You are currently browsing the category archive for the 'escolma textos' category.

Comparezo ante o tribunal de escritoras.
Benqueridísimas Safo e mais Virxinia
adorada Sei Shonagon
penetrante Simone
non quero esquecerme de ti
nin de Margaret
nin de Marguerite
María Xosé acode puntual á cita
e toma asento, entre Luísa
-quería volverte ver, perdoa-
e Rosalía. Clarice fuma o seu silencio.
Fleur dedícase a ser elegante
como un puñal enfundado en pel volta.
Sor Xoana Inés absorbe o seu tequila e acena: compréndote.
Comprendédesme?
Comprendédesme?
Si, comprendémoste.
Tivestes fillos? Levastes unha casa, unha nación
unha tradición cultural, un ecosistema
unha intuición e unha esteatopixia
sobre o peso das vosas costas
axitadas de plumas
e escotes de anxo?
Algunhas levamos, si. Outras non levamos, non.
Somos irmás, logo?
Somos.
Non me mintades. Admírovos.
Ninguén che acusa entre nós. Para que nos segues convocando?
Acúsome de vivir viviseccionada
de non poder escribir o que desexaría e canto desexaría
por sobredose de mullerismo.
Acúsome de non parir a gran novela que prometía aos 12 anos
senón un fillo, algo que, segundo Onetti ou Jelinek
impide ás mulleres alcanzar o estatuto de verdadeiras artistas.
Acúsome de non pertencer á vosa estirpe
de terme separado de vós
da esfera redonda da vosa concentración
para mesturar mondas de patacas con teorías de redes
enerxía escura do cosmos profundo cunha superficial vida de provincias
a sofisticada vergoña moral de Guantánamo coa emoción barata
de escoitar perorar ao meu fillo.
Acúsome de non rapar a miña cabeza
de non vender todas as miñas ideas orixinais [entre 0 e 1] ao mellor ofertante.
De non destacar.
De terme ensumido.
De depender dos mass media para traspasar o tempo.
Ningunha de vós falaría como nai. Fóra de Rosalía
a quen todo se lle permite.
Non vivín entre caníbales, Margaret.
Non me arrastrei polo vodevil parisiense, Colette.
Nin sequera cambiei de sexo, Elisa. Nacín muller
e as leis apoiáronme con cotas femininas. As leis, si. Só as leis.
E no fondo podería casar contigo, Marcela,
Jeanette Winterson, Mónica Cavallé.
No fondo, puiden abortar cando quixen.
E reivindiqueino todo co puño no alto e unha matriz
de uranio empobrecido.
Sobrevoo a vida e aquí atópome:
escribo só grazas a que a miña nai lle le un conto ao meu fillo
lelle un conto ao meu fillo alén do mar de África
lelle un conto ao meu fillo baixo a galaxia Andrómeda
que nos devorará, polo visto,
e xuntos, avoa e neto, forman un sistema lateral nesas redes cuxos nodos son calcio
e espiña dorsal da nosa sociedade,
lonxe de Google
de McDo
e varios metros por riba do petróleo de merda
que serpea esta cidade camuflado de Zara.
Avoa e neto: un binomio estéril na grande ecuación do universo,
a súa expansión explícase sen eles
a crise resólvese sen eles
todo funciona sen eles.
Menos eu.
Dirédesme, que nos importa? Miñaxoiadas!
Achega algo á causa feminina.
Que achego?
Un fillo varón.
Cambiarías un lugar no noso Parnaso por el?
Nunca.
Esquecerías escribir por el?
Si.
Rexeitas o tempo masculino, ese tempo de doncelas e serventas
ese tempo de secretarias e amas de cría
de lavandeiras e microeconomistas
de axentes editoriais
e lumis
lumis mecanógrafas que copiarían isto de perlas
a cambio de estar con el?
Rexéitoo.
Elixes non vestirche na Boutique Posteridade
por verlle xogar onda ti
como fai agora
burguesa maldita
ingobernable occidental ao noroeste do sur
compresa de sangue arrebolada á pantalla que vos reflicte?
Malia todo, elíxoo.
E o seguinte verso que ía escribir
-mamá, dime se está ben de sal,
coñezo a súa fórmula química
pero non a proporción idónea en cada prato-
declínoo por lle servir unha cea quente.
E por se fose pouco, un baño.
Condenádeme.
Benqueridas bastardas da vosa propia estirpe.
Condenádeme a ser unha calquera.
Condenámoste.
Imbécil, condenámoste.
