You are currently browsing the category archive for the 'no labirinto' category.
Lotte Reiniger vivía nas sombras e das sombras e, quizais por iso e por ter sido alemana no convulso inicio do século XX, pouco se sabe dela. Antes de Tex Avery e Disney, Reiniger traballa co peculiar sistema de animación traído de China: o teatro de sombras. A diferenza é que ela grávao para cine foto a foto, micromovemento a micromovemento e realiza a primeira longametraxe denominada, con xustiza, de animación: Die Abenteuer des Prinzen Achmed [As aventuras do príncipe Achmed], de 1926.
No youtube poden atopar bastantes curtas dela. Ultimamente, un novo usuario subíu algunha máis, incluíndo ballets de filigranas a cor como o de Helen la Bélle, con rampantes perfís gregos e troianos e marabillosas desproporcións. Aquí enlazo unha de sombras: Galathea ou a estatua de mármore que cobra vida [Das lebende Marmorbild], un relato baseado no mito de Pigmalión. Os motivos musicais dos personaxes seméllanme moi coidados, así como a estética de vaixela grega e o carácter dos protagonistas. O argumento está tratado cun delicioso humor.
Un instrumento que talvez prefiro.
Escoito a esta declarada elfa un chisco Rapunzel + Linda Blair. Acóugame.
Nun documental, un home levaba 30 anos perseguindo lóstregos
Capturábaos cunha Minolta vella. Poderían ser máis de 15000. Non lembro a cifra das súas instantáneas, como tampouco lembro os millóns de galaxias posibles. Nerviosamente, contábao a cámara. Tanto alampo metido entre as mans, tantas noites sen durmir, consultando radares, conducindo cun sandwich e unha cervexa e 30 rolos fotográficos contaxiáronlle un xeito de estar en fuga sobre o mundo. O tipo parecía un tic. Un tic nervioso. Un clic nervioso.

Eruption, by the Lightning Stalker
Sempre me deixan coa cullerada de iogur a medio camiño da boca ese tipo de personalidades: as que obsesionan con algo tan concreto tan concreto tan concreto como unha tese de doutoramento. Vou ser fotógrafo. Ben. Pero máis: vou ser fotógrafo da natureza. Pois… ben, ben. Pero agarda que non acabou: vou ser fotógrafo da natureza nocturna. De acordo. E deamos xa na punta do cravo ardendo: vou ser fotógrafo de alampos das tormentas nocturnas.
Iso xa adquire as proporcións de concentración dun láser. Unha focalización tan aguda, tan minuciosa, que nos desarma: 20 anos saíndo todas as noites de maio a outubro a cazar lóstregos. Todas as noites de maio a outubro en vela, lostregueado. Todas as noites de maio a outubro nun delongado clic de expectación. Todas as…
Hai un tempo, procuraba algo sobre volcáns na rede. Dei coas achegas fotográficas e audiovisuais dun home, un rapaz novo, que filmou de xeito amateur varias erupcións. Tamén fogos de artificio. E finsternis, esa palabra incriblemente medieval que empregan os alemáns para os eclipses. Logo de ver varias das súas gravacións en youtube e flickr, entérome de que morreu hai algúns meses, precisamente filmando no Etna. Precipitou nunha fenda. O seu traballo fotográfico mestura o fascinio polo temible, a beleza sobrenatural do natural e nel vexo indicios desa mesma laserización dunha teima, igual que no acosador de alampos, o lightning stalker.
Quédome coa sensibilidade do acosador de volcáns. Iso si, ambos os dous parécenme dignos dunha película de Werner Herzog.

