You are currently browsing the category archive for the 'neuras' category.

Pesadelo de hai unhas cantas noites: estás na túa cidade, nunha rúa da túa cidade, sen embargo ese espazo urbano aparentemente normal é un avión que cae en picado e que en poucas horas acabará por se estrelar.

Durante esas horas integras un grupiño de suicidas que, de casa en casa, procuran a alguén que polo visto poderá vos fornecer das armas precisas para o seppuku. Antes de que o avión. Se destortille.

O único que pensas todo o tempo é que por sorte o teu fillo non se atopa nese avión-cidade. Un avión-cidade no que a xente semella desinformada e camiña polas rúas, entra e sae dos seus caixeiros, recolle excrementos dos seus cadelos, proba zapatos.

O teu pequeno grupo de suicidas busca un medio digno de morrer na conta atrás.

xeitos de electrocutarse

xeitos de electrocutarse

A síndrome de inventar síndromes e procurarlles nomes engaratuxantes ou absurdos parece ser que aínda non ten nome.

Ábrese a veda.

Como todo o relacionado cos fármacos e químicas cerebrais, as síndromes chámannos a atención. Nunca tanta houbo. Dan ganas de ter unha. Sentímonos fatal se non nos identificamos con unha. Iso tamén debe de ser unha síndrome, sosteño.  Coa de Dióxenes, personalmente creo identificarme un pouco. Non coa vellez baseada na acumulación de bolsas de lixo como capital; simplemente dioxenizo porque non boto nada e son feliz con toda esa nada que non boto. Dióxenes era feliz con menos, só cun tonel e co sol e sen un conquistador diante. Ah, Dióxenes, que gloria de frase lle botaches a Alexandro. A síndrome de Dióxenes. A síndrome do cinismo debería designar, a da sabedoría senil e non a da demencia. Pero hai tantas. Tantas síndromes. E todas tan intensas.  Sín-dro-mes.  A punta da lingua emprende unha viaxe de tres pasos dende o padal… E tan literarias algunhas delas.

Isto por exemplo: percibir os obxectos ben máis grandes ben máis pequenos do que en realidade son, é dicir, sufrir alteracións na percepción de formas e tamaños. Tamén se coñece como macropsia ou micropsia. O nome literario -e asindromado- que lle procuraron é a de Síndrome de Alicia no País das Marabillas. Non a un nivel patolóxico, pero si nun plano cotián todos experimentamos esa sensación de que algo se nos fai demasiado grande ou se nos queda pequeno. Hai expresións para iso. A xente mingua ou medra a mercede de estrañas forzas. Acontece a miúdo que unha cota acadada de poder á xente fáiselle pequena. O poder sempre se fai pequeno co tempo. Naturalmente, ao xuízo de quen o ostenta. O poder é un habitante do País das Marabillas.

alicia-braguinas

fotograma das enaguas de Alicia segundo Walt Disney

Polo xeral, iso de que algo nos vén demasiado grande adoitan ser outros quen o pensan por nós. Rara vez sentimos ou expresamos abertamente que algo nos vén demasiado grande. Pola contra, gozamos vendo cómo lles sobra roupa e escenario aos demais. A rexouba polo mal alleo tamén xermola no País das Marabillas, claro que remata a súa delicada floración no noso.

Máis morbilidades literarias: existen un tipo de alucinacións chamadas liliputenses, por aquela illa Liliput das Viaxes de Gulliver. Non teño moi claro se a síndrome de Gulliver existe ou non é senón unha variante da da Alicia. Ver aos demais como ananos… quen non o experimentou algunha vez? Tantas como vimos que aos demais algo lles acaía  demasiado grande.  E non acaba aí este vademecum: consígnanse síndromes de Rapunzel, Pickwick, Dopey [o mudito de Brancaneves], gato de Cheshire ou o mesmísimo barón de Münchhaussen. A síndrome Chéjov é o nome dun libro e mais dun blog a cargo ambos de Miguel Ángel Muñoz. Pero Chéjov xa non é un personaxe senón un persoeiro eminente no seu eido, ao estilo de Asperger, Down ou Stendhal, epónimos de síndromes todos eles.

