You are currently browsing the category archive for the 'cybernetics' category.
Pedíronme un texto sobre o e-book e a literatura na rede. Entreguei Os incestos da tinta. Publicouse na revista Tempos Novos no mes de abril de 2009.
Nese texto examino sobre todo a diverxencia sensorial entre un libro electrónico [e-book, libroé] e un libro confeccionado en papel. Trátase, se cadra, da reflexión máis inmediata: as cousas son e serán xa para sempre distintas. Non sabemos moi ben en que, pero dar conta desa diferenza fainos sentir acordes cos tempos. Serán distintas, si. Semellante aseveración desprende o cheiro da saudade/ a textura do fetiche. Nese texto emito preguntas intermitentes que emerxen dun certo desconcerto.
[...]
Dun tempo a esta parte [expresión que...] dun tempo a esta parte ninguén que estea no mundo -neste lado do mundo-, ninguén con vagas ensoñacións de ser lido e reflexionado deixa de matinar e compartir matinacións sobre o asunto. Os e-books. A literatura dixital. Os dereitos de autora. Téñennos rodeados. As nosas pretensións por ser o futuro acampan detrás. Falando do futuro cremos ser o futuro. E non hai nada que delate tanto o paso do tempo como certas elucubracións sobre o futuro en tempos pasados.
En fin. Os e-books. A literatura dixital. Como é posible que xa saiban, eu tireime á piscina nese asunto. Publiquei na aberta rede negra logo de telo feito na compacta celulosa branca. Non se trata dun e-book aínda pero que carallo. Era libre. Era nova. Era de balde. Era fácil. Era idiota. Era inxenua. Era astuta. Era unha nova era.
Que se era.
Os libros dixitais, como tales, aínda non popularizaron dabondo. A cousa renguea. Son caros. Os dereitos. Os tortos. Os protocolos e reumas da edición convencional. Cómpre como que dixitalizar a literatura universal ao completo e iso supón bastante máis esforzo que acender unha cacharela nun patio onde queimar os libros dunha biblioteca. Ademais, ábrese a piñata das preguntas que nos chorrean enriba: a que cheira un e-book? Que acontece coas bibliotecas, espazos incribles? E se perdese un e-book con 3.000 libros dentro? Que fago cos andeis baleiros do cuarto propio? E se se borra a memoria? Do e-book, quero dicir. E se rebela contra min e non quere darme a ler nada? Como o acendo no cumio da Garita de Herbeira, concello de Cedeira, e deixo que axiten as páxinas? Como paso páxinas ao chou? Como espiamos o que len outros? No tren, por exemplo. Como quedará nos cadros de Hopper? Xa non vive, Hopper. Sigamos: como me identifico coa liña sintáctica virtual que conforma un personaxe? Sufrirán os meus grandes ojos fijos nesas pantallas? Poderei corrixir eu as erratas? Onde vai, pois, o discreto encanto das erratas? [das follas soltas... dos libros mal encadernados...?] Onde fican os libros malditos, raros, bizarros, gonzos? Como suliño? Como marco a páxina? Como lle limpo as bágoas, o seme, as areíñas da praia de Bares? Como o roubo? De que xeito detecto a páxina que máis veces lin?
Haberá neses novos dispositivos funcións e aplicacións que faciliten todo iso, con certeza, así como outras posibilidades que agora mesmo -vai calor, un día de sol no cuaternario, falemos do tempo e das ondas que saltaremos para nos infundir vida- posibilidades que agora mesmo se me escapan como o globo de Betanzos, que nunca se sabe onde vai caer. Todos teremos un dispositivo con toda a nosa biblioteca, como dispomos dun só cerebro con toda a nosa vida, unha soa alma con todo o noso corpo ou un só iPod con toda a nosa quincalla musical.
Eis a clave.
Antes os libros eran un por un. A cada libro, un autor. A cada libro, unha portada, un aspecto. A cada libro, uns personaxes. A cada libro, un fin. A cada libro, unha opinión, pode que lanzada dende un primeiro ollar e xamais modificada polo tempo ou o nordés.
Non falei disto no artigo aquel de Tempos Novos, pero agora véxoo todo dende outra perspectiva, máis estival: na miña vida tiven un e-book nas mans pero sei que cando ese [redobre de tambor] glorioso momento [crescendo] aconteza, sosterei na miña man [trompas] unha singularidade matemática [trompetas] na que colle [percusión molto forte a fortíssimo] ou collerá [rallentando] a literatura toda na súa infinita permuta, variedade e estilismo. É dicir [resolución, volta á dominante] que un e-book será un só obxecto que resolva onde antes existían tres mil millóns.
[harpas a extinguirse nun pianíssimo distante]

DISQUISICIÓNS MORAIS
É iso bo ou malo? Xa apareceu a dicotomía esencial, a moralidade morosa de todos os nosos puntos de vista. Bo para quen ou que? Por poñer algún exemplo, para as mudanzas de seres vivos con libros iso é indubidablemente bo. Para os lombos de cativos lonxe dos seus colexios en polígonos industriais, iso é indubidablemente bo. Para a procura da pasaxe que nos fai pestanexar repetidas veces e que empeza por Considerando en frío, imparcialmente, se o e-book conta cun bo buscador, iso é indubidablemente bo. Para a busca da data exacta na que limos por vez primeira Esta branca páxina non debe ser manchada co meu verdadeiro nome iso é, digamos, bo. Para atopar a intensidade xa no esquezo coa que suliñamos en verde E por algures andan leóns aínda e non saben, mentres dura a súa maxestade, de impotencia ningunha, seica un e-book será moi bo. Para saber que lía o noso irmán no 89, os seus Nietzsches sobreescritos, os seus sinuosos imitadores de voces, os seus Riscos… para iso será bo o e-book; e implacable, ás veces o mellor sinónimo de bo. Para as imprentas non será bo. Para o folklorismo elitista comparatista de portadas ecuatorianas e portadas estadounidenses non será bo. Para a industria e o ritual do papel non será bo. Para os eucaliptos que neste momento arrola o vento en Ortegal e que tamén -Pondal non podía sabelo- ían ser moi rumorosos, non será bo. Para a xestión e difusión editorial tradicional pode ser malo ou bo. Para os cegos pode ser bo. Para os andeis a exhibiren libros, non vai ser bo. Para o bookcrossing moito me estrañaría que fose bo.
E así.
O que importa é que onde había moito, onde había demasiado, agora haberá menos. Os e-books prometen ser reductios [sic], espazos recluídos, claustros dunha tradición e variedade todo o macedónica que se queira nas nosas mans. Un dispositivo macrocefálico nas nosas mans. Mans que seguen sendo antropoides.