Etna, by Thomas Reichart

Natural Lampion, by Thomas Reichart
“Desce ao cráter do Yocul de Sneffels que a sombra do Scartaris acaricia antes das calendas de xullo, audaz viaxeiro, e chegarás ao centro da Terra, como cheguei eu. Arne Saknussemm”. Jules Verne
Actualización: existe un modo artificial de conxelar un alampo en laboratorio, creando as chamadas figuras de Lichtenberg. Co Dynamitron de Newton Falls, por exemplo, en Ohio. Ohio. Os amish cos seus carromatos verdes pintados a man e no alpendre do lado, un acelerador de partículas. Así que un fenómeno tan primixenio como o do espectáculo dunha tormenta eléctrica xa é -tamén- un dispositivo portátil. Así que. Axiña esas láminas de metacrilato cun alampo dentro adornarán repisas, chemineas e as cristaleiras dos últimos deseños arquitectónicos.
A nosa inxenua natureza portátil. A nosa natureza de peto. O noso consolo.
As Alfaias, de Fanny+Alexander.
Soaron no meu ordenador primeiro, nun CD despois e hai unhas semanas, dende o fustrigante [cando actualizo este post, xa fustrigado] Aberto por Reformas do Xurxo Souto, escoitei este temaso a todo volume regresando pola autoestrada.
Alfaias por alfaiates, como se definen os integrantes do grupo nunha entrevista: cosen con minuciosidade e gusto retallos alleos para facerse traxes absolutamente persoais. Por incrible que poida parecer -a lírica non vén da lira? Non viña sendo a poesía unha especie de irmá siamesa separada da música ao nacer ?- escoitar un texto que naceu vencellado ao papel transmutado a música non deixa de ser curioso.
Sucede que o texto, que posúe unha dimensión de superficie, de pantalla branca, experimenta esa transformación que toda música brinda e que a converte na arte máis universal da nosa era: a de devir substancia que se inocula, que corre polo corpo, que non agarda ser descodificada senón que, con impaciencia, penetra.
A música non pide permiso. É a súa insolencia a que cura. Nun texto atopo restos de resignación. Descíframe- pide. Non deixa de resultarme inquietante -non deixa de resultarme tranquilizador- que unha letra miña viva unha desas vidas insolentes, ondulantes, penetrantes a carón das letras dos outros 10 escritores que asinan os textos destas Alfaias.
Xastres, os Fanny+Alexander tamén son xemólogos. Tamén xoieiros. Levan tempo pulindo. Levan tempo procurando as facetas máis raras, máis valiosas dun cristal. Nese micromundo da escena indie pop galega. Nese calcapapeis de bola de vidro.
Como letra redonda, a do poema Píntamas de escuro de Lara Dopazo. E o mítico Ardía París, coma no cine de Emma Couceiro…
Xa somos canción.
[Oxalá fose o Xurxo quen nos seguise pinchando...]


mapa de gato
Díxomedíxome: disque en internet [aka google] hai máis procuras de gatos que de cans.
Lóxico, dende certa perspectiva: un internauta aseméllase máis a un gato que a un can, vive máis a cama que o campo, tende máis a esfinxe que a amasillo de pelo en movemento con filete de lingua colgando, desconfía máis que confía, minte máis que confesa…
Un gato. Un gato só é unha pose con bigotes.

