Estíbaliz Espinosa, en Oviedo, I Encuentro Internacional de Jóvenes Escritores, outubro 2001

QUE IMPORTA QUE A AUTORA NON VIAXE Á VELOCIDADE DA LUZ

Unha introducción á cosmoloxía práctica.

Dende o outro extremo da galaxia desembócanos un raio de luz. Pero esta vez tampouco é a autora. Se fose ela entón o que tendes detrás se mostraría diante, a area ascendería no reloxo de area, a serpe buscaría a súa cola para se morder, o pozo beberíase. A autora sería enerxía e non materia. A autora nin se crearía nin se destruiría e non precisaría crear ou destruír.

Por riba dela mesma, a autora non habería de vestirse con pel de autora. Non amosaría un inicio de rabo. Esto non sería papel, nin eso de aí, xente.

Transformar hidróxeno en helio din que é propio das estrelas. A súa luz se toma o seu tempo para chegar. Non lle importa cando.

Todos nós vimos acabar un século: o século da velocidade. A cinemática, o circuíto integrado, o motor de explosión, as prospeccións petrolíferas, a enerxía eólica, chaplin, a aerodinámica, a guerra das galaxias, o adsl, o relato curto, o xenoma, o futurismo, a nasa, a rede, woody allen…todo é un brinde ao movemento sen descanso, á espiral sen fin, á présa, á aproximación aos 300.000 km. por segundo, que é unha nova forma de divinidade, o atributo eterno da divinidade que esta vez arrebatoulle a vellas figuras de arxila ou bronce o seu status: a aureola de luz de Apolo xa é máis Apolo que Apolo.

¿E nós?¿Que pintamos nós, sucias criaturas opacas, errantes e planetarias como seres sen nome? Aínda que fillos non recoñecidos, aínda que bastardos lonxanos de Betelgeuse, habemos de asirnos con forza ao noso propio corpo para non morrer alcanzados pola luz que non somos. Tan así que toda a historia do home cristaliza nunha ansia repetida por alcanzar a luz. Fillos ilexítimos dunha raíña que non se deixa apreixar coas mans, que non abdica en nosoutros.

Dende que a autora é autora o sol segue saíndo polo leste. As guerras terminan con alguén que reconstrúe unha porta. Os mouchos sentan no cadradiño simbólico asignado á sabedoría e as mulleres, as que serán eu, as que foron que serán, botan a casa pola vaxina de tanto andar en tratos coas mareas. Dende que me din poeta o mundo cambiou toda a súa nada por un paquete de folios puros que esperan algo de min, que son a mesma co pelo un pouco máis longo.



A autora, en seguida comprobarán, non é nada especial. Antes de que ela escribise isto as algas dos abismos se fornecían de pigmentos específicos para realizar a fotosíntese. Moito antes o home traballaba os metais. Antes o sol era sol con protuberancias que lle eran propias, é dicir, solares. Como terán comprobado, a autora, nada especial, ten tendencia a perderse pola nada espacial. Crese cometa pero só porque ten o pelo moi longo e sempre lembra as datas. O que si ten a autora é unha xanela na súa casa, xanela pola que se asoma ao mundo, que non é en absoluto o mesmo mundo que se desliza, arrastra e babexa cinco pisos máis abaixo. Despois disto que acabo de dicir, se queren chamar a esta xanela unha “xanela para sentirse superior” poden facelo. Todas as xanelas o son un pouco, mais non é ese o atributo esencial desta que falo. En fin, para profundar sobre o tema chamen a autora e ela facilitaralles as tarifas.

Sucede que cando esta autora mira por esta xanela non ve senón os ollos da que foi. Para ir ao lugar do que ela se nutre habería que poñerse gafas especiais, como de aviador, e mirar a través desa xanela. Habería que ver tellados, gaivotas e firmamento e que os ruídos ascendan lentisimamente mentres en fronte se moven seres como veciños que un nunca atopa na rúa. Habería que contemplar o rostro de algo que un quere atrapar coa man, como un raio de luz que se dobra na auga.