AS CALIDADES DO OBXECTO, AS CALIDADES DO DISPOSITIVO
Vistas así as cousas, onde os libros funcionan como obxectos observamos que os libros-e fanno como dispositivos. No meu artigo de Tempos Novos equiparaba ambos conceptos, mais agosto revela as cousas baixo outra luz. Ata certo punto, un dispositivo tamén é un obxecto pero hai unha diferenza de base: por leis da física aínda non moi ben aclaradas, un obxecto do mundo real segue a ser un obxecto do mundo real e aí queda a cousa. Podemos argüir que un obxecto por exemplo da antigüidade chinesa exposto nun museo non é o mesmo obxecto que foi; ben, nese caso o obxecto está descontextualizado. Un obxecto nun museo connota sensacións, ideas, que a presunta chinesa que o empuñou nin osmaba: paso do tempo, vanitas, caídas dun imperio, traizóns, cultura isolada, perfección inaudita. Os obxectos comúns, polo xeral, non se comportan con semellante profundidade. Mentres un espello dunha vella dama chinesa nunha vitrina contén a China enteira, o retrovisor do meu coche non contén a Galiza, nin a cultura afterpop do touro de Osborne se ben os ten reflectido moitas veces.
Que pasa cos dispositivos? Ben, a palabra dispositivo xa presenta un aire dinámico. De disposición. Un dispositivo dispón unha parte do mundo: ábreo ou péchao, acende ou apaga, emite ou absorbe. Un libro tamén pode entenderse, visto así, como un dispositivo. Certo. Ata unha palabra pode ser un dispositivo [a palabra Mátao pronunciada no contexto adecuado. É un dispositivo, como unha guillotina o é. Disto xa falaron moito e mellor Austin e Searle]. Acontece que, postos á par libro e e-book, o segundo semella moito máis dispositivo có primeiro. A súa capacidade de dispór semella maior. Un e-book, falo en teoría, promete ser quen de indagar e argallar máis cousas dentro do libro, de afondar máis nel. A cousa é: se o fai o e-book, facilita que o antropoide lector xa non teña por que facelo. Afondar, quero dicir.
A simpleza dun libro -un obxecto, limitado en si- convida a afondar nel.
Aínda non podo saber se a complexidade dun e-book convidará ao mesmo ou xa nolo brindará todo feito.
Onde quero chegar?

Non son en absoluto tecnófoba. Ao contrario. Atráenme, como a todo occidental e oriental, os dispositivos. O que poden facer por min. A memoria miña que se pode gardar. Probablemente algún día terei un e-book e relerei con maternalismo esta entrada, acariñando a cabeciña parva desta que hoxe son. Un e-book non fai nada prodixioso!- direi. Só pragmatiza as nosas relacións cos textos e axiliza os nosos paseos cos paralelepípedos encadernados. Fáltanlle atributos, pero incorpora outros. Mais tamén pode ser que me diga: Quen o ía pensar. Un e-book supón outra relación coa literatura, algo incrible, impensable no 2009.
Acadará forza semellante, o libroé?
Ríanse de min, xentes do futuro. Contémplenme como a unha pequena bacteria intentando trepar por unha galaxia imponente, como un chimpancé macho a espreitar a Marilyn durmida. A vosa perspectiva outórgavos a disposición a rir. A dispositio. O dispositivo. Rían de min. Oxalá eu soubese o que vostedes xa saben. Pero tamén o meu candor inclinouvos cara a min. E aquí estades, neste renglón. Da miña infinita ignorancia só un cachiño infinito vos separa.

Escher Hands revisited
Hai unhas semanas convidáronme a dar o meu primeiro recital vía dixital. Foi no LILEC 09, a Feira do Libro e a Lectura de Almería. O ano pasado estivera presente fisicamente, de corpo e alma, e este ano acudín virtualmente. Só coa alma.
O recital tiña lugar no pub El Zaguán, mais o único que se molestou en acudir alí foi o público. Primeiro a poeta Ana Gorría leu textos de varios blogs . Todo foi ben. Na miña quenda, a comunicación cortouse un par de veces. Nada que non aconteza nun recital de corpo presente no que a audiencia comeza a pensar noutra cousa. Córtase a comunicación. Orabén, con esta nova modalidade recitativa sentín algo xenial: podo ser unha cabeza parlante, como as de Futurama, o meu corpo xa non é preciso para nada, son incorpórea, viaxo en aeroliña astral 1000 km e poden escoitarme e verme nunha pantalla xigante de bar.
E iso que me pasa a min, pode pasarte a ti.
O ano pasado, no LILEC o8 a experiencia tirara máis cara ao spoken word: María Lado, Yolanda Castaño e eu leváramos as nosas imaxes connosco. Desta vez, a miña imaxe levouna a tecnoloxía.
Mel nas filloas. Todo cómodo, indoloro e doméstico. Dende un sofá da miña casiña, cun xersei e a parte de abaixo dun pixama acudín a un recital en Almería.
Oh, prodixio prodixioso, oh marabilla marabillosa!
Facer recitais así soa máis gorentoso e insto ás autoridades pertinentes a que promovan e provoquen máis vídeorrecitais: queremos ver aos autores cociñando, pelando patacas, lendo en albornoz ao saíren do baño, na cama a piques de apagar a luz, posando nun sofá caro cos Ferrero Rocher na mesiña, co sempiterno andel de libros detrás… Xa non nos abonda coa intimidade dos textos: queremos a intimidade da alma.
Queremos menos recitais de corpos e máis recitais de almas.
De cabezas parlantes.
Estar ou non estar.
Velaí the cuestion.
Banda sonora: os temas, os fragmentos de pelis e documentais e as letras acrílicas do novo disco de Ataque Escampe. Perdérseo é delito. Neste intre soa A Febre. O caos absoluto comanda a expedición. Son mineiro nas minas do rei Salomón. O deserto é a promesa de beber. Non hai repouso, din as moscas tse-tse.
Hai unha semana traizoei á miña cidade no delicado momento no que estreaba como anfitriona da Feira de Artes Dixitais Move, da que quedei coas ganas, as moitas ganas; traizoeina porque o domingo conducimos o noso coche rumbo a Vigo, a cidade destartalada, a cidade sen lei, a cidade gabeadora.
Carnívora.
Clausurábase o Art Futura en MARCO.
Alí fomos.
Unha vez constatado que o xarope de chocolate dos gofres da rúa Príncipe vai en crise, penetramos no futuro como quen atravesa a porta de pedra dunha prisón.
