You are currently browsing the category archive for the 'ollo mecánico' category.

Jean Marais

Jean Marais

As fillas de Mnemosine, a memoria. As Musas. As nove insinuantes mozas que viven nos ombreiros dos xenios para alcanzaren mellor eses pavillóns auditivos que han soprar sen descanso.

Ou se cadra é nos seus sombreiros onde moran, debaixo dos cales executan danzas microscópicas, si, mais hiperestimulantes para o rego sanguíneo dos miolos.

Non alcanzo a saber moi ben onde se sitúan exactamente as Musas en todo isto da creación artística. Teño claro, ata aí coido que vou ben, que se trata de mulleres. Tamén guapas, con esa beleza fornida das clásicas estilo Sibila de Libia. En que réxime inmobiliario habitan ou como executan o seu oficio xa me queda máis lonxe. Viven de aluguer nalgures? Ou son os tocados polas súas fatais mans os que viven de aluguer nelas? Preséntanse no espello, na cunca do almorzo, na pantalla apagada do ordenador, nas sombras retortas dos carballos que avanzan a carón da noite? Nos desaugues sen limpar? Como se comunican? Susurran? Maxia táctica? Rabdomancia? Envían papeliños dobrados como doncelas casadeiras das comedias de Moratín? Son magas? Reescriben pacientemente cando o escritor xa ronca -estertores similares aos dun golfiño perdido da nai- sobre os restos de hamburguesa? Que disolven no aire para que saibamos que estiveron aí? Son as Musas extravagantes? Son trampulleiras?  Inmigrantes? Consentidas? Punkarras e sensibles? Fican todos aqueles aos que visitan realmente tocados pola gracia?

Tras poñer a lavar tanta cuestión, outra evidencia semella encarnarse ante nós: as musas son femininas nalgún tipo de balanza especial que esixe que o outro brazo sexa masculino. O brazo do xenio. Agás en disciplinas de lucimento corporal, como a danza, é raro ver mulleres tocadas pola musa, choca imaxinarmos á autora de traxedias nun café discutindo con Melpómene en ton amigable as calidades dun termo ou doutro. Quero dicir que a quen imaxinamos é ao autor. E non tomándose un café coa Musa senón nunha relación íntima, espiritual ou case alimenticia con ela, dela. Asumimos que a Musa é un ente penetrante. E que os xenios inspirados son, polo tanto, seres penetrados ás veces mesmo sen consentemento. Noutras palabras, violados.

Tras esta somera análise -moi somera, demasiado somera, de certo que convida a profundar máis- do estado da cuestión das Musas e os Xenios, asoma o fuciño unha especie de cara oculta, de hemisferio sur, complementaria desta que vimos de -someramente- analisar: a cuestión dos Musos e as Xenias.

Concluíndo que as xenias non deben de poder existir -ninguén no seu san xuízo coñece ningunha- debemos cinxirnos, pois, ao exame dos Musos. Os Musos como tales tampouco dan moitas probas da súa existencia e, de existiren, ninguén tomou aínda a molestia de os fosilizar en canon. O canon di claramente Musas en número de 9. No intre en que unha muller presenta signos alarmantes de xenialidade, polo xeral é trasplantada ao templo empíreo das Musas de onde, como todo o mundo sabe, non se pode escapar a non ser que se conte con algo importante que comunicar a algún xenio. Os Musos deben de funcionar dalgún modo similar, tamén por oposición, só que rara vez son convocadas. As oposicións a Muso. Sospeitamos que pola dificultade inherente ao labor de comunicar algo a algunha xenia, ao non tratarse esta dunha raza terrestre coñecida.

Os Musos. Non sabemos cantos son nin onde viven. De quen serán fillos. Do Esquecemento? Do Oblivion, esa palabra enigmática, anglosaxona, que tamén remite á Nada, ao que é extinguido conscientemente? Hai algo escuro na súa xestación de homes. Cherchons l’homme. Procuremos o home. O home anterior, anterior a todo isto. A muller virxe e adorada dunha puta novela de García Márquez atópase calcificada na súa virxindade, a súa nudez tan recreada, a súa sumisión tan extendida, a súa drogada deixadez en todo momento falsa. Tan terrible. Unha escravitude consentida, confirmada. Con naúsea e certo abatemento confesada, pero nunca abandonada. De nenas advírtennolo: coidado, non te vaia levar un señor. Iso dicía a miña nai. Un señor era a criatura máis ameazadora do mundo. Os señores que persiguen nenas. Que din amalas. No nome do amor, din.

Un señor perseguíume aos 10 anos ata o portal da casa dunha amiga e unha vez alí, unha vez pechada a porta, intentou entrar. Arrepiante. Iso foi.

A fosilización en musa das mulleres salientables intelectualmente ha ter o seu equivalente. Pero non podemos obrar igual.  Non podemos esclerotizar a xenialidade masculina -que existe, din os mapas- en simples musos que nos inspiren, acabar coa maxia dos xenios varóns. Non se pode seguir ese vieiro. Detestable, sería. Cómprelles aos Musos un reino de seu, a súa estirpe, o eido no que funcionan sen que corramos a tildar de Muso ao primeiro talento real que atopemos. Imaxinan? Coetzee é o meu Muso. Meu, dunha muller trinta e pico anos máis nova ca el. Ou Javier Rodríguez Marcos é o meu Muso. Alguén da miña xeración. Como sería escoitar iso? Non senten como minguan? Non os ven minusculizarse perante vostedes? A eses dous escritores fantásticos?  Coetzee converte nun paxariño saltarín nun ventanal de biblioteca monástica e Rodríguez Marcos nun efebo corriscando un bosque de graffiti ferroviario. Non deben ser eses os nosos musos.

Os Musos. Estanme resultando problemáticos. Sobre que operarían? Un Muso da Tecnoloxía, por exemplo. Louro e prateado. Con nariz semita. Un Muso da Resistencia. Un Muso da Enxeñería. Quen inspirou a Ada Lovelace, a Arenal e a Agnesi? A loucura e a bruxería, a histeria, o lesbianismo e a frixidez. Esas foron as inspiracións. Condenatorias. A muller que sabe, bruxa. A que pensa, tola. A que reclama, histérica. A que di non, lesbiana ou fríxida. Os nosos musos pertencían ao reino do reprobatorio, do tabú. Non eran musos, nin inspiracións senón patoloxías, demos, desvíos. Nunca se falou de Musos maiúsculos, waltwhitmanianos, os varóns extraordinarios e sobrenaturais capaces de xerar en nós respostas máis extraordinarias, malia terrenais, aínda. Os homes fermosos, sabios, magnánimos, vestidos con túnicas e portando símbolos das súas destrezas: unha frauta, unha escuadra, un circuíto de silicio con forma de infinito.

Musos da miña vida, abride. Florecede. Lexións de xenias, de filoxenias, agardan por vós como enxames dispostos a procesar cada pinga de néctar que supuredes. Estamos abertas de oídos. Abertas de mentes. Agardaremos pacientemente por vós coas mans sobre o teclado, sobrevoando o planeta, remollando os pes en calquera praia branca de páxina na que nos sexa dado naufragar. Tratarémosvos tan ben, tan ben, oh Musos, cantade para nós. Danzade, que vos vexamos.  Vós, homes solícitos. Vós, homes elásticos, contenedores da feminidade. Contádenos todo aquilo que debamos contar. Visitade os nosos soños, limpade os grans de area das nosas perfebas e deitade no seu lugar auga salgada, leite e grans de trigo. Entrade pola porta da nosa inconsciencia, que deixaremos sutilmente entornada para vós. Sede etéreos, sede sorrintes, sede suaves. Morrede a un manotazo noso. Disipádevos cando non sexades benvidos. Existide como sombras tras as grandes obras, como intuicións. Musos, oh, da nosa Intuición Feminina.

Deixádenos conducir á nosa maneira esa trequeleante dilixencia da xenialidade polo val de toda frustración e todo desencanto.

E inspirade tamén a quen nos lerá no futuro. Aos que como vós, homes, cargan coa pesada cruz do xenio. Inspirade. Espirade. Inspirade. Espirade.

Inspirade.

by unknown

by unknown

Abrín unha páxina ao chou. É unha enfermidade que teño. Nunca deixa de ser un exercicio interesante porque pilla estilo, trama e personaxes totalmente desprevenidos. A páxina é a 259. A editorial: Compactos Anagrama. Cor de cuberta: vermello intenso. Título do libro: Los detectives salvajes. Autor: Roberto Bolaño. O de alá. Porque tiñamos outro aquí, o home de teatro Roberto Vidal Bolaño. Falo de Roberto Bolaño o chileno. O Belano. O famoso. O citado. O de boca en boca.

Contra o final da páxina, unhas letras en negriña que parecen marcar o inicio dun fragmento novo, con coordenadas persoais e de situación. As letras din: Alain Lebert, bar Chez Raoul, Port Vendres, Francia, diciembre de 1978.  E segue: Por aquellos días yo vivía como en el maquis. Tenía mi cueva y leía el Libération en el bar de Raoul. No estaba solo. Chimpo diagonalmente, paso páxina e deteño nunha frase clave: no tengo ni idea de por qué le llaman así ni me he molestado en preguntarlo, últimamente me noto una tendencia preocupante a aceptar las cosas como son.

Quedo enganchada uns intres nesa frase que pretende arrincar o sorriso cómplice do lector. Non mo arrinca. Aos 20 anos frases similares de Rayuela arrincaban o meu sorriso. Teño a vaga impresión de que estou a follear un palimpsesto de Cortázar, de que se raño un pouco a superficie aparece a Maga. En efecto na páxina 260 aparecen as Gauloises, o eterno tabaco que fumei só por figurarme nun relato de Cortázar. Dende logo, as Gauloises non están embutidas aí no texto dun xeito bastardo: fumar Gauloises sería o normal na Francia de finais do setenta,  non o discuto. Decátome que son inxusta. Recabo impresións apresuradas e sen dúbida fortuítas antes de ler un libro. Iso que chamei exercicio interesante tamén resulta ser un exame traizoeiro do estilo dun autor. Cazalo en banalidades, en recheos, en frases de grave autocompracencia… Intentar metelo nun prexuízo noso.  Pero é que veño doutras latitudes literarias. Veño de diseccionar cadavres con Coetzee, un tipo que non parece darse ningunha concesión a si mesmo. Implacable como o seu erotismo candente en medio de páxinas e páxinas de xeadas reflexións, sempre certeiras, Coetzee é un caníbal sutilísimo [mal que lle pese ao seu vexetarianismo, como xa dixen del noutra ocasión] de materia humana. Un escritor que non se concede nada a si mesmo, ningunha medalla agochada nos textos. A súa honestidade parece intocable.