Vou supoñer que todos temos un lugar onde nos facemos “algo”: homes ou mulleres ou ebanistas ou horteláns ou idiotas ou poetas. Se é que ser poeta require un “afacerse a”. A autora, despois de moitas enquisas, enumeracións e listas tachadas elixe ese lugar. A xanela da súa casa. Aí pensou algunha vez “distinto”, preñouse de palabras que lle subían pola garganta a piques de ser… ¿a piques de ser que? ¿Grito?¿Protuberancia solar? E se non foi ese o lugar, a memoria, que serve para manipulalo todo – o que foi e tamén, por incrible que pareza, o que será – , a memoria da autora así o dictamina. Non sei se este dato será de algunha utilidade ou pasará directamente a integrar o monstro de datos no que nos estamos convertendo. Behemoth de tantas cabezas como cuestións absurdas. Aínda así, sérveme para prorrogar uns segundos máis a abordaxe do tema central desta película no cal a nosa heroína (a autora), áchase cara a cara e en desigual batalla coa destemida realidade.

A autora versus a realidade.


Ela e a realidade. En toda relación hai dous. Na realidade desta autora calquera que estamos diseccionando aparecen diversos elementos: moitos deles en pé, como bastións ou tótems. Moitos deles durmindo unha eterna sesta. Cando un ve a esta autora coas gafas especiais que dan na entrada do cine a ve movéndose cunha lentitude documental, dentro dunha especie de enorme acuario no que albiscamos certas flotantíxeras cousas: dende anacos de arxila a retallos de soño, herbas altas, recortes de periódico, unha clase en 4º curso, unhas zapatillas, pensamentos, cadernos, ideas soltas, o fondo dunha piscina, moitas caras, algunhas derreténdose como xelatina, un gato… Fóra do acuario respira a realidade e dado que esta autora pertence, contra todo prognóstico, aos vertebrados mamíferos, ten que saír a respirala cada certo tempo. Mais, ¿que realidade é esa e por que ousa chamarse así?

Non sei se é certo iso de que somos fillos do que vemos, do que lemos, do que oímos. Quero dicir que é un pouco unha verdade de perogrullo. A autora vive na mesma realidade, ve as mesmas noticias, intenta o mesmo criticismo, experimenta o mesmo frío e o mesmo calor, a mesma dor, a mesma crise mundial unha e outra vez como para recordarnos que a palabra azul, que é case unha alta vía poética, procede dun idioma que esquecimos, ao que damos as costas, que o nome da estrela Rigel e do cero ao que todo volve son como o extracto dunha sabedoría moi antiga, de moucho pousado na rama, e a autora coñece as mesmas fronteiras trazadas co dedo, sospeita o mesmo da vida noutros mundos, saborea o salgado do mar e vive na mesma casca de noz á que damos en chamar universo cos seus reis, impostores, fabricantes, nenos, ministros, pombas e obras en construcción. A autora é parte orgánica de todo iso, e, como Deus foi para Spinoza Deus ou a natureza, así a autora é o que a rodea, por moito que asine libros en feiras ambulantes e porte unha foto na carteira para recoñecerse se se topa cun espello.

Este baño colectivo non invalida a natureza de cadaquén. A autora reflexiona sobre isto non sendo ningunha outra, pero sendo todo o que viu e o que soñou e o que leu e o que vai escribir agora e o que ti verás. É dicir, o todo todísimo. A autora é un ser anónimo cheo de ela mesma. A autora é un plaxio e un disfrace, pero como o foi Homero, como o foi Dante, como o foi Montaigne, Cervantes, Lautreámont. Leva dentro de si unha parte, o que a traidora memoria histórica así dispuxo, do que foi. Mais tamén está preñada de todo o que se descoñece e se imprime nela como un ferro ao roxo en forma de pregunta. Como o raio de luz dunha galaxia que aínda non partiu, que non verán os meus ollos, que si verán os teus.