Chegamos xustiño para nos coar na emisión que me interesaba: cómo non, a titulada Máquinas e Almas. Alguén que ande por aí que me siga dende hai uns anos sabe que me conmove e me aglaia a distorsión semántica á que nos somete a vella linguaxe da máquina, tamén nun eido coma o literario.
A dixitalización invade case todas as formas de expresión, sedúceas cun baile de sete veos, mestúrase con elas intentando salvagardar un chisco de analoxía ou textura, capturar un olor, ollando cara atrás como a muller de Lot… E eu, que entrei na literatura pola porta do cambio de século e cun libro de poemiñas, dedico o meu lecer a procurar xeitos de inxectar esa apertura cósmica, esa escordadura narrativa, en todo canto se me dá por escribir.
Sexa poesía ou non. Sexa bo ou malo. Sexa por encarga ou porque me peta.
Pero andabamos por Vigo, no antigo cárcere que hoxendía alberga MARCO. Alí I entra nunha das celas da instalación durantes uns minutos; somos perforados pola nada acústica gravada nas paraxes dos crimes de Ciudad Juárez; hai globos para Y, globos como bálsamos para esquecer, globos que miran ao ceo voltos un ollo irritado. E tenden a el.

Na pequena sala da planta baixa proxectan Máquinas e Almas. Robots que cantan, esculturas de ferrofluído, os espellos de Rozin [podemos falar desta era sen empuñar un espello?] ou os animais das praias de Theo Jansen. Y asiste a todo iso caladiño, e mesmo atura un par de curtas pop-neuróticas de Satoshi Tomioka. En certo momento comeza a intervir en voz alta no que está vendo e temos que saír.
Unha vez fóra da sala de proxeccións pervagamos polo museo. A exposición temporal do 1º andar é A grande transformación: Arte e Maxia Táctica. Intrígame o nome e subo. Madames Blavastkys levitando, terróns de turba preñados da posibilidade de seren diamante, peneiras de ouro, plantas sobre as que proxectar pensamentos negativos… Matino no moito que ten a ver esa exposición coas ideas que manexaba en Pan [libro de ler e desler], escrito hai 10 anos. A maxia, o ouro, o ovo, mesmo o carbón do que emerxe o diamante… Os textos daquela altura falaban de todo iso, desa posibilidade inxenua da arte e a escrita como maxia. Desa explosión de ilusionismo fumegante baixo a cal se gorece o humano. Da probabilidade de transformar a materia dos pensamentos nun libro, e a quen escribe en algo un chisco máis torpemente inmortal.
Á súa maneira, era un libro sobre a subversión. Ninguén trataba a subversión dende ese enfoque. A subversión polo sexual semellábame xa un campo sementado naquela altura por parte doutras poetas e por escritores/as anteriores a nós. E non digamos a subversión pola linguaxe [roturas sintácticas ou moitas palabrotas e moito coloquial]. Era vangardista de principios de século XX. Era obvio.
Pero a subversión do propio concepto da escrita, da intervención humana no mundo a través dunha páxina? Esa vía presentábaseme moito máis tentadora, máis subrepticia. Máis miña.
Na derradeira páxina de Pan… convidaba a queimar o libro unha vez lido, un desafío para comprobar se se trataba dun libro de ler e desler que ao arder bota luces multicolores. Ninguén que eu saiba fixo a proba. Ou se a fixeron, non ma relataron. É unha mágoa que xa non teña onde atopar ese libro, porque se cadra nun San Xoán…
En MARCO tratamos de contemporizar: subo a unha peneira de ouro xigante e xiro concentrándome en transmutar en pebida no río Ouro; I encerra un minuto nunha especie de foguete psicodélico. Colaboramos coa exposición, deixámonos ultrapasar por ela. Fomos cidadáns boíños.
E regresamos conducindo pola noite na autoestrada A9. Ese funil para aparicións, repeticións e néboas da mente. Con esa maxia ameazante de todo o veloz. O destinado a pasar.
Eu vin ceros e uns que vós non creriades.
Hai cousas. Hai cousas que só acontecen en internet. E, de logo trascender
en, faranno manchadas de cibernética, manchadas deste grotesco e vasto curral que é a rede onde todos se buscan ás agachadas, tecooooleando o seu nome en google.
Á súa esquerda, un vaso de algo. Que apuran. A sorbiños. Compulsivos.
Todos os que traballamos aquí, deste lado do mundo, deste lado da fervenza do val dos elefantes, deste lado do ecrán, deste lado do telón de 000 e 11111, deste… [basta, non me pagan por exprimirme ata este punto, de feito non me pagan] sabemos que nos enteiramos de novas, memes, accións que ao mundo real poden arribar con outra forza, con perspectiva diferente. Sabemos que hai cousas que só existen aquí.
Que a súa dimensión é diferente por existiren aquí.
[I en ocasións vemos mortos]
Non sei se o sabemos ou o intuímos. Vén sendo o mesmo?
Deste lado do telón de ceros adquirimos outra entidade, que é case unha outra identidade. Os grandes tímidos atrévense e os ghuapos fican reducidos a unha frase que asegura que son guapos a carón dun pequeno avatar. A xente búscase a si mesma para descubrir a outros que se chaman exactamente igual e viven en, poñamos, Petrópolis. Ante a interfaz os grandes negociadores salivan, os artistas dixitalízanse tamborilando os dedos sobre o qwerty con furia artística, as novas intranscendentes volven relevantes e acaban por colonizar a prensa e outros medios de comunicación. A rede, coma todo enredo comunicativo, tamén fala de si mesma, tamén practica a rendible autofaxia: do mesmo modo que os rancios contidos da tele consisten na propia tele [programas que aluden a outros programas, programas feitos de retallos, patchwork televisivo], un dos grandes protagonistas da internet é o propio elemento mistérico da internet. A enxeñería, a linguaxe, os artiluxios de ordenador. Geekadas. A sublimación da chatarra silícica.
E a comunidade virtual. O aval de todo intento de volvernos postrimería.
Moitos escritores, impostores, clons e aledaños saltamos aquí porque dexergábase un reino fabuloso tras dun telón de ceros. Un reino que tardou apenas un par de anos en se superpoboar, ben é certo, pero un reino onde por fin a impostura era lei e non importaba non figurar no círculo da edición e xestión de libros en papel. Tras do telón de ceros son moitas as tramas que se urden, moitas as conquistas e algunhas non pasan das 1000 visitas. A posteridade converte nun grial sensiblemente máis esotérico: quen pasa á posteridade entre tanto nome? Quen garante o seu nome ante un millar de nomes? Quen esixe semellante titanismo de si mesmo?
E sobre todo, que significa un nome?