Non atopo nada diso neste fragmento de Bolaño. Repito que é unha impresión inxusta, baseada no final da páxina 259 e no principio da 260 da edición de Anagrama.

Leo máis páxinas ao chou, páxinas nas que se contan moitas cousas, demasiadas cousas, demasiada profusión de detalles, nomes propios e circunstancias. É evidente que este señor quería contalo todo. Agora como acabe isto xa está mans da nosa preguiza.

Que facer, logo?

Ler ou non ler?

f7842d7ab745111afec6dee8977a1f28f768b374_mPedíronme un texto sobre o e-book e a literatura na rede. Entreguei Os incestos da tinta. Publicouse na revista Tempos Novos no mes de abril de 2009.

Nese texto examino sobre todo a diverxencia sensorial entre un libro electrónico [e-book, libroé] e un libro confeccionado en papel. Trátase, se cadra, da reflexión máis inmediata: as cousas son e serán xa para sempre distintas. Non sabemos moi ben en que, pero dar conta desa diferenza fainos sentir acordes cos tempos. Serán distintas, si. Semellante aseveración desprende o cheiro da saudade/ a textura do fetiche. Nese texto emito preguntas intermitentes que emerxen dun certo desconcerto.

[...]

Dun tempo a esta parte [expresión que...] dun tempo a esta parte ninguén que estea no mundo -neste lado do mundo-, ninguén con vagas ensoñacións de ser lido e reflexionado deixa de matinar e compartir matinacións sobre o asunto. Os e-books. A literatura dixital. Os dereitos de autora. Téñennos rodeados. As nosas pretensións por ser o futuro acampan detrás.  Falando do futuro cremos ser o futuro. E non hai nada que delate tanto o paso do tempo como certas elucubracións sobre o futuro en tempos pasados.

En fin. Os e-books. A literatura dixital. Como é posible que xa saiban, eu tireime á piscina nese asunto. Publiquei na aberta rede negra logo de telo feito na compacta celulosa branca. Non se trata dun e-book aínda pero que carallo. Era libre. Era nova. Era de balde. Era fácil. Era idiota. Era inxenua. Era astuta. Era unha nova era.

Que se era.

Os libros dixitais, como tales, aínda non popularizaron dabondo. A cousa renguea. Son caros. Os dereitos. Os tortos. Os protocolos e reumas da edición convencional. Cómpre como que dixitalizar a literatura universal ao completo e iso supón bastante máis esforzo que acender unha cacharela nun patio onde  queimar os libros dunha biblioteca. Ademais, ábrese a piñata das preguntas que nos chorrean enriba: a que cheira un e-book? Que acontece coas bibliotecas, espazos incribles? E se perdese un e-book con 3.000 libros dentro? Que fago cos andeis baleiros do cuarto propio? E se se borra a memoria? Do e-book, quero dicir.  E se rebela contra min e non quere darme a ler nada? Como o acendo no cumio da Garita de Herbeira, concello de Cedeira, e deixo que axiten  as páxinas? Como paso páxinas ao chou? Como espiamos o que len outros? No tren, por exemplo. Como quedará nos cadros de Hopper? Xa non vive, Hopper. Sigamos: como me identifico coa liña sintáctica virtual que conforma un personaxe? Sufrirán os meus grandes ojos fijos nesas pantallas? Poderei corrixir eu as erratas? Onde vai, pois, o discreto encanto das erratas? [das follas soltas... dos libros mal encadernados...?] Onde fican os libros malditos, raros, bizarros, gonzos? Como suliño? Como marco a páxina? Como lle limpo as bágoas, o seme, as areíñas da praia de Bares? Como o roubo? De que xeito detecto a páxina que máis veces lin?

Haberá neses novos dispositivos funcións e aplicacións que faciliten todo iso, con certeza, así como outras posibilidades que agora mesmo -vai calor, un día de sol no cuaternario, falemos do tempo e das ondas que saltaremos para nos infundir vida- posibilidades que agora mesmo se me escapan como o globo de Betanzos, que nunca se sabe onde vai caer. Todos teremos un dispositivo con toda a nosa biblioteca, como dispomos dun só cerebro con toda a nosa vida, unha soa alma con todo o noso corpo ou un só iPod con toda a nosa quincalla musical.

Eis a clave.

Antes os libros eran un por un. A cada libro, un autor. A cada libro, unha portada, un aspecto. A cada libro, uns personaxes.  A cada libro, un fin. A cada libro, unha opinión, pode que lanzada dende un primeiro ollar e xamais modificada polo tempo ou o nordés.

Non falei disto no artigo aquel de Tempos Novos, pero agora véxoo todo dende outra perspectiva, máis estival: na miña vida tiven un e-book nas mans pero sei que cando ese [redobre de tambor] glorioso momento [crescendo] aconteza, sosterei na miña man [trompas] unha singularidade matemática [trompetas] na que colle [percusión molto forte a fortíssimo] ou collerá [rallentando] a literatura toda na súa infinita permuta, variedade e estilismo. É dicir [resolución, volta á dominante] que un e-book será un só obxecto que resolva onde antes existían tres mil millóns.

[harpas a extinguirse nun pianíssimo distante]

lettering06

DISQUISICIÓNS MORAIS

É iso bo ou malo? Xa apareceu a dicotomía esencial, a moralidade morosa de todos os nosos puntos de vista. Bo para quen ou que? Por poñer algún exemplo, para as mudanzas de seres vivos con libros iso é indubidablemente bo. Para os lombos de cativos lonxe dos seus colexios en polígonos industriais, iso é indubidablemente bo. Para a procura da pasaxe que nos fai pestanexar repetidas veces e que empeza por Considerando en frío, imparcialmente, se o e-book conta cun bo buscador, iso é indubidablemente bo. Para a busca da data exacta na que limos por vez primeira Esta branca páxina non debe ser manchada co meu verdadeiro nome iso é, digamos, bo. Para atopar a intensidade xa no esquezo coa que suliñamos en verde E por algures andan leóns aínda e non saben, mentres dura a súa maxestade, de impotencia ningunha, seica un e-book será moi bo. Para saber que lía o noso irmán no 89, os seus Nietzsches sobreescritos, os seus sinuosos  imitadores de voces, os seus Riscos… para iso será bo o e-book; e implacable, ás veces o mellor sinónimo de bo. Para as imprentas non será bo. Para o folklorismo elitista comparatista de portadas ecuatorianas e portadas estadounidenses non será bo. Para a industria e o ritual do papel non será bo. Para os eucaliptos que neste momento arrola o vento en Ortegal e que tamén -Pondal non podía sabelo- ían ser moi rumorosos, non será bo. Para a xestión e difusión editorial tradicional pode ser malo ou bo. Para os cegos pode ser bo. Para os andeis a exhibiren libros, non vai ser bo. Para o bookcrossing moito me estrañaría que fose bo.

E así.

O que importa é que onde había moito, onde había demasiado, agora haberá menos. Os e-books prometen ser reductios [sic], espazos recluídos, claustros dunha tradición e variedade todo o macedónica que se queira nas nosas mans. Un dispositivo macrocefálico nas nosas mans. Mans que seguen sendo antropoides.

AS CALIDADES DO OBXECTO, AS CALIDADES DO DISPOSITIVO

Vistas así as cousas, onde os libros funcionan como obxectos observamos que os libros-e fanno como dispositivos. No meu artigo de Tempos Novos equiparaba ambos conceptos, mais agosto revela as cousas baixo outra luz. Ata certo punto, un dispositivo tamén é un obxecto pero hai unha diferenza de base: por leis da física aínda non moi ben aclaradas, un obxecto do mundo real segue a ser un obxecto do mundo real e aí queda a cousa. Podemos argüir que un obxecto por exemplo da antigüidade chinesa exposto nun museo non é o mesmo obxecto que foi; ben, nese caso o obxecto está descontextualizado. Un obxecto nun museo connota sensacións, ideas, que a presunta chinesa que o empuñou nin osmaba: paso do tempo, vanitas, caídas dun imperio, traizóns, cultura isolada, perfección inaudita. Os obxectos comúns, polo xeral, non se comportan con semellante profundidade. Mentres un espello dunha vella dama chinesa nunha vitrina contén a China enteira, o retrovisor do meu coche non contén a Galiza, nin a cultura afterpop do touro de Osborne se ben os ten reflectido moitas veces.

Que pasa cos dispositivos? Ben, a palabra dispositivo xa presenta un aire dinámico. De disposición. Un dispositivo dispón unha parte do mundo: ábreo ou péchao, acende ou apaga, emite ou absorbe. Un libro tamén pode entenderse, visto así, como un dispositivo. Certo. Ata unha palabra pode ser un dispositivo [a palabra Mátao pronunciada no contexto adecuado. É un dispositivo, como unha guillotina o é. Disto xa falaron moito e mellor Austin e Searle]. Acontece que, postos á par libro e e-book, o segundo semella moito máis dispositivo có primeiro.  A súa capacidade de dispór semella maior. Un e-book, falo en teoría, promete ser quen de indagar e argallar máis cousas dentro do libro, de afondar máis nel. A cousa é: se o fai o e-book, facilita que o antropoide lector xa non teña por que facelo. Afondar, quero dicir.

A simpleza dun libro -un obxecto, limitado en si- convida a afondar nel.

Aínda non podo saber se a complexidade dun e-book convidará ao mesmo ou xa nolo brindará todo feito.

Onde quero chegar?

lettering02

Non son en absoluto tecnófoba. Ao contrario. Atráenme, como a todo occidental e oriental, os dispositivos. O que poden facer por min. A memoria miña que se pode gardar. Probablemente algún día terei un e-book e relerei con maternalismo esta entrada, acariñando a cabeciña parva desta que hoxe son. Un e-book non fai nada prodixioso!- direi. Só pragmatiza as nosas relacións cos textos e axiliza os nosos paseos cos paralelepípedos encadernados. Fáltanlle atributos, pero incorpora outros. Mais tamén pode ser que me diga: Quen o ía pensar. Un e-book supón outra relación coa literatura, algo incrible, impensable no 2009.

Acadará forza semellante, o libroé?