A poesía -a autora crese en posesión dunha definición, como unha nena pequena apropiándose palabras- a poesía é unha adiviña desa realidade que non chega ata nós. Todos os cimentos que configuran a nosa sociedade, a nosa lingua que existe porque existen as mans, as nosas mans que existen porque existen os pés, os nosos pés que existen porque preexistiu unha cola, unha cola porque unha aleta, unha aleta porque un cilio, un cilio porque unha célula e así ata infinito… todos os cimentos que cementan unha vida, que a moldean e toman a súa forma, son unha parte dese longo raio de luz que nos torturaba nas clases de física por non poder montalo. O resto desa serpe multicolor é o que todos, e non só os poetas, que como tales son algo bastante acuoso, senón todos: mosqueteiros, rapsodas, nómadas, fabricantes, horteláns, os que sempre din si, os que nunca din non, os marcados na lingua, os astronautas, os guerrilleiros, os que cabalgan cebras, os bifrontes, os repentinos… todos -como os animais naquela enciclopedia china que era de Borges-, absolutamente todos procuramos. Ser autora ou ser poeta é un rasgo existencial que moitos comparten, como comparten o amor polos gatos, un prefixo telefónico ou unha maneira de dicir “adeus”. Non fai falla nada especial para selo: nin os ollos dunha cor, nin unha liña na palma da man, nin moito menos pertencer a unha caste ou coñecer todas as palabras do diccionario. Nin sequera é preciso chorar cando morre a nai de Bambi: os que máis choran necesitan kleenex, non poesía.

A nosa autora calquera, á cal lle estou collendo tanto cariño que terminarei por chamala “eu”, ten o don de non saber elixir e, como consecuencia, a virtude de non querer nunca dar respostas exactas. Non importa que non viaxe á velocidade da luz porque viaxa á velocidade da luz. As variables que ela escolle desa atmosfera real que sae a respirar de cando en vez son exactamente iso: variables, metamórficas, ruidosas caras dun poliedro, rugosas pezas de batería. Pero xa que insisten, e a miña conciencia ten un pepito grilo que sempre chora cando morre a nai de Bambi e cando todos claman “eu son Espartaco”, darei unha sucinta e terca relación de variables que a autora terma na man como corpúsculos de luz escapados dun raio. Así direilles que a autora leu que o século XXI empezara caendo torres e que temeu pola de Pisa. Porque a autora non é un ser atado socialmente ás circunstancias que lle tocan vivir e non habería de esforzarse en plasmalas como un reporteiro que quere ascender; mesmo que non queira, o mundo pasa a través dela como por unha finísima película, mesmo que non queira; a autora non se acha suxeita ao síndrome dunha crónica veraz dos feitos, porque o que é veraz non ten sentido. É un paradoxo da mente. Un trompe d’oeil. Círculos concéntricos que parecen xirar cara outra cousa, espirais, galaxias, nas mans do ilusionista. A realidade veraz presentada como tal na sociedade, cos seus pés de xigante inoxidable, é o búnker con cadeas do que escapulirá o gran houdini, o gran mago, o gran poeta.


Agora mesmo imaxinarán á autora voluptuosamente recostada sobre un diván, fumando un narguile dentro dun debuxo de época e co cartel de “literatura escapista” nas páxinas do libro. Literatura despreocupada, preciosista, arte por arte, arte ao cadrado: e equivócanse. A autora ten as mesmas pezas do puzzle só que casa sempre as que non son e ás veces non todas do dereito. Co cal existe sempre unha predisposición case diríamos pulmonar cara todo o que acontece, para respiralo, e non hai hecatombe que invertida na súa retina non se reflicta, nin número, letra, descubrimento, torsión que ela non asuma como propia, como contorno do seu sangue, como dirección. A autora, mal que lle pese, non puido inventar a Ulises, non preparou a morte de Celestina, nin foi filla de Lear, nin dama xaponesa nin heroe hotentote; pero ela ten outras marcas de sutura polo corpo, viu o home na lúa (se é que non foi unha montaxe da Paramount), viu pegadas de 3′5 millóns de anos e o home de Atapuerca, viu cousas que vós non creriades, viu o aleph, a velocidade, o xenoma, o cometa Hale-Bopp, unha muller africana, latas de atún caducadas, xoias literarias xuvenís, o bigote de Frida, unha odisea no espacio, cantigas de Martín Códax, o petróleo do Mar Egeo, billetes de cen pesetas, unha foto de Simone de Beauvoir, sentiu a Bela Bartok e a Lawrence Olivier, un avión a reacción, e bailou e saltou e viaxou e regresou. E todo iso está nela como a auga está no cántaro de barro, no barro mesmo do cántaro pese a que o cántaro estea vacío.