gatismo
Que á tecnoloxía lle lembren que nace dun papel ou dun par de mans acendendo unha lumieira, emociónalle. É normal. A tecnoloxía ten o seu corazonciño.
É geek, a tecnoloxía. Polo tanto mal gusto sentimental tamén ten. A tecnoloxía.
O seu corazonciño.
Evelien Lohbeck é unha muller nova, holandesa, supoñemos que bonita, da terra do queixo [quitando Arzúa-Friol e o Cebreiro], estudante, enxeñosa e cunha obra accesible só polo de agora en internet. Fíxose coñecida pola súa curta Noteboek, pero ten máis obra seguindo ese ronsel ilusionista.
De Noteboek [Notebook en neerlandés, témome] dise que nela she blurs the line between what is real and what is not [vía Neatorama]. Opino que a cousa vai máis aló. Naturalmente, esa frase é aplicable a moitas obras de arte contemporáneas, dende Antonio López a Ron Mueck. Tamén eles parecen difuminar esa liña entre o que é real e o que non. Lohbeck, alén diso, devólvelle analoxía á tecnoloxía, devólvelle pobreza, materiais simples, bolis bic. A súa procura é outra: non só difuminar a fronteira real-imaxinario senón claramente posicionarse a favor do segundo no primeiro. A tecnoloxía nace da imaxinación, do que pasaría se [a máquina E se...? do profesor Farnsworth en Futurama]. Cunha tecnoloxía moi sofisticada por camuflada, Lohbeck devólvelle a esta un estatuto primixenio: toda industria nace do que fan dúas mans e un cerebro ansioso.
E quen non soñou con ter un caderno do que obter TODO? É tan marypoppins.
Nalgunhas páxinas web confúndena cun home. No viril eido tecnolóxico iso é todo un afago.
Dúas fantasías evelianas máis:
http://www.youtube.com/watch?v=0gs7l1mxduM&feature=related
http://www.youtube.com/watch?v=hquXra6WJA0&feature=channel_page
Graciñas, I.
Moito nos presta que nos lembren que todo é simulacro.
Que somos simulacións, emulacións ou criaturas inventadas como personaxes dunha ficción. En xeral, cáenos ben iso.
Non sei se ten a ver co neobarroquismo actual, coa crise, con que en concreto. Só sei que sabernos un pouco fatuos, un pouco vítimas da ilusión reméxenos a presunta alma que xa non temos.
De antigo vén a arte entendida como simulación suprema. Zeuxis e Parrasio eran dous pintores gregos que sostiveron unha coñecida desputa: determinar cal dos dous era o pintor máis grande. Ata aquí nada novo: artistas picados no amor propio. Ben. Chegado o día D, Zeuxis descubríu o pano que ocultaba a a súa pintura: un rapaz carretando unhas uvas. Uns paxaros que por alí revoaban acudiron ao instante, intentando picoar nas uvas, tan exquisitamente reais semellaban. O público aló congregado ovacionaba de gusto. Satisfeito, Zeuxis pedíu a Parrasio que descorrese o seu pano. Non podo -retrucou Parrasio, o xonio, imaxino que cun imperceptible sorriso-: a miña pintura é o pano.
Tras do cal, Zeuxis o heracleo viuse na obriga de recoñecer a supremacía na arte do colega Parrasio: se ben el conseguira enganar a uns pardais, Parrasio acadara o engado supremo: enganar a un artista. A el. Ao propio Zeuxis.
![trompe_gijbrchtlg obra de John Frederick Peto [1854-1907], especialista en trampantollos](http://estibalizes.files.wordpress.com/2009/04/trompe_gijbrchtlg.jpg?w=324&h=400)
John Frederick Peto [1854-1907

Aínda que a finalidade de certos artistas a día de hoxe xa non é enganar senón pór de manifesto que moitas das consideradas artes son enganos [o cine pasa por unha versión case fiel dos feitos, é dicir, distorce a historia, tal e como os propios historiadores teñen feito sempre, por outro lado; a fotografía enténdese moitas veces como un isto foi así, tal e como amosa esta foto], o que lle aconteceu a Joan Fontcuberta no ano 2004 retrotráenos un chisco a esa Grecia do século V a. de C. de Zeuxis e Parrasio, e déixanos como nus, coa nosa credulidade de pardais aleteando á intemperie.