Ríanse de min, xentes do futuro. Contémplenme como a unha pequena bacteria intentando trepar por unha galaxia imponente, como un chimpancé macho a espreitar a Marilyn durmida. A vosa perspectiva outórgavos a disposición a rir. A dispositio. O dispositivo. Rían de min. Oxalá eu soubese o que vostedes xa saben. Pero tamén o meu candor inclinouvos cara a min. E aquí estades, neste renglón. Da miña infinita ignorancia só un cachiño infinito vos separa.

Todos o sabemos. Todos os vemos. Todos sacámoslles fotos ou gravámolos cunha cámara dende un coche. Todos opinamos sobre eles. Algúns louvamos o seu aire de cyborgs taciturnos. Algúns criticamos a súa saturación na liña do horizonte. Algúns sentímonos intimidados pola súa obediencia. Algúns aliviamos cando un deles semella de folga de aspas quietiñas. Todos andamos pendentes da súa dependencia política. Todos ollamos para eles confiados. Porque son limpos. Todos ollamos para eles con reticencia. Porque son lexión. Todos abraiamos do seu ronroneo engrenado. Todos os vemos despezados pola autoestrada, en longos camións de dobre eixo. Todos fascinámonos con eles. Son fermosos. Parecen portar algo nobre. Se cadra porque tratan co vento e, de luxar algo, só luxan a liña do horizonte, algo tan mutante que estamos afeitos a prescindir dela, a fractalizala ao noso antollo. Pois, que é o horizonte? A ilusión dunha fractura. O aire con eles segue impoluto. Os ríos con eles aturuxan de indiferencia. Por eles, ningún animal [nin sequera as aves] semella perder a compostura ou a vida.

un céfiro

un céfiro

[Todos sabemos que vento temos montes e moreas. Todos sabemos que o vento non cesa nunca. Todos sabemos que os montes e as moreas si. Hailles  montes que cesaron. Cesaron de ser montes. Agora exercen a filosófica profesión de baleiro. Todos sabemos que o vento zoa moito por eles tamén.]

Todos sabemos que de non ser por eles, e para achegalos aos cumios nos que reinan, boa parte das estradas e viais galegos non estarían nin comezados.  Todo semella orientado a facilitar a súa invasión. Porque todos sabemos que nos invaden. Que son o futuro, brancos como Apple, rotando como firmamentos, rosmando como criaturas desvalidas no alto dos altos.  Que serven a Eolo e a Iberdrola, unha das concubinas consorte. Que converten as serras e o seu perfil sinuoso, arcaico, nunha sorte de miraxes manchegas dispostas a ser asaltadas por hordas literarias. Quen fose Dulcinea andante. Quen fose futurista a compoñer unha Oda ao Aeroxenerador. Quen fose surrealista a se amalloar nunha das súas pas como penitencia tecnolóxica. Quen fose dadaísta a pintalos de cores para os chantar como fondo da Gioconda. Quen fose haijin a admirar o seu silencio de cousa. Quen fose publicista a enchelos de anuncios por palabras. O vento é o único que nos une. A nosa espiña dorsal está ourizada, como a dun porco teixo inmenso e meditabundo.

Son como cousas de encantamento, foron polo aire e viron polo vento.

Canda o chapapote, forman substancia lírica.

As mellores vistas téñenas eles. Os mellores aires móvenos eles. A altiveza eles a ostentan. Son cada vez máis e hai algo turbio ás súas costas de turbina. Toda a mitoloxía de Eolo e o seu odre de ventos, de Bóreas, fillo de Aurora e Astreo, irmán de Notos, Céfiros e Euros [Euros, aquí,  o vento do leste], toda a etimoloxía das anémonas e os desaires, toda a xestión a suxestión e a dixestión do vento que nos envolve revolve e disolve, todo fica reducido nas mans da política económica a unha formación de soldados, a unha morea de mans tendidas dispostas a levar o seu cacho de aire en forma de euros [euros, aquí, moeda común], a unhas disposicións que se aproban e derogan con esa veleidade das cousas etéreas, como un galo de veleta que nunca sostén a mesma opinión sobre o asunto. A cuestión do aire galego perde seriedade, solidez. A cambio, gañamos personaxes para todas as nosas futuras novelas de ciencia-ficción [como aqueles ameazantes Trípodes das Montañas Brancas, de John Christopher] cun nome aínda impreciso: aeroxeneradores, tripalas, muíños, os chismes eses, servos de Eolo, venticulares, derviches mecánicos, eólicos, eolios, chirimbeolos

Calados na Serra da Faladoira

Calados na Serra da Faladoira, col. persoal

Nun documental, un home levaba 30 anos perseguindo lóstregos

Capturábaos cunha Minolta vella. Poderían ser máis de 15000. Non lembro a cifra das súas instantáneas, como tampouco lembro os millóns de galaxias posibles. Nerviosamente, contábao a cámara. Tanto alampo metido entre as mans, tantas noites sen durmir, consultando radares, conducindo cun sandwich e unha cervexa e 30 rolos fotográficos contaxiáronlle un xeito de estar en fuga sobre o mundo. O tipo parecía un tic. Un tic nervioso. Un clic nervioso.

Eruption, by David O. Stillings

Eruption, by the Lightning Stalker

Sempre me deixan coa cullerada de iogur a medio camiño da boca ese tipo de personalidades: as que obsesionan con algo tan concreto tan concreto tan concreto como unha tese de doutoramento. Vou ser fotógrafo. Ben. Pero máis: vou ser fotógrafo da natureza. Pois… ben, ben. Pero agarda que non acabou: vou ser fotógrafo da natureza nocturna. De acordo. E deamos xa na punta do cravo ardendo: vou ser fotógrafo de alampos das tormentas nocturnas.

Iso xa adquire as proporcións de concentración dun láser. Unha focalización tan aguda, tan minuciosa, que nos desarma: 20 anos saíndo todas as noites de maio a outubro a cazar lóstregos.  Todas as noites de maio a outubro en vela, lostregueado. Todas as noites de maio a outubro nun delongado clic de expectación. Todas as…

Hai un tempo, procuraba algo sobre volcáns na rede.  Dei coas achegas fotográficas e audiovisuais dun home, un rapaz novo, que filmou de xeito amateur varias erupcións. Tamén fogos de artificio. E finsternis, esa palabra incriblemente medieval que empregan os alemáns para os eclipses. Logo de ver varias das súas gravacións en youtube e flickr, entérome de que morreu hai algúns meses, precisamente filmando no Etna. Precipitou nunha fenda. O seu traballo fotográfico mestura o fascinio polo temible, a beleza sobrenatural do natural e nel vexo indicios desa mesma laserización dunha teima, igual que no acosador de alampos, o lightning stalker.

Quédome coa sensibilidade do acosador de volcáns. Iso si, ambos os dous parécenme dignos dunha película de Werner Herzog.

Etna, by Thomas Reichart

Etna, by Thomas Reichart

Natural Lampion, by Thomas Reichart

Natural Lampion, by Thomas Reichart

Desce ao cráter do Yocul de Sneffels que a sombra do Scartaris acaricia antes das calendas de xullo, audaz viaxeiro, e chegarás ao centro da Terra, como cheguei eu. Arne Saknussemm”.  Jules Verne

Actualización: existe un modo artificial de conxelar un alampo en laboratorio, creando as chamadas figuras de Lichtenberg. Co Dynamitron de Newton Falls, por exemplo, en Ohio. Ohio. Os amish cos seus carromatos verdes pintados a man e no alpendre do lado, un acelerador de partículas. Así que un fenómeno tan primixenio como o do espectáculo dunha tormenta eléctrica xa é -tamén- un dispositivo portátil. Así que. Axiña esas láminas de metacrilato cun alampo dentro adornarán repisas, chemineas e as cristaleiras dos últimos deseños arquitectónicos.

A nosa inxenua natureza portátil. A nosa natureza de peto. O noso consolo.

Falaba cun amigo [co amigo] das galas de verán, as mesas redondas, simposios, symposia, relatorios e todo o – en palabras súas- roce de anteniñas que supoñen. Tamén do feito de que as mesas de redondas teñan pouco. Cadaquen chega e – nun conmovedor comosemprismo- bota o seu rollo dun xeito frontal, en mesa oblonga e moitas veces sen facer nin caso ao outro presunto par – ou igual- de Camelot. O meu amigo formou parte dunha mesa redonda sobre haiku, nun lugar de La Mancha.

Tamén eu formei parte na miña vida de espectáculos similares. Isto parece ser unha condición sine qua non do escritor de hoxe en día, sen embargo estou certa de que non o é. Conditio sine qua. Mais con todo, así coñecemos mundo, idioteces e de cando en vez, marabillas.

Nun dos meu primeiros saraos regaláronme un libro. Foi o mellor que obtiven a cambio. Un deses libros de compilacións de textos e poéticas de autores varios, libros fatalmente destinados ben ao Moucho [tags: libros de segunda man, bo prezo, cidade vella herculínea, traer pola calle da amargura], ben a soster ese moble que coxea. No meu caso gardeino porque atopei algo valioso.

Dentro dese libro había moitas cousas indispensables para seren prescindidas ata que a miña vista desencriptou un soneto: un soneto, ese bargueño tan mono para o vestíbulo do noso intelecto. Queda tan ben. De moza facía sonetos. Claro, e quen non? O contrario indica unha grave ausencia de corazón e, quizais, de glándula pineal. Todos deberíamos perpetrar un soneto na nosa vida, debería haber Violantes pagadas polo estado que nos conminen, nos amenacen, nos violenten obrigándonos a un soneto, un soneto que é un son, un miraoquefago. Miraoqueseifacer. Como facer o pino con saia de volantes ante o rapaz que nos gustaba.

Atopei un soneto. É difícil escribir un soneto hoxe que non se asemelle a un bargueño estilo florentino do século XVI. Por moi canalla que poidamos facer soar un soneto moderno hai algo vernizado nel, restos de pan de ouro nas gavetiñas, ABBA ABBA…  Sen embargo, naquel libro compilatorio dei cun soneto diferente, disimuladas as molduras, as patas de bronce, as medidas na madeira e, pasados os anos, lembrei del a miúdo. Esa é a proba sublime: canto me lembras? Todo texto leva implícita esa pregunta, lévaa inscrita como unha marca de auga só visible ao trasluz.

Pois ben, lembreino. O soneto é dun poeta chamado Raúl Vacas Polo. Non o coñezo. A verdade é que o único que sei del é ese texto. De feito, coñezo máis o texto que ao seu autor. Iso é raro. O poema veume á cabeza en máis ocasións: nas farmacias, ollando recetas recén asinadas, revisando datas de caducidade nos frascos dun botiquín. E iso foi: nas mans dese escritor o soneto peza de marquetería devíu en botín de botiquín.

