You are currently browsing the category archive for the 'listismo' category.

BASE DE DATOS: OBSESIÓNS

Obsesióname o futuro.
Cantos escritores hai lendo isto
sen saber que algo lles influirei
ao seu pesar
con todo.
Obsesióname que el se atope ben.
Que as rocas do espazo exhíbanse indiferentes
que non todo nelas sexa significativo
ese alivio cósmico
obsesióname.

Obsesióname escribir extraordinariamente
o que se que podería escribir de puta pena.
Obsesióname que pasou con Lucy
a australopitheco
e as tres pegadas de Laetoli. Cara a onde. E. Por que.

Saír á rúa a cruzarme cun mozo
máis novo ca min que mirará nos meus ollos
e a eles, como un ácido, arrebolará a súa vida.
Obsesióname non vivir en guerra
e que ninguén ameace con me voar as ideas.
Agradézoo pero
é sospeitosa tanta paz.
A palabra país non me obsesionaba malia que
todo na natureza indica que ha obsesionarme.
As árbores míranme interrogantes agardan nomes
que eu non sei darlles, eu non, senón Dorotea, a bisavoa
que xamais deixou de estar soa
na

súa

ca

ri

cola.
Imaxinábase a si mesma a miña bisavoa
como unha gran ammonites a miña bisavoa, seguramente
tampouco ela contaba con nome para iso.
Unha muller obsesionada coa súa propia natureza
furiosa de leira ferida.
Read the rest of this entry »

monos fumando

Xa tiña saudades dunha lista. Poña unha lista na súa vida. Verá como, ao rematala, semella que algo encaixa en algo e que vostede…

Vostede.

Nadie habrá dejado de observar que con frecuencia… atopamos persoas, escoitamos frases, vivimos situacións que, na nosa natural misantropía, tornan o mundo un chisco máis habitable. Un chisco. Máis. Habitable.

A xente, por razóns de sobra sabidas, é imbécil. En particular pode revestir certo interese. A nivel molecular é apaixonante. Vista dende o universo dános ganas de nos precipitar a apertala. Durmindo, ata o peor asasino en serie presenta quebros respiratorios, apneas delicadísimas, infinitesimais salaios capaces de conmover a Mr. Spock.

Todo o mundo ten un corazón. Algúns, os que se criaron á caloriña dunha pulpeira no baixo da súa casa, desenvolven 3. Coma os polbos. Non é o habitual. O normal é un e graxento.

Ese corazón que a todos acompasa non latexará xamais co mesmo pulso. Acelerou no nacemento, palpitou prácido canda unha nai, case desapareceu naquela grave enfermidade da nenez. É o noso mellor delator cando arelamos que nos trague a terra. Latexa cunha pasmosa facilidade. Apoiamos a nosa parva cabeciña sobre unha almofada e velaí está, tomtom- tomtom, o corazón de María, o corazón terrible de Iván o Terrible, o corazón en pelegrinaxe de Exeria, o corazón autocompracido de Christian Barnard, o de Yuri Gagarin e Fidel Castro e tamén o corazón de [vou dicir unha obviedade séculovinteira] o corazonciño de Hitler Tibbets.

Matinar en tantos corazóns durante a adolescencia perturboume. Sobre todo se me detiña a observar a seres en definitiva idiotas que poboaban a miña aula de bacharelato e non podía -mesmo que quería- deixar de imaxinar o seu, o seu corazón a propulsar sangue estúpido por arterias estúpidas para facer non sei que intercambio de cretino osíxeno nos pulmóns e regar ideas estúpidas en cerebros dignos de non se fosilizar xamais. Na miña indiferenza ou menosprezo cara a eles alampeaba un gramo de curiosidade. Tamén de empatía.

A xente non merece panexíricos. Non. Esta lista non é máis ca unha constelación de momentos nun universo humano francamente escuro. Os humanos son medoñentos, torpes, insulsos, tópicos, demasiados. Só un astronauta pode botar de menos á humanidade, concibida así en xeral.

A lista:

1.- Que neve. Isto é puramente clima mais, como dirían Montesquieu e a miña avoa, clima somos nós. Ou o clima socialízanos. Or something.

2.- Os sucos naturais dunha vella moi revella

3.- A vinganza. Todas as grandes historias son vinganzas. Mesmo a Ulises non lle sae máis que vingarse dos deuses con astucia humana. E Han Solo? E Ben Hur? E Mad Max?

E Proust? Vinganza do Alzheimer.

4.- Escribirlle un mail a alguén que xa morreu e que conteste. Isto aconteceulle a un cibercoñecido meu -que é como dicir a un quensabequenserá-.

Fíxeno tamén eu, hai anos.

Non recibín resposta.

5.- Ler un libro chamado La tentación de existir a medias con outro chamado Trastorno. Malia todo, durmir ben.

6.- Escoitar Beautiful freak, dos Eels

7.- Falar por teléfono con G.

8.-  O signo 

9.- Un libro recibido por correo. O libro vén dedicado. A carteira fai o favor de subirmo ata casa.

10.- Unha cría de mamut conxelada atopada no permafrost de Siberia. Xente interesada nun dente seu, no aire prehistórico aínda aloxado nos pulmóns seus, nas circunstancias minuciosas da súa morte.

12.-  Ver e escoitar algo así

13.- Un neno de dous anos e medio pregúntache se bailas con el

14.- Que alguén escape neste momento

15.- Que alguén morra tranquilamente neste momento

16.- Ma mère l’oye

17.- Alguén a quen non queres saudar finxe non verte tampouco. Un detalle de cósmica sintonía

18.- Ver unha foto de Rimbaud nun suplemento cultural. Unha foto de Rimbaud en África. Escrutar o rostro para ver se algo de. Para ver se. A foto é moi antiga. Non se ve. Ler o artigo, para compensar. Era un pupas, Rimbaud. Sempre laiando. Un cu inquieto, Rimbaud. Un Michael Jackson, Rimbaud.

19.- As devolucións de Facenda

20.- Que de cando en vez haxa quen -dende moi abaixo ou baixo circunstancias atenazantes- o logra

21.- O  disco d’ouro das Voyager

22.- O talento inconsciente

23.- Unha raiola nun ollo

.

.

.

.

.

Datos de  desinterese: coma moitos de vós eu tamén espertei un día e morrera Michael Jackson.

Sinto curiosidade polos talentos: interésanme aqueles cos que se sabe que facer e aqueles cos que non se sabe que facer. MJ sabía o que facer co seu, diso non cabe dúbida. O que lle sobraba un pouco era a súa persoa. Era un talento cunha persoa pegada e a persoa, por iso de ser persoa, sufría.

I comentoume onte na cociña que atopaba un paralelismo entre o Truman do Show de Truman e o Rei do Pop: podemos rastrexar toda a súa vida en imaxes e audios, posta a disposición das jaurías esfameadas que conforman un público: dende o seu primeiro ABC ata a súa entrada triunfal no coma sobre unhas angarelas o pasado 25 de xuño.

Persoas moi achegadas a min eran fans deste señor. Tamén eu o fun. Fun fan.

Ou semi.

Neste blog, por exemplo, aparece citado moitas máis veces do que eu esperaba. Non só pola súa música -extraordinaria e moitos máis adxectivos que non se me ocorren-, senón por  iso que fixo consigo mesmo. Ser un exacerbado caso de mutación racial voluntaria. A súa marabillosa voz de castrato. O seu corpo a dislocarse. O mesianismo. As síndromes. A súa sexualidade naïf, todo ese barroquismo sentimentaloide da súa figura. A real estirpe de monstros con corazón dos últimos séculos desembocou nel: dende a Criatura de Frankenstein ata Eduardo Manstesouras pasando polo Xigante Egoísta de Wilde, Dumbo, Pinocho ou o Ieti. É, como xa se ten dito ata a saciedade, unha icona. É dicir, que de humano xa lle restaba pouco.

Non son un animal! Son un home!- reivindicaba o Sarxento Negro da peli. Non me chamedes Wacko Jacko! Non estou tolo! Son un ser humano!- pregou Michael.

Por riba de todo, bailarín e músico. Pero iso parece esquecelo quen porta a música como un agasallo divino.

