You are currently browsing the category archive for the 'deviated devotions' category.
A Ucraína entrei en autobús, atravesando os campos polacos no Nadal de 1997. Nada parecía diferenciar moito un país [Ucraína] do outro [Polonia] agás no feito de que os ucraínos contiñan no sorriso máis dentes de ouro. Pero diso non me decatei ata o día seguinte, no que o primeiro habitante de Lviv co que falei sorríume por calquera razón. Aos 20 anos sobran razóns para que che sorrían. É aos 30 que a xente deixa de ser amable.
Volvamos a ese autobús que sae da fin do milenio para entrar na chatarrería emocional dos pecios da CCCP.
A nosa entrada na cidade de Lviv [Lvov en ruso] resultou espectacular: as luces prendidas dos colosais edificios ex-soviéticos apagaron simultaneamente. Para nós, sen dúbida. Para nos impresionar cunha das súas especialidades en vida fodida polo estado: os cortes enerxéticos. Habería máis. Internabamos por unha ferida que supuraba. Sovieticamente, no 97 Ucraína era un enorme hórreo que abre as súas portas e deixa voar o gran. O gran voaba. Como unha nube radiactiva voaba o gran. O gran voaba.
Ucraína, quen podía sabelo entón, conformaba un dos territorios máis fascinantes do planeta: nela experímentabase dun xeito inconsciente co non-lugar. Tomemos por exemplo Lviv. Por ese nome – a designación ucraína- poucos a coñecían daquela. Lvov era en cambio máis popular, ou Lemberg para o antigo Imperio austro-húngaro ou Lwów para os veciños da Galitzia polaca. Alí, en Ucraína, naceu un dos máis grandes poetas polacos que coñecía, Zbigniew Herbert. Era de Lwóv, quero dicir, Lviv. Unha cidade ucraína e non polaca.
Tamén de Ucraína -malia figurar en todas partes como alemán e rumano e xudeu asquenazí e suicida, que vén sendo outro tipo de nacionalidade- sería o poeta alemán Paul Celan, diseccionado así para a posteridade en nacionalidades infinitas: en realidade o seu nacemento tivo lugar nesas coordenadas caprichosas que hoxe, quen sabe pasadomañá, delimitan Ucraína.
Paul Celan e Zbigniew Herbert. Ningún dos dous diría de si mesmo que é ucraíno, mais as cidades nas que naceron si o son, polo menos nesta hora do día deste día en concreto.
Síguenme? Síganme.
Síganme porque queda a xoia da coroa dese enorme país de nacionalidades difusas. Chernobyl. E Pripyat. O lugar tabú, o noso escenario after-the-bomb máis logrado no que atopan inspiración todas esas películas norteamericanas que sobrevoan un Nova York asolado onde pinchacarneiran os impalas e as leoas. Pelis como Son lenda [mala], Wall-E [boa], A estrada [non a vin aínda, a de Cormac McCarthy], 12 monos [ boa] ou o documental do National Geographic A terra sen habitantes [bo]. O lado milenarista e supersticioso da nosa civilización atopa un especial pracer no vitimismo, en presentarse a si mesma como un ecce homo.
Ecce homo. Éche aí. E éche as súas grandes cidades incribles e todopoderosas. Éche Chernobyl.
Et campos ubi Troia fuit.
Non chegamos a visitar Chernobyl e a vila pantasma de Pripyat, lonxe da nosa cidade bastantes quilómetros -poucos para ese estraño habitante das pedras que chamamos radiación -. Pero, como sabemos, a nube radiactiva e as súas consecuencias en plantas e animais estendérase por boa parte de Bielorrusia, Rusia e Ucraína. Así que sen dúbida comín e bebín radiactividade chernobyleira, sentín a atracción dese non-lugar, contemporicei con el.
Chernobyl está próximo a acadar algún tipo de categoría literaria, unha especie daqueles vetustos topoi: ao meu xuízo o atopos, precisamente, o non-lugar. O lugar común do non lugar común. O lugar deshumanizado. O que nos fala dunha grandeza que pasou, que se esfumou, que criamos eterna, que non o foi.
Iso encántanos e encántanos moito. Por iso con Chernobyl tamén comeza Nocilla Lab. En Chernobyl aúnanse a ciencia campando en forma de radiación e o baleiro filosófico en forma de estrutura abandonada.
Éche Chernobyl et campos ubi Chernobyl fuit.