Escapando da crítica, de Pere Borrell del Caso
No ano 1997 o fotógrafo catalán Joan Fontcuberta [Barcelona, 1955] argalla Sputnik: unha secuencia de fotografías baseada na figura de Iván Istochnikov [en tradución literal do ruso, Xoán Fontecuberta... ], a.k.a. o Cosmonauta Fantasma: un suxeito vítima dos escuros poderes soviéticos que, tras desaparecer na nave espacial Soyuz 2 ao impactar contra un meteorito, é inmediatamente borrado dos arquivos oficiais coma se nunca tiver existido. A nave non iría tripulada. Iván Istochnikov nunca tería existido.
Joan Fontcuberta dispón esta historia en imaxes, fornecendo a verosimilitude grazas a fotos manipuladas, primeiros planos do cosmonauta, documentos proporcionados pola Fundación Sputnik [?] e ata unha foto no espazo do astronauta cunha cadeliña, Kloka. Ao vela non se nos ocorre pensar que no 68 sería ben difícil tirar unha foto no espazo, sobre todo se temos en conta que non viaxa ninguén máis con eles. Artellando unha trama que lembra as peripecias narrativas do Quijote co manuscrito de Cide Hamete e a tradución do morisco aljamiado – un recurso adorado na literatura áurea que a vencella co ilusionismo barroco no que todo é van e miraxe- o fotógrafo narra o encontro casual de todos os papeis reveladores da turbia trama nunha subhasta en Sotheby’s coa proverbial aparición dun xornalista, Michel Arena, que trae á luz o asunto.
A cousa non pasaría das recensións en suplementos e publicacións de arte de non ter sido por Iker Jiménez. Ese home que. Nun programa emitido no ano 2004, Iker Jiménez desvela á sociedade española o singular caso do cosmonauta fantasma. Faino como se fose real. Coido que non debemos sentirnos superiores ao señor Jiménez por coñecermos de antemán as dimensións lúdicas do tinglado - ou mellor a andrómena- de Fontcuberta. Nós tamén somos pardais e acodemos a picoar de moitas uvas que non son tales. Máis a miúdo do que pensamos, abofé. O que lle aconteceu ao equipo do programa de Jiménez foi que se deixou levar pola conspiranoia e o amarelismo [e quizais tamén polas présas catódicas], algo perfectamente comprensible nun espazo televisivo que avoga en xeral por tales actitudes. A min o señor Jiménez non me parece parvo aínda que quizais si un pouco pardal.
Pero, quen non?

Fontcuberta, quero dicir, Istochnikov, é o 3º pola esquerda
Hai anos, cando estudante, lembro ler o artigo dunha antropóloga que daba por real a catalogación dos animais dunha certa remota enciclopedia chinesa, un invento saído do conto-microensaio El idioma analítico de John Wilkins de Borges e que con posterioridade Michel Foucault utilizara para encabezar o seu must de todo estudante de Socioloxía: a obra As palabras e as cousas. A devandita catalogación creada por Borges e asignada aos chineses é todo un canto á arbitrariedade á hora de clasificar e seccionar o mundo, unha homenaxe, case diría eu, ao azar cognitivo. Pero tan verosímil tan verosímil que alguén, nesa cadea académica de reseñas, citas e encabezados de libros pola que foi pasando, alguén tomou por real.
Iso fíxome pensar: cantas cousas lidas na miña vida, contempladas en foto ou documental, tomo inocentemente por reais. E, por suposto, iso xa nos leva a outros dominios, outros desertos. Senténcianos Morfeo en Matrix: Benvidos ao deserto do real.