Está claro que unha condición sine qua non para existir sobre as calizas da terra é existir sobre o cristal líquido da pantalla. Así aconteceu co Prestige, coas protestas pola guerra de Irak, co acelerador de partículas do CERN ata chegar ao governo de transición de Obama… e aquí, na internet, todas esas apariencias de realidade flotan con new yorkers, animacións chinesas, elena chernenko, portais nacionais de bhutan, rebelion.org, lotte reiniger, lectores malheridos, petites claudines, microsiervos, pornotubes, chuzas, persoas en prácticas, criaturas mecánicas, ciber pin-ups, turcos mecánicos, calidonias, haijins, levantadores de minas, foros de ubuntu, bellas varsovias, multas de luisgarcíamonteros, fotos do teu fillo, mensaxes da sonda mars phoenix en twitter e terabytes de documentos en creative commons.
Mentres outros ven a tele, somos moitos os que vivimos deste outro lado. Onde disque faise a compra, procúrase parella e se queda ben ante a modernez estando aquí. Cunha presenza espectral, inventada, conectada. Seica o mundo comezará en anos vindeiros a suceder por aquí? E a nova forma de sociabilidade redistribuirá as categorías sociais entre conectados e non-conectados [plugged e unplugged]? Que acontece cos que non acceden a este lado? Simplemente, non existen. Que conclúes se tecoleas Liberia e non aparece nada? Non existe.
Os que precisan colirio nos ollos e fisioterapia para malas posturas da columna xa somos lexión… Lexión de zombies.
Toda a tarde escoitando isto. Unhas 37 veces.
Estamos mal, doutor?

Estíbaliz...Espinosa aka "a criatura mecánica". Fondo de cartaz xaponés "Global Warming", foto de Ho Hosokawa
Traballo arreo con varios textos, sigo a voltas con versos siameses, con fotos intruders, traballo para Silvestar, de Croacia, traballo un monte a cambio de nada. Facendo o que ninguén me obriga, para min. Como cando tiña 10 anos e escribía, escribía, escribía.
Sen porqué.
Pura amateur.
Instinto cru.
Autodidacta, torpe, acubillada no dominio sagrado de todo cangarexo ermitán, de todo zoupón en relacións sociais, de todo alérxico a interlocutores face à face:a interfaz. O antifaz. A rede. A rede dos acróbatas, das mariscadoras, dos humanos araña.
Nada de raciocinio na bóveda estrelada do meu cranio…
Viva este xeito de ser.

imaxe: Vida de Ramón Llull
Tranquilamente sentada sobre min mesma, inflando e desinflando unha querida caixa torácica e pestanexando cada pouco por necesidades do guión, leo. Leo sentada onda un patio. Leo e leo nun Babelia atrasado que o Meiac de Badaxoz ofrece unha mostra de arte, ciencia e tecnoloxía. Maldición. I eu aquí. Veraneando. Vacacións en cru. Casa feita un campamento xitano. Sen facer ren. Apenas cantando coma unha autómata en mostras de jazz e cerimonias nupciais nas que os noivos vesten de moaré cor porcoteixo.
Perdéndome campos extremeños, autoestradas extremas e duras, camas de hotel con pata negra e landras ciscadas por ondequeira que devesas.
Retornemos, benqueridos: a exposición do Meiac. Titúlana O discreto encanto da tecnoloxía, un xogo de palabras cinematográfico que semella querer alonxarse diametralmente das estridencias futuristas máis esperables nos títulos de mostras desa caste, por presupoñelas quizais máis acordes co contido. Da tecnoloxía sabiamos xa que era fascinante; que era cara; que era luxosa; que era masculina [eh, pero!]; que era críptica e belixerante; que o seu poder medraba mentres os tecnócratas durmían; que era, en fin, despampanante; que chufaba de ser a panacea de todos os males da carne…
Non sabiamos, malia todo, que tamén pode ser un encanto. Un charme. Charmante, disque, a tecnoloxía. Aínda preto pero xa algo despegada dese clixé que leva un tempo a ser a guinda de todos os pasteis de arte e ciencia que se cocen nos fornos pasteleiros do occidente: o de que a tecnoloxía redimirao todo, a saturación artística, os desafíos da ciencia e os pozos filosóficos.
Para todos os que cremos que a linguaxe da máquina, as investigacións no xenoma, na antimateria, nos fluídos ferruxinosos, na holografía, na biónica ou cibernética mudaron xa para sempre o panorama do noso hemisferio dereito e da nosa medula espinal, esta mostra pode ser un imantado motivo para achegarnos a Badaxoz. Esa terra que, polo demais, non me di nada. Por moito que aplique a orella.
[pacenses do mundo, desincrustádeme da miña ignorancia, atrevida!!]
Estes son os 5 módulos temáticos nos que se artella a devandita mostra do Meiac que, en breve viaxará a Karlsruhe [ e unha vez escrito este topónimo, pregúntome: visitaráa o filósofo-elefante, o señor Sloterdijk, que ten trazos de habitante da aldea de Astérix e a sabedoría e o cinismo de Panoramix?].
En fin, que os módulos éranse:
Operar sobre el código formal
Operar sobre el código visual
Operar sobre el código sensorial
Operar sobre la interfaz del cuerpo
Operar sobre la interfaz de la realidad
E unha vez aí dentro, obras do pioneiro Ramón Llull onda as de Joan Fontcuberta, Dora García, Daniel Canogar, Isabel Herguera, Pepe Buitrago, Ignacio Pardo ou Roberto Aguirrezabala baixo o comisariado de Claudia Gianetti, Antonio Franco e Peter Weibel. Encantaríame dicirlles que a exposición é estupenda e que ben o merece, pero só son quen de deixar constancia do meu desexo, probablemente inalcanzable, de calibrala.

Entón era que vostedes saltaban aquí, e dicíanme adeus axitando a man, conturbados, e moito era o que me amaban. E aquí ficaba eu, chuchando un lapis un 0 e un 1 e matinando no que escribir mañá para seguir sendo adorada ou, xa que logo, consentida por vocés…
Poden escoitar Die Roboter, de Kraftwerk. Unha salsa de retrotecnoloxía
Igor Lugrís, un señor que se dedica no seu lecer a poñerlle constricións aos que se chaman poetas, desafía ao universo dende o seu blog.
Primeiro foi o do cadaver exquisito. Unha morea de versos chuzados dende todos os recantos do globo, dior me perdoe o sutil paradoxo desta frase. Non contento coa proeza, agora ínstanos, tal cal faría Perec dende a tumba [non Peret dende a rumba, non se me confundan] a argallar un poema, lipograma ou queseieuoqué no que cada palabra que vostede enxendre no seu neocórtex comece coa mesma letra. Todas as palabras coa mesma? Todas, si. E logo por que? Ah, amigo. Se non queres xogar, non xogues. Pero non veñas augar a festa.