Todo iso nela como a luz que nos falta nas entrañas.

A inútil utilidade do inútil.

No xogo das servidumes ás veces é difícil saber quen serve a quen: ¿o bufón ao rei, que morrería de pena sen el?, ¿o suxeito ao predicado?, ¿o león ao domador?, ¿o ovo á galiña? A poesía serve a quen serve e se serve de quen a serve. A poesía ferve. E a autora ten a completa seguridade de que é practicamente inútil.

Por iso, tal vez por iso ese trozo de luz metido nun cubo ao que chaman poesía, prefixando fronteiras con escuadras e cartabóns e fina puntería, “ata aquí poesía, alí prosa, alí teatro, alí prospecto, alí mercadotecnia”, tal vez por iso a poesía bebe dunha realidade invertida e non ten por que ser completa, nin a palabra fin lle acae como propia nin ten por que servir a unha causa nobre. Como a cor lila nas lilas, como a nosa aparición nesta terra, como a auga que baixa das montañas e o ardor que sube ao sexo a poesía se incha, tumefacta e orgullosa de ser tan enigmática como inútil. Pero para os pragmáticos hai xa unha contrarréplica: ¿acaso é útil todo o feito polo home ata o de agora? E de ser así, ¿útil para que, ou máis terrible aínda, para quen? ¿Era necesario falar? Non falan as amebas e comparten o noso emplumado novo milenio, e o viven, e seguen coa súa monótona partición algún ritmo que nos é alleo.

Considera a autora un alivio e unha delicia que o feito de escribir non teña que escavar túneles ou mover decisións políticas. A literatura empeza e acaba en si mesma e hai quen vive felizmente sen ela sen ter por iso que ver menoscabadas funcións intelectuais ou afectivas. Certo que, como coas drogas de gran potencia, quen as probaron falan marabillas, pero a verdade é que o sol seguiría sendo sol sen Safo. Cambiaría, claro está, a nosa forma de ver o sol, porque as nosas lentes estarían talladas doutra maneira. A literatura ten a inútil utilidade do inútil, que é unha sofisticación netamente humana do calibre do riso ou da mentira.


A poesía, como os actos de fe que require a ciencia, é indemostrable e non ten por que cadrar. Non construirá unha ponte. Non alcanzará a velocidade da luz. Non resolverá os problemas, grandes e pequenos, que nos enchen de dúbidas. Non nos devolverá un ser querido nin atraerá ao ser que amamos. Nin achará a raíz cadrada de dous. Eses regos de ida e de volta que foron os primitivos versos configurarán unha xanela pola que outros asomarán a cabeza para sentirse infinitos, épicos, inmensos, insectos ou sombras. Outros que verán cousas que ti non crerías, que vós non creriades.

Non construirá unha ponte.

Non viaxará á velocidade da luz.

Epílogo

A autora falou do todo co que escribe a nada, das algas dos abismos que se fornecen de pigmentos específicos para realizar a fotosíntese. En verdade as estrelas converten hidróxeno en helio. En verdade non hai por onde comezar. En verdade a autora amosa, como todos os da súa especie, un claro inicio de rabo. E é ela a que vai desaparecer montada nun raio de luz como quen cabalga unha leoa enchida só porque eu o desexo e así sucede.

estíbaliz espinosa, en Oviedo, outubro 2001