Un dos mellores sonetos actuais que lin.

Para os que a rima dea grima: abstéñanse. Abstéñanse.  E unha vez máis -isto é poesía, señores, fagan xogo- abstéñanse.

VADEMECUM

Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,

Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,

Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.

Adiro, Conductasa, Senioral,

Profer, Optalidón, Gelocatil,

Zantac, Aureomicina y Hemoal.

Raúl Vacas

pals

Pablo Gallo. Xa falei del algunhas veces aquí. El é o autor desta micrometraxe baseada nun texto de Zoommm. Textos biónicos, o titulado suspense. O texto naceu no ano 2002 e ten unha morte prevista para o 3200, aprox. Ata entón poderá ser lido en forma de texto ou sub specie visionaris [corríxeme que me trabuco, Cicero] aquí:

SUSPENSE
non sigas lendo. isto é unha trampa.
non vou dicirche que faría canto quixeras


e estamos incriminados nela, ti e máis eu

non vou dicirche que quizais non

e debes seguirme punto por punto ata o final
non vou dicirche que enterrei todas as palabras

estás atrapado agora, e a vida váiselle a este poema
poderás empezalo unha e mil veces e unha e mil veces acabará da
mesma forma
estamos só os dous e ti fasme sentir que todo isto é certo

pero se non é certo, por qué segues aquí
por qué segues
a piques de caer nesta trampa indivisa
na vida que se lle vai a este poema, secamente

faría canto quixeras
quizais non
enterrei todas as palabras

quédanme estas para che dicir que quero
aprender
o teu rostro
de memoria

Coñecín a Bei Dao, unha illa silenciosa no mar do Norte.

Sentou nunha mesa con 7 ou 8 persoas máis. Unha mesa pequena, diante dun público. Eu era público. Na mesa foron falando todos -todos- durante máis dunha hora ata chegar a el. El era o elemento máis exótico da mesa, o convidado especial. Sen embargo sentou no extremo máis apartado e con aspecto, como diría a miña nai, de non comer quente. Literalmente, quedou fóra da mesa. Observeino neses minutos que preceden a un acto institucional. Era Córdoba e chovía. Alí dentro, nunha caixiña de cristal a carón da Feira do Libro, arremuiñábanse fotógrafos e camarógrafos e organizadores e públicos, todos preocupados por non saltarse medidas protocolarias básicas. Unha muller sentada na segunda ringleira rosmoume que non debería sentar na primeira ringleira -onde me acomodara había un par de minutos- por estar presuntamente reservada a autoridades. Nada indicaba que estivese reservada a autoridades, pero a xente é así. Tómase a organización pola súa man, vela por protocolos abstractos. Díxenlle que eu agardaría alí ata que chegasen as autoridades para lles ir quencendo o sitio. A señora non ríu. Aos poucos, ela e a súa amiga viñeron sentar ao meu carón. Moi serias. Só velaban que ninguén se saltase o protocolo para poder saltalo elas primeiro. Ah, era iso.

Bei Dao apareceu probablemente da nada, cunha carteira marrón. Nunha constante reverenza, asumíu sen ningún tipo de interese televisivo o lugar que lle asignaban. Durante uns minutos non soubo que facer coa carteira marrón. Tratou de pendurala no respaldo da cadeira. Caeu. Deixouna no chan. Molestaba. Termou dela coas mans e colocouna no colo, a xeito de labor de calceta.

Xuntou os xeonllos separando os nocelos, un aceno que inconscientemente asociamos á humildade, a unha certa tosquedade tamén. Fixou a vista nunha China imaxinaria e agardou.

Escoitou pacientemente o chinés no que falaron o resto de convidados [en castelán, claro. Entre eles o Antón Reixa, cunha memorable arenga-dramática sobre retrousos, frases feitas, subtextos e demais que rematou cun académico Se nos organizamos ben, aquí follamos todos. Grande]. De cando en vez eu ollaba para el. Para a célebre illa silandeira no mar do Norte, que agora andaba calando polo Sur. Tiña ese aire de todos os chineses, un respecto que xa deviu en clixé: mesmo que non entendan nada, parecen asentir. Mesmo que lles preguntes polo corredor das alfombriñas de ducha, non responden e sorrín. Mesmo que non sorrían, sorrín. Mesmo que te exilien. Sorrín.

Un tópico aborrecible ese.

Bei Dao sorrir non sorría, pero adoptaba un aire minúsculo, esmagado polas presenzas occidentais. Máis que nunca fun consciente do que significa ser chinés, mesmo nun exilio. Ser chinés significa ser 1/1.300.000 aumentando o denominador. Iso pareceume ser chinés. Un proceso partitivo.

Hoxe leo unha entrevista con Bei Dao nun suplemento de xornal. Poeta e disidente, din. A entrevista só discorre temáticamente pola política chinesa ou a xeopolítica mundial. Literatura, cero. Non lembro con precisión os textos que lle escoitei recitar, primeiro en chinés e logo na voz dun intérprete. Non eran textos demasiado extraordinarios, xulguei. Por que se reverenciaba tanto a Bei Dao? Pola súa disidencia? Porque intentou entrar en China a porfía e devolvérono nun avión aos Estados Unidos?  A súa obra pareceume moi sosegada, árbores na soidade dunha fraga na que se penetra e cousas así. Talvez axiña entretecinos coa pouca poesía tradicional chinesa que coñezo e tamén, malia todo, con esa especie de sushi que se come en todo o mundo e que son os haiku. O caso é que non souben ver excepcionalidade nel. Se cadra, debería saber todas esas cousas que agora sei para interpretar símbolos na súa poesía? Era todo demasiado subtil?

Se eu fose Bei Dao sería suspicaz. Se cadra Bei Dao é suspicaz, non me deu tempo a averigualo. Sería suspicaz. Tanto honor, tanto convite a festivais literarios… ten a ver coa miña literatura? Ou co significado da miña literatura na política chinesa? Son cousas distintas. Que le a xente cando me le? Le letras? Le frases de xade, opacas pero cheas de vetas e sentidos? Le os meus símbolos, a miña imaxinería? Ou le a miña disidencia, le Tiananmen, le os abusos de poder chineses dos que son vítima?

É o que poderíamos chamar consideracións van Gogh: a xente non vai ver pinceladas brutas de tons marelos cando se esfrega unha contra a outra na National Gallery perante Os Xirasois. A xente vai ver unha orella cortada, a xente vai ver incomprensión, a xente vai ver nin un só cadro vendido en vida, a xente vai ver un tiro no peito, a xente vai ver unha prostituta, a xente vai ver Cartas a Theo, a xente vai ver a Kirk Douglas. Iso pensaría eu se fose Bei Dao.

Pero non son Bei Dao e, probablemente, esa poesía súa da que eu recibín leves fulgores nun mediodía cordobés sexa un lampión para moitos chineses e supoña un milladoiro literario e blablá porque bla.

Será consciente Bei Dao de todo isto? Preocúpame. Ao se deitar a noite tras a entrevista, non matinaría Bei Dao en por que o xornalista español non lle fixo pregunta ningunha verbo da súa poesía? China y poesía, titulouse a entrevista. Unha manobra de despiste, de marketing. Debería chamarse China e disidencia. Ou China e poder. Daría igual que o entrevistado fose zapateiro, arquitecto ou trapecista do Circo do Sol. Debe de ser algo case peor có exilio que a obra de un sexa valorada só en función de parámetros políticos ou sociais. Sen embargo, iso é así. E funciona. E funciona moito en calquera lugar. No noso culto á personalidade, tendemos a proxectar na obra das persoas trazos do seu temperamento. Un temperamento fogoso parirá obra fogosa. Non albisquei disidencia poética algunha na obra de Bei Dao. Se cadra non me deu tempo a vela. Semellaba clásica, filosófica, bucólica. Chinesa. Deume sensación de serenidade, de complicidade coa natureza.

Será Bei Dao un revolucionario nos actos e un clásico na súa literatura? Para que o entrevistaron exactamente? En calidade de que? Como obxecto de exotismo desmitificador da nova China ultrapotente [un invento estadounidense para ter outro país ao que temer, dixo, polo visto sorrindo]?

Como poeta, está claro que non.  A súa poesía nesa entrevista permaneceu virxe.

Debe de ser difícil ser Bei Dao e non pensar en todas estas cousas antes de pechar a carteira marrón, espernexar un pouco e apagar a luz no exilio.

shimoda_hikari_05

Mon semblable, mon frère, criaturamecánica, desocupado lector, lembra isto: non te parezas demasiado a min, non queiras ser demasiado humano. A nosa especie acaba con todo aquilo que máis se lle asemella.

Os neandertais hai entre 200.00 e 28.000 anos. Comezaron sendo eles, logo vós, logo case nós. Arestora, un xacemento de preguntas.

Os chimpancés : quedan sobre 150.000 [datos de Lindsay, 1999]

Os gorilas:  uns 100.000. Aínda non se dilucidou con certeza cantas especies ou subespecies de gorilas existen. Cando estean por completo exterminados, se cadra gozaremos dunha visión máis clara de exactamente cantas especies nos cargamos desapareceron misteriosamente unha tarde de néboa.

Os orangutáns: quedan sobre 30.000.  Caberían todos en Carballo.

En total, os grandes simios non atanguen o millón de habitantes en toda a terra. Nin sequera conformarían un país tomado en serio de pretender unírense, serían algo así como Mónaco ou Liechtenstein, unha república [unha mona-rquía] de monos langráns dedicados ao branquexo de cartos e aos deportes de espiollamento. Os primates están rodeados. Rodeados de nós. Os primos primates. Os primates con tendencia a números primos. Temos que facerlles moitos panexíricos no que nos queda de vida xuntos sobre a terra. Recadar moitos cartos para eles, filmalos en libertade e poñerlles unha música emotiva na sala de montaxe. Aínda nos queda por facer moito paripé.

Claro que por outra banda, cabe o seguinte cuestionamento: cantos grandes simios poboarían a terra de non figurar nós entre eles? Moitos máis dun millón?