Se o real é un deserto, volven inevitables as miraxes, os oasis ficticios, as fatas morganas que xalonan a travesía e alixeiran o tedio solar da caravana.
O derradeiro enlace que quero facer de Fontcuberta é coa historia desa suite de Prokofiev que me gusta: a do lugartenente Kijé [ou Kizhé]. A trama, procedente dunha novela de Tynyanov, é a seguinte: un funcionario da garda do emperador comete unha errata que é interpretada como que existe un lugartenente de nome Kijé [un xogo de palabras co ruso difícil de explicar aquí agora]. O emperador comeza a se interesar por ese home, de xeito que todos os implicados na impostura han argallar a vida, obra, milagres, casamento e ata exilio en Siberia dese suposto bravo subtenente. O conto satiriza a burocracia militar rusa, pero polo que a traio aquí é pola súa semellanza á invención do cosmonauta fantasma. O lugartenente Kijé é unha figura inventada pola covardía ou a maquinaria burocrática duns subordinados que, en canto nomean algo, non se atreven a desmentilo por medo ás consecuencias. O cosmonauta fantasma é un personaxe inventado non por satirizar aos servizos secretos da cosmonáutica rusa durante a Guerra Fría como podería parecer, senón para poñer en evidencia que todo aquilo que conte con apariencia documental e datos visuais como probas non ten por que ser máis veraz ca unha lenda oral ou un mito.
Os mitos filtrados como Historia tamén se constrúen a base de fotografías e películas, como antes se construían en base a palabras, hexámetros, tapices ou cerámicas. A clave sempre está na palabra máxica: verosimilitude. Ou, como di o vello lugar común: “A muller de César non ten que ser boa: tan só parecelo“
[...]
En palabras do propio Fontcuberta nunha entrevista/ conversa con Cristina Zelich publicado por La Fábrica y Fundación Telefónica no 2001, “no fondo, eu coido que o meu rol artístico consiste en ser unha especie de observador de que é o que nos infunde esta sensación de confianza e de poñer a proba os mecanismos que semellan garantírnola [...] O que eu fago é intentar manter alerta a nosa percepción fronte a fraudes cotiás que se gardan moito de desevelar a súa condición de tales, tal e como acontece a cotío en todos os medios de comunicación que non fan senón se rexer por intereses de poder”
Algunhas das obras de Joan Fontcuberta: Herbarium, [Ed.Gustavo Gili, 1984], Frottrogrammes [centre d'Estudies Catalans, 1988], Fauna [Museo de arte contemporáneo, Sevilla, 1989], El jardí de les delícies [Centre d'Art Santa Mónica, 1990], Història Artificial [ IVAM, 1992], Lankidetzak [Bizkaia Kutxa, 1993], Moby Dick, Tinglado II, Port de Tarragona [Tarragona, 1995], El imperio de los signos [Murcia, 1997], Sputnik [Fundación Arte y Tecnología, 1997], Micromegas [MIDE, 1999], Contranatura [MUA Alicante-Actar, 2001], Securitas [Fundación Telefónica, 2001]
Joan Fontcuberta, Iván Istochnikov ou Jean Fontana-ou Xoán Fontecuberta, se mo permite deste lado do Cebreiro-, semella condenado a ser tomado en serio: na exposición Sirenas de Salamanca, o ano 2000, o seu Hydropithecus – un suposto fósil dun ser vivo metade humano metade peixe- foi consignado como real por oito dos nove xornais locais que reseñaron a exposición.

