You are currently browsing the category archive for the 'kozmic muffin' category.

A Mostra de Ciencia e Cinema [M+C+C]  suma exponentes e na edición deste seu segundo ano incluíu un apartado de Ciencia e Poesía. O formato elixido: recital con música no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o pasado mércores 28 de outubro. Alí fomos Xavier Seoane, Marica Campo, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas, Emma Couceiro e mais eu. A música correu a cargo de Guadi Galego, Xabier Díaz e Guillermo Fernández.

Cada autor lía un texto de seu e outro dalgún autor a elixir. A temática, claro, a ciencia. Dende Cirlot ata Pimentel, dende de Brito ata do Cebreiro, textos seus por alí desfilaron.  Aspectos como o traballo da fábrica [Ferreiro], a relación de paixón coa natureza [Rivas], o equilibrio [Couceiro] e ata unha sextina ao estilo Raymond Queneau [Campo]… O texto que escollín foi Microcosmos do último libro de Wislawa Szymborska, Aquí.

ilustración de Pablo Gallo

Non foi este de hoxe [Ghost in machina] o texto que lin alí, pero si  podería ter encaixado no recital. Na súa versión castelá servíu para a colección de Sci-Fi Poesía que inaugurou a editorial El Gaviero o pasado ano, colección de separatas en cartoné – aquí as vedes- ilustradas por fabulosos fabuladores como Pablo Gallo. Para preguntas sobre os plátanos dos protagonistas, diríxanse a el.

Read the rest of this entry »

Todos o sabemos. Todos os vemos. Todos sacámoslles fotos ou gravámolos cunha cámara dende un coche. Todos opinamos sobre eles. Algúns louvamos o seu aire de cyborgs taciturnos. Algúns criticamos a súa saturación na liña do horizonte. Algúns sentímonos intimidados pola súa obediencia. Algúns aliviamos cando un deles semella de folga de aspas quietiñas. Todos andamos pendentes da súa dependencia política. Todos ollamos para eles confiados. Porque son limpos. Todos ollamos para eles con reticencia. Porque son lexión. Todos abraiamos do seu ronroneo engrenado. Todos os vemos despezados pola autoestrada, en longos camións de dobre eixo. Todos fascinámonos con eles. Son fermosos. Parecen portar algo nobre. Se cadra porque tratan co vento e, de luxar algo, só luxan a liña do horizonte, algo tan mutante que estamos afeitos a prescindir dela, a fractalizala ao noso antollo. Pois, que é o horizonte? A ilusión dunha fractura. O aire con eles segue impoluto. Os ríos con eles aturuxan de indiferencia. Por eles, ningún animal [nin sequera as aves] semella perder a compostura ou a vida.

un céfiro

un céfiro

[Todos sabemos que vento temos montes e moreas. Todos sabemos que o vento non cesa nunca. Todos sabemos que os montes e as moreas si. Hailles  montes que cesaron. Cesaron de ser montes. Agora exercen a filosófica profesión de baleiro. Todos sabemos que o vento zoa moito por eles tamén.]

Todos sabemos que de non ser por eles, e para achegalos aos cumios nos que reinan, boa parte das estradas e viais galegos non estarían nin comezados.  Todo semella orientado a facilitar a súa invasión. Porque todos sabemos que nos invaden. Que son o futuro, brancos como Apple, rotando como firmamentos, rosmando como criaturas desvalidas no alto dos altos.  Que serven a Eolo e a Iberdrola, unha das concubinas consorte. Que converten as serras e o seu perfil sinuoso, arcaico, nunha sorte de miraxes manchegas dispostas a ser asaltadas por hordas literarias. Quen fose Dulcinea andante. Quen fose futurista a compoñer unha Oda ao Aeroxenerador. Quen fose surrealista a se amalloar nunha das súas pas como penitencia tecnolóxica. Quen fose dadaísta a pintalos de cores para os chantar como fondo da Gioconda. Quen fose haijin a admirar o seu silencio de cousa. Quen fose publicista a enchelos de anuncios por palabras. O vento é o único que nos une. A nosa espiña dorsal está ourizada, como a dun porco teixo inmenso e meditabundo.

Son como cousas de encantamento, foron polo aire e viron polo vento.

Canda o chapapote, forman substancia lírica.