Que levante algún dos seus tentáculos quen non se conmova con isto. Ou con isto.

E que chore agora medio mundo por el como debería chorar por outros. Eu estou a lamentarme por MiJac todo o que non me lamentei por ti.

040508_ConnieImboden

by Connie Imboden

Dende a revista dixital Sono-Tone pedíronme unha lista. Os 10 temas da miña vida.

Un pedimento tal que leva a crer que a vida de unha pode ser tan relevante e cinematográfica como para dispór de banda sonora.

Obediente de min, pensei durante varios días os 10 temas, tachei varios, considerei outros. Finalmente parín 10 entre os cales foron inseridos moitos máis. Sibilina que é unha cando se cre sibilina. Pero non foi ata días despois que reparei na falta dalgúns temas, temas do cerebro reptiliano poderiamos dicir, temas que burbullan tan profundos que a bote pronto non agroman, tardan máis, veñen de máis lonxe, de onde a médula espinal se cruza coa órbita de Sedna e cun crocodilo que pasaba por alí.

Lista de temas dun cerebro reptiliano: Read the rest of this entry »

Mary Pickford

Mary Pickford

Hai dúas teorías/conspiranoias contra as que unha vez crin ter argumentos.

Conspiranoia 1: iso de que o home pisou a lúa é unha montaxe. De Kubrik, probablemente.

Contraargumentación: os rusos foron os xenuínos frikis do espazo. A mellor literatura de ciencia-fición cósmica procede de Rusia [ou arredores soviéticos]. Os rusos honran ao espazo cun día da cosmonáutica. 12 de abril. Hoxe que escribo isto. Erixen edificios de cemento ondulado chamados Hotel Kosmos en Moscú. Por exemplo. Os grandes enxeñeiros rusos, Tsiokovski, Korolev. Os rusos quixeron chegar ás estrelas primeiro. Experimentar coa ingravidez primeiro. Poñerse en órbita primeiro. Ignoro por que. Por fuxir desta Terra? Por refundala? Por amedrentar ao bloque capitalista? Por frío? Ignoramos por que. Pero sei que foron eles.

Se a chegada do home á lúa tivese sido unha montaxe estadounidense, o fino olfato ruso descubriríao enseguida. Os americanos tiveron que ter chegado á lúa e deixar alí a súas pegadas porque os rusos non dixeron nada. Non pasou nada. Asumiron a súa derrota. Nunha superficie sen ventos, as pegadas de Armstrong durarán se cadra miles de anos. Hai males que duran máis de cen anos. Hainos.

Para os rusos, hainos.

by Josh Keyes

by Josh Keyes

Teoría 2: Pódese viaxar no tempo. En concreto, estamos a piques de. Un par de axustes nuns parafusos e nunhas integrais e… voilà!

Contraargumentación ou argumento desconsoladamente escéptico: se iso fose posible, sen dúbida os nosos visitadores do futuro [Benders, Leelas e demais] terían a delicadeza de achegárense a esta nosa época de trangalladas espazo-temporais e contárnolo, dicirnos que si, que é posible, que cultivemos paciencia e perseverancia, que non claudiquemos, que o determinismo causal e o paradoxo do avó non eran máis que erratas e malversacións, que o segredo das viaxes no tempo non é máis que… Pero non o fan. Pasan os anos, as teorías, as conspiranoias, as ciencias-ficcións… e non o fan.

Non o fan.

Non veñen.

Ergo, se non veñen é porque non poden. Porque non saben.

As viaxes no tempo son imposibles.

Ou iso, ou os nosos descendentes son imbéciles.

Naturalmente, non sei cal dos dous axiomas prefiro.

BSO ou por que non escoitan isto?: Laika, Mecano. O outro día pola radio escoitei a Ariel Roth poñer verdes aos Mecano. Eran presuntuosos? Eran horteras? Eran sensibloides? Eran pedantes? Eran simbolistas? Non sei. A min incrustáronseme no código xenético, como todo o que sentes con 13 anos. E unha cousa é certa: grazas a eles, aprendín detalles importantes da vida como que o capitán Scott morreu nunha malograda expedición á Antártida, a composición do aire, que a primera cosmonauta era rusa, ladraba e atendía por Laika [can de neves en ruso, por outra parte] ou o significado exacto da palabra anacoreta, que rimaba con teta.

E melodías… aínda as curraban. Mentres os meus futuros amigos masculinos escoitaban Radio Futura [eu amei a Radio Futura moito despois, xunto con Siniestro Total] eu pertencía a esa clase media que cun chicle memorizaba sen querer parágrafos e parágrafos de letras de Mecano mentres falaba de tampóns, apuntamentos de Arte e brillos de beizos con amigas.

ceccoli11

Nicoletta Ceccoli

Teño unha amiga que xoga ao póquer; un amigo que coordina unha ONG; outro que traballou de boy;  outra que cambiou a vida urbana pola rural nunha casa con framboesas dende a que se ve Monçao; teño un amigo topógrafo que me leva a ver a neve e pensa silabicamente en haikus; teño un irmán que le sempre o axeitado; teño un amigo que viaxou a Xapón; teño un amigo cun pseudónimo; coñezo a un suicida; coñezo a dous; teño dous amigos pintores; teño un ex-compañeiro de facultade croupier; teño unha amiga produtora de teatro en Madrid; teño unha nai que se parecía a Romy Schneider, pero en forte; teño unha amiga que fuma Van Holden; teño unha amiga que nestes intres pode que estea na India ou en Italia; teño unha amiga cun can; teño unha amiga con dous gatos; teño unha amiga namorada.

Algúns deles pode ata que coincidan na mesma persoa.

Envéxoos a case todos. Por iso amoréoos a todos aquí, con fruición de coleccionista, para contemplalos dende este 0100011110110 mentres unha luz cae cientificamente sobre a miña condición mortal de non-figura literaria.

As listas de cousas que unha non fará xamais adquiren o estatuto da saudade. Son como cartas sen enviar atopadas na faltriqueira dun morto ou cartaces de festa nunha cidade bombardeada. Son o que puidemos ser e non fomos, son álvaros de campos concentrados, son xenios encerrados na intimidade das botellas.

Unha vez dentro dese espazo filosófico as potencialidades do ser son plenas e así o que nunca aconteceu, ese imperceptible desvío do devir, tórnase explosivo. Un grande suceso. Sabemos que iso non tería por que ter sido así, pero préstanos pensalo. Non é? Todo tería sido mellor se…

Supoño que todo tería sido moito mellor se eu tivese reunido as forzas necesarias para publicar libros coma estes que enumero e non os que publiquei. É un pensamento sucio, vitimista, e por unha vez non me importa. A porta que abren é precisa para eu respirar porque todo eu necesita, alomenos, a posibilidade de ter sido.

Sempre que me asaltan pensamentos así penso en G. A el secuestráronlle mesmo esa posibilidade de ter sido. Mesturánona nun cóctel químico, nun vaso de precipitado. E dende entón, todo nel é precipitación e baleiro.

Volvamos ás listas de cousas.

1.- Deste lado do telescopio: non sei moi ben por que, pero este tería sido un libro inesquecible. Lástima. Non debo escribilo xamais.

2.- Halo: un efecto interesante que acompaña a nosa percepción do mundo e das persoas. Pero hai trampa. Unha parte de Zoommm chámase así. E  tamén un poema vello. Chamarei Halo a un libro hipnótico e errante, un deses que flota con elegancia, para non ser escrito xamais. Tan só descrito

3.- Un glaciar á deriva: iso é puramente escribir. Escribir ben. A retranca xusta esixe semellantes distancias

4.- Distancia: unha novela sobre as ganas de non dicir

5.- Arrasamento: supoño que este sería un libro definitivo sobre algo. Talvez un último/derradeiro libro de poesía antes de dedicarme por sempre xamais ao efémero, a cantar, a deambular, a peitear nenos, a medirme o escote…

6.- Criatura e telescopio: aleatoriamente, este sería un libro de textos moi curtiños. 