Xa es unha de nós. Fai funambulismo para escribir catro liñas ao día
e vixía
que o período non coincida demasiado coa inspiración
nin o estado de gravidez coa escritura de tese.
Como fixemos todas, bastarda ti da letra e,
como fixemos todas
co noso pelo torrado polo raio do xenio
bastarda e nai e monte de venus
como fixemos todas, mullerzuelas escritorzuelas madrezuelas
cazuelas e compotas
sabendo a canto vai o quilo de azafrán e o terabyte de ideas novas
con que ángulo colgan os nosos peitos e a órbita terrestre
cantas cocacolas hai na neveira e na Palestina de Arendt cantas nacións.
Xa es unha de nós.
Comprendémoste, cala a boca.
Escribe, lurpia.
Pablo Gallo. Xa falei del algunhas veces aquí. El é o autor desta micrometraxe baseada nun texto de Zoommm. Textos biónicos, o titulado suspense. O texto naceu no ano 2002 e ten unha morte prevista para o 3200, aprox. Ata entón poderá ser lido en forma de texto ou sub specie visionaris [corríxeme que me trabuco, Cicero] aquí:
SUSPENSE
non sigas lendo. isto é unha trampa.
non vou dicirche que faría canto quixeras
e estamos incriminados nela, ti e máis eu
non vou dicirche que quizais non
e debes seguirme punto por punto ata o final
non vou dicirche que enterrei todas as palabras
estás atrapado agora, e a vida váiselle a este poema
poderás empezalo unha e mil veces e unha e mil veces acabará da
mesma forma
estamos só os dous e ti fasme sentir que todo isto é certo
pero se non é certo, por qué segues aquí
por qué segues
a piques de caer nesta trampa indivisa
na vida que se lle vai a este poema, secamente
faría canto quixeras
quizais non
enterrei todas as palabras
quédanme estas para che dicir que quero
aprender
o teu rostro
de memoria
Este fragmento forma parte dun relato. O relato chámase -pensaba que provisionalmente, mais xa non sei, non son dona dos meus actos- Pro Videncia. O relato obtivo un galardón, precisamente o de relatos curtos José Saramago de Santiago de Compostela. O fragmento foi pensado para ese texto concreto. Naceu del. Mais se o elixo para penduralo aquí estoulle outorgando unha autonomía, unha capacidade de subsistencia maior da que cría. Ese fragmento sepárase das coordenadas dese conto no que naceu. Ese fragmento pode formar parte doutros contos, dunha novela, pode ata servir de epitafio, de etiqueta de Mencía, de indignada diatriba. As mesmas palabras.
Noutros contextos. Noutras carcasas.
Hoxe lin esta frase de Roman Jakobson como frontispicio da web dunha editorial de poesía: Poesía é o que se publica nunha colección de poesía.
Para que preocuparnos?
Só hai que atopar a carcasa axeitada.
O fragmento:
En lugares remotos, un hominoide contempla un amencer e o seu, polo de agora, abundante vello encrespa de gusto. Os suevos crean un reino do que ninguén falará despois. A cabeza galega de Prisciliano pestanexa recén decapitada polo chan de Tréveris. Os piñeiros rumorosos din algo na costa verdescente, algo polo que se preguntarán nos séculos vindeiros, puño en alto. Melancolicamente capciosa, a Raíña Lupa apoiada nun peitoril pregunta aos seus corvos: Existo? Dicídeme… No mesmo tsunami de tempo, Exeria. Exeria acende unha lámpada bizantina, lonxe da súa terra, e un suspiro desenrola o pergameo no que o escribirá todo. Urraca, raíña, é repudiada por un anaco norte de terra ibérica. Todo devén asemade, Inés de Castro, acoitelada, o dolmen de Dombate, erixido, Meendiño, trovando, Marcela e mais Elisa dándose o Si, quero en San Jorge…Jacqueline du Pré sente de pronto un dedo anestesiado no la e o seu vibrato languidece lastimosamente baixo o arco de crinas de cabalo mongol.
En lugares remotos acontece todo iso que outros, noutros lugares, darán por acontecido.
Nesta páxina que eu rexistro, o tempo acazapa. Ata que eu o quero.
Quero que prosiga agora.
Daquela foi. Que.

Hylozoic Soil, de P. Beesley e R. Gorbet
Escribir un texto a partir dunha foto. Unha foto tomada en Bos Aires. Escribir un texto para un libro colectivo con autores de Bos Aires. Galegos e porteños. Unidos nese pequeno confín de algo que é un libro. Nós, inmortalizados nos seus chistes de brutos descerebrados, no Galo Porriño de Los Premios e no Manolito Goreiro de Mafalda. Eles, estereotipados en esaxerados de acento seductor que veñen cautivar mulleres enguedellándoas en prosapia. Borgianos todos. Licenciados en idioma.