A onde nos leva todo isto? Á evidente relación entre enfermidade e literatura por un lado [os balnearios como escenario, os tuberculosos que escriben entre espirros, os guillados que cabalgan xamelgos por ter lido de máis, todo o que cheira a podre na literatura, a septicemia de Borges, os fígados de Hemingway ou Bolaño, o silencio de Virginia, a sífilis de Nietzsche e de moitos outras [sic], a hipocondria de Allen…] e a evidente devoción pola enfermidade que padecemos. As nosas metáforas predilectas son mórbidas: o morbo en si, unha palabra de orixe médica, é a nosa porta de entrada á mansión do pracer. No século XVII de Hobbes o home sería lobo para o home pero no XXI o ser humano, como diría un vello tópico ecoloxista, é sobre todo un cancro para o planeta. A cruzada occidental en pos da  asepsia mátanos a alerxias e, por outra banda, tampouco impide que devezamos por intoxicarnos a base de química emocional [neurolépticos, ansiolíticos, antidepresivos, estimulantes, hiperanfetaminas]; ningún sistema social sanitario por moi absurdamente louvado que estea [querida seguridade social, lembra que es mortal] impedirá que inventemos novas enfermidades tanto sociais como individuais a medida que as causadas por axentes patóxenos externos vanse controlando: a nosa época asiste á constatación de que existen enfermidades causadas polo propio sistema inmune do suxeito, á confirmación da estreita relación entre temperamento e pensamento e certos tipos de cancro, ao fracaso da psiquiatría como mero despacho de drogas legais que só adormecen á besta por espazo dunha vida…

A proliferación de síndromes só pode ser interpretada dun xeito: como síntoma de algo. E un síntoma, xa se sabe, é a puntiña do iceberg. Ese que neste momento se vén abaixo nalgún lugar da Antártida.

BSO para un síndrome de Alicia Gwen Stefani en vídeo ou en audio, preferiblemente en vídeo.

Alicia dende a pespectiva do lagarto Bill, supoño

Alicia dende a perspectiva do lagarto Bill, supoño

Mary Pickford

Mary Pickford

Hai dúas teorías/conspiranoias contra as que unha vez crin ter argumentos.

Conspiranoia 1: iso de que o home pisou a lúa é unha montaxe. De Kubrik, probablemente.

Contraargumentación: os rusos foron os xenuínos frikis do espazo. A mellor literatura de ciencia-fición cósmica procede de Rusia [ou arredores soviéticos]. Os rusos honran ao espazo cun día da cosmonáutica. 12 de abril. Hoxe que escribo isto. Erixen edificios de cemento ondulado chamados Hotel Kosmos en Moscú. Por exemplo. Os grandes enxeñeiros rusos, Tsiokovski, Korolev. Os rusos quixeron chegar ás estrelas primeiro. Experimentar coa ingravidez primeiro. Poñerse en órbita primeiro. Ignoro por que. Por fuxir desta Terra? Por refundala? Por amedrentar ao bloque capitalista? Por frío? Ignoramos por que. Pero sei que foron eles.

Se a chegada do home á lúa tivese sido unha montaxe estadounidense, o fino olfato ruso descubriríao enseguida. Os americanos tiveron que ter chegado á lúa e deixar alí a súas pegadas porque os rusos non dixeron nada. Non pasou nada. Asumiron a súa derrota. Nunha superficie sen ventos, as pegadas de Armstrong durarán se cadra miles de anos. Hai males que duran máis de cen anos. Hainos.

Para os rusos, hainos.

by Josh Keyes

by Josh Keyes

Teoría 2: Pódese viaxar no tempo. En concreto, estamos a piques de. Un par de axustes nuns parafusos e nunhas integrais e… voilà!