7.- Eco: unha palabra evocadora, a ninfa que namora de Narciso e vive condenada a repetir o que outros din. Coido que é unha figura fatalmente literaria porque a literatura, ao igual que toda arte ou similar, funciona como unha superposición de estruturas en eco. De aí que Cervantes, Borges ou Auster sexan considerados [gústennos ou non] quintaesencias literarias: porque o material das súas invencións foi extraído directamente das entrañas e dos magmas da literatura. Acontece o mesmo co cine ou a pintura. Esa autofaxia, tamén chamada intertextualidade nos círculos dantescos da cultura oficial, ten un alto valor a día de hoxe porque utiliza como referenzas referentes previos e, polo tanto, satisfai o noso mono platónico de reminiscencia.

Starwatcher, de Moebius

8.- María Río: un alter ego. A verdade, durante un tempo pensei buscarme un pseudónimo chorras, tipo Anónima. As únicas veces que asinei con pseudónimos na miña vida, en revistas de universidade e así, empreguei Galadriel [antes da peli, claro] e Mitilene [agás en internet, onde uso a criatura mecánica, opia ou a criatura]. E tamén María Río. Como alter ego non está mal. Coido que é unha persoa moito máis riquiña ca min, con ese nome de galleta. Se o meu nome peca de filosófico e aristocrático, María Río funciona como unha especie de nena postiza, un ser crisálida, entre proletario, anónimo e 1/6.600.000

9.- Textura: talvez un libro de pequenos contos, textos, texturas. Algo se cadra difícil de clasificar nas bibliotecas.

10.- Z: tiña un libro de poemas así que non sei onde puxen

11.- O xenio encerrado na botella: un libro de artigos ou microensaios.

12.- Case quasar: unha achádega eufónica que me lembra ao titulo inicial deste blog, como kosmos

13.- Vodevil: quizais porque o factum de escribir arranca dunha vileza. Quero perdurar por riba dos demais. Ou, como mínimo, por riba de min mesmo, do meu deseño mortal. A cultura de consumo e o espectáculo de variedades ofrecen metáforas moi axeitadas e actuais a esa vella necesidade [necidade?] humana.

14.- Intimidación: a grandeza dun libro nunca escrito ten, como mínimo, que intimidar. As escritas grandiosas, os grandes parágrafos de Lolita, Neruda, Macbeth, Vallejo, Woolf, chegaron a confundirme. Cando lía Residencia en la tierra doíame a cabeza. Esa sensualidade nos adxectivos, todo ese contoneo verbal e a imaxinería vertixinosa xamais antes imaxinada lograron intimidarme ata tal punto que houben lelo na habitación sentada contra a porta para que ninguén abrise. En todo semellante ao onanismo, a un onanismo de descuberta. Despois de ler textos así, unha traga saliva a grandes grolos, luminosos, coma quen bebese uranio. Hai un rachón no tecido espazo-tempo. Comprendemos algo, un algo fugaz que é algo. E sentímonos amenazados. Si, amenazados de beleza. Intimidados pois, aló na noite do noso cranio, houbemos imaxinar barbaridades léxicas semellantes, tiñamos os elementos, as sensacións, faltounos a gramática. Chegaron eles, Clarices, Jaeggys, Cortázares, Vallejos, Szymborskas, Tizóns, Rivas, Coetzees… e fixeróno. Cun boli, pluma ou qwerty. Escribírono. Esa connivencia, esa clandestina electricidade de un a outro, ese arco voltaico entre un cranio que escribe e un cranio que le dentro dunha cama cunha bombilla de 60… iso intimida. É fantasmal. Arrepiante. En certo sentido, monstruoso e tan apetecible.

15.- [...]: por suposto, Puntos suspensivos é un dos nomes que barallei sempre para calquera cousa. Un blog que xa levo, por exemplo. Mesmo o propio signo, sen máis, aínda que soe a capricho estilo Prince. Supoño que todo libro fabrícase dos silenzos doutros libros e, se é verdade que non existe o libro definitivo, calquera grande obra [e tamén aquelas menores] consiste nunha fina liña de puntos en suspensión ata a seguinte

Datos de interese: en Marte resulta que amencen con rosada. Sen dúbida, haberá poetas marcianos que escriban textos chamados Orballo en Utopia Planetia ou O resío que non nos deixou arrancar. Determinar se iso é unha boa ou unha mala nova para o resto do sistema solar, deixo que o decidan vostedes.

Actualización día 13: leo hoxe completa a famosa entrevista a Steiner no País. Resulta que o libro que vén de publicar chámase Os libros que nunca escribín. E a súa autobiografía Errata. Maldición. Antes non tiña motivos para odialo. Agora, si. Fareino como unha profesional.

imaxe: Cherry Tree. By NoDate

Xuño e novembro.

Son os meses que prefiro.

É pola inminencia. Inminencia significa ameaza. Xuño e novembro ameazan con fluídos veráns en barcas bamboleantes, con follas tenras que podes arrincar coas mans e con invernos rusos, nos que hibernar escribindo baixo unha manta de calceta.

A inminencia é unha cousa inexplicable, como a hipóstase divina das substancias e a teoría de supercordas: ti dis que si coa cabeza, pensando fugazmente en Termalgin. A inminencia é unha sospeita, a corazonada de que algo non pode ser doutra maneira. A inminencia é saúdabel para o corazón. Como toda ameaza, boa ou mala, bombea cun vigor hormonal esa fina espera que sempre incomoda, que sempre se metaforiza con obxectos como cordas de aceiro, espadas de Damocles ou estiletes chinos de corte elegante.

A espera. Outra vez.

Acabo de pensar mentres fregaba unha tixola con restos de salmón -iso, enxabronarme o corpo na ducha e conducir pola autoestrada son os momentos máis zen e fecundos que podo acadar nun día-, acabo de pensar no que me gustan as cousas que me lembran que existen as estacións.

Vivo con alguén que vén dun país onde non existen as estacións. Consternoume iso.

Descoñecer o significado real da palabra inminencia. Solsticio. Equinoccio. Limpeza de primavera. Alerxia. As catro estacións de Vivaldi. Ser un home otoñado, como lle escoitei definirse unha vez a alguén. Hibernar. Froita en sazón. Serodia. Veranear. Astenia primaveral.

Descoñecer a inminencia, o cheiro do primeiro sol calcinando as cereixas, o primero baño do ano, que sempre nos tarda, os primeiros descapotables que todo fardón atesoura nun lóbrego garaxe coma un falcón nunha gaiola, á espera destes días… descoñecer as mudanzas de temperamento, as mudanzas hormonais, as variacións nas taxas de suicidios, enlaces ou rupturas matrimoniais segundo a estación do ano…

Cando unha estación despunta hai unha axitación tensa e moitos temas de conversa para panaderías e ascensores.

O outro día, sen ir máis lonxe, apareceu o verán.

natalieshaw.jpg

imaxe: Natalie Shau

O lugar permanece átono. Ti sentas cuns auriculares. O teu corazón latexa como foi aprendido a facer. O sangue, que sería dun cobizado ton escarlata se poidésemos velo a través da pel, segue un traqueteo preciso, sen sobresaltos. Os pulmóns inflan e desinflan como pequenos flotadores azuis. Son a sede da tristeza na medicina tradicional chinesa. O bazo, bacea. O fígado, atúrao todo. O estómago dixire restos do almorzo. Con alegría.

Todo semella normal en ti.

De súpeto a túa espiña dorsal cobreguea atravesada polo alampo. O fino pelo oculto nos brazos, nas íngoas, na caluga… ouriza. A pel dilátase como un campo de xirasois. As pupilas crecen, alimentadas de nervios. Ningunha víscera segue o compás de hai uns minutos. De aquí en diante seremos unha especie de cousa abandonada na auga. As nosas entrañas tratan de reacomodarse como poden. E a sensación morre.

