Os incestos da tinta, Tempos novos, marzo 2009
O tacto e o cheiro.
Quizais tamén a comodidade de lectura, pero o tacto e o cheiro.
En comodidade de lectura a tecnoloxía pode dar saltos de xigante, se cadra tamén en tacto e cheiro. Sen embargo eses atributos son inseparables dese dispositivo que entendemos por libro.Un libro é, ante todo, un dispositivo, un obxecto. Un obxecto en ocasións luxoso, satinado, suliñado, maldito, un fetiche co que mazamos o lombo nas viaxes ou nas mudanzas. Os libros cheiran. Hainos que arrecenden a química de imprenta. E os libros tócanse. Nese sentido, poden chegar a ser metonimias dos seus posuidores. Se nas nosas relacións adoita haber libros polo medio, unha vez volatilizadas as persoas do horizonte do noso leito, hainas que deixan un libro tras de si, enigmático, talvez de peto, non ten nin por que ser bo. Como sinal. Como prenda.
Cun halo ao seu redor. Levitando.
Pasar as páxinas deses libros aseméllase entón a pensar coa cabeza desas criaturas que deixamos ou nos deixaron, a preguntarnos por que lía iso ou seica a comprender. Hai páxinas manchadas de framboesa, dedos, seme, suor, balor. Cousas esmagadas entre páxina e páxina, libros que nos fixeron compaña como gatos, fillos ou mantas de la. Un libro pode ser moitas cousas que, polo de agora, un soporte dixital non: pode ser roubado, cheirar a vello e pode vivir moitos anos sen se perder sen que ninguén o abra nunca.
Un libro é un obxecto, si. Mais tamén un órgano. Hai latencia nel.
[...]
Diríxense a min para que dea a miña opinión sobre o futuro do libro. O libro versus internet; o libro… ameazado polos e-books? Así se formula o asunto: en termos puxilísticos ou de ameaza. Ao meu xuízo, nada máis lonxe. Estou convencida de que tanto as edicións dixitais como os novos formatos de lectura [Kindle, Reader, iLiad] non ameazan o futuro do libro, antes ao contrario. Tampouco aventurarei que o garantan, pero si que dalgún modo recondúceno, redimensiónano. Un libro non deixa de ser un soporte de palabras. Houbo un momento na historia da humanidade no que a palabra falada deuse de bruces coa escrita, e a escrita deuse de bruces primeiro coa pedra, coa arxila e logo co papel e a imprenta e a Olivetti. Todos eses encontronazos ampliaron o campo de batalla da literatura. Redimensionárono. Hoxendía, debates como o do futuro do libro, e conceptos como autor, plaxio, intertexto ou hipertexto acaban de ser detonados novamente pola maquinaria dixital, fican aínda flotando no aire a cámara lenta, como estelas dunha porta que vén de ser disparada. Chamei ao libro dispositivo. Fíxeno no sentido de soporte, vehículo interestelar de palabras. A relación oral é distinta á relación escrita, sabémolo todos. A nosa sintaxe co mundo varía substancialmente se o facemos a través da pel ou do papel. Alguén se preguntou, cando a escrita comezou a se propagar como pólvora, se o futuro da fala veríase comprometido?
[...]
Vexo claro que os dispositivos dixitais [xa para sempre enlazados a internet, aínda que naturalmente non son o mesmo] funcionan tamén a xeito de vehículo de palabras. Se antes as nosas relacións persoais eran postas en escea teatrais, hoxendía as relacións a través de internet esixen mínimos rudimentos literarios. En internet ou nun blog ti es as palabras que empregas e como o fas, igual que dentro dun libro. A diferenza é a perdurabilidade, a exhibición, a consideración social e cousas así. Nunca se escribíu nin se leu tanto ao mesmo tempo.Levar un blog ou publicar na rede evidencian, si, unha relación distinta coa literatura. Os libros seguen sendo órganos, seguen cheirando e apalpando as nosas mans; pero o entorno dixital obríganos a repensar o contido deses libros, obríganos a reescribilos, linkalos, desfragmentalos. Coido que a osmose é tan clara que non se pode asegurar xa que un formato se atope por riba do outro.
Agás en tacto. Agás en cheiro.