Contraargumentación ou argumento desconsoladamente escéptico: se iso fose posible, sen dúbida os nosos visitadores do futuro [Benders, Leelas e demais] terían a delicadeza de achegárense a esta nosa época de trangalladas espazo-temporais e contárnolo, dicirnos que si, que é posible, que cultivemos paciencia e perseverancia, que non claudiquemos, que o determinismo causal e o paradoxo do avó non eran máis que erratas e malversacións, que o segredo das viaxes no tempo non é máis que… Pero non o fan. Pasan os anos, as teorías, as conspiranoias, as ciencias-ficcións… e non o fan.

Non o fan.

Non veñen.

Ergo, se non veñen é porque non poden. Porque non saben.

As viaxes no tempo son imposibles.

Ou iso, ou os nosos descendentes son imbéciles.

Naturalmente, non sei cal dos dous axiomas prefiro.

BSO ou por que non escoitan isto?: Laika, Mecano. O outro día pola radio escoitei a Ariel Roth poñer verdes aos Mecano. Eran presuntuosos? Eran horteras? Eran sensibloides? Eran pedantes? Eran simbolistas? Non sei. A min incrustáronseme no código xenético, como todo o que sentes con 13 anos. E unha cousa é certa: grazas a eles, aprendín detalles importantes da vida como que o capitán Scott morreu nunha malograda expedición á Antártida, a composición do aire, que a primera cosmonauta era rusa, ladraba e atendía por Laika [can de neves en ruso, por outra parte] ou o significado exacto da palabra anacoreta, que rimaba con teta.

E melodías… aínda as curraban. Mentres os meus futuros amigos masculinos escoitaban Radio Futura [eu amei a Radio Futura moito despois, xunto con Siniestro Total] eu pertencía a esa clase media que cun chicle memorizaba sen querer parágrafos e parágrafos de letras de Mecano mentres falaba de tampóns, apuntamentos de Arte e brillos de beizos con amigas.

O outro día chegou a casa un señor cun sobre marrón, acolchado. Read the rest of this entry »

mullereparaugas

De ser algo, serei a redución a este texto.

Non me queixo. Moita xente non é máis ca unhas mans a enguedellar cestas ou un lombo que sobe e baixa minas. Moita xente é un discurso esquecido, si. Pero moita outra é un discurso atravesado na garganta antes de emerxer. A fin de contas, unha lápida tamén é a redución a un texto.

Os libros de memorias. Os testamentos. As letras de cancións. Ata as leis e por suposto as constitucións son reducións do saber/deber dun pobo.

Son reducións a textos.

Claro que en ocasións non se pode falar con propiedade de reducións. Hai textos que magnifican aos seu autores. Fannos medrar, coma fungos de Alicia. Era veradeiramente Stendhal tan? Cervantes? Shakespeare? Valle-Inclán? Murasaki? Tan?

Debes sopesar amodo antes de poñerte a empuñar letras e ideas, antes de poñerte a facer voar conceptos pola bóveda do teu cranio, debes elixir que texto queres ser. A que texto queres verte reducido. A que palabra [Scheherezade, gruta, cosmonáutica]. A que título. A que subxénero. Estilo. Nivel semiótico. Coordenada socioliteraria. Parámetro sexual.

Mais se de verdade o que che importa é escribir, nada diso fará que te deteñas nin un par de minutos.

Debes conceder que o teu texto deveña máis humano, máis luminoso. Ca ti.

Ti non es máis que moitos demais.

Ti non es máis que moitas ou poucas letras.

Ti non es máis nin menos.

Pensei en escribir un texto, un poema ou un texto tipo conto, dos que estou facendo últimamente, levo anos con eses contos no lombo, contos que falan de ir contar algo sen chegar a facelo nunca. Pois ben. Un deses. Ou un poema. Os poemas son incómodos, a xente non os dixire ben, acéptaos por compromiso:

Xente: un poema? Vaia, e que ben – e ti advirtes un sorriso moi torcido, torcido ata dicir basta. Torcido ata dicir Basta de poemas. Non escribo un maldito poema máis.