Son calafríos musicais. Todo compositor, mediocre, ambulante, xenial, cortesán, megaestrela, funcionario, boapersoa, xenioinmundo ou ratadecloaca, todo aquel que trebella cos filamentos da música no seu laboratorio, trata de sabotear a conexión para que dea calambre no futuro público. Unha peza musical pode ser máis ou menos anódina porén, se tiver unha pisca de xenio, agochará por algures segundos sublimes. Poden ser ata minutos. Outras veces, nanosegundos. Os trucos para logralos poden ir dende simples cambios de volume ata complexas variacións no ritmo, sorpresas musicais, harmonías inesperadas ou instrumentos que, de socato, quedan sós, abandonados no bosque e entoan melodías crúas, puro óso, que nos parten a vida entre o que foi antes de escoitalas e despois.

Todos saben do que falo.

Todos somos presa desa sensación, buscámola na asepsia do iPod cando levámolo a todo volume namentres eliximos as verduras no mercado. Sentadas no bus, fronte a ama de casa con varices. No tren, entregando o noso billete con indolencia. No coche, a 150 un día gris. Somos a carnaza do calafrío musical. Do estremecemento.

La mer, Debussy, De l’aube à midi sur la mer: segundos finais. Dende o 7′ 30” nesta maestática versión. Ourizado de pelo con timbais

Angelene, PJ Harvey: toda ela, sobre todo o ritornello constante do piano. É unha das cancións favoritas desta época da miña vida [como noutrora foron temas de Madonna, Tracy Chapman ou Capercaillie]. Melancolía power

The box 1, Orbital: primeiros 3 minutos. Canto paseei eu polo mundo con este tema nas orellas

Nimrod, Variacións Enigma IX, Edward Elgar. Con este tema coñecín o botón repeat dos reproductores de CD. Supoño que nalquela altura eu agardaba algo. Construía unha torre…

Rock Music, Pixies: adrenalina porque si

Vem, Madredeus: arpexio de guitarra dos primeiros segundos que se repite ao longo do tema

La cathedrale engloutie, Debussy: exactamente do 2′24” ao 4′40” nesta versión de Michelangeli. Chea de graves mergullados, submariños, pegados como anémonas nun campanario

Pyramid Song, Radiohead: ambientación sonora de fondo. O piano, a voz do tipo, a percusión. A partir do minuto 2′ está o momento sublime

All along the watchtower, Jimi Hendrix roubándolle o temazo a Bob Dylan: 2′ ata 2′58”

Requiem, Mozart: primeiros segundos de Lacrimosa, dende o 14” ata o 58”.

Main Titles, Blade Runner BSO: dende 1′10”. Podo dicir tantos tópicos de todo isto…

Chant d’amour 2, Messiaen,Turangalîla : minuto 1′55” a 3′52” por se a alguén lle interesa [a min] do título desta sinfonía provén o nome de Leela, a cíclopa de Futurama

Paranoid Android, Radiohead: sobra falar da xenialidade desta xentiña. Aquí van dúas cancións nunha, ou a min parécemo. A balada final é soberbia, pero que me din deste intermezzo do 2′09” ao 3′04”

Killing in the name, Rage Against the Machine: foi mítica, que queren. Especialmente gustábame dende o 50” ata o 2′

Comfortably Numb, Pink Floyd, The Wall: cando di When I was a child I had a fever [1'24''] e o I have become comfortably numb [1'54'']. E o little pin prick exactamente no minuto 2′ 52”. Está logradísima a atmosfera narcótica e de indolencia neste tema. Unha déixase caer…

2ª Sinfonía de Mahler, Resurrection, [cantei iso no 2005 coa OSG. Pfff. Impresionante. Tiñamos que subir dende un pianisísisimo, como zombies emerxendo da terra e, nun crescendo paulatino coa mezzosoprano, rematar levitando tipo anxos por notas etéreas, o la sostido, o si natural. Cantar iso dentro dunha orquestra é unha das sensacións máis taladradoras que existen. Auferstehn, ja, auferstehn wirst du mein Herz in einem Nu. Rexurdirás, si, rexurdirás, corazón meu, nun breve instante. Non puiden rematar de cantar do subidón. A partir do minuto 2:30 desta versión de Abbado]

Rape me, Nirvana: 28” ata 1′02”

I cover the waterfront, Billie Holiday: en realidade gústame o raspado da voz dela. Vai ben co abatemento

Me pas dans la neige, Keren Ann. Non chega a sublime. Limítase a ser charmante.

Signore Ascolta, Puccini, Turandot: os pianisisisismos da Caballé pinzados por unha harpa de fondo: do 2′12” ata final

Cheek to cheek, Louis Armstrong& Ella Fitzgerald

Invisible Sun, Police: un dos meus principios preferidos de tema. Ata o segundo 40”

Jardin Féerique, Ravel, Ma mère l’oye: primeiros 58”. As imaxes deste link parécenme un horror

Im Abendrot, Strauss, Vier Letzte Lieder: maxestuoso fin existencial. 5′25” ata final

Vuelta de paseo, Enrique Morente& Lagartija Nick: non agardabamos isto no minuto 1′55”

Thriller, Michael Jackson: a voz de Vincent Price un golpe de efecto inesquecíbel no minuto 2′52”

Round the bend, Beck: ambientación sonora

A Day in the life, The Beatles: ese subidón orquestral ata o ultrason. Dende o minuto 3′58”

Lullaby, The Cure: a partir do segundo 20”

The court of the crimson king, King Crimson: dende 58” a 1′25”. Pero hai unha frautiña por baixo nas estrofas que moito me gusta, pastoril ela.

En fin, ata aquí por hoxe. Que cunda.

Engadido do 8 de marzo: alguén suxeríume algúns minutos da Suite do Paxaro de Lume, de Stravinsky, sen dúbida unha das obras máis celestiais e infernais do século XX [aínda que lle gaña en demoníaca a Consagración da Primavera]. Déixovos con esta versión na que o propio Stravinksy, sen batuta e con certa usura emocional, dirixe a parte final desta obra elexíaca, sincopada, eterna.

Línkovos tamén outra versión que eu prefiro, con esa trompa de caza que parece chamar aos deuses e toda esa lenta metalurxia final. Lembro que Bruno dicía que non aturaba unha versión desta obra na que o tempo fose un miligramo de segundo máis acelerado. Supoño que rompe un pouco o clímax do costume.

Verdadeiramente, son raros os homes que lograron non seren escravos da época que lles tocou vivir. E non digamos as mulleres.

Algunha vez seremos examinados por alguén como bacterias no cristal dun microscopio. Ás veces, cando me ducho, cando remoloneo na cama, viaxo a 140 pola autoestrada ou asisto como oínte a unha charla de oblicuo interese, matino nas cousas que dirán de nós no futuro. Os do futuro. Eses idiotas sobreestimados.

O seu que dirán, naturalmente, impórtame unha figa. É máis ben o noso isto non pode mudar o que me fai gracia. Os nosos netos… ollarán con candor as nosas fotos como obxectos infantís? Nós mesmos miramos con paternalismo aos nosos avós, esforzados por parecer rectos e solemnes en fotos artificiosas nas que pousaban con roupa emprestada e beizos coloreados…

Que dirán de nós? Dirán algo? Talvez, por exemplo…?

Dior mío, aínda dicían cousas como dios mío. E eu. E conferencia. E dereitos de autor

Dior mío, aínda queimaban petróleo

Dior mío, comían vacas

Dior mío, non coñecían o groc, a mimia, o netarismo

Que animais, drogando ata a castración aos que diagnosticaban de enfermos mentais

Non sabían nin pisca do cerebro

Que patéticos, con conexión por cablemódem

Que indefensos, dependendo das baterías

Que crédulos, partillando a lúa en leiras

Viches? Mesmo confiaban na democracia coma no mellor dos mundos posíbeis

Fíxate se serían supersticiosos: crían nas ciencias exactas!

Dior mío, como serían quen de vivir nesas casas?

Dior mío, como poderían aturar ese cheiro a colonia, a desodorante, a perfume? A alcohol?

Que riquiños, tomaban café

Que repugnantes, tomaban café

Estaban obsesionados ad absurdum con ser significativos! Todo tiña por forza que significar algo: os seus nomes propios, as formas das nubes, o comportamento da materia atómica

A xente morría dun simple cancro

Aínda crían no progreso e chamaban a outros primitivos

Como podían comer iso! E iso!