Unha especie de agotemos as posibilidades do alfabeto. I eu creo nese tipo de máximas absurdas como salvación humana, así que…
…cerebralmente condicionada coa carismática constrición, consonte comigo, cismei con curiosidade. Coño. Carallo. Veleiquí vos vai:
MIL MONOS MARCHAN
Máis marcianos
Menos musas
Máis mutación medular manifesta
Menos mentiras maxistradas. Militares. Monárquicas. Mitradas
Máis máscaras mordaces
Máis malva matutino
Menos mans moinantes manipulando multitudes
Máis maruxía, moita maruxía
Menos mandaríns marcadamente mediáticos
Máis mutismo
Menos música metade mediocre metade merda
Máis metabolismo máxico
Menos mileuristas muxindo ministerios macrocéfalos
Menos magnates miserábeis
Máis Marilyn Monroe
Menos mínimos
Menos matrimonios
Máis Marlene, Matahari, Murasaki
Máis mímese
Menos morbo médico
Máis michos, máis meigallos
Máis Moebius, Miguelanxo, Modigliani
Máis máquinas milagreiras
Máis maelstrom, menos marines
Menos munición mellorando mutilacións
Menos medios maquiavelos
Máis mentiras mitolóxicas
Máis mais
Máis Marx
Menos mundo
Máis M31
Menos M30
Menos memorias, máis mnemosine
Menos mulleres mesmamente misóxinas
Máis migracións menos mortificantes
Máis moléculas mollando margaridas
Menos modestia moderna mixtificada
Máis monstros mariños
Máis Maruja Mallo
Menos mitins
Menos mal
Máis mimo
Máis misterio
E…E 2008
Por que me miran así? E logo que esperaban rexentando un bloj chamado …mmmm… cal madame?
imaxe: polaroide auténtica. O demo é da nenez. O bico é falso
Coidado. Agora ameazo co W o Y e o Z. Os que ninguén quere…
Actualización do 24 de febreiro: vexo que dúas aguerridas blogueiras xa seguiron a proposta-meme de Igor a través deste post. E con excelentes resultados que fan caer mandíbulas. Aquí e aquí. Fagan xogo!! O abecedario é finito, señores!!
Datos de interese: vivimos no tempo dos fenómenos cósmicos paranormais. Polo visto, sobrevoan as noas insensatas cabeciñas nubes polares inzadas de ácido nítrico que, lonxe de presentar un aspecto tóxico ou radiactivo, collen un aquel de madreperla, nácara, tornasol boreal que as fai interesantes a mazo. Persoalmente, espero que chova.
Tamén, se se fixan ben e practican o insomnio, poderán ser testemuñas dun eclipse de lúa, mañá de madrugada…
Mirando ao ceo un atopa de todo. Salvo o por que da terra.

Dende o 27 de decembro pódese descargar. Aquí.
Grazas a Elba Fernández, Pequena Suricata, pola decisiva foto da portada.
Grazas a Noel. Non Papa, exactamente. Pero a [i]alma dunha extraordinaria plataforma de música [e outras herbas] en rede
O resto de agradecementos e dedicatorias xa van dentro do libro. Que non consta unicamente de agradecementos e dedicatorias, porque daquela trataríase dun panexírico i eu non sería máis que outro alguén que busca obter algo a cambio
Claro que…
No pasado 29 de novembro, a 2ª sesión do ciclo tróuxonos ante as pupilas os xogos e paradoxos fotográficos de Olga Osorio. Olga. Ingredientes: cámara de fotos, biberón, CD de audio e imaxe, colar longo, perfil exótico. Olga. Funcións: fotógrafa, nai e profesora de narrativa audiovisual da Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, profe tamén na Escola de Imaxe e Son de Someso e impulsora deste innovador blog [galería que foi enchendo coas diferentes xanelas dos fotógrafos que quixesen enviar as súas perspectivas. Todo un exercicio de Fiestra Indiscreta, lonxe dos trillados egologs].
Olga amósanos dous traballos. Faino cunha sinxeleza, unha franqueza que parece preceder unha obra igual de franca e sinxela. E así é. Pero hai mar de fondo: a aparente sinxeleza da iconografía de Olga agocha unha profunda reflexión e elaboración. Unha óptica múltiple. Unha óptica con retranca. O primeiro gran traballo é Reflexións, un proxecto premiado no Concurso de Proxectos de Creación Fotográfica sobre o Mar de Galiza e editado en Do Trinque.
Explicáronme que todo o que vexo son reflexos. Con esa alusión á caverna platónica abre Olga o libro homónimo Reflexións, publicado a raíz do premio. Dende a devandita caverna salta á caverna do Centro On para pintarnos na pantalla as súas reflexións privadas: un enorme mural móbil, un fresco da Galiza rural, mariñeira e urbana, sempre co mar de fondo. A través dun espello de alicia, dun espello no espello de Ende, dunha obra dentro dunha obra, dun marco que serve de pretexto para falarnos dos mares persoais dunha manchea de personaxes sabiamente escollidos, as imaxes xogan a reflectir un mar imaxinario, desexado, tristemente real ou idealizado. Cada personaxe retratado sostén un marco. Dentro dese marco habita un océano galego e fondamente propio. Cada un terma dun mar privado. O mar non ten cancelas, así que transmuta en definitiva nun mar que pertence a toda a galeguidade. A toda terra emerxida.
Mariscadoras, redeiros, conselleiras, tripulantes estranxeiros, naseiros, fareiras, enxeñeiras de portos, piragüistas, militares, asistentas, percebeiros, o lendario home do tempo da TVG, mergulladores, ruleiros e un aldraxado Neptuno… todos levan entre as mans ese marco de madeira a través do que, en vez de no ollo mecánico da fotógrafa, mergullamos noutro espazo físico. O evidente protagonismo do mar retratado cede sitio ao protagonismo humano: o que sostén o mar devén o seu verdadeiro sostén. Na charla, Olga enfeita cada foto con anécdotas do retratado, debullando así unha intrahistoria que tende un claro fío: a historia do mar galego é a historia social de Galiza. Isto é unha obviedade. Se cadra acontecerá así en todos os pobos marítimos, arquipiélagos, illas, penínsulas… que o mar inunda os libros de Historia con maiúscula.