O único que fan os meus poemas hoxendía é engordar antoloxías ou libros temáticos: sobre lobos, sobre tundras, sobre pezas de ensamblaxe nunha fábrica de retroescavadeiras… Algúns deses libros son fabulosos, pero hei recoñecer que a vida dun poema reducida a iso é unha vida dependente, de circunstancias, pouco sanguínea, máis ben mortal.

A xente acepta moitas cousas por compromiso. Eu mesma acepto moitas cousas por compromiso. Os textos que quero escribir resenten diso e cando vou abordalos, cando vou escribir sobre a protagonista que morre ou namora ou incendia algo…, entón o texto revírase e non quere saber nada de min.

Dáme as costas. O texto que eu quero escribir, isto é incrible, dáme as costas. A min.

Esas costas debuxan na pantalla un texto coma este.

lottenomeucuarto6

A visita do príncipe Achmed [visita patrocinada x Lotte Reiniger

Outra foto miña?

Pero que é isto? Que representa un blog ? Outra burda manobra de popularidade? Como a televisión?

Búscome a min mesma [nesta etapa do personismo en termos de Vicente Verdú, neste episodio da historia con maiúscula?]  en cada foto miña que penduro, en cada texto que publico?

Aspiramos a ser a imaxe de marca de nós mesmos? A garantía da nosa propia brand equity?

Para iso é que nos construímos? Era ese o concepto de carisma que Weber aplicaba á autoridade política? O concepto de fotoxenia que lle podería valer a Avedon ou a Almodóvar?

Cando escribía na nenez e na adolescencia matinaba en todo isto?

Non. Sei que nin se me pasaba polas constelacións do cranio que as regras do mundo fosen estas. Que eu tivese que simular ser escritora para selo, que houbese impostar a voz,  telefonar, fabricarme unha páxina na rede, saber un pouco de linguaxe html, outro pouco de photoshop, outro pouco de dereitos de reproducción de textos, outro pouco de subvencións [e anda rápida], latricar animadamente con editores e xestores culturais, ir a festas para ser vista, repetirme como un clon de min mesma en cada soporte posible, en cada páxina que me brinda a oportunidade de existir, en cada verso, en cada atmosfera que se me ocorreu por casualidade a min antes que a ninguén para logo ser usurpada

todo eu soa na soidade dun cuarto, dunha ducha, dun auditorio con pantallas xigantes…

O decadente star-system hollywoodense traspasounos algo da súa miseria co seu modus operandi: a sona  calcina, pero todos ansían calcinarse como estúpidos. O star-system puña por diante rostros e corpos de actores antes que directores, guións ou efectos especiais [os reclamos de hoxendía]. O star-system funcionaba porque un rostro equivalía a un xeito de ser [Non son Henry Fonda. Ninguén posúe esa integridade. Henry Fonda] e os actores eran fáciles encarnacións do abstracto, dunha moral, duns soños. A día de hoxe a saturación de rostros do star-system esgana a posibilidade de encarnar nada por moito tempo. De aí que haxa que ser camaleónico. O novo adxectivo da modernidade.

Tamén na literatura e tamén na galega.

Que significaba ser escritora antes de toda esa pegañenta arañeira?

Ser escritora significaba escribir. Escribir cousas marabillosas como a revelación do segredo do cosmos ou terribles como a condena dun cerebro ao haloperidol. Escribir era relatar un momento do universo, íntimo ou global, e facelo perdurable. Escribir era non procurar a estúpida popularidade, a mercantilista, a de son porque me recoñecen senón unha arela moito máis cobizosa e reptante: a posteridade. Non quero que me recoñezan na cola do pan. Non quero que me vexan en todas partes. Non.

Nin sequera creo que lembrarse do meu nome me vaia facer un favor.

Non. Popularidade non. Eu buscaba a posteridade. A posteridade a través de ideas que se me rompían por dentro, de argumentos e teimas nos que se me ía a vida… A posteridade en forma de inxección de vida para outros, un concepto maternal de posteridade, en calquera caso un concepto feminino e como tal maquillado, peiteado e vagamente silueteado. A posteridade matricial. A posteridade matrix: pervivir na memoria dos que me continúen en forma de texto, en forma de idea, en forma da encarnación dunha idea ou dunha serie delas.