Pero se pensaban que a novela era o summum da cultura escrita

A sinestesia para eles non era máis ca unha patoloxía

Que cantidade de fotos, vídeos, rexistros de todo tipo estaban empeñados en tomar

A xustiza era humana!

Aínda non sabían todo iso das árbores

Aínda non sabían todo iso da antimateria

Aínda non se descubrira a biomoloxía

Os seus debuxos animados eran así!

Consideraban que o ser humano estaba destinado a vivir… 400 anos!

Cociñaban os cogomelos!

As súas guerras! Jajajaja!

As súas películas… quen as entende? Son leeeeentas e a definición, baixísima

Non sospeitaban que nós diríamos isto deles

Non sospeitaban que nós non diríamos nada deles

A iso chamábanlle sinxelamente sorte

A aquilo chamábanlle, complicadamente, destino

Os seus vídeoxogos… pfff. Para os museos

Practicaban o sexo así!

Practicaban o sexo!

Non practicaban o sexo, pero crían que si!

A interfecta que escribíu isto era eu

A clase política cobraba!

Traballaban por lei 40 horas á semana e na realidade moito máis!

Iso e iso e tamén iso era todo ilegal

En troques, ……mmmm…… estaba legalizado e a xente consumíao sen problemas en lugares públicos e perante os fillos!

Como podían…?

Eran parvos

Eran espilidos

Eran demasiados

as dúas imaxes son de M. C. Escher 

we_are_so_fragile_by_blueblack.jpg

 Natalie Shau, We are so fragile

Gústame máis a voz de Ella Fitzgerald que a de Billie Holiday.

[oh, amantes do jazz-en-pack, chasqueade a lingua e dicide levemente que non coa cabeza reprobatoria]

Gústame máis a vida privada de Billie Holiday que a vida privada de Ella Fitzgerald

Gústame máis quedarme atrás que chegar primeiro

Gústame máis publicar aquí que en edición impresa

Isto ten algo de sexo inesperado. O outro é máis un sexo consentido e aprazado, no que cómpren demasiadas relacións públicas das que carezo por completo.

Gústame máis a biomecánica que a mecánica de coches

Gústame máis o aire frío de non ir deixarnos nunca que teñen as estrelas que o aire cálido de non ir deixarnos nunca que teñen as multinacionais

Gústame máis Coppola que Scorsese

Gústame máis Orson Welles

Gústame máis China que Xapón

Gústame máis Xapón que China

Gústame máis a limonada que a laranxada

Gústame máis Puccini que Verdi. Por peliculeiro

Gústame máis PJ Harvey que Björk

Gústame máis o uz que as camelias

Gústanme máis as mulleres que os homes

Gústame máis a dor allea que a propia

Gústame máis Clarice Lispector

Gústanme máis as olleiras que a tez lisa

Gústanme máis as latas con fotos que os álbumes de fotos

Gústame máis non citar

Gústanme máis os arrogantes antipáticos que os simpáticos solícitos

Gústame máis o termómetro de mercurio

Gústame máis Chaplin que Spielberg

Gústame máis a xente que non se vende moi barata

Gústame máis o hentai que o porno

Gústame máis este universo que aquel universo

Gústame máis o adamantium que a seda

Gústanme máis os zapatiños de rubí que as botas sadomaso

Gústame máis a sensacion de vértigo que a sensación de terror

Read the rest of this entry »

1.- Confeccionar unha lista de cousas ridículas. E lela

2.- Alguén moi corpulento paseando un chihuahua

3.- O arroz para microondas. As tortillas envasadas ao baleiro

4.- Todo o que leva escrito VIP

5.- A modalidade de marcha deportiva

6.- Bush falando con xornalistas. Bush falando co seu urólogo. Bush falando

7.- As maquinillas barbeadoras de naris

8.- Un pavo asado. Un pavo correndo sen cabeza. Chopped de pavo

9.- Os tipos da ORA

10.- Ese aceno, de repente universal, para dicir “entre aspas

11.- Os alieníxenas das películas -salvo Alien, abofé-

12.- Alguén situado ante unha suposta obra de arte intenta expresar qué remota cousa lle suxire

13.- Esforzarse por non ser ridículo. Isto último entra, ademais, no reino do patético

14.- Os autocompracentes. Parécense enormemente a pavos asados. Ver ítem número 8 desta mesma lista

15.- Argumentos para xustificar autocompracencia

16.- Os que non saben que facer cos cartos

17.- Os que non saben ridiculizarse dignamente

18.- O prezo na sola dun zapato. Canto máis caro é o zapato, máis ridícula é a pisada

19.- Interpretacións estándar de Hollywood, por exemplo: o soldado que berra disparando raxadas de metralleta; o tipo que berra onda a amada morta, levantando peludas axilas ao estilo Brando [sen o appeal de Brando]; poñer morros [mulleres que non levan dose suficiente de silicona nin de seguridade]; que leamos nos beizos que din “guau”, “wow”, etc…

20.- Bailar sen ganas

21.- Os diálogos dunha peli porno

[...]

Como todas, esta é unha lista aberta.

Memoria para enxertos futuros: cómo elaborar licor de guindas salvaxes galego-portuguesas caseiro: guindas, salvaxismo, conxuro da queimada, augardente, zucre, canela, botella de cristal, paciencia.

Obxecto fetiche de hoxe: os debuxos de María Pascual. Gardo mesmo unha Biblia ilustrada por ela. Difícil atopar debuxos seus na rede.

Que é o título deste blog.

Esa onomatopeia.

Recollo a testemuña-mmmmeme que mariademallou me tende, amabelmente e en combustión:

5 temas musicais para foder. ejem. Alehop.

ERDF -ese rollo de novelo e fotonovela que se fala máis a través da linguaxe non verbal que da verbal- pode adquirir dimensións épicas ou patéticas segundo a banda sonora que o acompañe. Besbellinha apunta, como corolario da súa selección, que ás veces a música desacompasa. En efecto. A música non sempre está para acrecentar, lubrificar, estremecer, abrir, soliviantar, sulibellar, salivar, transpirar, dilatar, sobrecoller…

A música ás veces está para foder. Ela mesmamente.

Imaxinen: vostedes cos ollos revirados, as respiracións harmonizadas. De súpeto arranca, sen complexos, Macarena ou Unha vella no tempo dos mouros, nun patio, nunha radio, nunha romería ao lonxe. A música axuda? Depende de cal. Está claro que certas músicas forzadas poden pinchar a situación coma quen pincha un globo moi grande e moi vermello.

Pascal Quignard é un francés. Pascal Quignard publica un ensaio titulado O odio á música. “Sucede que as orellas non teñen pálpebras”, é o título dun dos capítulos. Quignard reflexiona acerca da nosa condición necesariamente acústica, acústica ata a tiranía: fíos musicais nos avións, nos ascensores, nos centros comerciais, nos cuartos de hotel…nas nosas cremacións? Oír é obedecer. Etimoloxicamente. Así os cantantes, os dj’s, os directores de orquestra, os compositores… xogan o papel do dominator fronte ao servus que non ten máis remedio que obaudire, aplaudire as súas veleidades, caprichos, divismos…

Para a miña particular meme de 5 temas para foder, como a dominatrix ou a diva ávida, [achtung: palíndromo recén creado] escolmo:

1.- Como non? Como non? PJ Harvey. My beautiful Leah, aínda que seica soe demasiado experimental, ten ese osíxeno turbio co que adoitan comezar as relacións, esa liña de penumbra, cabelos, torpezas, mordiscos, corchetes de suxeitador, cordóns desamalloando/amalloando no aire…

Valeríanme igual It’s you, Legs, Hair [versión do mito de Sansón], The River, Sheela Na Gig, Extasy, Is this desire?…

2.- Venus in furs, da Velvet. Ten o fío pegañento, arañeiro i envolvente do sitar.

3.- A música árabe [tamén algúns palos da súa curmá flamenca ] destila certa luxuria de gravado das mil e unha noites. Durante algún tempo fun adicta a Natacha Atlas, unha belga-exipcia que lle dá moi ben ao cu. Ashwa, un tema para introducirnos…no sexo anal? Ashwa quere dicir, ejem, cabalo. Ignoro de que vai a canción.