As mellores vistas téñenas eles. Os mellores aires móvenos eles. A altiveza eles a ostentan. Son cada vez máis e hai algo turbio ás súas costas de turbina. Toda a mitoloxía de Eolo e o seu odre de ventos, de Bóreas, fillo de Aurora e Astreo, irmán de Notos, Céfiros e Euros [Euros, aquí,  o vento do leste], toda a etimoloxía das anémonas e os desaires, toda a xestión a suxestión e a dixestión do vento que nos envolve revolve e disolve, todo fica reducido nas mans da política económica a unha formación de soldados, a unha morea de mans tendidas dispostas a levar o seu cacho de aire en forma de euros [euros, aquí, moeda común], a unhas disposicións que se aproban e derogan con esa veleidade das cousas etéreas, como un galo de veleta que nunca sostén a mesma opinión sobre o asunto. A cuestión do aire galego perde seriedade, solidez. A cambio, gañamos personaxes para todas as nosas futuras novelas de ciencia-ficción [como aqueles ameazantes Trípodes das Montañas Brancas, de John Christopher] cun nome aínda impreciso: aeroxeneradores, tripalas, muíños, os chismes eses, servos de Eolo, venticulares, derviches mecánicos, eólicos, eolios, chirimbeolos

Calados na Serra da Faladoira

Calados na Serra da Faladoira, col. persoal

Mary Pickford

Mary Pickford

Hai dúas teorías/conspiranoias contra as que unha vez crin ter argumentos.

Conspiranoia 1: iso de que o home pisou a lúa é unha montaxe. De Kubrik, probablemente.

Contraargumentación: os rusos foron os xenuínos frikis do espazo. A mellor literatura de ciencia-fición cósmica procede de Rusia [ou arredores soviéticos]. Os rusos honran ao espazo cun día da cosmonáutica. 12 de abril. Hoxe que escribo isto. Erixen edificios de cemento ondulado chamados Hotel Kosmos en Moscú. Por exemplo. Os grandes enxeñeiros rusos, Tsiokovski, Korolev. Os rusos quixeron chegar ás estrelas primeiro. Experimentar coa ingravidez primeiro. Poñerse en órbita primeiro. Ignoro por que. Por fuxir desta Terra? Por refundala? Por amedrentar ao bloque capitalista? Por frío? Ignoramos por que. Pero sei que foron eles.

Se a chegada do home á lúa tivese sido unha montaxe estadounidense, o fino olfato ruso descubriríao enseguida. Os americanos tiveron que ter chegado á lúa e deixar alí a súas pegadas porque os rusos non dixeron nada. Non pasou nada. Asumiron a súa derrota. Nunha superficie sen ventos, as pegadas de Armstrong durarán se cadra miles de anos. Hai males que duran máis de cen anos. Hainos.

Para os rusos, hainos.

by Josh Keyes

by Josh Keyes

Teoría 2: Pódese viaxar no tempo. En concreto, estamos a piques de. Un par de axustes nuns parafusos e nunhas integrais e… voilà!

Contraargumentación ou argumento desconsoladamente escéptico: se iso fose posible, sen dúbida os nosos visitadores do futuro [Benders, Leelas e demais] terían a delicadeza de achegárense a esta nosa época de trangalladas espazo-temporais e contárnolo, dicirnos que si, que é posible, que cultivemos paciencia e perseverancia, que non claudiquemos, que o determinismo causal e o paradoxo do avó non eran máis que erratas e malversacións, que o segredo das viaxes no tempo non é máis que… Pero non o fan. Pasan os anos, as teorías, as conspiranoias, as ciencias-ficcións… e non o fan.

Non o fan.

Non veñen.

Ergo, se non veñen é porque non poden. Porque non saben.

As viaxes no tempo son imposibles.

Ou iso, ou os nosos descendentes son imbéciles.

Naturalmente, non sei cal dos dous axiomas prefiro.

BSO ou por que non escoitan isto?: Laika, Mecano. O outro día pola radio escoitei a Ariel Roth poñer verdes aos Mecano. Eran presuntuosos? Eran horteras? Eran sensibloides? Eran pedantes? Eran simbolistas? Non sei. A min incrustáronseme no código xenético, como todo o que sentes con 13 anos. E unha cousa é certa: grazas a eles, aprendín detalles importantes da vida como que o capitán Scott morreu nunha malograda expedición á Antártida, a composición do aire, que a primera cosmonauta era rusa, ladraba e atendía por Laika [can de neves en ruso, por outra parte] ou o significado exacto da palabra anacoreta, que rimaba con teta.

E melodías… aínda as curraban. Mentres os meus futuros amigos masculinos escoitaban Radio Futura [eu amei a Radio Futura moito despois, xunto con Siniestro Total] eu pertencía a esa clase media que cun chicle memorizaba sen querer parágrafos e parágrafos de letras de Mecano mentres falaba de tampóns, apuntamentos de Arte e brillos de beizos con amigas.

dezeen

Consulto a Guía do Ceo que collín na Casa das Ciencias a última vez que fun ao Planetario e o planeta protagonista deste mes segue a ser Saturno. No ceo. Rozando a eclíptica.