Na esfera de vidro da literatura galega e da literatura da galaxia, se é que o confín se amplía, eu aspiraba a encarnar os textos cósmicos, repregados sobre si mesmos para verse a si mesmos, os versos siameses e os relatos e as novelas biónicos: as criaturas, os espazos de vida… Aspiraba eu a encarnar todo iso antes ca ninguén. Na esfera de vidro da literatura galega. A reflexionar desde a literatura dese estatuto humano que significa non ser único.

E o guión deste espectáculo, ese guión tosco e escrito unha soa vez, todo ese argumento patético de vaidades que albisco, todo ese “quítate, por favor, que teño que poñerme eu”, todo ese “necesito que me vexas”, todo ese “mírame, cómprame, págame” e todo ese “eueueueueu” sóame a iso. A eueueueueueueueu. Un xeito de farfullar. O opio dos vulgares: crer que poderán ser alguén. Crer que o seu nome andará a repetirse cun par de altofalantes chantados un na Antártida e o outro nun glaciar do Ártico cando eles vaian defuntos.

Cando era nena eu escribía o tempo todo para min de non ter que convertirme niso.

Escribir. Ao final, por máis arrevesado que sexa, escribir é isto. E isto tamén.

E isto.

En canto á foto, tamén é unha trampa.

Aschenputtel, figuriña de sombras de Lotte Reiniger a quen, por suposto, amo

O facebook… ben, no facebook latexa algo diabólico. Entre outras cousas, funciona como un dispositivo que che obriga a enterarte de conversas alleas. Un audífono mal amplificado.

A través dese enxendro do mal entérome dunha nova errata que vén sumarse a esas moitas que socavan os alicerces da nosa cultura, relixión, as nosas creencias máis incontestables, máis puras, máis redomadamente prístinas [entre elas, que a palabra virxe en realidade significaba moza e non necesariamente allea a coñecemento carnal con varón; que a editorial mexicana Fondo de Cultura Económica ía ser inicialmente de Cultura Ecuménica... e moitas outras a medio camiño entre a lenda urbana, o mito cazado e a cruel realidade]. A errata ou, neste caso, mellor erro de tradución ou mistranslation, velaquí:

O zapatiño de cristal da Cincenta non era de cristal

“Verre” [cristal en francés] seica é unha mala tradución por “vair” [pel grisprateada de esquío], co cal o zapatiño da heroína da grisalla, sendo de pel flexible, ben podería ter dado de si para enfundarse no pe de calquera outra. Mesmo dunha malvada irmanastra talla 41.

Naturalmente, unha zapatilla de pel volta é moito máis lóxica e cotiá que unha de cristal. Quizais o manoseo oral da historia modificouna ata o punto de lle outorgar esa especia fantástica da que carecía. Un zapatiño de cristal sitúase na mesma orde de cousas que unha alfombra voadora, unha muller que dorme cen anos, uns zapatiños de rubí ou unha princesa co pelo tan longo que podemos trepar por el e alcanzar unha torre. Un zapatiño de cristal é ríxido, é transparente, rompe con facilidade…  O cal vén querendo dicir: só é apto para pes moi feituquiños, figuras gráciles, prodixios anatómicos. Alén diso, coido que metaforiza moito mellor a idea do efémero desa noite de baile co príncipe. Un zapato de cristal tampouco é para durar moito.

Fausto Larraguível achéganos máis datos sobre o tema [en realidade dicíallas a outro pero o facebook... xa se sabe]

La desventurada heroína en la penumbra, aparece ya por escrito desde la versión atribuible a Esopo, pasando por la Ródope (Ροδόπη) en Egipto (esclava de origen griego, a la cual le roba un águila una pantufla y la deja caer cerca del faraón, quien queda prendado del misterio y cree firmemente que la dueña de ella será su media naranja) descrita por Strabo en su Rerum Geographicum, la segunda Ródope reescrita por Claudius Aelianus en su Varia Historia, la Ye Xian china, la Chūjō-hime japonesa, la Kongji coreana, la Critheanach celta-escocesa, hasta las tres cenicientas (una de las cuales tiene final trágico) identificables en Las Mil Noches y Una Noche.