Estíbaliz…Espinosa
As 10 de Sono-Tone, abril 2009
Resúltame claustrofóbico elixir 10 temas. Daí que, deslizados nos comentarios, vaian moitos máis. E agora que vexo o decálogo rematado e comprobo que non puxen nada dos Beatles nin dos Cure nin de Police nin de Bola de Nieve nin de Buika nin de Astrud nin de Bowie nin de Rockettothesky nin de Air nin de Jobim nin de Debussy, dáme ganas de darlle á tecla supr e volver argallar un de cero.
1.- Angelene, PJ Harvey. Por compulsión. Este tema escoiteino unha e outra vez dálle que te pego sen parar durante eóns ata que formou parte do meu ADN. Con similares resultados podería citar Servant to the slave de Capercaillie, Hyperballad de Björk, Rape me de Nirvana, Pyramid Song de Radiohead, Mes pas dans la neige de Keren Ann… Así son as compulsións, qué lles queren. Teño toda PJ Harvey. Préstame PJ Harvey, ela, a súa roupa, a súa boca fea, as súas letras, a súa guitarra e o seu piano. O piano en Angelene. O ritmo repentino. O baixo. A letra. Pretty mouth and green my eyes entereime máis tarde de que era o título dun libro de D.J. Salinger. Non hai puta máis melancólica e sabia que ela. E se a hai, debería escoitala.
http://www.goear.com/listen/e07910a/Angelene-PJ-Harvey
2.- Pueblos del mundo, extinguíos, Siniestro Total. Porque son de Vigo e eu de Coruña. Que carallo. Considéroos letristas insuperables. Axudáronme a comprender non só o universo, senón tamén a morriña, a chusma, o punk e a homosexualidade. Canda as de Radio Futura [e o mito sexual do buraquiño no queixo de Auserón] as súas letras e temas avellentaron bárbaro.
http://www.goear.com/listen/e45cbd8/Pueblos-del-mundo,-extingu%C3%ADos-Siniestro-Total
3.- Paranoid Android, Radiohead. Porque ninguén canta con tanto frío como este tipo, Thom Yorke. A menos que pensemos no cantante de Kraftwerk.
http://www.goear.com/listen/67b8c8f/Paranoid-Android-Radiohead
4.- Comfortably numb, de The wall, Pink Floyd. Por romper crac unha lanza por eses lastradiños fronte ao neopop: os progresivos ou sinfónicos como King Crimson, Gentle Giant, Genesis ou Yes. Eran insoportablemente brillantes.
Este tema gravita. Pásalle algo similar ao Round the bend de Beck.
http://www.goear.com/listen/49d9eb6/Comfortably-Numb-Pink-Floyd
5.- Venus in furs, Velvet Underground. Por maldade. Da miña etapa-Patachim hai moitas, dende Os Pixies a Os Planetas, de Beck a Andrés do Barro. Ah, pero o sitar! Ah, pero Severin!
http://www.youtube.com/watch?v=2rkVQgX6mC8
6.- Im Abendrot, dos Vier Letzte Lieder, Richard Strauss. Por esas pezas que xamais cheguei a cantar. Estudei e cantei arias, oratorio, partes de réquiem, coros de sinfonías de Mahler… pero esta non. É marabillosa. Quizais como todo o que rozamos e non alcanzamos.
Versión de Kiri Te Kanawa. Tamén a de Jessye Norman é sublime.
http://www.goear.com/listen/925091e/Im-Abendrot-Strauss
7.- The box, Orbital. Por paseos nocturnos por Coruña. Gustaríame poñer unha dos Cranes pero nunca lle souben o título.
http://www.goear.com/listen/52e267c/The-Box-(part-one)-Orbital
8.- Vem, Madredeus. Por saudadismo. Da miña etapa-covafolk podería poñer todas as de Milladoiro, Capercaillie, Hedningarna ou mesmo dun grupo tradicional xaponés chamado Ensemble Nipponia. Pero a voz de Teresa Salgueiro é a máis atlántida de todas. Pertenço-te…
9.- I got plenty o nuttin’, de Porgy and Bess, George Gershwin. Con Ella Fitzgerald e Louis Armstrong, por suposto. Calquera cousa deles. A min vaime a música melancólica en tonalidades menores, como queda demostrado neste decálogo, pero algunha alegre había poñer, ho. Podía ter sido de calquera banda sonora, son fan [fun fan] de West Side Story [Somewhere versión Tom Waits], Sorrisos e bágoas, American Beauty, O derradeiro emperador ou Blade Runner.