Isto non é un alegato. Non son boa alegando e non se me dan os alegatos. Pertenzo a unha especie que medra, extermina e compón sinfonías. Extermina por riba de todo aquilo que máis se asemella a si mesma. Caín matou a Abel, os hutus aos tutsis e os xaponeses aos chineses. Os franceses aos alemáns e os alemáns aos polacos e os ingleses aos irlandeses. Matamos á nosa imaxe e semellanza.

levi-van-veluw

Levi van Veluw

levi-van-valuw

Levi van Veluw

Iso é a competencia. Eliminar, ás veces non a mantenta, a aqueles que coinciden connosco. En hábitos, en aparencia, en… En.

Os extraterrestres , de seren intelixentes, deberían aparentar ser diametralmente opostos a nós. No próximo Disco d’ouro que boten ás estrelas non estaría mal incluír esa cláusula preventiva: Somos así. Recomendamos polo seu propio ben que sexan doutra maneira e por favor non nos choren co Adagietto da 5ª de Mahler nin establezan lazos sociais por medo.

Mon sembleble, mon frère.

Que medo.



A síndrome de inventar síndromes e procurarlles nomes engaratuxantes ou absurdos parece ser que aínda non ten nome.

Ábrese a veda.

Como todo o relacionado cos fármacos e químicas cerebrais, as síndromes chámannos a atención. Nunca tanta houbo. Dan ganas de ter unha. Sentímonos fatal se non nos identificamos con unha. Iso tamén debe de ser unha síndrome, sosteño.  Coa de Dióxenes, personalmente creo identificarme un pouco. Non coa vellez baseada na acumulación de bolsas de lixo como capital; simplemente dioxenizo porque non boto nada e son feliz con toda esa nada que non boto. Dióxenes era feliz con menos, só cun tonel e co sol e sen un conquistador diante. Ah, Dióxenes, que gloria de frase lle botaches a Alexandro. A síndrome de Dióxenes. A síndrome do cinismo debería designar, a da sabedoría senil e non a da demencia. Pero hai tantas. Tantas síndromes. E todas tan intensas.  Sín-dro-mes.  A punta da lingua emprende unha viaxe de tres pasos dende o padal… E tan literarias algunhas delas.

Isto por exemplo: percibir os obxectos ben máis grandes ben máis pequenos do que en realidade son, é dicir, sufrir alteracións na percepción de formas e tamaños. Tamén se coñece como macropsia ou micropsia. O nome literario -e asindromado- que lle procuraron é a de Síndrome de Alicia no País das Marabillas. Non a un nivel patolóxico, pero si nun plano cotián todos experimentamos esa sensación de que algo se nos fai demasiado grande ou se nos queda pequeno. Hai expresións para iso. A xente mingua ou medra a mercede de estrañas forzas. Acontece a miúdo que unha cota acadada de poder á xente fáiselle pequena. O poder sempre se fai pequeno co tempo. Naturalmente, ao xuízo de quen o ostenta. O poder é un habitante do País das Marabillas.

alicia-braguinas

fotograma das enaguas de Alicia segundo Walt Disney

Polo xeral, iso de que algo nos vén demasiado grande adoitan ser outros quen o pensan por nós. Rara vez sentimos ou expresamos abertamente que algo nos vén demasiado grande. Pola contra, gozamos vendo cómo lles sobra roupa e escenario aos demais. A rexouba polo mal alleo tamén xermola no País das Marabillas, claro que remata a súa delicada floración no noso.

Máis morbilidades literarias: existen un tipo de alucinacións chamadas liliputenses, por aquela illa Liliput das Viaxes de Gulliver. Non teño moi claro se a síndrome de Gulliver existe ou non é senón unha variante da da Alicia. Ver aos demais como ananos… quen non o experimentou algunha vez? Tantas como vimos que aos demais algo lles acaía  demasiado grande.  E non acaba aí este vademecum: consígnanse síndromes de Rapunzel, Pickwick, Dopey [o mudito de Brancaneves], gato de Cheshire ou o mesmísimo barón de Münchhaussen. A síndrome Chéjov é o nome dun libro e mais dun blog a cargo ambos de Miguel Ángel Muñoz. Pero Chéjov xa non é un personaxe senón un persoeiro eminente no seu eido, ao estilo de Asperger, Down ou Stendhal, epónimos de síndromes todos eles.

A onde nos leva todo isto? Á evidente relación entre enfermidade e literatura por un lado [os balnearios como escenario, os tuberculosos que escriben entre espirros, os guillados que cabalgan xamelgos por ter lido de máis, todo o que cheira a podre na literatura, a septicemia de Borges, os fígados de Hemingway ou Bolaño, o silencio de Virginia, a sífilis de Nietzsche e de moitos outras [sic], a hipocondria de Allen…] e a evidente devoción pola enfermidade que padecemos. As nosas metáforas predilectas son mórbidas: o morbo en si, unha palabra de orixe médica, é a nosa porta de entrada á mansión do pracer. No século XVII de Hobbes o home sería lobo para o home pero no XXI o ser humano, como diría un vello tópico ecoloxista, é sobre todo un cancro para o planeta. A cruzada occidental en pos da  asepsia mátanos a alerxias e, por outra banda, tampouco impide que devezamos por intoxicarnos a base de química emocional [neurolépticos, ansiolíticos, antidepresivos, estimulantes, hiperanfetaminas]; ningún sistema social sanitario por moi absurdamente louvado que estea [querida seguridade social, lembra que es mortal] impedirá que inventemos novas enfermidades tanto sociais como individuais a medida que as causadas por axentes patóxenos externos vanse controlando: a nosa época asiste á constatación de que existen enfermidades causadas polo propio sistema inmune do suxeito, á confirmación da estreita relación entre temperamento e pensamento e certos tipos de cancro, ao fracaso da psiquiatría como mero despacho de drogas legais que só adormecen á besta por espazo dunha vida…

A proliferación de síndromes só pode ser interpretada dun xeito: como síntoma de algo. E un síntoma, xa se sabe, é a puntiña do iceberg. Ese que neste momento se vén abaixo nalgún lugar da Antártida.

BSO para un síndrome de Alicia Gwen Stefani en vídeo ou en audio, preferiblemente en vídeo.

Alicia dende a pespectiva do lagarto Bill, supoño

Alicia dende a perspectiva do lagarto Bill, supoño

Mary Pickford

Mary Pickford

Hai dúas teorías/conspiranoias contra as que unha vez crin ter argumentos.

Conspiranoia 1: iso de que o home pisou a lúa é unha montaxe. De Kubrik, probablemente.

Contraargumentación: os rusos foron os xenuínos frikis do espazo. A mellor literatura de ciencia-fición cósmica procede de Rusia [ou arredores soviéticos]. Os rusos honran ao espazo cun día da cosmonáutica. 12 de abril. Hoxe que escribo isto. Erixen edificios de cemento ondulado chamados Hotel Kosmos en Moscú. Por exemplo. Os grandes enxeñeiros rusos, Tsiokovski, Korolev. Os rusos quixeron chegar ás estrelas primeiro. Experimentar coa ingravidez primeiro. Poñerse en órbita primeiro. Ignoro por que. Por fuxir desta Terra? Por refundala? Por amedrentar ao bloque capitalista? Por frío? Ignoramos por que. Pero sei que foron eles.

Se a chegada do home á lúa tivese sido unha montaxe estadounidense, o fino olfato ruso descubriríao enseguida. Os americanos tiveron que ter chegado á lúa e deixar alí a súas pegadas porque os rusos non dixeron nada. Non pasou nada. Asumiron a súa derrota. Nunha superficie sen ventos, as pegadas de Armstrong durarán se cadra miles de anos. Hai males que duran máis de cen anos. Hainos.

Para os rusos, hainos.

by Josh Keyes

by Josh Keyes

Teoría 2: Pódese viaxar no tempo. En concreto, estamos a piques de. Un par de axustes nuns parafusos e nunhas integrais e… voilà!

Contraargumentación ou argumento desconsoladamente escéptico: se iso fose posible, sen dúbida os nosos visitadores do futuro [Benders, Leelas e demais] terían a delicadeza de achegárense a esta nosa época de trangalladas espazo-temporais e contárnolo, dicirnos que si, que é posible, que cultivemos paciencia e perseverancia, que non claudiquemos, que o determinismo causal e o paradoxo do avó non eran máis que erratas e malversacións, que o segredo das viaxes no tempo non é máis que… Pero non o fan. Pasan os anos, as teorías, as conspiranoias, as ciencias-ficcións… e non o fan.

Non o fan.

Non veñen.

Ergo, se non veñen é porque non poden. Porque non saben.

As viaxes no tempo son imposibles.

Ou iso, ou os nosos descendentes son imbéciles.

Naturalmente, non sei cal dos dous axiomas prefiro.

BSO ou por que non escoitan isto?: Laika, Mecano. O outro día pola radio escoitei a Ariel Roth poñer verdes aos Mecano. Eran presuntuosos? Eran horteras? Eran sensibloides? Eran pedantes? Eran simbolistas? Non sei. A min incrustáronseme no código xenético, como todo o que sentes con 13 anos. E unha cousa é certa: grazas a eles, aprendín detalles importantes da vida como que o capitán Scott morreu nunha malograda expedición á Antártida, a composición do aire, que a primera cosmonauta era rusa, ladraba e atendía por Laika [can de neves en ruso, por outra parte] ou o significado exacto da palabra anacoreta, que rimaba con teta.

E melodías… aínda as curraban. Mentres os meus futuros amigos masculinos escoitaban Radio Futura [eu amei a Radio Futura moito despois, xunto con Siniestro Total] eu pertencía a esa clase media que cun chicle memorizaba sen querer parágrafos e parágrafos de letras de Mecano mentres falaba de tampóns, apuntamentos de Arte e brillos de beizos con amigas.

Moito nos presta que nos lembren que todo é simulacro.

Que somos simulacións, emulacións ou criaturas inventadas como personaxes dunha ficción. En xeral, cáenos ben iso.

Non sei se ten a ver co neobarroquismo actual, coa crise, con que en concreto. Só sei que sabernos un pouco fatuos, un pouco vítimas da ilusión reméxenos a presunta alma que xa non temos.

De antigo vén a arte entendida como simulación suprema. Zeuxis e Parrasio eran dous pintores gregos que sostiveron unha coñecida desputa: determinar cal dos dous era o pintor máis grande. Ata aquí nada novo: artistas picados no amor propio. Ben. Chegado o día D, Zeuxis descubríu o pano que ocultaba a a súa pintura: un rapaz carretando unhas uvas. Uns paxaros que por alí revoaban acudiron ao instante, intentando picoar nas uvas, tan exquisitamente reais semellaban. O público aló congregado ovacionaba de gusto. Satisfeito, Zeuxis pedíu a Parrasio que descorrese o seu pano. Non podo -retrucou Parrasio, o xonio, imaxino que cun imperceptible sorriso-: a miña pintura é o pano.