E o parrulo feo? O parrulo feo tamén era un Cincento.

En fin, os zapatiños de cristal xa son unha realidade. Por moi inxenuo que soe iso tratando con materia de contes de fées. A errata, como tantas outras veces, encargouse de mellorar o orixinal e lograr que manche a nosa memoria para sempre, como unha pinga de gasolina.

Mentres me ducho escoito Nude. Estou de Radiohead, de novo. Nude, de In rainbows, un tema que contén aloxados segundos preciosos cara o final, unha escala ascendente marabillosa que, tras a transfusión de frío e humidade abisal da letra e a atmosfera xeral do tema [como todo Radiohead], aseméllase a unha escaleira que conducise a un ático resucitado de luz. Non sei, unha vez que se extingue a música síntome como se me tivera visitado San Gabriel dentro dun Giotto di Bondone.

É o tempo que vai dende o minuto 3′55” deica o final da canción, non máis de 20 segundos que dende xa pasan a engrosar aquela lista de minutos preciosos deste post de hai un tempo.

Toda a tarde escoitando isto. Unhas 37 veces.

Estamos mal, doutor?

Estíbaliz...Espinosa aka "a criatura mecánica". Fondo de cartaz xaponés "Global Warming", foto de Ho Hosokawa

Traballo arreo con varios textos, sigo a voltas con versos siameses, con fotos intruders, traballo para Silvestar, de Croacia, traballo un monte a cambio de nada. Facendo o que ninguén me obriga, para min. Como cando tiña 10 anos e escribía, escribía, escribía.

Sen porqué.

Pura amateur.

Instinto cru.

Autodidacta, torpe, acubillada no dominio sagrado de todo cangarexo ermitán, de todo zoupón en relacións sociais, de todo alérxico a interlocutores face à face:a interfaz. O antifaz. A rede. A rede dos acróbatas, das mariscadoras, dos humanos araña.

Nada de raciocinio na bóveda estrelada do meu cranio…

Viva este xeito de ser.

imaxe de Elena Chernenko aka Kassandra

É tan evidente.

Malia o moito que lle pese ao meu admirado señor Bloom, antisociólogo, anticultural studies… non é evidente que a grandeza artística atribuída a, por dicir un calquera, Van Gogh, atópase nun punto indefinido da relación entre a súa obra – técnica, trazos, cromatismo, temas- e a súa personalidade, a súa vida e a súa morte?

Non todas as obras sostense por si mesmas. En moitas delas, o que sabemos do seu autor e a súa forma de plasmarse nelas constitúen o punch definitivo.

Por iso, recomendo a todo aquel que pretenda ser algoasícomo artista procure levar unha vida e desenvolva unha personalidade que superen en medio punto á súa obra. Talvez lle axude.

Claro que talvez non.

Isto pensaba hoxe na ducha mentres o chorro de auga fría evidenciaba, á súa vez, a triste fin dunha bombona de butano.

imaxe: talismán. Foto tomada en caixas, antes de saír a escena. Col. persoal

Quero roubarlle a Eloy Tizón un verbo. O verbo crujir.

En galego, un chisco menos onomatopeico, renxer.

Armado con ese excepcional verbo da terminación lexemática en -ger [excepto tejer y crujir] este señor de Madrid troca un texto normal [define normal], dos que se len en voz baixa e concentración de conos e bastóns, nun texto audible e, por riba de todo, táctil.

Lendo Labia, unha das lecturas máis crocantes, crepitantes, coruscantes dos últimos tempos [xunto con Esferas de Sloterdijk, Ghost World de Daniel Clowes, La velocidad de los jardines, tamén de Tizón, Orlando de Woolf, Los comebarato de Bernhard, La invención de Hugo Cabret de Brian Selznick e Claus y Lucas, de Agota Kristof].

