dos límites cronolóxicos desta glaciación. Abondo fan con non dilapidar ese cartos que son de todos [de todos, ou crías que eran teus?] en opíparas casas e en confortables ceas de tixolo.

Dabondo fan con manter a túa factura intacta baixo unha montaña intacta de facturas.

Chamo de novo.

A conversa máis ou menos transcorre así:

-Ola, bo día. Pode pasarme con intervención?

-Si, de parte de quen por f avor?

- Son Estíbaliz Espinosa

[Pásanme]

- Ola, bos días

- Ola, boas, chamo porque quero saber en que estado do trámite se atopa unha factura dun concerto que dei hai 5 meses no voso concello e cando poderei cobrala

[Despois dunha serie de datos que lle facilito]

- Ai, esa factura non chegou aínda, debe de andar pola oficina orzamentaria

[Debe de andar por... como se fose un siberiano facendo turismo polo Caribe, demorándose en cada illa, en cada illote, en cada caio... á caloriña voluptuosa da burocracia lentamente enguedellada en si mesma, no benestar de si mesma, no estado de benestar que somos todos...]

- Oficina orzamentaria? Que é iso?

- Pois mira, unha oficina [bravo!] pola que pasan as facturas no proceso do trámite [un pretexto buro-espacial para pagar 3 ou 4 soldos máis]

- Podes darme o número desa oficina, por favor?

- Chama a centraliña, aí xa che pasan

O xogo sempre é así. O rato e o gato. Correquetepillo. Un dous, tres, escondite inglés. A ver quen cansa primeiro. Stop! Póquer de damas. Póquer de alcaldes. Escaleira de cor. Escaleira de Escher. Gato e rato outra vez. Tom e Jerry. Raña e proe. Gato de Cheshire. Gato de Schrödinger. Existe a factura? Que factura? Que concerto? Que relatorio? Iso é cousa de cultura. Iso é cousa da técnico. Iso é cousa de Manuel, o tesoureiro, que está de baixa cunha catarreira e non vén ata dentro de 12 días. Iso é cousa do sistema. De que sistema? Do sistema solar? Do sistema de calefacción? Do sistema capitalista?

Do noso sistema nervioso.

Todo iso é cousa do noso sistema nervioso. Os despropósitos viven da nosa ciática, cada atraso aliméntase da nosa medula transparente, do noso párkinson á hora de chamar por teléfono a un moroso que é unha institución pública, os edificios de usos múltiples tamén xeran escleroses múltiples, a música perpetrada por un midi monofónico aumenta a probabilidade dunha meninxite… E todo así.

Un eterno vivir nun sistema que está afeito a limitar os seus esforzos. Un sistema que está afeito a tratar a cada cidadán como a un solicitante de subvencións. Un sistema que é a mellor escusa de si mesmo.

Un sistema nervioso central que se volve contra o individuo. Unha enfermidade autoinmune.

Iso é un concello que senta pracidamente sobre facturas sen pagar. Iso é o 90% dos concellos deste país [=Galiza].

Facturas sen pagar. Farturas sen pagar. Enfermidades autoinmunes. Oficinas orzamentarias. Midimozarts. Deixadez. Estupidez. Sistematicidade.

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

-orama, coleción Tambo, 2002

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Novembro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Out    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

Ecos con reverb

gilt26 en como cando mordes un debuxo e …
julian en o non lugar
manu hasta luego en more número 9
manu hasta luego en ecuacións binomiais
censurado en a perdición da trama