Consulto Psicoloxía da cor, o libro de Eva Heller que metaboliza os alimentos comigo en min nestes días, e vexo que Saturno é o planeta negro, o planeta do tempo, un dos meus preferidos na suite de Holst, o planeta tamén da melancolía que rexe os meses invernais do hemisferio norte e, polo tanto, o signo zodiacal de Capricornio e antigamente tamén Acuario.

[Hai uns días fun facer un contacontos soa a Muros. Por forza, pasei por alí. No coche. Unha das paraxes que prefiro, o alto despois de As Paxareiras, poboado de aeroxeneradores mudos e levemente ameazantes, coma todo xigante de ferro. Ía escoitando a radio. O Saturno de Holst comezou a soar xusto cando me achegaba ao outeiro. Diminuín logo a velocidade a 30. Eran as 3 da tarde. Un mediodía radiante. Todos os aeroxeneradores-obedientes-servos-de -Eolo traballaban a treu, brancos e puros coma vestais. Todos agás un. Sempre hai algún que non move as aspas e a súa quietude semella unha sabotaxe. Gústame cando o mundo me proporciona unha experiencia contradictoria á banda sonora que me acompaña. A música era abismal. Escura. Carbónica. Un mediodía radiante no alto dun monte marabilloso tamén o é. Ou, polo menos, tamén encerra ese abismo. Coido que os contos de Raymond Carver ou John Cheever ou mesmo Clarice Lispector baseánse nese mesmo principio.]

Rematando de ler Os aneis de Saturno de Sebald constato a lucidez da súa saturnidade que, no subtexto, deléitase coa nobre decrepitude, con todo aquilo que devora aos seus fillos pero pode medirse coa pancada dun home que camiña a pe.

A pe baixo estrelas.

Estamos a medio devorar. Entre terra e ceo. Será por iso que fillos de Saturno aquí somos todos e este mes tamén é o seu mes no ceo do hemisferio norte, sección Europa sur, leira noroeste. Rozando a eclíptica segundo a Guía do Ceo. A Guía do Ceo, na miña mesiña de noite.

Joe Kittinger

Joe Kittinger

O segredo do cosmos? O segredo do cosmos? Ben, o segredo do cosmos vóuvolo contar. Arreconchegádevos.

O segredo do kosmos é…

BANG!BANG!

Arghh!!!

polanoid

Fósil de amonita iridiscente do Mesozoico subhastada en Christie's

Fósil de amonita iridiscente do Mesozoico subhastada en Christie's

Cando se ten tos, fálase menos e pénsase máis. Bueno, a ecuación non ten por que ser así si e sempre. Pode devir en que, simplemente, se fale menos.

Estes días, como xa escupín no post previo, tuso. Tuso e, moi de cando en vez, penso. Os pensamentos. Cometas de periodicidade difusa, anárquica. Vacilona. Cando volverán nos visitar? Nin se sabe.

Deixámoslles as portas abertas e unha bica de Trives na cociña do cranio, pero nin se sabe.

E cof cof.

Tuso e vencello a tos coa melancolía. Non sei se son meláncolica por tusir ou tuso por melancolía. A melancolía é bile negra. Tusir é tratar de botar bile negra pola boca.

Dior mío, serei flemática in fact? Lástima que o noso sistema sanitario sexa medieval pero os coñecementos dos seus profesionais non! Devezo por que se me aclaren os humores.

Hoxe latriquei cun vello coñecido na facultade de Socioloxía. Os dous fomos alumnos, el agora é profesor. Falamos de gustos literarios porque lle levei un libro. A el gústanlle a novela histórica e o ensaio científico. Emprestoume un. Ensaio científico. Logo de biblioteca, libros marabillosos emprestados sine die, café, té verde e buscar á súa filla Lola, despedímonos. Cando despides de alguén sempre quedas coa conversa que conformastes a base de bafaradas como un halo a envolver a túa cabeza. Un halo quente. Por que nos gusta o que nos gusta? Hai dous días faleilles entre cofscofs aos meus alumnos da sonada distinción de Bourdieu. Aí, nese contexto, parecía tan claro: os gustos son niveis culturais e o que moven e tecen é capital cultural. Simbolismos intelectualoides.