Perlas tiznadas:

Ah, qué difícil era poblar esa espera, ese crujido leve [cuanto más leve, más terrible], esos dedos de repente convertidos en raíces o tentáculos, en monstruosos ángeles.

Labia, páxina 27

…y al atravesar las estancias fantasmales el pie tropieza con llaves y crujientes telarañas

Labia, páxina 183

Pero ya el pasillo se dobla, ya es tarde, tus rodillas crujen con ansia…

Labia, p. 112

La línea que separaba el bien del mal en la pantalla era tan nítida como el sable del pirata, tan rotunda como el ruido del disparo a quemarropa -seco, crujiente- con que el policía malo acababa con la vida de los amantes fugitivos que huían tras robar un banco…

Labia, p. 193

cuando entraba cada mañana aseada, apenas empolvada, era una visión crujiente y vulnerable que llegaba a hacerte daño si se te ocurría pensar en ello a medianoche

La velocidad de los jardines

O máis curioso é que a escrita de Tizón estilísticamente non me resulta crujiente, senón cremosa, unha especie de nata a presión para os sentidos…

Unha cousa é certa [define certo]: o crujiente, o renxente, é máis vulnerable. Quizais ese é o verbo que o autor escolle para representar acusticamente as picadas de hipersensibilidade de nenas, adolescentes, reis desgraciados. O verbo da vulnerabilidade.

Iso pensei hoxe, mentres me frotaba nos xeonllos. Nas sofraxes. No hipersensible.

Odiosos son moitos. Imaxinen, de 6.600 millóns alomenos 5.000 deben de ser repulsivos crónicos.

Existen algúns odiosos queribles e outros odiosos patéticos. Queribles son aqueles que resultan pesados, inconvenientes non por vontade propia, senón por egocentrismo, ignorancia ou mesmo grosería.

Os odiosos patéticos son os aproveitados de calquera caste. Os abusóns. Un subtipo, por exemplo, resúltame dun patetismo que roza o rubor, o meu rubor, claro, ruborízanme, pásoo francamente mal ao seu carón: os e as escritores ou artistozuelos en xeral que, exercendo de incomprendidos, de deostados, de feridos e cicatrizados, viven coma funcionarios dos parabéns de gobernos de turno, premios de turno, proteccións de turno… en definitiva, uns incomprendidos semisubvencionados.

A súa obra éme indiferente, polo xeral facilona e esperable. Son as súas presenzas físicas as que me ruborizan ata o punto de cuestionarme se escribir realmente serve para algo se unha ten que aturar iso.

Así pensaba hoxe, enxabronando os brazos.

imaxe: patchwork de Emilia, col. persoal

O patchwork. En verdade dígovos que a miña nai leva anos facendo patchwork. Paquo, como di ela, con acento de baleeira de Moby Dick. Cose teas que non tiñan nada que ver, teas de argumentos diferentes, de vidas diferentes, de galaxias dispares, agarra un mutilado vestido da miña etapa universitaria, un retallo de forro de lámpada a cuxa luz lía Los 3 investigadores ou Esther, unha rachadela do seu traxe de noiva, unha reliquia do meu disfraz de xaponesa da guardería, catro biopsias téxtiles de camisas leñadoras de cando meu irmán lía a Wittgenstein [pero o meu irmán sempre le a Wittgenstein], de cando meu irmán lía ao segundo Wittgenstein…

…colle todo iso e sutúrao con aplicación, con cabeza de nai que cose, esas cabezas adorables, inclinadas baixo un flexo que as inmortaliza. Singers. Sigmas. Alfas. Refreys. Cabezas que cosen e cantan, e atusan cos beizos fíos invisibles e prenden agullas nas mamas, pequenos sansebastiáns femininos entregados á comunión dos tecidos, á integración dos sintéticos pobres e destinxidos con liños e algodóns patricios, a elección de cores que casan e non casan, sen moita clemencia ou mesmo sen gusto, porque son as nosas nais.