Este tema dos estelares e eclipsados Gentle Giant, brit prog dos ‘70, pode acompañarlles uns minutos – 9:11- se pinchan aquí. Nothing at all. Ao igual que moitos temas de Radiohead contén dúas ou tres atmosferas incrustadas nunha soa canción, ademais do único dúo batería-piano que coñezo, a iso do minuto 6.

Sereas de Ramón Casas
Nunha cartografía persoal de sons hai xente que elixe o son da auga fervendo, o ruído dun motor, un renxer, un xemer, un grolo, un siseo.
No exercicio da traducción seica quede patente unha cousa: se ben as linguas enchen ocos conceptuais diferentes, é difícil que exista unha palabra que, explicada, siga a ser incomprensible. O feito de que non pensáramos nunca o mundo así non implica que non sexamos quen de facelo. Os famosos y e en dos franceses, sen tradución en galego, son asimilables ao noso infinitivo conxugado: o recordatorio dun referente, unha especie de pegada dun pe invisible na oración. Outra cousa é verquer iso nunha linguaxe literaria, o cal implica un traballo de reconstrución. O traballo do tradutor, que tende a infinito. Algo especializado, que require horas de lectura, inmersión e proba/erro. Sempre haberá ocos que non se enchan de xeito ningún, ausencias idiomáticas inexplicables, baleiros ou complexas connotacións de moi difícil expresión na outra lingua, nesa lingua na que se envorca o caudal do texto.
O universo das onomatopeias é un dos máis agradecidos dado que se trata do universo lingüístico máis naturalista ou máis analóxico: intenta imitar un feito acústico real. Existen poucos sons que, no caso de non coñecer, non sexamos quen de os imaxinar. O que nos desconcerta é o xeito de transcribilos, pronuncialos ou mesmo o grao de precisión nalgúns eidos sonoros: na India existen verbas que representan o son da auga ao se precipitar, a auga que enche un cántaro, o mergullo dunha pedra que cae nun pozo ou nenos xogando nun río.
En Indonesia utilizan unha expresión para un son vencellado aquí ao verán: o chapuceo das mans na auga. Un son marabilloso. Primordial. Kecipak-kecipung.
Na praia de B. fago kecipak-kecipung nunha auga fría, redonda como un cristal, cun fondo estriado polas correntes mariñas das mareas vivas, limpa e amniótica. O mundo acaba de empezar a ser mundo e cada ser acaba de empezar a ser.
The Cure, From the edge of the deep green sea
Todos o sabemos. Todos os vemos. Todos sacámoslles fotos ou gravámolos cunha cámara dende un coche. Todos opinamos sobre eles. Algúns louvamos o seu aire de cyborgs taciturnos. Algúns criticamos a súa saturación na liña do horizonte. Algúns sentímonos intimidados pola súa obediencia. Algúns aliviamos cando un deles semella de folga de aspas quietiñas. Todos andamos pendentes da súa dependencia política. Todos ollamos para eles confiados. Porque son limpos. Todos ollamos para eles con reticencia. Porque son lexión. Todos abraiamos do seu ronroneo engrenado. Todos os vemos despezados pola autoestrada, en longos camións de dobre eixo. Todos fascinámonos con eles. Son fermosos. Parecen portar algo nobre. Se cadra porque tratan co vento e, de luxar algo, só luxan a liña do horizonte, algo tan mutante que estamos afeitos a prescindir dela, a fractalizala ao noso antollo. Pois, que é o horizonte? A ilusión dunha fractura. O aire con eles segue impoluto. Os ríos con eles aturuxan de indiferencia. Por eles, ningún animal [nin sequera as aves] semella perder a compostura ou a vida.