10.- Suite dos Planetas, Gustav Holst. Polo meu irmán. Polos domingos dos 80. Por Saturno, Marte e o coro de Neptuno. Como moita familia burguesa algo vida a menos os domingos tocaba escoitar música clásica. Stravinsky, Bach, Satie… xa saben. O resto da semana, La abeja Maya, Ulises 31, El hombre y la tierra, Cosmos, Michael Jackson, Madonna, Mecano, Enrique y Ana, … eses hits.
http://www.goear.com/listen/5c5075e/holst—the-planets-complete-Holst
Recomendación literaria na revista Ollo Público, xuño 2009
Fumarola feminina
Os lugares de encerro [unha páxina, por exemplo] exercen o seu poder de atracción sobre nós.
Todo o que alí dentro acontece mestura podremia e esplendor. Axexo e delirio. Puntiñas de iceberg. Fumarolas oceánicas. Un dos libros que relerei moitas veces na miña vida: Los hermosos años del castigo. De Fleur Jaeggy. Na colección La flauta mágica da editorial Tusquets. 117 páxinas. Primeira edición en Adelphi,1989. Non contamos aínda coa tradución a galego dunha das bildungsroman máis femininas que existen -canda o Orlando da Woolf e a serie Claudine de Colette- no ronsel literario do internado suízo só para mozas. As novelas de internado son clásicos femininos. As novelas de internado adolescentes de Enid Blyton, Santa Clara e Torres de Malory. As novelas de internados abandonados, O vixía no centeo de JD Salinger, as autobios de Thomas Bernhard. As novelas de internado presurizan a natureza humana ata volvela unha pasta vulnerable. Alén das novelas, as historias de internado conforman eses microcosmos de aire xeado nos que as palabras grandiosas do inicio da vida adulta -fraternidade, viaxe, casa, libremente, freilich, literatura, amor- proen como cartas sen resposta.
A primeira frase da novela di así: Aos catorce anos eu era alumna dun internado de Appenzell. E deseguido pasa a falar de Robert Walser. Hai unha vontade de se enxertar coa loucura dende esas primeiras páxinas, mais a narradora semella condenada a contemplala, case a espiala noutros seres. En Frédérique. Esa moza perfecta, esa Beatriz con gramos da Olimpia do Coppelius de Hoffmann. Non sabemos xamais o nome da narradora [cómpre sabelo?] como tampouco sabemos nunca o nome da aparente protagonista de Rebeca -que non é Rebeca- nese clásico claustrofóbico de Hitchcock. Dun xeito análogo, a Rebeca de Los hermosos años… é a Frédérique marabillosa e glacial. Autómata. Unha parábola de talento. A moza espiada, a moza adorada. O amor puro. A que xa chegara máis lonxe ca min. Esta é a historia de todos eses seres que despuntan no seu primeiro contacto co mundo e son contemplados por outros, os segundóns, os narradores, as actrices de reparto quen, co paso do tempo, asistirán ao derrubamento de tanta beleza. De tanta pureza. Sobredose de.
Esta é a historia eterna dos que narran. Nunca os mellores. Só os que observan aos mellores.
O estilo da novela discorre entre indolente e aplicado. Quero dicir que se aplica sobre o que se narra coa disposición dunha moza disciplinada e, dun xeito moi fugaz, deixa enxergar as fumarolas que asoman nas xeografías imprecisas das relacións cos corpos aos catorce anos. As fumarolas pero nunca a lava. Nunca o magma. A paixón comporta como unha lembranza afastada. Existe pero. Explica o cosmos e as circunstancias vitais desa morea de rapazas da alta sociedade isoladas entre lagos e montañas, pero. A narradora vertebra a escasa acción da novela co fío de reflexións velenosas e lúcidas sobre a natureza das relacións adolescentes. O tempo vai e volve, ela conta dende o seu presente e regresa a se mergullar no único espazo que semella atopar onde a tortura do encerro devén luminosa: Bausler, o internado. O cárcere da saudade. O castigo fermoso. O paradoxo. O lugar da primeira comprensión do mundo e da súa natureza. O lugar do rachón infinitesimal.
Todo contado dende o interior dun glaciar.
Estíbaliz…Espinosa, 2009





1 comment
Comments feed for this article
Agosto 26, 2009 a 1:15 pm
libroés « …mmmm…
[...] Colaboracionismos ‘09 [...]