Tras do cal, Zeuxis o heracleo viuse na obriga de recoñecer a supremacía na arte do colega Parrasio: se ben el conseguira enganar a uns pardais, Parrasio acadara o engado supremo: enganar a un artista. A el. Ao propio Zeuxis.

obra de John Frederick Peto [1854-1907], especialista en trampantollos

John Frederick Peto [1854-1907

Con todo, malia o berrinche que sen dúbida sufríu, Zeuxis pasou á historia como un grandísimo pintor grego, tanto como Parrasio, e habermos ter en conta que a grega era unha cultura na que a pintura, figurando no nomenclátor das Belas Artes, non se aprezaba tanto como a escultura ou a arquitectura. Ou seica cremos iso porque pinturas gregas chegáronnos ben poucas. O caso é que xa para os gregos a arte concebíase fatalmente vencellada ás artesanías de simulación, ás técnicas de engaiolamento. Aos trompe l’oeil. Ás inquedantes mentiras.

pic_seckora2-4b

Aínda que a finalidade de certos artistas a día de hoxe xa non é enganar senón pór de manifesto que moitas das consideradas artes son enganos [o cine pasa por unha versión case fiel dos feitos, é dicir, distorce a historia, tal e como os propios historiadores teñen feito sempre, por outro lado; a fotografía enténdese moitas veces como un isto foi así, tal e como amosa esta foto], o que lle aconteceu a Joan Fontcuberta no ano 2004 retrotráenos un chisco a esa Grecia do século V a. de C. de Zeuxis e Parrasio, e déixanos como nus, coa nosa credulidade de pardais aleteando á intemperie.

Escapando da crítica, de Pere Borrell del Caso

Escapando da crítica, de Pere Borrell del Caso

No ano 1997 o fotógrafo catalán Joan Fontcuberta [Barcelona, 1955] argalla Sputnik: unha secuencia de fotografías baseada na figura de Iván Istochnikov [en tradución literal do ruso, Xoán Fontecuberta... ], a.k.a. o Cosmonauta Fantasma: un suxeito vítima dos escuros poderes soviéticos que, tras desaparecer na nave espacial Soyuz 2 ao impactar contra un meteorito, é inmediatamente borrado dos arquivos oficiais coma se nunca tiver existido. A nave non iría tripulada. Iván Istochnikov nunca tería existido.

Joan Fontcuberta dispón esta historia en imaxes, fornecendo a verosimilitude grazas a fotos manipuladas, primeiros planos do cosmonauta, documentos proporcionados pola Fundación Sputnik [?] e ata unha foto no espazo do astronauta cunha cadeliña, Kloka. Ao vela non se nos ocorre pensar que no 68 sería ben difícil tirar unha foto no espazo, sobre todo se temos en conta que non viaxa ninguén máis con eles. Artellando unha trama que lembra as peripecias narrativas do Quijote co manuscrito de Cide Hamete e a tradución do morisco aljamiado – un recurso adorado na literatura áurea que a vencella co ilusionismo barroco no que todo é van e miraxe- o fotógrafo narra o encontro casual de todos os papeis reveladores da turbia trama nunha subhasta en Sotheby’s coa proverbial aparición dun xornalista, Michel Arena, que trae á luz o asunto.

A cousa non pasaría das recensións en suplementos e publicacións de arte de non ter sido por Iker Jiménez. Ese home que. Nun programa emitido no ano 2004, Iker Jiménez desvela á sociedade española o singular caso do cosmonauta fantasma. Faino como se fose real. Coido que non debemos sentirnos superiores ao señor Jiménez por coñecermos de antemán as dimensións lúdicas do tinglado - ou mellor a andrómena- de Fontcuberta. Nós tamén somos pardais e acodemos a picoar de moitas uvas que non son tales. Máis a miúdo do que pensamos, abofé. O que lle aconteceu ao equipo do programa de Jiménez foi que se deixou levar pola conspiranoia e o amarelismo [e quizais tamén polas présas catódicas], algo perfectamente comprensible nun espazo televisivo que avoga en xeral por tales actitudes. A min o señor Jiménez non me parece parvo aínda que quizais si un pouco pardal.

Pero, quen non?

Fontcuberta, quero dicir, Istochnikov, é o 3º pola esquerda

Fontcuberta, quero dicir, Istochnikov, é o 3º pola esquerda

Hai anos, cando estudante, lembro ler o artigo dunha antropóloga que daba por real a catalogación dos animais dunha certa remota enciclopedia chinesa, un invento saído do conto-microensaio El idioma analítico de John Wilkins de Borges e que con posterioridade Michel Foucault utilizara para encabezar o seu must de todo estudante de Socioloxía: a obra As palabras e as cousas. A devandita catalogación creada por Borges e asignada aos chineses é todo un canto á arbitrariedade á hora de clasificar e seccionar o mundo, unha homenaxe, case diría eu, ao azar cognitivo. Pero tan verosímil tan verosímil que alguén, nesa cadea académica de reseñas, citas e encabezados de libros pola que foi pasando, alguén tomou por real.

Iso fíxome pensar: cantas cousas lidas na miña vida, contempladas en foto ou documental, tomo inocentemente por reais. E, por suposto, iso xa nos leva a outros dominios, outros desertos. Senténcianos Morfeo en Matrix: Benvidos ao deserto do real.

Se o real é un deserto, volven inevitables as miraxes, os oasis ficticios, as fatas morganas que xalonan a travesía e alixeiran o tedio solar da caravana.

O derradeiro enlace que quero facer de Fontcuberta é coa historia desa suite de Prokofiev que me gusta: a do lugartenente Kijé [ou Kizhé]. A trama, procedente dunha novela de Tynyanov, é a seguinte: un funcionario da garda do emperador comete unha errata que é interpretada como que existe un lugartenente de nome Kijé [un xogo de palabras co ruso difícil de explicar aquí agora]. O emperador comeza a se interesar por ese home, de xeito que todos os implicados na impostura han argallar a vida, obra, milagres, casamento e ata exilio en Siberia dese suposto bravo subtenente. O conto satiriza a burocracia militar rusa, pero polo que a traio aquí é pola súa semellanza á invención do cosmonauta fantasma. O lugartenente Kijé é unha figura inventada pola covardía ou a maquinaria burocrática duns subordinados que, en canto nomean algo, non se atreven a desmentilo por medo ás consecuencias. O cosmonauta fantasma é un personaxe inventado non por satirizar aos servizos secretos da cosmonáutica rusa durante a Guerra Fría como podería parecer, senón para poñer en evidencia que todo aquilo que conte con apariencia documental e datos visuais como probas non ten por que ser máis veraz ca unha lenda oral ou un mito.

Os mitos filtrados como Historia tamén se constrúen a base de fotografías e películas, como antes se construían en base a palabras, hexámetros, tapices ou cerámicas. A clave sempre está na palabra máxica: verosimilitude. Ou, como di o vello lugar común: “A muller de César non ten que ser boa: tan só parecelo

[...]

En palabras do propio Fontcuberta nunha entrevista/ conversa con Cristina Zelich publicado por La Fábrica y Fundación Telefónica no 2001, “no fondo, eu coido que o meu rol artístico consiste en ser unha especie de observador de que é o que nos infunde esta sensación de confianza e de poñer a proba os mecanismos que semellan garantírnola [...] O que eu fago é intentar manter alerta a nosa percepción fronte a fraudes cotiás que se gardan moito de desevelar a súa condición de tales, tal e como acontece a cotío en todos os medios de comunicación que non fan senón se rexer por intereses de poder”

Algunhas das obras de Joan Fontcuberta: Herbarium, [Ed.Gustavo Gili, 1984], Frottrogrammes [centre d'Estudies Catalans, 1988], Fauna [Museo de arte contemporáneo, Sevilla, 1989], El jardí de les delícies [Centre d'Art Santa Mónica, 1990], Història Artificial [ IVAM, 1992], Lankidetzak [Bizkaia Kutxa, 1993], Moby Dick, Tinglado II, Port de Tarragona [Tarragona, 1995], El imperio de los signos [Murcia, 1997], Sputnik [Fundación Arte y Tecnología, 1997], Micromegas [MIDE, 1999], Contranatura [MUA Alicante-Actar, 2001], Securitas [Fundación Telefónica, 2001]

Joan Fontcuberta, Iván Istochnikov ou Jean Fontana-ou Xoán Fontecuberta, se mo permite deste lado do Cebreiro-, semella condenado a ser tomado en serio: na exposición Sirenas de Salamanca, o ano 2000,  o seu Hydropithecus – un suposto fósil dun ser vivo metade humano metade peixe- foi consignado como real por oito dos nove xornais locais que reseñaron a exposición.

Hydropithecus

Hydropithecus

É obvio: os humanos queremos crer. Queremos crer con todas as nosas forzas. E cremos.

Ivan Joan Fontcuberta Istochnikov

Ivan Joan Fontcuberta Istochnikov

Neverending Story

Neverending Story

Por cuarta vez en 20 días emprendo viaxe. De cada vez, súbome ao avión máis silenciosa. Miro pola fiestriña. Nunca hai xente. Só casas, coches, granxas, camiños infinitos a montañas infinitas. Nubes que non son nada, apenas unha vibración na cabina. Unha sensación de membro fantasma. No oído. No exterior. Na alma.

Nos bosques solitarios a rentes da pista nunca albisco un paseante tranquilo cun sombreiro e unha gramínea na boca.

Xente. Nunca hai.

Penso nos meus. En todos.

Non son moitos.

Lembro do amigo topógrafo que patea montes de haikus e mide xogadas de xadrez. Sempre me gustaría preguntarlle que son todos eses signos de terra de aí abaixo. Se iso é unha lagoa. De que van esas formas perfectamente redondas e enormes nos campos de labor. De que ferida é tanta cicatriz.

Encendo o iPon. Aleatorio cancións, por suposto. A primeira que soa é unha das miñas preferidas da miña preferida.

Horses in my dreams

Anoto mentalmente que lle debo a este blog dous posts: un chamado Aleatorio Cancións e outro sobre o caso Fontcuberta e o Lugartenente Kijé.

I have pulled myself clear.