Por riba e por baixo desas cabezas discorren as ondas de móbiles 3G, as fibras ópticas preñadas de xigas de información, os avións a reacción, as naves lanzadas a un espazo imperturbable, os titanios, helio 3, derivados de petróleo, ventos solares e carros híbridos e señores amargados e pijas provincianas.

En verdade acontece que a agulla de mamá allea a todo iso asocia conceptos, ideas. O motivo xeométrico co monocromo, o lila co verde, a seda salvaxe co poliéster dos 90, o meu co teu. E todo o corrica de fíos vermellos, negros, beige, cunha certa présa por rematar e comezar unha nova obra que xa ten en mente. Esta vez con vellos trapos de cociña.

En verdade dígovos que o patchwork é o grande estilo da nosa época. En todas as ordes.

[Os satoris da ducha son iluminacións fugaces que pairan no meu cerebro uns segundos, dentro da confortable irrigación vespertina ou matinal, entre que me encrequeno a botar o xabrón e remato de aclararmo]

A todo isto, escoitaba Na cova da Barxa, d’O Berro Seco. Milladoiro.

Imaxe: self-portrait with Detmold's Arabian Nights and Dante

A novela.

Hoxe quixen escribir sobre ela. Nada fixen de particular esta mañá. Fun a un parque co meu fillo. Devolvín tarde un par de libros na biblioteca. A bibliotecaria é comprensiva. Non xulga o mundo. Conforma con colocalo no andel correspondente, co seu imperceptible tic organizador. Logo comprei limóns. Un moi grande. Todas estas cousas non deberían ser escritas, pero aquí están, revolvéndose coma estómagos famentos, arrotando: escríbeme. Fala de min. Das banalidades, das bibliotecarias, dos parques, dos limóns.

Coido que non mirei a ninguén aos ollos. Se exceptuamos a Y.

Debeu de ser esa introspección algo monacal, esa disciplina de tachar cousas-que-debo-facer dunha axendiña ridícula onde anoto cousas-que-debo-facer e sentirme así de idiota, así captatio benevolentiae, así de idiota que pensei na novela e deume por pensar aínda máis, e mesmo por lembrar, que é unha sofisticación sublime do pensamento.

Pensei na novela como cousa-do-mundo. Esta tempada a novela adquiriu semellante protagonismo dentro da miña vida porque ocupa dous metros cadrados do chan deste cuarto. Gozo da inestimábel honra de ser xuri nun premio de novela. O premio de novela ocupa dous metros cadrados. No chan. Deste cuarto.

É por iso que a novela.

Hai anos asistín a un congreso internacional de escritores.

Tamén teño un pasado. Pero sigan lendo. Avanti.

No congreso internacional de escritores crucei con algún que outro escritor.

Con un, por exemplo, recordo discrepar frontalmente. E iso foi o que lembrei esta mañá: o interfecto [gran palabra, crea a distancia precisa entre o pensamento do tipo e o propio] aseveraba, non sen certa predisposición á resignación cósmica da verdade revelada, que a novela constituía o summum da cultura escrita, a forma máxima xa que o comprendía [comprehendía, palabro, si, pero compréndenme?] todo. TODO. Así. E salivaba ao padalear as verbas porque el, señoras e señores e androides e formas de vida que non coñezo aínda, el, EL escribía. Novelas. El era novelista. El novelaba.

E novelaba e novelaba e arrimaba a ascua á súa sardiña cunha actitude pesarosa: que lle vou facer, amigos. A novela éo todo. Na miña última novela escribo sobre iso, precisamente.

Claro. A novela éo todo. E o soneto é a revelación do mundo, dixo o sonetista. E o son da miña trompeta conduce á música das esferas, dixo o trompetista. E o haiku di todo con nada, dixo o haijin. E no cemento a amasar na hormigonera reside o segredo da materia, dixo o xefe de obra. E no aceite que ferve rebordando patacas a se fritir atopo o sentido da vida, salpimentou o pinche. Read the rest of this entry »

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Novembro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Out    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

criatura mecánica, eis