O segundo traballo de Olga, aínda en elaboración, ten como protagonistas aos habitantes de Vilacampa, un pobo despoboándose. No concello de Valadouro, Lugo. Galiza está inzada deses fantasmais vestixios. Casas que baleiran e fican en pe, con certa resistencia, con certa resiliencia, absorbendo a enerxía de ceibárense dos humanos. Olga coloca ás familias perante as casas con coidada obscenidade. Parte da obra, baixo a forma de instalación, apareceu na mostra colectiva 25 outonos.
Olga Osorio by opia
Pintando bisontes en cavernas estamos todos os xoves, ata abril, de 19:30 a 20:30 no Centro On, de Caixa Galicia, no Cantón Pequeno da Coruña. Non servimos pinchos. Non servimos drogas legais. Somos antipáticos. Pero gustámoste.
As rúas peatonais de recente apertura e os cambios de horario verán-inverno [entre varios millóns de cousas das que podería e fodería falar] non adoitan chover a gusto de todos.
O cambio de horario, en concreto, non lle gusta a case ninguén: todo o mundo vive os primeiros días rosmando nunha especie de jet lag colectivo. Polo menos, no cambio de outubro. É noite antes. Á xente non lle gusta que sexa noite. Gábase de ser nocturna. Mais en realidade, calquera cambio motívao a laiar. E iso é un gusto propio da colectividade. A xente queixa máis en bandada. Quéixase de non poder pasear. De vivir perturbada por biorritmos que saltan unha hora antes. De non saber cal reloxo marca a hora correcta.
Quero lembrar que a min gustábame a entrada en novembro, un mes tan lánguido e crepuscular, ás escuras. Que me gustaba a noite prematura e baixar ás 7 e ver tanta actividade fodida e con luces artificiais. Como en Polonia, que ás 4 da tarde era noitiña. Que me gustaba a xente trabucada. Que, a grandes trazos, non me gustaba moito a xente.
Quero lembrar que me sentía especialmente activa neses días destinados á inxesta de castañas asadas e das primeiras sopas. Que gastaba luz de máis. E que iso restaba puntos na miña ficha ecolóxica, o grande valor do milenio.
Por que raio mudamos a hora? Que importa! É un tema do que falar nas rúas e nos telexornais. Un tema que mesmo pode ser controvertido politicamente. A política é experta en poñer sobre o tapete temas estúpidos disfrazados de trascendencia.
Aparellado a este recordo do gusto pola noite precoz, quero fixar con superglue este outro, polo mesmo prezo: o de que algunha vez na adolescencia soñei que era a 1 da madrugada e brillaba o sol. O soño en si non ten importancia. O curioso é que durante moito tempo, case ata hoxe, crin que fora totalmente certo.
Por favor, que non se me esqueza
A quen lle interesa isto? A cazadores de memoria humana.
A morbosos.
A replicantes.
A aborrecidos.
A ti. Que chegaches aquí.

A memoria é o único arquivo inexacto do universo que nos permite crer que as cousas aconteceron como nunca aconteceron.
Naturalmente, supera mesmo á Historia.
En crúa competencia con fotografías e películas, e a diferenza delas, a memoria xamais descansa. O seu proceso de deformación segue un bucle incesante de ecuacións con varios denominadores comúns: as emocións, o azar, o número de veces que se volve sobre un recordo, a súa conexión a outros da súa mesma especie…
Memoria para enxertos futuros do día de hoxe: a linguaxe humana conta cun patrón xenético, impulso primixenio e inconsciente por querer falar. Iso dixo Chomsky. Agora, nos seus primeiros balbuceos, ese patrón ten que ser común a monos e homos e, mesmo, a homes e bestas de todas clases. Porque, neste período de observación, decátome de que non hai cousa que máis guste imitar a un cachorro humano ca unha voz animal.
Amplío con algúns links de arte+ciencia a entrada “A bacteria dixo oh” de hai algúns días:
Cybernetics Serendipity, a primeira exposición que, a fins dos 60, afonda no magnetismo entre a tecnoloxía, as máquinas e o eido artístico. Adiviñen de onde tiraron o título de cybernetics.
Exposición Bios 4 na Cartuja de Sevilla, ata o 2 de setembro de 2007. Orquídeas que emiten sons ou fotografías positivadas na herba. Positivadas na herba, dixeches? Tal dixen. Lean, lean, lean.
Os maniáticos mecanismos de Rebecca Horn. Unha vez entrei no CGAC e un brazo mecánico estaba arañando, taladrando e acabando coa parede. Idea de? Rebecca Horn. Tamén había algo que vertía un líquido azul. Supoño que o sangue do edificio. Algúns edificios teñen sangue azul. Algúns edificios sangran
Galería de autómatas dos séculos XVII e XVIII. Cunhas culleradas kitsch, pero que me din dese organilleiro andróxino que semella a boneca Nancy disfrazada con bigote e librea; ou a encantadora de serpes; ou o pallaso; ou o ilusionista, exhibidor, marchante… como chamalo? que nos amosa a lámpada Z.
O reiseñor mecánico do emperador. Nesta versión de títeres están lonxe do automatismo, pero co encanto humilde dos monicreques…
Certame Arte y Vida Artificial de Telefónica. Se se lles ocorre algo, está aberta a inscrición para a décima edición.
Marta de Menezes. Obra desta muller que, entre outras cousas, pinta con ADN e fai esculturas con proteínas. Ou Mateusz Herczka, que investiga na intelixencia artificial.
Son só algunhas propostas. Como todo na rede, haberá quen atope máis peixe noutros mares. A rede é, verdadeiramente, o conto de nunca acabar.
Ademais dunha corrente estética de certo arrebatadora, a biomecánica, biónica e intelixencia artificial teñen aplicación nun mundo práctico que mellora a vida da xente ou que quizais – e iso acontece tamén na ciencia en sentido amplo – manexa a intachable escusa de, “ademais”, mellorar a vida da xente…
De súpeto, un estraño.
O ser biomecánico. O cyborg.
Ao principio eramos nós na natureza. Todo o demais, caza, gando e plantas decorativas para ricachóns solitarios con invernadoiro…
Os humanos. Por riba de todo. Os demais seres eran iso: os demais. E abigarrábanse como podían no resto da “pirámide” da evolución. A cúspide, nós, claro. Bueno, e os varóns brancos un pouco máis cúspide que as mulleres negras…
(Os varóns brancos e ben dotados máis cúspide… ou máis ben os varóns brancos ben dotados con gafasdepasta e votantes do…)
De súpeto, a diversidade de formas vivas sintetiza nunha soa Vida. Deixamos de “comer aparte”. Somos parte do Todo. Dende Darwin e durante todo o século XX comeza un proceso caracterizado por estrañas consignas: procedemos de seres unicelulares; saímos do mar e botamos a andar; somos máis que curmáns de Copito de Neve ou a mona Chita; as bacterias e os insectos superan a nosa intelixencia -ou, alomenos, a nosa permanencia neste planeta- e, por se fora pouco, compartimos sospeitoso material xenético con… tacháaan… a apampada mosca da froita que rechucha nos figos das tardes de setembrozzzz…
Somos parte dunha longa, e parece que máis perfecta, cadea de vida. Ou unha errata de vida. Ou un complot -cómo me gusta esa palabra- de vida.