Bastante lonxe do estereotipo clásico xorde este obxecto. Maribel Longueira é a artesá da idea e das fotos. Entremiradas I Galicia-Bos Aires, o resultado dese labor. Paralelamente, existe un proxecto análogo con textos de autores galegos e mais cubanos [Entremiradas II Galicia- Cuba].
De inmiscuírense neste obxecto encuadernado atoparán textos de Anxos Sumai, Víctor Freixanes, Débora Campos, Xosé Luís Méndez Ferrín, Eva Veiga, María do Cebreiro, Manuel Outeiriño, Yolanda Castaño, Xulio López Valcárcel, Chisco Fernández Naval, Mª Rosa Lojo, Hugo Biagini ou Luisa Valenzuela. E moitos máis. D’aló e d’acó.
O texto que eu acheguei tivo un encontrón cos trasnos que desmaquetan e saíu impreso un chisco diferente a como eu o enxendrara, sen tanto salto de liña. Probablemente mellorado. Para iso cobran, os malditos trasnos de prelo. O texto orixinal fora algo así:
Do outro lado da liña
Son a muller que escribirá esta historia. A protagonista óllame en fite ao entrar e saúdoa. Chámase Bettina.
Chámome Bettina. Hoxe telefonoume. Chegou dende Europa. Agarda por min no seu hotel do centro. Ela agarda por min alén da liña de subte que tomarei ata alí dende Devoto
agarda alén desta liña nesta páxina,
lonxe aínda de escribir unha historia sobre min, Bettina, a porteña descendente do médico republicano fusilado en Lugo que aparece nun poema de Rodríguez Fer, a pianista de Ginastera e Guastavino, que a levará a coñecer o Bos Aires querido e íntimo dunha cea con polo, o café Coruña en San Telmo, os edificios luxosamente invasivos de Belgrano, a amable disposición das follas a ser pisadas en Palermo Soho, a miña casa ao fondo dun patio con baldosas en xadrez, tan borgiana, a ñoñería ianqui desa designación: Palermo Hollywood, os piollos dos nenos aos que aprendo música, as librerías de Corrientes que nos gusta chusmear, o peso arxentino afiligranado por aquel home con tembleque, a prata, ché, a prata, eu prefiro o tempo do piano, os meus cativos con piollos e gañar menos prata, entendés?, a gata Kati, Berni no Malba e aquelas palabras escritas nun cadro, e Puerto Madero e o mate que lle regalei como símbolo de amizade, mate en inglés é amigo e iso ha ser viaxar
non concertar horarios cunha compañía áerea e cargar cun souvenir, un poema tópico e unha memoria fotográfica
viaxar é transfigurar no outro, ver a través dos ollos seus, tocar o meu piano coma se fose eu, Bettina,
e non a muller que escribirá isto e agarda por min alén desta liña de subte, liña D, siamesa destoutra liña dentro dun libro
unha liña que remata agora e na que o meu comboio detén, descendo, e fundo nunha aperta con ela
con ela, que escribirei esta historia para poñer un punto
só polo de agora final.
Estíbaliz… Espinosa
Esta historiña procedía doutra máis longa que foi recurtada, podada e peiteada para a súa adaptación ao espazo da páxina. A foto de Maribel que detonou o texto [encantoume ben], velaquí:

Maribel Longueira: Entremiradas I
Pero hai moitas máis fotos, fotos de recunchos e fragmentos verdadeiramente deliciosos. Fotos de chocolate, bandoneóns, fiestras entreabertas, tango na rúa, cúpulas, billares e mastros.
Máis información, na súa tenda de chuches máis próxima na súa libraría de confianza ou de desconfianza.
BSO: a miña Betti tocando Piazzollas



Retrato de muller negra. Maruja Mallo
Estes días xanto con moita xente ao mesmo tempo. Estou nunha cidade con moita xente ao mesmo tempo. Xantamos delicias picantes de moitos lugares do mundo. Nós vimos doutro lugar do mundo. María Reimóndez tamén anda por aquí, cunha bolsa con agullas de calcetar e un protoxersei verde, a medio facer. É bonito ter cousas a medio facer. A vida, por exemplo, a medio facer.
Ollo longo tempo esa bolsa con calceta que repousa onda unha mesa, coma un biscoito nun forno, como unha nena nunha cama a medio facer.