Raandeiros

Randeeiros

O palíndromo latino da entrada anterior [in girum imus nocte ecce et consumimur igni], alén de vello esconxuro de propiedades máxicas ou mesmo alquímicas,  é coñecido como o verso do diaño.

Ata onde eu sei do diaño tamén a el se lle atribúe a inspiración do tritono ou  cuarta aumentada, antes denominada o diabolus in musica. Un intervalo disonante, inestable mentalmente, que hai que pensar antes de emitir coa voz e do que o exemplo máis sinxelo sería o Fa-Si nunha escala de Do maior [proben a entoar en voz alta só as maiúsculas: dorremiFAsollaSI. Velaí]. Moita música contemporánea conténo, de feito coido que é unha das súas especias máis aromáticas. Máis recoñecibles.

Hai uns días mantiven unha conversa con alguén que me revelou certos detalles para min descoñecidos da vida de Shostakóvich. Aseguraba que sempre saía nas fotos con esa complexión discordante e resignada de Buster Keaton con gafas [ou máis ben de Morris, puntualizou] xa que a súa vida na Rusia comunista consistira nunha sucesión de condecoracións e condenas raiando na esquizofrenia. Nas fotos parece pregar: non me poñades unha puta condecoración máis, di o meu amigo. Inmediatamente despois de enxalzala, as autoridades condenaban a súa música por burguesa, formalista, pornográfica, decadente, en definitiva anti-soviética.

Aí percibimos algo interesante: como se sabe que unha música é burguesa?

Sabemos que as tonalidades menores [modo eólico] poden inducir á introspección ou á melancolía, en tanto que as maiores [modo xónico] adoitan ser brillantes, expansivas . A música discorre polos mesmos leitos  do temperamento. Isto é evidente. Venus in furs, da Velvet, é sinuosamente sensual, con perfidia. O In Paradisum, do Requiem de Fauré resulta celestialmente ascendente. Round the bend, de Beck, é un spleen atmosférico, case orbital. E o Fever de La Lupe é pura fase de meseta. A instrumentación, as escalas, os cromatismos condúcennos a certas paraxes ocultas no noso cosmos cranial. Ese poder está reservado á música.

Pero que había na música de Shostakóvich para cualificala de “contrarrevolucionaria”?  A que soa unha revolución? No canto dunha sinfonía en Re menor [grave e devoto. Melancolía feminina], un Fa maior [furioso e arrebatado] tería servido? No canto dun torvo Si bemol menor o clasicote Do maior? Menos timbais? Máis timbais? Asonancias? Consonancias? Atonalidade?

Se recoñecemos intervalos musicais diabólicos e versos satánicos, é dicir, música e semánticas que se aliñan coa espiritualidade do humano, ha de existir música política. Sabemos do poder convocador das marchas, os tambores, as gaitas escocesas, as fanfarrias metaleiras ou os rachóns vocais de Rage against the machine. Mais poderiamos auscultar con precisión cara que orientación política se dirixen? Conservadurismo, corrupción, dereita repulsiva, esquerda trampulleira, subida de impostos, desfeitas sanitarias? Ou ben xestións limpas, vontade de mudar algo, traballo efectivo a prol dun pobo? Hai algo imperceptible nas escalas e nos modos que agocha a maneira de conducirnos no mundo?

De cando tocaba a guitarra, lembro predilección polo o Si, o Fa e o Sol. Eu son logo unha persoa Si maior? Si menor? Fa maior? Sol menor?

A que soo?

As musicalmente cutres campañas políticas… anuncian cutrez de miras? Como de afinado está o mundo político? Pretende ser a Kulturburg un xigantesco e fracasado diapasón?

E os instrumentos empregados? Agochan tendenciosidades nas súas fundas  negras?

O piano é de dereitas e o saxofón de esquerdas? Era por iso que Bill Clinton pretendía tocar o saxofón? Unha frauta é despreocupada e nova? Como é un arpa? Un dos meus instrumentos preferidos. Harpo Marx tocaba a arpa. Se cadra  é patrimonio dos mudos. A arpa. Ningunha campaña política farase con arpas.

Porén,  as caricaturas de Nerón queimando Roma preséntannolo rabuñando unha lira ao tempo que compón un hit.

A Cabalgata das Walkyrias, de Wagner. Aparece en Apocalipse Now. Escoitei a lenda de que os nazis facíana soar na 2ª Guerra mundial para amedrentar aos inimigos  [non acabo de visualizar onde. No cerco de Stalingrado?]. Son as walkyrias de dereitas ou de esquerdas? Valen para reivindicar dereitos de clase ou dereitos de estado de benestar?

Segue a lateralidade a dar conta das complexidades políticas?

Ás veces este recanto do mundo soa un pouco a orquestra que aínda non rematou de se afinar. Estamos expectantes para que comece dunha vez a sinfonía, o concerto, a ópera.  E en Fa sostido maior.

Descanso na ópera Don Giovanni, 2005

Descanso na ópera Don Giovanni, 2005

tormenta, by Sandra G. Rey

tormenta, by Sandra G. Rey

O día 23 de xaneiro de 2009 era hoxe. Tíñao ante min, detrás ou entre min.

Era un día alerta laranxa. Malia iso, por iso, era un día fermoso.

Na mañá, G. fora ao médico. Díxomo onte. Seino porque iso turbáballe un pouco o ánimo. Eu preguntáralle. Logo, a nosa rutineira conversa telefónica de cotío discorreu polas nosas lecturas. Vila-Matas non lle disgustaba aínda que logo pareceu que si. O exceso de exhibicionismo cultural. Os seus amigos literarios compoñendo unha vida literaria. El agora prestoume o Sebald que lle regalei eu. El regaloume Sebald unha vez, Do natural. Eu regaleille outro, anos despois, Os aneis de Saturno. Falamos de Sebald, entón. Sei que a G. aféctalle a nobreza baixo todas as súas formas. A nobreza desposuída. Durante moito tempo G. elixiu ser un nobre desposuído; alguén que nace con todo e desaparece sen nada.

Unha especie de civilización conformada por un só individuo.

El é sebaldiano, vila-matense, bernhárdico, hikikomori sen tecnoloxía, canettino, borgesco, kafkiaco, nietzschés. Podería dicir que é todo o século XX convertido nunha patoloxía de raíz literaria masculina.

Algo despois desa conversación, tomei un taxi. Fun buscar o meu fillo. Á escola infantil. Ese quefacer, xunto co de organizar festas culturais neoyorquinas, paréceme o colmo do glamour. O taxista era un home entusiasta, falaba e criticaba con entusiasmo. Feliz. Gustoume escoitalo, aínda que iso non debe enganarme e conducirme a crer que amo o xénero humano.

O taxista usou esta expresión deturpada: “a rejatabla”. Eu sorrín. Non porque o pronunciase mal. Non con condescendencia. A condescendencia é unha aberración moral do carácter que trato de extirparme dende hai tempo. Non me importa que a xente fale mal se o fai con entusiasmo e imaxinación. Hai xente que fala tan ben, que escribe tan ben e di cousas tan esvaídas, tan mortas que poderían desfacerse e converter en po dentro do teu cerebro. Enchelo de po. De pos eruditos. O taxista falaba así, “a rejatabla”, e pensei na rella dun arado sulcando frases, ideoloxías, conviccións, facendo tabula rasa de todo iso. Con ese entusiasmo un pouco cego que ás veces oponse á tétrica lucidez.

O taxista falaba, dicía “a rejatabla” e ollábame de esguello. É dicir, non ollaba á estrada pola que, aseguraba, circulaba moito imprudente, moito maleducado. Xente que podería ofender a túa moral aparcando mal. Chegamos a sentirnos ofendidos por un coche mal aparcado.

Sen dúbida, este noroeste peninsular é un pequeno receptáculo de benestar. De benestar paranoico. Iso pensaba eu o día 23 de xaneiro pola mañá, cando era hoxe.

Logo chegou a tarde. A tarde, como a segunda metade de calquera proceso histórico, o imperio asirio, a revolución francesa, os séculos escuros, foi diferente. A tarde partíu en dous o día. O día deixou de ser homoxéneo e dunha peza. “A rejatabla”, partiuno.

[...]

Pola tarde saín traballar como actriz, a unha localidade, B., distante unha hora e media en coche. Durante todo o día o vento deixouse sentir coma un lobo famento. Os telexornais falaban da inminencia de algo, as autoridades civís recomendaban non saír a menos que fose imprescindible.

No coche respírase o fume do teatro. Broméase moito, con enxeño con malicia, fálase de cartos, de próximas actuacións, nas intervencións insírense fragmentos de textos teatrais, actuais ou pasados – iso é do Ricardo ou da Bailadela?-, coméntase sobre personaxes ficticios, sobre antigos coñecidos doentes, sobre os mellores hoteis e restaurantes das cidades concibidas como prazas de conquista, sobre política, sobre intimidades. Somos mulleres.

Os primeiros refachos dun exército de ventos enmudécennos varios minutos.

Chegamos a B. e argallamos a obra sobre o escenario, 7 mulleres, 2 técnicos e un director. Pensamos que non acudirá ninguén porque a noite palideceu expectativas. O temporal sen nome, alguén chámao polo seu tecnicismo, cicloxénese explosiva. A tormenta perfecta, na xiria dos mariñeiros, esas criaturas do pasado e dos abismos que compoñen o ADN do pobo galego.

Ás nove menos dez só hai tres persoas congregadas na porta. Ás nove, unhas corenta. A e cinco comezamos, mozas.

Os meus primeiros quince minutos transcorren en escea. Boa parte da representación pásoa en camarinos, pintándome as unllas de cor crema de leite, lendo, matinando en cousas que escribir, títulos, temas, tirando fotos aburridas e interminables. Aventúrome a mercar bebida ou comida a unha desas solitarias máquinas expendedoras dun dos corredores do auditorio. O meu personaxe reside teóricamente no trasmundo, e eu mesma parezo unha estantiga que, por un momento, imaxina camiñar por unha nave desolada, pantasmal, asediada por vendavais futuros. Que fago aquí comprando un kit-kat? [coñezo un blogueiro que decidiu poñer todos os nomes comerciais ao revés, así ao seu iPod chámao doPi] Que fago aquí, nesta praia do fin dos tempos, comprando un tak-tik?

Regreso ao camerino a modo, aspirando o temporal. Fosas abisais. Fosas nasais en alerta. Chama a miña nai, exercendo a súa profesión: Ficade a durmir, nena, non volvades. Recibo mensaxes dun amigo que me aconsella o mesmo.