O home de Vitrubio que Leonardo deseñou case como un logotipo do Renacemento, como centro da xeometría e da física, asimílase xa non só ás bestas, senón tamén aos microbios, aos fungos e ás buganvillas.
A vida é unha soa, grande e libre…
E así, a simple vida transforma nunha obsesiva Vida: queremos comer e beber vida, defecar vida, fornicar coa vida, eructar vida a todas horas. Todo é vital, bio, vita, esvida, vivesoy, vitaldent, vitalínea. Queremos morrernos de vida. E vivir a intensa – e xa un pouco redundante- vida. Un pleonasmo desesperado. Vivir a vida.
O cal fai pensar que existe un xeito de vivir algo que non sexa vida.
Especulemos -dixeron os científicos-. (I especular non é senón xogar con espelliños…)
E aquí entra a figura. Fondo negro. Máquina de fume a tope. Unha musiquiña tipo anuncio de Nike Air. Ábrese un ángulo de luz, a xeito de porta…
…Velaí. Ou voilà, para os de Costa de Marfil…
Entra en escena un ser medio María de Metrópolis, medio Schwarzenegger, medio Rutger Hauer, medio micrófono de Giger, medio señor con marcapasos e dama-xirafa con aros no colo, cantando a cancionciña de Hal-9000, pero sen ser Hal-9000. É…
…o cyborg.
De repente, unha estraña forma de vida, como di o fado. Medio carne, medio metal ou materia elaborada. Imposible sen a nosa existencia e sospeitosamente similar a nós mesmos. A vida outra vez, si. Pero cun deixe mecánico: un brazo mecánico, un ollo mecánico, un corazón mecánico… unha emoción mecánica? unha memoria mecánica?
Conceptos así manexan pelis como Terminator, Blade Runner, O xigante de ferro ou libros como Yo Robot (Asimov), R.U.R (Karel Capek, o pioneiro da palabra robot, que significa traballador) ou En un lugar llamado Tierra (ciencia ficción para adolescentes) : a rebelión da máquina. Ou mellor: a revelación da máquina (atención: cota de xogo de palabras alcanzada por hoxe). As tripas mecánicas superando en convulsión e intensidade as emocións humanas. Más humanos ca nós. Ca ti. Ca min?
Desafiantes.
Onde fica entón o sentimentalismo? Onde sempre estivo: á altura do betume. Os sentimentos son enxertos, a emoción son retallos de circuítos, crémonos co patrimonio lexítimo da sensibilidade só porque a dous monos deulles unha taquicardia ante o rosa atómico dun solpor… I herdamos esa taquicardia… E identificamos a sensibilidade coa moi distinta compaixón. Esquecemos a sensibilidade da épica, que ten o grosor dunha maza. E cústanos recoñecer a sensibilidade do glacial. Pero admito que a hai.
E intensa coma un xéiser.
A vida mecánica é un desafío a este exceso de Vida torrencial que tanto nos enorgullece.
Unha puntualización: polo que se ve, os robots do futuro non serán tanto os tochos de metal e circuíto que imaxinamos, como os nano-robots do tamaño dun chícharo e capaces de che resolver problemas de astrofísica ou problemas de alternancia no coidado dos fillos (coa parella masculina)…Criaturas diminutas dispostas a reparar tecidos, sacar infinitos decimais de pi, levar unha impecable axenda e rexistrar os teus recordos para telos a man nas reunións con vellos amigos. Pequenos pedantes que comprendan mellor o universo ca nós…
A biomecánica e as súas concubinas (a biónica, a bioenxeñería e a I. A.) configuran un campo abonado para o fascínio, os frikis que lle rezan ao cubo Rubik e os visitantes dunha exposición de Cosmonáutica Rusa na Casa das Ciencias da súa pequena cidade de provincias. É o espazo no que se atopan as belezas dixitais e os robots xaponeses, os físicos e os protésicos, o espantallo e o leñador de folladelata, o lugar para ver brindar a Frankenstein e a Terminator 2, a arquitectos i a especialistas en titanio, a Alien e a Tyrell da Tyrell Corporation, a microsiervos e a macrosiervos (que tamén os haberá), a Jekyll e a un metalizado Hyde…
Obsesionada con ese ámbito, como xa dixen, fascinante, vinme entón impelida a sabotear a escrita, a esbozar textos a dúas voces, textos dende o punto de vista dunha máquina (había un anuncio de Audi no que falaba o Audi…), escribir que escribiamos demasiado, que o exceso de demostracións de cousas interesantes que dicir por parte dos humanos era insoportable e pouco crible; que entón eu sería irónica, triste ou paradóxica, non sei; que estabas atrapado nesta liña como antes o estivera eu; que quería saír exectada dende este texto ata ese cosmos; que a emoción era unha emotiva impostura; que talvez podías estar dentro do meu texto, pero non dentro da miña vida; que había unha memoria ou un implante no que eu existía pensando eu sempre vou ser eu con claustrofobia e 9 anos; escribir textos que finxían ser textos ou historias sen contar nada en absoluto; escribir que isto era unha trampa… pero que non sabía moi ben por qué.
Saberme un clon absoluto e innecesario, un 1 partido por… esperen que o consulte… 1 partido por -aproximadamente- 6.600.000.000 de xentexentexentexentexentexenteinxentexentexentexentexente i etcétera.
É dicir, aproximadamente nada. Pero unha nada importantísima para min mesma, coño. E para catro ou cinco seres que andan polo mundo, incluída unha planta púrpura que teño na cociña.
Saberme un bicho mecánico. Ou esperar selo con inusitada alegría.
A biomecánica catalogará o vivo de maneira distinta.
Redimiranos da tiranía de ser o embigo da galaxia…
PD/E saberemos que podemos estar feitos da substancia da que se fan os soños (ollo aos cazadores de citas e intertexto!!). Pero que esa substancia pódese inocular nunha inerte e desprogramable criatura i escribirlle na fronte, como ao Golem, Emet…Auténtico…
BSO: The Hall of Mirrors, Kraftwerk. Lembro a versión gravada por Bruno nunha cinta. A esa cinta chameina Elektrón. Este último dato é irrelevante e non teñen por que lelo.