un céfiro
[Todos sabemos que vento temos montes e moreas. Todos sabemos que o vento non cesa nunca. Todos sabemos que os montes e as moreas si. Hailles montes que cesaron. Cesaron de ser montes. Agora exercen a filosófica profesión de baleiro. Todos sabemos que o vento zoa moito por eles tamén.]
Todos sabemos que de non ser por eles, e para achegalos aos cumios nos que reinan, boa parte das estradas e viais galegos non estarían nin comezados. Todo semella orientado a facilitar a súa invasión. Porque todos sabemos que nos invaden. Que son o futuro, brancos como Apple, rotando como firmamentos, rosmando como criaturas desvalidas no alto dos altos. Que serven a Eolo e a Iberdrola, unha das concubinas consorte. Que converten as serras e o seu perfil sinuoso, arcaico, nunha sorte de miraxes manchegas dispostas a ser asaltadas por hordas literarias. Quen fose Dulcinea andante. Quen fose futurista a compoñer unha Oda ao Aeroxenerador. Quen fose surrealista a se amalloar nunha das súas pas como penitencia tecnolóxica. Quen fose dadaísta a pintalos de cores para os chantar como fondo da Gioconda. Quen fose haijin a admirar o seu silencio de cousa. Quen fose publicista a enchelos de anuncios por palabras. O vento é o único que nos une. A nosa espiña dorsal está ourizada, como a dun porco teixo inmenso e meditabundo.
Son como cousas de encantamento, foron polo aire e viron polo vento.
Canda o chapapote, forman substancia lírica.
As mellores vistas téñenas eles. Os mellores aires móvenos eles. A altiveza eles a ostentan. Son cada vez máis e hai algo turbio ás súas costas de turbina. Toda a mitoloxía de Eolo e o seu odre de ventos, de Bóreas, fillo de Aurora e Astreo, irmán de Notos, Céfiros e Euros [Euros, aquí, o vento do leste], toda a etimoloxía das anémonas e os desaires, toda a xestión a suxestión e a dixestión do vento que nos envolve revolve e disolve, todo fica reducido nas mans da política económica a unha formación de soldados, a unha morea de mans tendidas dispostas a levar o seu cacho de aire en forma de euros [euros, aquí, moeda común], a unhas disposicións que se aproban e derogan con esa veleidade das cousas etéreas, como un galo de veleta que nunca sostén a mesma opinión sobre o asunto. A cuestión do aire galego perde seriedade, solidez. A cambio, gañamos personaxes para todas as nosas futuras novelas de ciencia-ficción [como aqueles ameazantes Trípodes das Montañas Brancas, de John Christopher] cun nome aínda impreciso: aeroxeneradores, tripalas, muíños, os chismes eses, servos de Eolo, venticulares, derviches mecánicos, eólicos, eolios, chirimbeolos…

Calados na Serra da Faladoira, col. persoal

Xa na primeira vez que baixei ao Condado coñecín a Kiko Neves. Un día, tempo despois, mandoume os seus centoonce por mail, antes de se publicaren.
Poucas veces vin a alguén recitar con tanto carisma, ou mellor rotundidade, como el o fai. Lembreino este ano, cando escoitei a Roger Wolfe en Córdoba.
Merquei Un baile de moscas. Apureino talvez a primeiros do 2003. Pero faltoume algo. El. A Neves hai que velo. Debería xuntar un holograma cos seus libros. Un holograma que nos recite como o fai el e que pase por nós as páxinas do libro.
Cando me adentraba soa no bosque de internet cun tarriño de mel, a súa era unha das primeiras páxinas que visitaba. Durante algún tempo foi así. Era como ver un fósil de algo que coñeciches trasantonte. Unha páxina que, misteriosamente, remataba no ano 98. Eu coñecino anos despois.
Nin o mundo nin eu nin as altas esferas poéticas estabamos preparados aquel día en Salvaterra de Miño, convivindo cunha calor monzónica, para sentir recitar a Kiko Neves, revirado, lascado, insinuante, clarísimo, burlón, indignantemente belo. Desposuído da noción da súa propia beleza. Cuspindo.
A seguir algúns dos textos do seu libro centoonce, publicado por Xerais no 2005, un baile de dous, de tres, de fastío, de comunicación, engano, desengano, facturas probablemente telefónicas, amores maiúsculos arrastrados por baixo das minúsculas, tendidos alí, na escuridade, coma as patacas:
12.
principias unha conversa
e todo está ben
moi ben
e logo o sexo
e segue a conversa
para ter máis sexo
e segue o sexo
para ter máis conversa
ata as cousas
máis profundas
son así de simples
así de baleiras
16.
estás lonxe
sempre estarás lonxe
dixeches
ceibaremos os nosos segredos
aos setenta anos
por iso cada vez que nos vemos
dun ano para outro
dis que parezo un vello
cada vez que estou contigo
teño setenta anos
31.
sento ao pé da autovía
e vexo pasar carros
embalados
á velocidade da rutina
non é canso
nin aburrido
é
un desespero
absoluto
Un instrumento que talvez prefiro.
Escoito a esta declarada elfa un chisco Rapunzel + Linda Blair. Acóugame.
As Alfaias, de Fanny+Alexander.
Soaron no meu ordenador primeiro, nun CD despois e hai unhas semanas, dende o fustrigante [cando actualizo este post, xa fustrigado] Aberto por Reformas do Xurxo Souto, escoitei este temaso a todo volume regresando pola autoestrada.
Alfaias por alfaiates, como se definen os integrantes do grupo nunha entrevista: cosen con minuciosidade e gusto retallos alleos para facerse traxes absolutamente persoais. Por incrible que poida parecer -a lírica non vén da lira? Non viña sendo a poesía unha especie de irmá siamesa separada da música ao nacer ?- escoitar un texto que naceu vencellado ao papel transmutado a música non deixa de ser curioso.
Sucede que o texto, que posúe unha dimensión de superficie, de pantalla branca, experimenta esa transformación que toda música brinda e que a converte na arte máis universal da nosa era: a de devir substancia que se inocula, que corre polo corpo, que non agarda ser descodificada senón que, con impaciencia, penetra.
A música non pide permiso. É a súa insolencia a que cura. Nun texto atopo restos de resignación. Descíframe- pide. Non deixa de resultarme inquietante -non deixa de resultarme tranquilizador- que unha letra miña viva unha desas vidas insolentes, ondulantes, penetrantes a carón das letras dos outros 10 escritores que asinan os textos destas Alfaias.
Xastres, os Fanny+Alexander tamén son xemólogos. Tamén xoieiros. Levan tempo pulindo. Levan tempo procurando as facetas máis raras, máis valiosas dun cristal. Nese micromundo da escena indie pop galega. Nese calcapapeis de bola de vidro.
Como letra redonda, a do poema Píntamas de escuro de Lara Dopazo. E o mítico Ardía París, coma no cine de Emma Couceiro…
Xa somos canción.
[Oxalá fose o Xurxo quen nos seguise pinchando...]