Pensaba cando regresaba a casa no 6A: por que me gustan a min os neanderthais, a vertixe do cosmos e os autómatas? Que fan todos no mesmo saco, xunto coa lingüística, os trampantollos ou a historia do cero?

A miña conclusión é que, quizais por ser humanista e un chisco misántropa [palabro? Miss Átropos sería eu, de ser Parca. Cortar fíos...], o que me atrae naturalmente é toda aquela disciplina que pón ao ser humano e á súa suposta humanidade contra as cordas. Distanciarme do humano é balsámico. Iso teñen en común a astrofísica e a paleoantropoloxía e a robótica: ollar para nós dende outra galaxia, outra especie de homínido ou unha criatura mecánica revélase xa non só unha posible aprendizaxe senón, e por riba de todo, un alivio.

Un alivio para o eu.

Un alivio tamén para o nós.

Pero de cando en vez, regreso. Deixádeme luz prendida.

saturn_by_tiberius47

Saturn by Tiberius47

Existe unha ecuación, a ecuación de Drake, desenvolvida para calcular a probabilidade de civilizacións con vida intelixente que poidese haber no universo.

Nunca oín falar de unha que calculase esa probabilidade aplicada ás da Terra.

Nunca oín de unha que calculase a probabilidade de vida melancólica ou nostálxica no universo.

Nunca oín de unha que calculase a probabilidade de atopar vida minimamente parecida ou cordial á nosa.

Nunca oín de unha que calculase a probabilidade de que neste intre algunha estraña forma de vida extraterrestre se atope calculando unha ecuación na que se pregunte por nós.

Alguén se pregunta por nós?

Somos morosos dalgún extraterrestre? Non. Daquela ninguén se preguntará por nós.

Así de saturnino é o noso xeito de ficar sos.

Gustav Holst expresouno así.

robert and shana parkeharrison

Imaxe: Low tide, de Robert and Shana Parkeharrison

Despois de 8 viaxes en avión, un esguince e unha mitose en menos dun mes. Resulta. Que. Sigo. Viva.

A quen lle importa a miña vida? A ninguén. A quen lle importa non pode lerme. A quen me pode ler non lle importa. A min. A min pode importarme.

E, se cadra, podo lerme.

Xa non sei en que idioma vivo. Non sei cal me vive dentro. Je pas. I not. Me nicht.

Ela volve preguntarse a quen raio lle importa isto, mentres chucha un lapis.

Os lapis. Lembran dos lapis? Que mundo aquel. Eu tiven un lapis, como alguén tivo unha granxa en África e o outro viu cousas que vós non creriades.

Tiven un lapis. Moitos. Aos sete anos, os lapis son seres apacibles. Son simpáticos, os lapis. Teñen mundos dentro, en miniatura dentro. Nunca agotan. Alguén na sala agotou un lapis? Eu non. Nunca. Os lapis lévanse xunto ao corazón e xamais, xamais nos deixan.

Pero o que escriben.

O que escriben os lapis, si. Si nos deixa. Os lapis son humildes. Non queren durar demasiado. Iso, para o mal gusto dos permanentes, dos pilot e demais ralea – opinan, co seu brando cerebro de grafito. Impresionable. Os lapis. Canta tenrura. Que pouca posteridade nun lapis. Con que elegancia se saben borrables, deletables, deleznables… [dicionario de sinónimos]… efémeros, en fin.

En fin.

Que si. Que sigo viva coa miña branda substancia pouco apetecible para un texto. Por que diría aos 7 anos que quería ser escritora? É unha condena. Lévoa fatal.

Por que non auxiliar administrativo, coma todo o mundo?

Tería moitísimos lapis. A vida escríbese a lapis. Saben? Non é por darmas de listilla, pero ningunha vida ten os bordes moito máis precisos ca unha fotografía de Robert e Shana Parkeharrison. Os da imaxe deste post. Si, esa que viron antes, a do home encadeado á praia. As súas fotografías están como feitas a lapis. Enfróntanse aos elementos, á maquinaria da terra, á tiranía das estacións e dos climas…

Somos humanos porque dalgún xeito, a pesar das nosas ecoloxías, das nosas conciencias medioambientais que pechan por nós as billas cando nos lavamos os dentes e separan o noso lixo cando non miramos, a pesar de todo iso enfróntamonos á natureza, desleigamos dela, burlamos as súas leis e as súas normas anárquicas e perfectas. Somos antinaturais, a pesar de todo.

A nosa conciliación coa Terra é, por todo iso, unha sofisticada maquinaria de convencións. Non somos obvia terra como é, por exemplo, un escaravello, unha acacia, unha egua. Ou ata un cóndor. Eles son terra.