A miña nai calcetárame unha vez un xersei terrible, medieval, que me molestaba na sisa. Aprendérame a calcetar. A calcetar e a ganchillar. Era delicado facelo pero había naquilo algo elocuente. Entre os sons que me gustaban por aquel entón atopábanse os miudísimos clin-clin das agullas de calceta ao entrechocaren, así que unha das motivacións da miña pseudocalceta consistía en propicialos no silencio da casa.
Mamá non calcetou moito máis e dedicouse aos patróns do Burda con resultados máis resultóns. A día de hoxe fai tapiz gobelino e patchwork. Hai anos que non calceta. Boto de menos o dano na sisa daquel xersei que probablemente xa non existe.
María si calceta e lémbrame a esa fotógrafa estrela do flickr, a islandesa Rebbeka Gundleifsdottir, que fai xerseis. Con grecas nórdicas. Aproveitando o seu éxito como fotógrafa, Rebbeka xa vendeu varios na rede.
O ano pasado, María ordenoume calcetar. Dixo: Calcétame unha bufanda. Non sei facelo, non me lembro- respondín. Logo, que sabes facer? Crin que sabía escribir, como todo occidental. Escríbeme un texto para un libro con textos de galegas e mais etíopes
Penseino un pouco.
Podo escribir un texto sobre algo que só coñezo mediatizadamente? Talvez debería poñerme a calcetar bufandas.
Unha bufanda para unha etíope. Se cadra serviralle o mesmo que este texto que calcetei ao longo duns poucos días do ano 2008.
Escribín “para unha etíope”. Imaxino máis facilmente a unha muller etíope que a un home etíope. Son consciente dese pequeno luxo inxusto: que no meu cerebro unha categoría nacional estea representada en abstracto polo suxeito feminino e non o masculino. Etiopía éme unha categoría mental feminina.
Velaquí copicolo o texto para un futuro libro conxunto de etíopes e galegas que coordina María dende o seu traballo á fronte de Implicadas no Desenvolvemento. A día de hoxe míroo e xa é un pouco menos meu. Unha bufanda de varios centímetros que emerxe das miñas axilas e roza por un momento a ilusión de ser significativa na garganta dunha abisinia. Unha inxenuidade tamén occidental. Asumo con digno pesar que pertenzo a esa raza terrible, vanidosa. Os occidentais.
Elixir
Entre ser texto ou non selo, elixiches selo.
Entre unha rocha de Lalibela, unha desangrada árbore de coral ou un representante do reino animal, titubeaches uns cen milenios.
Entre cordada ou invertebrada, deuche igual: chordata
Tetrápoda ou bípeda. Aí pensáchelo un pouco. Logo, traballosamente, levantaches.
Ao lonxe, unha panteira bocexaba logo de terche devorado por non correr dabondo aínda.
Decidiches criar aos cachorros dentro da propia especie e non ceibalos en ovos
tan perfectos, si,
mais fendendo apenas ao os nomear.
Entre primate e non primate: quixeches termar do mundo coas túas mans. E fuches primate.
Doado.
Na casilla chimpancé ou homo escolliches homo, na terra na que os homo aconteceron e pestanexaron antes que en ningunha outra terra.
Viches claramente a un chimpancé tapando a boca por non escachar a rir.
Despois, o deus copto puxo ante ti: elixe agora, varón ou femia.
Deixaches medrar as mamas e penduraron así o resto de todas as túas vidas. Un trofeo obtido do engado á natureza.
A raíña de Saba, tataravoa túa.
O perfil monárquico de mulleres con 40 quilómetros de auga na cabeza.
As rastafari primixenias, invocadas dende dentro dun anel de fume.
Algunha concubina fértil de Rimbaud.
O sol renxe por riba das túas miles de nais, provoca o parto do futuro.
O calcio dos seus ósos reencarna nos teus dentes. Que sorrín. Os teus dentes.
Todas esas damas abisinias, supervivintes a esgrimiren un coitelo e un par de máximas arcaicas. E así seccionar á pura da impura, á moza que aprendeu a enfeitar colares da muller mutilada de despois.
Os homes fumando e ollando a outro lado, a un pasado escintilante, cos seus orgasmos ben cargados no horizonte.
Terías ante ti toda esa estirpe de mulleres no lombo
Elixiches ser muller porque nesta terra xa ninguén querería selo.
E ser muller é un xeito de ser
calquera cousa.
Animal, mineral ou cousa.
Elixiches ser
as tres.