by Connie Imboden
Dende a revista dixital Sono-Tone pedíronme unha lista. Os 10 temas da miña vida.
Un pedimento tal que leva a crer que a vida de unha pode ser tan relevante e cinematográfica como para dispór de banda sonora.
Obediente de min, pensei durante varios días os 10 temas, tachei varios, considerei outros. Finalmente parín 10 entre os cales foron inseridos moitos máis. Sibilina que é unha cando se cre sibilina. Pero non foi ata días despois que reparei na falta dalgúns temas, temas do cerebro reptiliano poderiamos dicir, temas que burbullan tan profundos que a bote pronto non agroman, tardan máis, veñen de máis lonxe, de onde a médula espinal se cruza coa órbita de Sedna e cun crocodilo que pasaba por alí.
Lista de temas dun cerebro reptiliano: Read the rest of this entry »

mapa de gato
Díxomedíxome: disque en internet [aka google] hai máis procuras de gatos que de cans.
Lóxico, dende certa perspectiva: un internauta aseméllase máis a un gato que a un can, vive máis a cama que o campo, tende máis a esfinxe que a amasillo de pelo en movemento con filete de lingua colgando, desconfía máis que confía, minte máis que confesa…
Un gato. Un gato só é unha pose con bigotes.

gatismo
Que á tecnoloxía lle lembren que nace dun papel ou dun par de mans acendendo unha lumieira, emociónalle. É normal. A tecnoloxía ten o seu corazonciño.
É geek, a tecnoloxía. Polo tanto mal gusto sentimental tamén ten. A tecnoloxía.
O seu corazonciño.
Evelien Lohbeck é unha muller nova, holandesa, supoñemos que bonita, da terra do queixo [quitando Arzúa-Friol e o Cebreiro], estudante, enxeñosa e cunha obra accesible só polo de agora en internet. Fíxose coñecida pola súa curta Noteboek, pero ten máis obra seguindo ese ronsel ilusionista.
De Noteboek [Notebook en neerlandés, témome] dise que nela she blurs the line between what is real and what is not [vía Neatorama]. Opino que a cousa vai máis aló. Naturalmente, esa frase é aplicable a moitas obras de arte contemporáneas, dende Antonio López a Ron Mueck. Tamén eles parecen difuminar esa liña entre o que é real e o que non. Lohbeck, alén diso, devólvelle analoxía á tecnoloxía, devólvelle pobreza, materiais simples, bolis bic. A súa procura é outra: non só difuminar a fronteira real-imaxinario senón claramente posicionarse a favor do segundo no primeiro. A tecnoloxía nace da imaxinación, do que pasaría se [a máquina E se...? do profesor Farnsworth en Futurama]. Cunha tecnoloxía moi sofisticada por camuflada, Lohbeck devólvelle a esta un estatuto primixenio: toda industria nace do que fan dúas mans e un cerebro ansioso.
E quen non soñou con ter un caderno do que obter TODO? É tan marypoppins.
Nalgunhas páxinas web confúndena cun home. No viril eido tecnolóxico iso é todo un afago.
Dúas fantasías evelianas máis:
http://www.youtube.com/watch?v=0gs7l1mxduM&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=hquXra6WJA0&feature=channel_page
Graciñas, I.