4.- O francés é o idioma dos pratos de alta cociña e das obscenidades de baixo instinto. Tiña que haber unha peza francesa. Como o orgasmo de Jane Birkin a dúo con Serge Gainsbourg en Je t’aime…moi non plus seguro que xa o mencionou alguén, elixo Sexy Boy, de Air. Un tema algo máis fashion, superficial i evaescente. Como moitos encontros sexuais.

5.- Dubido entre Concha Buika, Janis Joplin, Billie Holiday, Nina Simone… Ao final lío a manta á cabeza i elixo un tema techno suave en plan afterglow. The girl with the sun in her head, de Orbital. O descanso dos cyborgs.

Quedáronme moitas en despensa: The Doors, Morphine, Prince… Si querería mencionar, por el, ao Doutor Amor, Barry White, e ás súas delicadas composicións para “Exterior. Noite. Primavera. Monte Xalo.”

Do que lin noutras propostas, ninguén atreveuse coa música clásica ou coa ópera. Eu confeso unha debilidade por Vivaldi e por Debussy. Pero a ver quen lle segue o ritmo a un solo de violín do primeiro.

Unha aria para procrear con moita axilidade e coloratura é Una voce poco fa, de Rossini…

E agora, 5 temas para foder aos veciños? Eu coido que o que máis fodería aos veciños sería que a música non lograse camuflar ben…

Outras variantes de feliche considerazione: 5 sons para foder [tipo máquina de coser, pinga de billa mal pechada, motor de Boeing 747...] 5 temas para foder a votantes do PP. 5 temas para foder en Australia. 5 temas para foder en Zimbabwe. 5 temas para foder en silenzo. 5 temas para foder en órbita. 5 temas para foderse.

Datos de interese:

+ Estou soa. Y grego dorme. Boto calidamente de menos a I latino.

+ Duquela. A fatiga do cantante. Un concepto flamenco, conmovedor, que aparece en Te camelo, versión de Buika

+ Queren plantar un xirasol e albiscar o nirvana contemplándoo medrar? A xentil Viti, despois dunha das súas opíparas e omnívoras ceas, ofreceunos este pequeno agasallo. Véndoo dan ganas de plantalo axiña, comer dun anaquiño de fungo, diminuír como Alicia e botar unha sestiña á súa sombra

+ Y grego acaba de espertar. A ver, 5 cancións para durmir a un neno, rápido. Iso tráeme á memoria as 5 Cancións Negras de Montsalvatge, que cantei cando estudiaba sopranismo, i entre as que se atopa a Canción de cuna para dormir a un negrito: Ya no eres esclavo, mmmm, y si duermes mucho…

+ ou -

+ Que será de nós?

+ Por favor, anónimos, non sexades unánimes

 


…había algo alí que non casaba.

Razóns:

1.- Porque a criatura que isto escribe, malia ser asidua de blogs erótico-sado-pornófilos e confirmar o que di Ivaginaria no seu: “sólo el sexo vende”, non se caracteriza por tratar o tema. Ás veces cánsalle un pouco o tema. Ás veces aburre tanto erotismo. Segundo qué tipo de erotismo. Pero hainos rancios e pretenciosos. Abúrrenlle. Quítanlle perturbación ao sexo. E o sexo, como a escrita, merecen ser perturbadores.

[hai un gracioso entre nós, verdade? Alguén que mudou o "per" da palabra perturbación por "mas". Xa. Bueno, que consulte co farmacéutico. Ou coa boticaria]

2.- En segundo lugar, algo non casa porque… que lle facía el a quen? Aí hai un paradoxo. Unha drag queen, unha ósmose descoñecida ou un paradoxo.

Non se debanden e moito menos se rebanden [achtung, cota de xogos de palabras alcanzada por hoxe] os seus cálidos, xelatinosos e grises miolos.

Non sufran.

Non se exciten.

Nada máis é un título. Un título inofensivo que só quería captar a súa atención.

De vostedes, a fuxidía e virxinal atención.

Decepcionados? Azoutados polo morbo? Xa non están aquí e saltaron directamente a pornotube? Ah, infelice!

Sempre en pos doutro pos doutro pos. Infelice.

Pois ben, agora que quedamos aquí só os verdadeiramente interesados neste bloj, confesarei unha cousiña: mentres el mamáballe a polla a ela, o mundo era unha pura mutación. Un puro paradoxo. A idea de que só existen dous sexos saltaba polos aires mentres el lle mamaba a polla a ela. A chegada do robot ou do cyborg como ser intelixente e potencialmente sexual, reforzaba a chave tecnolóxica mentres el lle mamaba a polla a ela. I esas obvias mutacións que facían saltar polos aires o estatuto presumíbelmente natural do ser humano [que alivio], convivían con outros paradoxos mentres el lle mamaba a polla a ela. Outros paradoxos. Paradoxos que tragamos coa espontaneidade do seme. Que, se os pensamos moi por riba, nin sequera resultan paradóxicos.
Paradoxos como

paradoxo número 1.- O mundo está governado por deficientes mentais e, sen embargo, se move.

paradoxo número 2.- Os produtores de carburantes, automóviles, gas natural e outros derivados de antigos vexetais prehistóricos fan publicidade estilo medioambiental, con folliñas de bosque, bolboretas e amor polas cataratas

paradoxo número 3.- Para vivir nunha casa é preciso tirar unha casa pola fiestra. Ao final, un acaba morando nunha fiestra suspendida a certa altura

paradoxo número 4.- A tolemia non existe na medicina tradicional chinesa

paradoxo número 5.- Vivimos no hemisferios Norte ou no Sur mais, por analoxías cerebrais evidentes, o miolo do asunto é saber se no dereito ou no esquerdo

paradoxo número 6.- Acenden a tele. Unha canle temática calquera, como Canal Cocina por exemplo, ofrece moita máis variedade de programas que todas as demais canles misceláneas, estatais e privadas

paradoxo número 7.- África

paradoxo número 8.- O copyright. As pretensións de ser xenuínos, orixinais e, sobre todo, transgresores. A cacarexada orixinalidade de algo é de moi mal gusto

paradoxo número 9.- Gástanse 17.000 millóns de $ USA en comida para mascotas. 19.000 millóns de $ USA en axuda alimenticia ao 3º mundo

paradoxo número 10.- Dicir cousas como “axuda alimenticia”. Presupoñen que se fai como un favor que debe ser agradecido

paradoxo número 11.- A ciencia-ficción atina máis que as prospeccións pretendidamente académicas

paradoxo número 12.- O osíxeno mata lentamente. Para ser exactos, oxida

paradoxo número 13.- O xeo queima. Esvara e adhire. A auga ten un estraño comportamento. Sospeito que quere aniquilar á especie humana

paradoxo número 14.- Certos tipos de dor non doen e certos tipos de pracer, agotan

paradoxo número 15.- Os debuxos animados son críticos co mundo e os telexornais, autocompracentes co mundo

paradoxo número 16.- O doce máis delicioso é o chocolate amargo

paradoxo número 17.- O desinterese pola política é algo cultivado polos políticos. Distrae. Desvía. É algo así como: agora que xa facemos o que nos peta cos impostos, a xestión internacional, a economía… mirade, un cocho voando! Pan e circo romanos.

paradoxo número 18.- O uso de armas por parte de grupos organizados sen membrete nas cartas e sen cadeira na ONU é terrorismo. O uso de armas por parte de grupos organizados con membrete nas cartas e cadeira na ONU é defensa

paradoxo número 19.- As manifestacións pola paz

paradoxo número 20.- A procura de vida intelixente fóra da Terra sen cerciorarse antes de que exista na propia Terra

paradoxo número 21.- Todo o mundo finxe ter unha opinión

paradoxo número 22.- Que haxa algo en vez de nada

Coma todas, esta é unha lista aberta.

O paradoxo é unha das repulsións da lóxica máis comúns e, quizais, instructivas que existen. De feito, o paradoxo non conduce a unha estrada sen saída. Atopa a saída poñendo en dúbida a propia estrada. Se deixamos de crer en todo, é máis fácil comprender parcialmente.