Datos de interese: Lista de aplicacións da biónica, ou rama da bioenxeñería, ou cómo imitamos a vida ou cómo biomimetizamos para logo esquecer que somos uns copións, ou quéseieu… :
o radar- inspirado nos morcegos, que se guían polo eco
a bioluminiscencia ou luz fría- inspirada nos peixes abisais e nos vagalumes
as estructuras reticulares de gran resistencia- inspiradas nas arañas e nas tearañas
o avión- inspirado nas aves
o diafragma dunha cámara de fotos- inspirado na meniña do ollo
a cuberta do Crystal Palace en Hyde Park, de Joseph Paxton- inspirada nun nenúfar sudamericano
a Cidade de Artes e Ciencias en Valencia, de Calatrava- inspirada no esquelete dun dinosaurio
o Instituto do Mundo Árabe, en París, de Jean Nouvel- con fiestras inspiradas no iris do ollo humano, que se abre e pecha segundo a luz
e todas as nosas técnicas de buceo, voo ou hibernación.
Hoxe vai día de tormenta. Y, fillo das tormentas, ten un humor algo tormentoso.
Wikipedia négase a se pregar á censura china
Alguén me chamou ácrata. Menos mal. Estaba esquecendo que o era…
Para rematar, un acertixo: Que é o primeiro que fan os seres mecánicos cando sae o sol?
Créditos das imaxes: imaxe 1: de Ray Caesar/ imaxe 2: col. persoal

Sospeito moito dos seres humanos.
Por que lles fai tanta gracia falar deles mesmos? Unha formiga non pasaría horas vendo a outras formigas traballar coma formigas. Non elaboraría intrincadas filosofías existencialistas sobre o seu suicidio (nin matinaría nesa posibilidade), sobre o seu ser ou a súa nada. Non celebraría o día do Formiguismo. E iso porque as formigas actúan como células dun organismo xigante, a “formiguidade”, e a noción de individuo importa moito menos que un sandwich de queixo esquecido nunha xeira campestre.
Pero non para eles. Que todo o ven marmóreo e shakesperiano. O nome dun dos seus exemplares é unha decisión meditada durante case nove meses. Viven pendentes de espellos e autorretratos e miles de fotografías. Todos, nalgunha ocasión, pensan na posibilidade de matarse. Regocixan pensando en non existir. Quizais para facer sentir culpables a outros. Porque eles séntense culpables. Matan. E torturan. Son Maos. Son Mengeles. Son hunos. Son Macbeths. Pero estalan por dentro. De culpa. Como sistemas circulatorios que descenden a fosas abisais. As veas verdes. As arterias escarlatas. A conciencia. Como un gas. Estala.
Tamén son seres felices e inconscientes. Máis da metade das súas poboacións non sabe nada. E o descoñecemento (como o esquecemento, como a xordeira) son garantes de paz e benestar. Iso non quere dicir que leven unha vida digna. Case ninguén a leva. Nin sequera os membros das sociedades opulentas, usando bens que lles pertencerán definitivamente cando celebren os seus 85. Desquiciados por moreas de papeis, sinaturas, cláusulas e vencementos e códigos pin. Sedados coa ilusión óptica da democracia, que finxe que a man que se introduce nunha urna é a man que leva o bastón de mando dun país. Inventan esa palabra, país, que non deixa de ser un coágulo de pobos e comunidades con temor e con orgullo, obsesionados coa súa Historia Común, unha ficción máis ou menos boa literariamente, unha burbulla na que ti non podes entrar, chincha. Tamén viven obsesionados con informarse. De calquera cousa. A cuestión é vivir informado, porque iso é un cordón umbilical co mundo. Só que non se sabe con qué mundo.
Nos países opulentos tamén chegan a vivir seriamente taladrados co da cultura. Todos queren facer cultura. A obra de arte, antes un producto para chegar ás divinidades (sempre enfurecidas as divinidades, todas hipertensas e con úlceras gástricas), é cada vez máis unha cuestión da vida, integrada no cotián como unha necesidade: deseño industrial, casas de deseño, pret-à-porter, body art… Incluso para os seres humanos, a propia vida concíbese como unha obra de arte: o life art, seica. Ou bioart, xa que bio- é un prefixo tan afortunado…Vidas fascinantes cuxas decisións obedecen estrictamente a criterios estéticos e artísticos en consonancia coa moda da existencia. Fascinantes.
Miran pouco ao ceo. Xa non lles serve de nada. Esperaron tanto tempo que chegara alguén. Nunca veu ninguén, nunca nada máis que estrelas, sol, lúa, eclipses ou treboadas. A mesma aburrida meteoroloxía. Bandadas de corvos. Un cometa perdido cando moito. Luces estrañas. Signos. Significantes sen significado. Volveron prosaicos, terrestres. Todo está aquí abaixo. Dentro de nós. Estamos feitos de po estelar, que máis coño queremos?
Ás veces sinto tenra mágoa deles. Pequenos seres, confinados á súa memoria. Actrices de beleza lendaria que nin se recoñecen na pantalla, altos mandatarios que esquecen as leis inxustas que promulgaron, grandes magnates que olvidan ónde foi que soterraron os tesouros que saquearon… O Alzheimer, antes que a Morte – como crían os medievais- iguálaos a todos. Sen memoria non son nada, ninguén, nada. Por iso esforzan en sacar fotos, en facerse cédulas de identidade, en asinar en miles de documentos, en filmar películas que lles inventen a súa historia, as súas guerras, os seus descubrimentos científicos, que lles lembren a eles mesmos quén son eles mesmos, teñen medo de non ser, pero moito máis medo de non ter sido, e iso é o esquecemento, iso é que os esquezan, que non quede rastro deles, nada, nin unha pelvis fosilizada, nin os restos dos seus monumentos, nin os restos dunha última cea, nin unha instantánea, nin un apunte coa súa letra, nin unha pegada súa sobre as cinzas dun volcán, nin a súa voz nunha gravación moi vella, nin un lazo do seu pelo, nin o seu nome no medio dun millar de nomes, nin o seu nome pequeno, aquel polo que nos chamaban os que nos amaban os que nos amamantaban
a nós
que durabamos para sempre só porque escribiamos isto e ti
ti líalo obedientemente ata o final…
BSO axeitada para este informe: Angelene, PJ Harvey. Nunca houbo puta tan existencialista como Angelene. A súa tristeza rigorosa tan arte.
A foto foi tomada por Yolanda Castaño e retocada por Estíbaliz…











Ecos con reverb