La Odalisca
A xente que me coñece [define coñecer] sabe que, ademais da odalisca dos botes de pementón e que me rañen no lombo, unha das cousas que máis me prestan é conducir de noite pola autoestrada. Hai algo nas autoestradas. Algo hipnótico nas autoestradas. Algo orbital na autoestradas. E algo argumental nas autoestradas. Un fío intermitente. É doado reflexionar nelas e, logo dun pedazo, chegar á conclusión de que ese pensamento é a hostia.
Baixar do coche e volver a pór os pes na terra e non no acelerador, polo xeral revelan a natureza ruín de tanta xenialidade de autopista.
Consigno o especial interese que reveste para min o traxecto Santiago-Coruña cunha lene, non moita, brétema.
Unha ve auroras boreais na autoestrada, unha vese nacer e morrer na autoestrada, a unha emérxenlle todas as localizacións de Valle-Inclán na autoestrada, unha canta a berros na autoestrada. Cando é así, unha, como non, paga con gusto na autoestrada.
Enfío mentalmente as seguintes mensaxes moi privadas:
1.- Celsiño F. Sanmartín, canto ben nos fas e que bo que existas e como é posible que ninguén che rexistre todas esas historias, esas andrómenas que levas dentro, nun audiobook e as publique pero xa
2.- Luísa. Cantísimas veces me lembro de ti. Santiago-Coruña. Vou rematando ou iniciando conversas. Vou falando soa, que é unha forma primixenia de literatura oral. A autoestrada tende un fío intermitente no asfalto. Regresar é ilo apañando. Regresar é levar un minotauro embestido nas tempas. Regresar tamén é evocar outros regresos. Por aquel. Entón.

o resto conducímolo de noite
BSO: non sei nin para que o digo. Naturalmente, PJ Harvey

by Joel-Peter Witkin, Night in a Small Town
…todo canto non sexa monstroso énos raro.

Consulto a Guía do Ceo que collín na Casa das Ciencias a última vez que fun ao Planetario e o planeta protagonista deste mes segue a ser Saturno. No ceo. Rozando a eclíptica.
Consulto Psicoloxía da cor, o libro de Eva Heller que metaboliza os alimentos comigo en min nestes días, e vexo que Saturno é o planeta negro, o planeta do tempo, un dos meus preferidos na suite de Holst, o planeta tamén da melancolía que rexe os meses invernais do hemisferio norte e, polo tanto, o signo zodiacal de Capricornio e antigamente tamén Acuario.
[Hai uns días fun facer un contacontos soa a Muros. Por forza, pasei por alí. No coche. Unha das paraxes que prefiro, o alto despois de As Paxareiras, poboado de aeroxeneradores mudos e levemente ameazantes, coma todo xigante de ferro. Ía escoitando a radio. O Saturno de Holst comezou a soar xusto cando me achegaba ao outeiro. Diminuín logo a velocidade a 30. Eran as 3 da tarde. Un mediodía radiante. Todos os aeroxeneradores-obedientes-servos-de -Eolo traballaban a treu, brancos e puros coma vestais. Todos agás un. Sempre hai algún que non move as aspas e a súa quietude semella unha sabotaxe. Gústame cando o mundo me proporciona unha experiencia contradictoria á banda sonora que me acompaña. A música era abismal. Escura. Carbónica. Un mediodía radiante no alto dun monte marabilloso tamén o é. Ou, polo menos, tamén encerra ese abismo. Coido que os contos de Raymond Carver ou John Cheever ou mesmo Clarice Lispector baseánse nese mesmo principio.]
Rematando de ler Os aneis de Saturno de Sebald constato a lucidez da súa saturnidade que, no subtexto, deléitase coa nobre decrepitude, con todo aquilo que devora aos seus fillos pero pode medirse coa pancada dun home que camiña a pe.
A pe baixo estrelas.
Estamos a medio devorar. Entre terra e ceo. Será por iso que fillos de Saturno aquí somos todos e este mes tamén é o seu mes no ceo do hemisferio norte, sección Europa sur, leira noroeste. Rozando a eclíptica segundo a Guía do Ceo. A Guía do Ceo, na miña mesiña de noite.