Nós somos os aliens.

A nosa parte animal vive un desterro.

Escribimos a lapis o noso intento de fuxir da animalidade, da natureza, do instinto.

Coido que habería moito que borrar para que a natureza enteira nos volva deglutir e facer seus. Ven? Acaso non ven na imaxe as cadeas, os grillóns cos que nos enganchamos aparatosamente á nosa diferenza? Non ven que estamos encadeados á nosa humanidade?

É isto nihilismo?

Non.

Chuchen un lapis e acadarán vostedes tamén semellante estado zen de saudade.

Que acontece co kosmos?

Unha vez escoiteille a un escritor que deberíamos deixar de ollar tanto ao ceo e preocuparnos máis polos mundanais ruidos. Dicíao referíndose aos graves problemas que atascan á humanidade en tuberías sen saída. Dicíao referíndose ao gasto da NASA en relación ao gasto por axudar a media África a non contaxiar máis o virus do VIH. Dicíao un premio Nobel.

Os premios non me impresionan o máis mínimo. Sei de onde proceden. Ao igual que títulos académicos ou calquera sinatura estampada sobre papel caro: non o aprezo máis. Aínda que eu asistía á conferencia daquel premio Nobel, a súa pequena demagoxia que enfrontaba na balanza curiosidade cósmica e problemas sociais pareceume dunha burda manipulación: por que unha cousa ou outra?

No Anuario económico e xeopolítico do 2005 leo que a esperanza de vida en Sierra Leona é de 35 anos. Coma no neolítico. Coa preparación física de anos que se require na NASA, ningún habitante deste país africano pode aspirar a ir en misión tripulada a Marte [no caso hipotético de que poidese acceder a toda a preparación mental i estilo de vida previos]. Probablemente, finaría antes. Mesmo que viva coma un sultán. A lonxevidade herdámola, somos o que comeron os nosos pais e avós, somos as súas infeccións, os seus tumores, as súas deformidades. De certo, os humanos vivides vivimos desordenadamente. As chapuzas sociais arranxan algunhas pingueiras pero o tellado segue sen nos alcanzar a todos.

O ceo, en troques, si alcanza para todos. Ou debería.

A curiosidade que alimenta o seu estudo, o afondamento nos seus misterios, a sucesión de teorías ou modelos que expliquen a súa xénese ou o seu futuro, a simbiose entre materia e baleiro… esa curiosidade é tan humana coma o riso ou a mentira. Non pode contrapoñerse á urxencia na corrección de medidas sociais, corrección de organismos pantasma como a ONU, reparto de riquezas, mercado do petróleo ou I+D. O estudo do cosmos é o estudo do embigo humano: ningunha criatura medrou sen se meter o dedo algunha vez.

Ámbolosdous asuntos concernen á raza humana: o seu contexto cósmico e mais o caótico equilibrio dos seus habitantes. O seu kosmos e o seu kaos.

Non unha cosa ou outra.

Matizo: en toda esta investigación espacial, apéname enormemente que hindúes [ese pobo indescritiblemente dotado para as abstraccións matemáticas, talvez por mor das súas miles de divindades] e rusos [ese pobo escarchado, hipersensible e alcohólico que empezou a fabular co cosmos en forma de ciencia ficción e unha precisa enxeñería] aparezan como eclipsados polos sempiternos ingleses e americanos na constelación de investigadores do universo.

Só perdoo a Sagan [Cosmos foi unha serie mítica]. Mais non a Hawking.

Polo demais, o vergonzoso non é que o gasto celeste supere ao gasto humanitario. O vergonzoso é que se chegue a acordos internacionais en materia de dereitos humanos, comisións, altos comisionados, condonacións de débeda externa, e que o seu brutal atropelo por parte de quen asinan para a foto siga sendo constante e acalado por servizos de seguridade, branqueo de imaxe e outros dispositivos máis ou menos políticos.

Namentres, o límite de Chandrasekhar axexa para nos colapsar. Tanto se formos estrelas coma se non.

Datos de interese: Kozmic Muffin, grupo galego experimental dos 90. A súa magdalena cósmica inaugura esta categoría. Encantábame o seu son [nada poppie, senón progresivo] e unha entrañable i estraña relación vencelloume durante un tiempo ao seu batería: ambos actuabamos nunha campaña municipal de reciclaxe de residuos urbáns. Él disfrazado de porro [o da familia do allo]; eu, de colexiala listiña.

Nunca voltei saber del

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Serie intrusos: inside Lotte

Libros

Mochima

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Novembro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Out    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

criatura mecánica, eis