Por iso el coa polla dela. Porque se o sexo xa non vende, alomenos revende. Porque el i ela son outros. Porque quería falar de algo que non fose o sexo e porque es hielo abrasador, es fuego helado. O paradoxo fai interesantes e insoportábeis aos humanos. Agora só falta distinguir entre os paradoxos inherentes a nós [atraentes, fascinantes, repulsivos e inmutábeis] e os que nos fan tragar [modificábeis a través das medidas sociais, a audacia, o librepensamento, o afán de comprender]. Aclaro que ese “nos fan tragar” non insinúa que exista un complot internacional para todo, cousa que non creo.

Si creo que hai máis paradoxos dos que eu enumerei e que calo, por consideración e cansazo.

À tout à l’heure.

BSO: Escoito Mercedes Benz, de Janis Joplin. Pero o tema paradóxico que teño na cabeza é Je t’aime…Moi non plus, de Serge Gainsbourg con Jane Birkin

Datos de interese:

+ Equinoccio

+ Japanese graphics now, en Taschen

+ Son B+

+ Conto tres cicatrices no corpo

+ Feito ultraparadóxico da miña existencia: canto na cerimonia relixiosa dalgunhas vodas

+ Son as 18:48 h.

+ Hoxe fomos ao mercado. Gústanme os mercados. Máis cós museos. Coñezo o mercado de Caracas o de Cracovia o de Tánger o de Londres o de Lviv… Os mercados existen para lembrarnos que temos certas terminais nerviosas no nariz que serven para algo. Ou serviron. Ou servirán

Hoxe que cortei un dedo e puxen nel unha tirita Cosmos, escribo que:

Os nomes dos productos farmacéuticos seducen.

Ao igual que os das súas avoas e tataravoas, as plantas con poderes curativos ou pseudomáxicos da antigüidade. A velenosa beladona, que as mulleres italianas utilizaban para dilatar as pupilas, sinónimo de beleza, predisposición, excitación; o beleño, que con ese nome xa nos fai levar a man á garganta; a ruda, clásica abortiva [ao igual có inofensivo pirixil que realiza tranquilo a súa fotosíntese na encimeira dunha cociña].

O nome binomial da beladona é atropa belladona. Atropa, derivado de átropos, unha das 3 Parcas [Moiras] que fiaban na súa roca o destino dos humanos: Cloto [de onde vén clothes], Láquesis [de onde non vén nada] e Atropos [a que corta o fío: a que mata. De onde vén a atropina, potente droga paralizadora e activo en plantas como a belladona]. A pouco que rañemos sobre calquera superficie humana sae esa costra mitolóxica coa que nos cicatrizamos a ferida de non saber moi ben de que vai todo isto.

Trasladándonos aos modernos campos silvestres e cunetas de camiño que son as farmacias [pharmakon é droga; en inglés drugstore é farmacia. Vieiros de ida e de volta dun mesmo vocábulo] podemos atopar, por exemplo, unha marca de apósitos Cosmos. Tamén existe unha empresa de cementos Cosmos. Hoxe manquei nun dedo. Peguei unha cosmos, ben apertada, contra el. Non sentín nada importante. O dedo escocía un pouco.

Nas vitrinas e caixóns estilo nicho das farmacias algunha vez avistarán nomes de marcas tan suxestivas como…

polaramine: un antihistamínico. Supoño que a palabra é un palabro que mestura pole e histamínico. No noso mundo alérxico, adivíñoo poboando os petos de moitos abrigos e bolsos. Temos alerxia a nós mesmos de tanto limpar canto nos rodea. Matamos a nosa simbiose natural coas bacterias. Elas non estornudan. Nós si. E poñémonos ronchas.

silvederma: sempre na cociña. Ungüento miraculoso que salva a pel das queimaduras. A base de prata, de aí o nome da marca. A prata, coma nun conto medieval, conxura o lume. Sen embargo unha vez vin na tele a unha muller da cor do cemento fresco: tomaba prata. Sería unha ironía se chamara Silveria. Pensei nela coma nunha placa fotográfica vivinte. Talvez, coas emulsións precisas, se podería imprimir unha paisaxe nela. Un retrato. Un collage. Unha polaroid.

atarax: unha amiga tomaba atarax. Había varias escolas gregas de pensamento que perseguían iso, a ataraxia. Unha especie de perfección cun verniz glacial: nada me afecta. Nin a gloria. Nin a derrota. Nin as pequenas miserias e goces humanos de cada día.

a mítica aspirina: orixinalmente aspirábase? Prefíroa efervescente.

diane 35: odio a píldora. Pero esta tiña un nome curioso, como de muller francesa que se anuncia nos clasificados

emulsión de Scott: cunha delicada ilustración dun enorme bacallau case mitolóxico a lombos dun pescador probabelmente escocés, esta nutritiva emulsión nutriu de pesadelos na infancia ao ser co que durmo. Por suposto. Era aceite de fígado de bacallau.

leite de magnesia: non me pregunten cómo se muxe unha magnesia. Tampouco sei moi ben para qué serve. Coido que Gúgel sábeo.

haloperidol: esa droga legal monstruosa. Bloquea a dopamina. Distingo aos tratados con haloperidol por un triste e antigo vínculo a ela. Todos tremen. Todos cuartean a pel como cinza. Todos teñen os labios resecos. Con tics. Todos parecen reconcentrarse en pensar algo que non poden pensar. E todos perden memoria. Exaltación. Riso. Atención. Gañas. A san obsesión nas cousas que lles gustan. A san obsesión nos seres que aman. O resplandor intelectual. O esplendor na herba. O tacto cálido. Todos perden ás súas irmás. Nun halo ou círculo do que non saen nunca, por máis que se lles chama. E se lles chama.

tranquimazín: con ese nome de pitagorín da calma e os nervios como cintas de raso, o tranquimazín vai escoltado por toda a gamma de ansiolíticos, antidepresivos, neurolépticos… que son o pan para tanta crise de identidade, ansias, nervios e sentidos.

Sen embargo, do fío destes dous últimos preparados alquímicos pendura unha pregunta: realmente hai tanto ansioso? Ou serán os profesionais, que non queren romperse a cabeza e diagnostican o fácil e de moda? Por que se queixan de que os vulgares mortais se autoadministren drogas e pastillas? Véndoos a eles, diagnosticar semella tan sinxelo… Porque tipos como House, que celebran o que cae fóra da campá de Gauss, o raro, o insólito… eses son ficción, claro. A meirande parte diagnostica o que quere. Nin sequera iso. A meirande parte diagnostica o que lle parece máis in para a súa profesión de merda. É dicir, que está dictaminado por forzas tan abstractas como a casa farmacéutica que lles custea unha viaxe ao País das Jineteras, a moda, recentes descubrimentos da Muy Interesante ou cántos clientes lle faltan para ser socio do clube de golf.

E si, poden relelo: dixen profesión de merda. Sobre todo certas especialidades que xogan con elementos moi delicados da especie humana, como a psiquiatría ou a xinecoloxía. Pero iso é tema doutro post.

Neste só quixen enfatizar sobre a fascinación e variedade da farmacopea legal [a ilegal sería tema doutro post], que cura e mata á vez. A nosa mellor aliada cando morren gatos, esposas ou tratados con firmas multinacionais. A cativa conselleira que, derretendo baixo a lingua, nos fai saír de nós mesmos e nos multiplica. E a nosa amiga máis cruel cando queremos recuperar a velocidade e variedade dos nosos pensamentos… e pensamos coma outro, coma un pequeno rato de laboratorio que corre e corre nunha gaioliña sen saber que non tén medula
nin patas
nin garras pequeniñas
malia sentilo todo en plena explosión física en pos do seu alpiste.

BSO: Mes pas dans la neige. Keren Ann. Canta coma se non soubese facelo ben. Letras tan francamente francesas como Les amants du Pont-Neuf, Jacques Brel ou Amélie. Un se imaxina estudiantes que viven en vellos pisos do centro, embaldosados de cidade vella nas rúas, bafaradas de frío das bocas sensuais, xente de gafas e pelo liso que acarreta pesados instrumentos musicais e gasta bufandas de raias e fala coa boulangère e co bouquiniste e non termina nunca de crecer.