Joe Kittinger


Fósil de amonita iridiscente do Mesozoico subhastada en Christie's
Cando se ten tos, fálase menos e pénsase máis. Bueno, a ecuación non ten por que ser así si e sempre. Pode devir en que, simplemente, se fale menos.
Estes días, como xa escupín no post previo, tuso. Tuso e, moi de cando en vez, penso. Os pensamentos. Cometas de periodicidade difusa, anárquica. Vacilona. Cando volverán nos visitar? Nin se sabe.
Deixámoslles as portas abertas e unha bica de Trives na cociña do cranio, pero nin se sabe.
E cof cof.
Tuso e vencello a tos coa melancolía. Non sei se son meláncolica por tusir ou tuso por melancolía. A melancolía é bile negra. Tusir é tratar de botar bile negra pola boca.
Dior mío, serei flemática in fact? Lástima que o noso sistema sanitario sexa medieval pero os coñecementos dos seus profesionais non! Devezo por que se me aclaren os humores.
Hoxe latriquei cun vello coñecido na facultade de Socioloxía. Os dous fomos alumnos, el agora é profesor. Falamos de gustos literarios porque lle levei un libro. A el gústanlle a novela histórica e o ensaio científico. Emprestoume un. Ensaio científico. Logo de biblioteca, libros marabillosos emprestados sine die, café, té verde e buscar á súa filla Lola, despedímonos. Cando despides de alguén sempre quedas coa conversa que conformastes a base de bafaradas como un halo a envolver a túa cabeza. Un halo quente. Por que nos gusta o que nos gusta? Hai dous días faleilles entre cofscofs aos meus alumnos da sonada distinción de Bourdieu. Aí, nese contexto, parecía tan claro: os gustos son niveis culturais e o que moven e tecen é capital cultural. Simbolismos intelectualoides.
Pensaba cando regresaba a casa no 6A: por que me gustan a min os neanderthais, a vertixe do cosmos e os autómatas? Que fan todos no mesmo saco, xunto coa lingüística, os trampantollos ou a historia do cero?
A miña conclusión é que, quizais por ser humanista e un chisco misántropa [palabro? Miss Átropos sería eu, de ser Parca. Cortar fíos...], o que me atrae naturalmente é toda aquela disciplina que pón ao ser humano e á súa suposta humanidade contra as cordas. Distanciarme do humano é balsámico. Iso teñen en común a astrofísica e a paleoantropoloxía e a robótica: ollar para nós dende outra galaxia, outra especie de homínido ou unha criatura mecánica revélase xa non só unha posible aprendizaxe senón, e por riba de todo, un alivio.
Un alivio para o eu.
Un alivio tamén para o nós.
Pero de cando en vez, regreso. Deixádeme luz prendida.
O domingo pasado na parte superior do pub La Cigale, no barrio de Gràcia, coñecín en vivo a unha desas persoas que só coñecía través da máquina. Agustín Calvo Galán. Fixo un amenísimo e dúas veces bo recital dos seus textos. El é o argallador do blog das Afinidades Electivas. Tendes o seu blog de poesía visual por aquí.
Foi el -fillo de turolense e ourensana que emigrou a Barcelona cando o seu pai negoulle uns zapatos- quen me falou de Segundo de Chomón. Turolense.
No tubo atopei algo de Segundo de Chomón. De 1907. Non sei se por sorte ou por desgraza, coloreado.
Un ilusionista de primeira, don Segundo.
Lembroume a aquel outro vídeo que circulara por internet hai un tempo. Claro que o segundo vídeo si é de xaponeses auténticos. Claro que a música do segundo [vídeo] non ten nada que facer comparada coa do vídeo de don Segundo. [Achtung: cota de xogos de palabras cuberta por hoxe].






Ecos con reverb