Hydropithecus
É obvio: os humanos queremos crer. Queremos crer con todas as nosas forzas. E cremos.

Ivan Joan Fontcuberta Istochnikov
O domingo pasado na parte superior do pub La Cigale, no barrio de Gràcia, coñecín en vivo a unha desas persoas que só coñecía través da máquina. Agustín Calvo Galán. Fixo un amenísimo e dúas veces bo recital dos seus textos. El é o argallador do blog das Afinidades Electivas. Tendes o seu blog de poesía visual por aquí.
Foi el -fillo de turolense e ourensana que emigrou a Barcelona cando o seu pai negoulle uns zapatos- quen me falou de Segundo de Chomón. Turolense.
No tubo atopei algo de Segundo de Chomón. De 1907. Non sei se por sorte ou por desgraza, coloreado.
Un ilusionista de primeira, don Segundo.
Lembroume a aquel outro vídeo que circulara por internet hai un tempo. Claro que o segundo vídeo si é de xaponeses auténticos. Claro que a música do segundo [vídeo] non ten nada que facer comparada coa do vídeo de don Segundo. [Achtung: cota de xogos de palabras cuberta por hoxe].
A través desa arma cargada de futuro polo diaño -Facebook é o seu nome- chégame unha proposta baseada na aleatoriedade: xogar a ser deseñador de portadas de discos inexistentes a partir das procuras random da wikipedia, de flickr ou das wikiquotes. Como vivo estas semanas nun hotel branco con wi-fi, almorzo-buffet e tedio-opulento, acepto.
Lástima que neste portátil non teña cargados máis que os tipos de letra por defecto do OpenOffice. Con todo, a proposta enturba a miña límpida materia gris e paso un par de horas entregada a ese absurdo cometido, fabricando portadas de discos inexistentes de grupos inexistentes, inexistindo, en definitiva. Photoshopeando portadas coma churros.
Con frecuencia de churro, calidade de churro e poder alimenticio de churro.
Unha vez perpetradas unhas 4 portadas abro unha carpeta no Facebook [ese antro de perdición, de perdición de tempo] á que titulo Randomismo.
Bótolles un última ollada antes de as subir á rede. Non están tan mal. Algunhas coarían por portadas reais. Cada unha levoume uns 10 minutos. O xogo seduciume porque en ocasións a min sedúceme calquera con xogos semiabsurdos e porque un fenómeno tan doméstico, tan cutre, tan fractal e tan feitonacasa paréceme a expresión perfecta da sobredose mundial de grupos e discos, só parangonable á de escritores e libros. Unha sobredose que comparo con aqueloutra de vocacións relixiosas na Idade Media: crerían todos eses monxes e abadesas e arciprestes firmemente en Deus? Amarán todos estes grupos, cantoras, percusioneiros, oh señor, a Música?
Vendo os resultados das 4 imaxes con orgullo de nai agradecida ao señor por lle ter enviado 4 fillos azarosos, resolvo que o nome de Krzewa gústame especialmente, quizais porque entre todos os nomes de cidades do mundo en xeral e da wiki en particular, foime saír o dunha cidade polaca; sen dúbida, a cita que dá título ao disco [there is no such thing as algebra] en consonancia coa foto das 3 lerchas campestres, axuda. Agradezo enormemente á divindade randomista wikipediana que me brindase na primeira procura Messier 77, unha galaxia espiral barrada que converteu no nome do meu primeiro grupo. A portada máis bizarra é a de Bekhud Badayuni, cunha errata que me quedou na palabra civilization e que a estas alturas non penso cambiar. O nome de grupo máis grimoso é ablepharon, palabra grega que significa sen pálpebras, algo impensable por exemplo na poesía galega, na que todo é pálpebra [ademais de paisaxe, excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe, Colectivo Ronseltz dixit]. Falando de personaxes, lembro que hai anos encarnei un chamado Blefaron na comedia Anfitrión, de Plauto. Un tipo medio pampo, supoño que coas pálpebras a media hasta, durmiñón. Ter sabido iso das pálpebras naquela altura teríame axudado moitísimo na composición-introspección-stanislawskismo dese personaxe de 3 ou 4 frases que combinaba con outro na mesma obra [facía un dobrete]. É o que ten o traballo de actor: demasiada literatura. Se non lle botas literatura, non es actor.
É o que ten o traballo de escritora: demasiado teatro. Se non lle botas teatro, non es escritora.
Volvendo ás portadas random: nun fallo imperdonable non anotei o nome dos autores dos fragmentos de citas que dan nome aos discos.
A música deses 4 grupos é, por suposto, aleatoria case postaleatoria cun punto after-cyber-wiki- punk.