Estíbaliz… 2008
imaxe: Mellizas: As raíces da asimetría no universo descoñecido.Col. persoal
Hoxe teño dezanove anos.
Cría que non volvería telos. Trabuquei.
Aquí están. Meus.
Relocentes. Aínda con ese rubor impalpable dunha pel sen manchas.
Non coñezo ao meu fillo. As torres xemelgas están en pe. A miña tía visítaas e cóntanolo, sobre o mantel. Debuxa Nova York. Onda o coitelo, a quinta avenida. Avenida aquí, avenida acolá. O mantel, por sorte, é a cadros. Hai farangullas do postre.
Non coñezo ao pai do meu fillo. Vive noutro país e segrega hormonas para outra. O seu país é un máis do mapamundi. Sei a capital.
O meu irmán posúe enteiro o fémur. Miro o seu rostro. É tan novo. Podería tanto.
Aínda non falo galego. Nin escribo en galego.
Aínda boto de menos ao meu pai. Aínda me lamento por min mesma e non por el.
Aínda me lamento polos mortos e non polos vivos. Aínda creo que a arte é lamentarse. E a literatura. Por que non?
Os pousos cristiáns dos que custa desfacerse malia todo escepticismo.
A miña nai. Semella maior do que me semellará máis tarde. Xa é marabillosa. Adóroa. Pero preciso despegar un pouco do seu colo inmenso e bendito, da súa granxa de Kansas.
O meu pelo medra tan forte.
Vivo demasiado viva.
O universo vén de abrírseme coma un fungo nuclear e síntoo, volto un membro pantasma nas miñas tempas.
As miñas tempas. Tócoas decote. Escribo cunha olivetti moi vella porque non hai cartos para máis. Non coñezo internet nin os PC.
Nin ao meu primeiro amor. Ao correspondido. O outro, o platónico, deshidrata na miña memoria de colexio de pagamento.
Escribo sonetos.
Vou ao planetario os domingos.
Contemporizo.
A miña saliva é doce. Rosada. Compartina pouco.
Non saín de Europa. E Europa non é Europa, senón o continente do que tampouco me sinto contido.
Europa é, naturalmente, fenicia e princesa.
Non fabricaron aínda o coche que conduzo, o teclado co que escribo isto, o empaste da miña moa esquerda, a fortaleza Schengen.
Non falo unha palabra de ruso nin sei cantar ópera. Ás veces, noquéame unha melancolía que non entendo.
Atribúoa a causas esotéricas e non á secuencia dos meus xenes.
Corro. Corro bastante. Son quen de correr para:
a.- coller un bus
b.- atrapar un folio que voa
c.- fuxir de ti
d.- seguir correndo
Fíxome se me cruzo con algún senegalés na rúa. Borges é deus. Bernhard pertence ao feudo do meu irmán, coma o globo terráqueo que se prende.
Non teño CD. Pero si moitas cintas. A beca dá para pouco. A miña nai chega inqueda unha mañá porque equivocou o día no INEM e poden retirarlle o subsidio. Trae froita. Sempre a de mellor calidade.
Algunha vez toco a guitarra. Xa non lle limpo o po. Agora Nirvana.
Ignoro o significado de siglas como SMS ou USB. O meu mundo é tan real e analóxico como pode selo un mundo.
Roubo libros no corte inglés.
Estrico polas mañás. Durmo moitísimo. China é pobre e ninguén fala de Shanghai. Deixo de fumar.
Cuba existe, logo resiste. Os meus meses preferidos son xuño e novembro. Pola inminencia.
Vexo 10 veces Blade Runner, 5 Star Wars e namoro de Orson Welles.
Creo no big bang e nalgún outro tipo de vida extraterrestre.
Bebo bourbon. Créome unha grandiosa. Fago teatro. Cousas moi humildes que a min fanme levitar.
Aínda me miran pola rúa.
Aínda podo cometer loucuras e atribuírllas ao clima.
Nas noites fosforezo.
Empezo este poema unha noite desas. Soa e a lápis.
Ao meu redor
tan só
cinco mil seiscentos millóns
de humanos máis.
E mañá. Mañá. Mañá seguirei tendo
dezanove
violentos, putos
sobreestimados pola posteridade
soberbios
anos.
2007
Estíbaliz…Espinosa, aka A Criatura Mecánica [aka Opia] vén de publicar escolmas persoais en issuu.
http://issuu.com/criaturamecanica
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/textos_carbon_feros
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/escolma_de_mec_nica_zeleste







Ecos con reverb