Dúas compañeiras descen agora a escaleira de caracol de madeira, cara aos camarinos, procedentes do escenario. Míranme cunha lene ansiedade coma se fose eu unha estación meteorolóxica. Falamos da posibilidade de non regresar, de quedarnos a durmir, de chamar a protección civil. Falamos de morrernos. Nas conversas de teatro fálase de morrer moitas veces, seica o teatro empezou sendo un asomarse a un abismo temporal, un escenario como un acantilado. De feito, a día de hoxe, como profesión antiga que é, case arcaica, case de museo, o teatro entraña certa perigosidade, tramoias, poleas, grellas de focos, pequenos barrancos en bambalinas, pequenas amnesias repentinas antes de saír, lonxe da escea acesa onde todo é orde, sucesión de feitos, cronoloxías, xenealoxías, preguntas e réplicas, desenlaces. Como o seu oposto binario, o fondo do teatro é o tártaro e o caos. É unha profesión en rexeneradora extinción e, como todo o antigo, xera certa fascinación, certo esplendor dourado no ollo de quen o observa.

by Zena Holloway

by Zena Holloway

Así que a orde prosegue arriba, no proscenio, onde se enfían os monólogos cun fío suavísimo de araña mentres abaixo morremos de indecisión, mesamos o pelo real, alguén desmaquilla con malhumor, alguén fuma o seu non saber que facer.

Talvez imaxinamos remuíños na autoestrada, remuíños na autoestrada de madrugada, vórtices onde se perderían as nosas voces novas e vellas, os nosos matices de personaxes, todos os nosos discursos perante audiencias futuras e os nosos besbellos en orellas doentes e queridas como caramuxas. A autoestrada transfigurou nun monstro das profundidades, quizais proceda do cretácico, talvez non nos devolva á nosa casa senón ao noso terror ancestral, ao noso código xenético. E se a autoestrada nos desintegra en moléculas sen motivos, en virus á procura de novas vítimas vivas, en calcetíns fríos, en galaxias extintas dentro de belos cráneos?

Dígolles que case tomei a decisión -cústame tomar decisións, son por iso unha persoa lenta, atartarugada, torturada- de non viaxar, de ficar.

Case están convencidas.

A obra finaliza entre aplausos indecisos tamén. Hai pouca xente hoxe. Temos frío e ganas de amor e sopa. Baixamos a cambiarnos, a poñernos as nosas roupas. Hai certa discusión, alguén grita un pouco, alguén sae a fumar un cigarro e entra coa decisión de quedarse. Outra vez fálase da morte. Hai alguén que aínda non sabe nada. Que din as nosas parellas, os nosos familiares, os amigos? O peor aínda está por vir. A borrasca, a tormenta sen nome, perfecta por iso, danza extasiada cara ao norte e entre as doce e as tres da mañá espéranse os maiores desperfectos, o perigo máximo.

Son as once e vinte.

Falamos no vestíbulo do auditorio. A xente marchou, envolveu as súas boas impresións nos seus abrigos neutros e foise. As árbores, non. No vestíbulo, a xigantesca escultura negra dun sapoconcho mariño contémplanos, pendurada da parede. É un aviso? Un designio? Neste lugar do mundo é imposible non pensar nos mariños. A flota está amarrada. Alerta vermella no mar.

[...]

Cada certo tempo, neste lugar do mundo onde o mar foi significante e significado, acontecen cousas que nos obrigan a miralo de novo. O Mar Egeo ou o Prestige, os mariñeiros perdidos, Ramón Cambeiro tres veces nacido, barcos con nomes afundidos La Isla, Centauro I, O Bahía, Río Bouzós, Ferralemes, os máis de 300 barcos naufragados na historia da nosa costa, o Nautilus de Nemo baixo Vigo, Lugrís, os percebeiros, o mítico Gran Sol [ou gran linguado, grand sole]… o océano perdeu a condición de protagonista principal desta obra e por veces arrebólanos longos soliloquios.

O meu soño recorrente é o tsunami que arrasa a miña cidade. Coido que isto díxeno xa nalgures.

holloway2

by Zena Holloway

[...]

Decidimos quedarnos. Quedarnos en B. Ás veces son bos os plans B. A noite bourea e durante a cea decide deixarnos ás escuras palicando das nosas sombras privadas. Chegamos de milagre ao hotel, envurulladas en tebras e bufandas. Unha vez alí, un home moi antigo prepáranos sete candeleiros de botellas de cervexa para alumear medievalmente as nosas habitacións. Subimos proxectando esas sombras exaltadas que, seguro, enxendraron no seu momento a literatura gótica toda: ao amor e ao terror das lámpadas de aceite. Fálase de Poe estes días, vexo o seu rostro disconforme, coa fronte anormalmente ancha, en moitas publicacións. A manga do meu abrigo verde mánchase con cera de vela. Poe tíñalle medo á escuridade. Na habitación o confort é invisible. Só se apalpa na planta dos pés, en forma de moqueta espero que limpa.

Coloco a vela sobre a mesiña. Íspome. Gárdome a durmir. Antes leo e escribo frases que tremen o mesmo que as sombras, os sinais de tráfico e os eucaliptos australianos e piñeiros americanos ao longo de toda a autoestrada que nos separa do noso punto A.

O punto B, ás escuras, respira adormecido.

Sopro a vela. Boto convenientemente de menos aos meus. Dúrmome enroscada. O vento prosegue, esta vez si “a rajatabla”, a machada, un traballo arcaico axudado pola choiva e o enfrontamento térmico de masas de aire.

Dúrmome temporalmente sen nome, sen casa, sen luz e sen familia. E neste pequeno exilio de xoguete boto de menos a mañá, a outra metade deste día agora en alerta vermella, e escribo estas liñas para que sexa outro o ciclón que as leve.

[...]

Érgome un pouco antes de que amenza e, por sorte porque non tiña chisqueiro, volveu a luz. Dúchome longo. Algunhas compañeiras xa len a prensa no vestíbulo e, unha vez todas xuntas coma ovelliñas, imos almorzar. Rímonos da noite inesperada, para o anecdotario. Para contar aos netos, dise en ocasións como esta. Coma se aos nosos netos fóselles interesar. Todo ten un aire amigable, de armisticio co clima.

Na viaxe de volta en coche por un momento lembrámosme a xenerais contemplando desde as súas cabalgaduras os restos mortais dun inmenso campo de batalla, farrapos de sinais, árbores mutiladas e postas con coidado a carón da vía, arbustos que se despediron da terra e voaron moitos metros, vaticanas raiolas por entre as nubes, teatralmente colocadiñas aí para facernos pensar nas grandezas celestes e trabucarnos verbo da súa orixe.

Somos xenerais paseando unha tregua.

Miramos alternativamente a un lado e a outro da estrada. Penso nas batallas que, con toda probabilidade, libráronse baixo estes campos. Aquí onde agora unha árbore languidece decapitada, algún home guindouse hai moitos séculos. É un pensamento masculino, dígome. Porque as mulleres libraron outras batallas nestes campos estremecidos que hoxe espreguizan tan tranquilos, un pouco desconxuntados, mais tranquilos; imaxínome raparigas que, atravesando un campo calquera camiño á súa casa, foron fecundadas contra a súa vontade. Unha batalla silandeira a ras de herba. Lembro unha canción dunha cantante venezolana que escoitei este verán coa avoa Borges, La embarazada del viento, na que se narra con humor o caso dunha muller que di que deitou a durmir e ergueu preñada dun mal vento. A capciosa nai intenta sacar o parecido, mais resulta que o neno ten o nariz dun e as fazulas doutro e as manazas do de máis alá, co cal o máis útil é concluír que verdadeiramente se trata do fillo dun ventarrón. Tamén os supersticiosos lexionarios romanos temían estes lugares nos que as eguas eran fecundadas polo vento e daban a luz cabalos salvaxes.

[...]

Hai dous anos, en outubro, eu desfacía na madrugada o mesmo traxecto de B. a A. tras unha actuación cun pianista no mesmo auditorio. A noite era puro vento e pura choiva.

Dúas semanas despois, no cuarto de baño da miña casa de entón, un rosa intenso nun pau de plástico revelábame embarazada.

[...]

Os romanos tíñanlle medo a este lugar. Coido que antes dos primeiros poboadores, os que encheron de petroglifos o granito e o seixo, antes dos soldados que temían pasar o río Limia e esquecer, antes dos suevos e a raíña Lupa, antes das Casitérides, antes de, antes, aquí só había bestas paridas polo vento. O vento é o noso habitante máis antigo. Xa dixen iso noutro lugar. A nosa viaxe de volta non foi daquela co ollar dos xenerais ao día seguinte ao examinaren os despoxos da guerra. Foi co ollar curioso, o ollar contemplado, dos que reciben a súa dose periódica de visita de devanceiros barullentos e algo ciclópeos.

Temporalmente quedámonos sen nome para todos eles e chamámolos, con certo fervor, temporais.

Hungarian peasant dances, Béla Bártok

Cousas que vostede non sabía e tampouco cómpre que saiba:

Está vostede no blog duns puntos suspensivos

Cópieme. E logo pégueme. Pero con tacto

Non siga lendo. Isto é unha montaxe

Hai unha homo sapiens detrás de todo isto

Hai unha criatura mecánica detrás de todo isto

Odit et amat

Gústanlle os gatos

A ciencia ficción

PJ Harvey, Debussy, a Callas

Gustaríalle ter coñecido a Sei Shonagon

Devece polo polbo. Á feira

Polo de agora non matou a ninguén

Extasíalle o baleiro do cosmos...

...e a suspensión da neve

Non lle satisfai cumprir normas idiotas...

...como durmir só 8 horas e traballar máis de 6

Lembra un soño que unha vez soñou vostede

Watch videos at Vodpod.

flickerismo

Sil

Túnel bolivariano

Serie intrusos: inside Lotte

More Photos

criaturas da criatura mecánica

Zoommm. Textos biónicos, Xerais, 2009

Non esqueza que:

Odio que me pregunten a qué me dedico

O universo ten máis problemas de contido que internet

Amo a 5 persoas

Odio a 3 a 8

Foron atopadas bacterias vivas de 250 millóns de anos en cristais de sal

Odio os que nunca esquecen conceptos aprendidos

Odio as présas

Amo a miña a nosa cama

A amnesia é unha parte fundamental da memoria

ad kalendas graecas

Novembro 2009
Lu M M X Ve Sa Do
« Out    
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30  

criatura mecánica, eis