portada aleatoria 1

Portada aleatoria 2

Portada aleatoria 3

Portada aleatoria 4
Estas portadas poden tamén servir de reflexión verbo da posible e nunca ben ponderada xenialidade da aleatoriedade. Observen por un momento a derradeira portada: unha foto magritteana con alguén de costas, un grupo denominado Ablepharon [sen pálpebras] e o título do disco Problems of other people. Non é marabilloso como o azar urdiu unha composición indolente, cunha vulnerabilidade remota similar a unha canción de Radiohead? Os problemas doutra xente. Sen pálpebras un non ten máis remedio que velos. O único xeito de non velos é volver de costas. Quen é esa outra xente e cales son os seus problemas? Vivir ablepharon, sen pálpebras, equivale a telas perpetuamente pechadas sobre os ollos, a non ver? A non ver por ver demasiado? Somos nós, os espectadores, esa outra xente con problemas ou somos quen vivimos de costas a ela?
Non me digan -non me digan- que esa portada con todos os seus elementos non resulta cando menos enigmática.
Durante canto tempo aturaremos os humanos os enigmas do azar? Ata cando pensaremos que é fascinante e que goberna as nosas vidas dun xeito análogo a un destino algo máis ácrata que o Destino?
Outra día sigo con este fío.
Por se a alguén lle proe o hemisferio dereito, os termos do meme foron estes que copicolo:
Ola, estás aquí porque fuche “tageado” nesta imaxe, pero isto é un xogo no que tratamos de facer portadas aleatorias de discos.
Para facer isto:
1 – Vai a “wikipedia.” e Clica en “random article”, aquí: http://en.wikipedia.org/wiki/Special:Random … O nome da entrada que che saia será o nome da banda.
2 – Busca unha cita aleatoria, clica aquí: http://www.quotationspage.com/random.php3 … As 4 ou 5 últimas palabras DA PRIMEIRA CITA serán o nome do disco.
3 – Vai a flickr para ver as fotos interesantes dos últimos 7 dias, aquí: http://www.flickr.com/explore/interesting/7days … A TERCEIRA IMAXE, non importa cal sexa será a imaxe para a portada do teu disco
4 – Usa photoshop ou similar para xuntar todo iso.
5 – Postea a imaxe a Facebook, pega o texto coas instruccións e tagea aos amigos que queres que se unan.
Original text in english:
http://fluzo.tumblr.com/post/79649512/to-do-this-1-go-to-wikipedia-hit-random-or
Estíbaliz…Espinosa, aka A Criatura Mecánica [aka Opia] vén de publicar escolmas persoais en issuu.
http://issuu.com/criaturamecanica
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/textos_carbon_feros
http://issuu.com/criaturamecanica/docs/escolma_de_mec_nica_zeleste
Foi no 98, ou quizais no 99.
Non foi por idolatría, cousa que odio por patética, senón por curiosidade. Curiosidade devota, si.
Escribinlle unha carta a Wislawa Szymborska. Busquei unha tradutora polaca e reescribina toda. En polaco. Sentíame tan preto dela, desa octoxenaria, apenas separada dela polo grosor dunha ou dúas páxinas… crinme investida de insoslaiables dereitos. Enviarlle unha carta entre eles.
Nunca fixera nin volvín facer cousa semellante.
A carta dicía moitas cousas, principalmente que agradecía ter coincidido con ela nesta membrana? supercorda? rebanda? dimensión espazotemporal. Que me gustaba como humana. Que eu visitara Cracovia un ano antes de xira cun coro e só pensaba en atoparma pola rúa, na Stare Miasto, botando bafo polo nariz e cun gorro de lá grosa. E que a súa poesía redimía todas esas versións petardas da poesía, todos eses Contra os poetas impresos e reimpresos do agudo Gombrowicz, todas esas lexítimas e fundadas razóns para aborrecer ou mofarse de semellantes interfectos barra as.
A cousa foi que tras moito tempo ela respondeume. Contra todo prognóstico. Envioume esta encantadora e algo fuxidía criatura [Ja chce do domu coido que quere dicir algo así como Quero ir a casa] cunhas letras en polaco ao dorso. Telefonei á miña tradutora polaca: marchara. Quedei un chisco desconcertada. Xa para sempre. Desconcertada. Endexamais sabería o que me caligrafou esa muller dende Kraków, probablemente unha mañá despois de apurar o almorzo quentiño, entre miles de cartas de admiradores barra as, con +2º de máxima no exterior, unha cunca con restos de café, figuriñas de cerámica absortas nas tesouras que recurtan, mentres a algúns quilómetros o director do seu banco trisca a lingua botándolle un ollo á conta corrente desa mulleriña, na que a partida de cartos do Nobel leva varios meses fosilizada.
Ela alí, pegando ese esquelete de dinosaurio nunha tarxeta beige. E eu aquí.
A nada máis 3.041 quilómetros, 1 día e 4 horas segundo o Google Maps. En coche.
A súa resposta atravesou voando eses parámetros.
E dende aquela, leva comigo en mudanzas, metida en libros, pendurada en cortizas… sen ter sido descifrada todavía, como un disco cretense en Liñal A.