Datos de interese: un cabelo humano vive uns 7 anos. Entón, se toco as miñas puntas, toco o meu pasado. Cabelos que despuntaron cando fixen aquela obra de teatro terríbel. Cando vin aquela película. Cando viaxei a Marrocos. Cando usaba un abrigo dos anos 70 non por vintage precisamente. Cando non te coñecía. Cando non me alcanzaba o teu poder.

Lista aberta de sucesos insólitos dos que fun testemuña ou parte protagonista dende que nacín ata aquí, agora, hoxe

1.- A psicóloga de 3º dixo: Ahora, niñas, dibujad un hombre. Entendín un OVNI e debuxei un prato voador con dous marcianos guindando unha escaleira de corda. Nunca souben o resultado do test

2.-Apartheid/Afganistán/Balcáns/Prestige/Invasión de Irak/Ataque ao Líbano/Palestina… O gracioso batuqueo da comunidade internacional, do tipo Pataleamos para que todo siga como está e que pareza que está cambiando

3.- Nunha homenaxe a John Lennon da miña próspera i escaparatista cidade de provincias ter a irrebatíbel honra de cantarlle, jratis, a Julia Lennon quen, polo visto, non se levaba moi ben con John. Os temas escollidos son Julia e Across the universe. Ela sorrime i exclama Oh, it was beautiful, e pasa a zampar un pincho de zamburiña. Sentir, de golpe, toda a estupidez humana

4.-Pola rúa ser confundida con: unha actriz. Unha lumi. Unha presentadora de televisión. Unha profesora de publicidade. Unha escritora. Alguén importante

5.- Darlle a man a Hugo Chávez. Por amor. A un chavista

6.- Viaxar en avión co billete dunha soprano catalana (na estratosfera opera tamén a usurpación de identidade?)

7.- Vestir un modelo de Agatha Ruiz de la Prada nunha ópera na que, ao finalizar, o público apupa o deseño de vestiario

8.- Que exista unha Estíbaliz Espinosa que escribe nun xornal da Rioja. Créanme que – seguramente a causa da vaidade narcisista, esa que tanto lles molesta a outros vaidosos narcisistas-, créanme que con ese nome unha pensa que é única e irrepetíbel. Por iso Walter Benjamin. Por iso Xerox. Por iso Anónima. Por iso Opia.

9.- Compartir a vida con alguén que asegura ter oído chiar a unha formiga en mans (patas) dunha araña

10.- Si, señoras/ señores/ androides… eu fun parte do I Simposio de Anomalías da Facultade de Socioloxía

11.- Atracáronme unha soa vez: un rapaz cun verdugo feito de ganchillo branco e un coitelo de untar manteiga. Conmoveume. Pero eu era pobre. Só me levou calderilla.

12.- Nacer aquí, neste eon. Baixo esta forma

13.- Unha copia da película 39 escalóns, de Hitchcock, queima mentres eu a vexo

14.- Confundir de bus e chegar, un venres invernal a medianoite, á cidade de Ourense. Cabreo. Procurar hotel. Cabreo 2. Dar explicacións telefónicas a amigos e familiares. Ir carregada cunha gaiola e un abano dentro, unha “instalación” elaborada para unha exposición de poemas sobre abanos. Detalle de insolitismo turbador

15.- Ter unha amiga que foi amiga da Nevenka do Caso Nevenka

16.- O prezo da vivenda. O prezo da chabola. O prezo da choza. En chan español

17.- Tirada na Marina, a carta dun preso á súa nai. Porque lina, claro. E devolvina á súa dona lexítima. Foi triste. Peliculeiro. Morboso. Lírico.

18.- Que ninguén fale de, por exemplo, Paraguay. Iowa. Burkina Faso. Uzbekistán

19.- Linguas lambendo o cu (negro sobre branco) do insólito Dragó. Finxir ser muda

20.- Cear en casa dunha familia ucraína na que ninguén fala inglés e todos beben vodka con guindilla como fanta. Incluída unha ninfa de 12 anos que me regala unha sortella

21.- Ser convidada a casar cun nativo de Dubai nas toilettes dun fumadeiro árabe de Londres

22.- Namorar dun caníbal

23.- Soñar cun número de lotería rematado en 17

Ata aquí estes 23 cromosomas insólitos.

Non admito suxestións.

Admito desavinzas.

Non admito parvadas.

Non facilito teléfonos.

Banda Sonora Orixinal: Ah, che infelice sempre ( bo título para calquera cantautor en paro), Vivaldi cantado por Andreas Scholl. Contratenor. Un rexistro de voz insólito, que asusta: home? muller? atorrante? E sen embargo, a voz de contratenor é tremendamente agradábel. Sinuosa e pouco clara como as voces roucas, as voces graves, as voces machucadas. Pero, neste caso, cunha impresionante técnica vocal que lle lima toda rozadura. E aínda así, son voces turbias. Equívocas. Delirio de grandes nobres podres e dezaoitescos

Datos de interese: resulta que son Tigre no horóscopo Chino, cousa que me enche de pelaxe e perigosidade de extinción.

Resulta que grrrrr

Resulta que a semana pasada nás Médulas do mundo vimos 3 signos de bo agoiro: vimos unha estrela fugaz; vimos nevar; vimos un cocho tailandés.

Resulta que nos encontramos no hemisferio norte, pero non se especifica se no dereito ou no esquerdo.

Resulta que merquei Las criaturas de la Tierra incierta, cómic de Fritz, basicamente polo título

Resulta que me anuncian que estiven a piques de gañar unha suma importante de diñeiro e certo prestixio para a miña turbia alma de ácrata tímida desalmada. Pero dior mío! Conformarei co rimpomposo título de artista local? Ou co de artista pronunciado con maiúscula e sereno e grave semblante?

Resulta que se non tes un bo síndrome, non mereces ser nin diagnosticado por House. Recollo esta interesante escolma de botóns:

Síndrome de Estocolmo (un dos favoritos. Simetría psicolóxica: entendo a quen me fai mal)

Síndrome de Münchaussen (mentira tras mentira tras mentira. Pero as boas mentiras son un exercicio de xeometría para que todo case. Non esa vulgaridade plana de responder Non cando é Si. Ou viceversa )

Síndrome de China (creo que só é unha peli. Pretender ser china aos 7 anos configura un cadro de síndrome de China? Ah, leo por aí que tamén é unha teoría acerca dos reactores nucleares)

Síndrome de Stendhal (vomitar de beleza)

Síndrome de París (acontécelles ás hordas de xapos que chegan co ideal de París e dan de bruces cunha cidade excesiva e fea de tanto turista e tanto europismo)

Síndrome de Dióxenes (herdanza de familia. Mañá boto iso. Unha castaña semipodre dos castaños da Alhambra? Como non vou gardala!! Un papeliño no que alguén riscou un retrato e logo eructou unha bafarada de alcohol e hormonas? Para sempre en cada mudanza!! Comigo. Comigo. Comigo)

Síndrome de Ulises (acontece aos inmigrantes que o esperan todo e non obteñen nada, ou as farangullas da nada. Que proe máis. Supoño que, como Ulises, son Ninguén. E ós demais tócanos ser Cíclopes. Por certo, non lin a novela da foto nin tiña pensado facelo. A foto está ben)

Síndrome de Príncipe destronado (odio entre irmáns. Cándido)

Síndrome de Peter Pan (un clásico Disney)

Síndrome da Autómata ( o que me atribúo?)

E logo o catálogo de síndromes retortos que levan os apelidos dos seus insignes descubridores: Moebius, Asperger, Turner, Rett… todos europeos, vieneses, rectos, con cranios ceñudos e batas suaves. Todos con pinta de protagonizar remakes do doutor Caligari. Ou Mabuse.

Créditos das imaxes: todas roubadas

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Tecnoloxía e literatura? Claro, ho, falemos

Sil

Túnel bolivariano

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Portada de Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Portada de Samuel F. para -orama, Tambo, 2002

Portada de SAmuel F. para número e, Espiral Maior, 2004

Portada de Pan (libro de ler e desler)

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Novembro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Out    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30