Hoxe quedei mirando para ela, un xeroglífico cotián ao que non presto demasiada atención. E ocorréuseme pensar que talvez haxa por aí algún Turco Mecánico lendo isto que posúa os rudimentos precisos para traducir do polaco ao galego.
Es ti?
Eu vin ceros e uns que vós non creriades.
Hai cousas. Hai cousas que só acontecen en internet. E, de logo trascender
en, faranno manchadas de cibernética, manchadas deste grotesco e vasto curral que é a rede onde todos se buscan ás agachadas, tecooooleando o seu nome en google.
Á súa esquerda, un vaso de algo. Que apuran. A sorbiños. Compulsivos.
Todos os que traballamos aquí, deste lado do mundo, deste lado da fervenza do val dos elefantes, deste lado do ecrán, deste lado do telón de 000 e 11111, deste… [basta, non me pagan por exprimirme ata este punto, de feito non me pagan] sabemos que nos enteiramos de novas, memes, accións que ao mundo real poden arribar con outra forza, con perspectiva diferente. Sabemos que hai cousas que só existen aquí.
Que a súa dimensión é diferente por existiren aquí.
[I en ocasións vemos mortos]
Non sei se o sabemos ou o intuímos. Vén sendo o mesmo?
Deste lado do telón de ceros adquirimos outra entidade, que é case unha outra identidade. Os grandes tímidos atrévense e os ghuapos fican reducidos a unha frase que asegura que son guapos a carón dun pequeno avatar. A xente búscase a si mesma para descubrir a outros que se chaman exactamente igual e viven en, poñamos, Petrópolis. Ante a interfaz os grandes negociadores salivan, os artistas dixitalízanse tamborilando os dedos sobre o qwerty con furia artística, as novas intranscendentes volven relevantes e acaban por colonizar a prensa e outros medios de comunicación. A rede, coma todo enredo comunicativo, tamén fala de si mesma, tamén practica a rendible autofaxia: do mesmo modo que os rancios contidos da tele consisten na propia tele [programas que aluden a outros programas, programas feitos de retallos, patchwork televisivo], un dos grandes protagonistas da internet é o propio elemento mistérico da internet. A enxeñería, a linguaxe, os artiluxios de ordenador. Geekadas. A sublimación da chatarra silícica.
E a comunidade virtual. O aval de todo intento de volvernos postrimería.
Moitos escritores, impostores, clons e aledaños saltamos aquí porque dexergábase un reino fabuloso tras dun telón de ceros. Un reino que tardou apenas un par de anos en se superpoboar, ben é certo, pero un reino onde por fin a impostura era lei e non importaba non figurar no círculo da edición e xestión de libros en papel. Tras do telón de ceros son moitas as tramas que se urden, moitas as conquistas e algunhas non pasan das 1000 visitas. A posteridade converte nun grial sensiblemente máis esotérico: quen pasa á posteridade entre tanto nome? Quen garante o seu nome ante un millar de nomes? Quen esixe semellante titanismo de si mesmo?
E sobre todo, que significa un nome?
Está claro que unha condición sine qua non para existir sobre as calizas da terra é existir sobre o cristal líquido da pantalla. Así aconteceu co Prestige, coas protestas pola guerra de Irak, co acelerador de partículas do CERN ata chegar ao governo de transición de Obama… e aquí, na internet, todas esas apariencias de realidade flotan con new yorkers, animacións chinesas, elena chernenko, portais nacionais de bhutan, rebelion.org, lotte reiniger, lectores malheridos, petites claudines, microsiervos, pornotubes, chuzas, persoas en prácticas, criaturas mecánicas, ciber pin-ups, turcos mecánicos, calidonias, haijins, levantadores de minas, foros de ubuntu, bellas varsovias, multas de luisgarcíamonteros, fotos do teu fillo, mensaxes da sonda mars phoenix en twitter e terabytes de documentos en creative commons.
Mentres outros ven a tele, somos moitos os que vivimos deste outro lado. Onde disque faise a compra, procúrase parella e se queda ben ante a modernez estando aquí. Cunha presenza espectral, inventada, conectada. Seica o mundo comezará en anos vindeiros a suceder por aquí? E a nova forma de sociabilidade redistribuirá as categorías sociais entre conectados e non-conectados [plugged e unplugged]? Que acontece cos que non acceden a este lado? Simplemente, non existen. Que conclúes se tecoleas Liberia e non aparece nada? Non existe.
Os que precisan colirio nos ollos e fisioterapia para malas posturas da columna xa somos lexión… Lexión de zombies.
Isto é a parte de atrás dun poema chinés.
As artes dixitais permiten entrar e saír dun sen pedir permiso.
Coido que é o mellor que se pode facer cun poema a día de hoxe: atravesalo de parte a parte.
Perspectivizalo.
Tamén este évos tremendo. Máis lento. Máis tao.
A música.









Ecos con reverb