LUPE GÓMEZ “Calidoscopio de cores”
Entrevista Estibaliz Espinosa. Publicada no Galicia Hoxe 15/7/07
Qué cores che gustan?
Malva e marelo. Pero, segundo en que obxectos, todos os do espectro. Gústanme os nomes das cores: branco nuclear, violáceo, verde esmeralda, azul ultramar, vermello escarlata, negro elmo-de-darth-vader… Imparto psicoloxía das cores. Coido que son esenciais na comunicación humana. E na imaxinación humana
De qué cor é A Coruña?
A cor da Coruña non é relucente, senón bretemosa, pixelada co branco invasivo do mar. Azulada, cincenta ou dun marelo esvaído. Cores arrastradas polo vento. E ten os pes negros coma o petróleo que refina. Pero iso non é nada malo para min, ao contrario. Gústame vivir aquí.
Como é o teu barrio africano?
Eu era unha nena do centro, dunha desas familias medio arruinadas que aínda conservan unha valiosa casa dos antepasados. Vivía soldada á miña casa e á miña pequena familia. Custoume deixalos. Cando independicei vivín no mesmo barrio, noutra casa. Agora veño de mudar ao barrio máis senegalés, chino e sudamericano de Coruña: é como viaxar no metro de Berlín. Xente que vén aquí esperanzada. Cada vez que cruzas o semáforo, cruzas con alguén que naceu a miles de quilómetros e fala outro idioma e cre en divinidades e traballa moito máis ca ti e gaña moito menos.Hai correntes de simpatía neste barrio, é unha zona nova, borrachina, comercial, periférica. O típico uptown.
Qué é Galicia para ti?
O Norte do Sur do hemisferio Norte. Un lugar paradoxal, atlántico,
para recuncar. Tamén paréceme un videoxogo con gráficos fantásticos, un bo director de fotografía e actores sospeitosamente cribles.
Gústame xogar a ese videoxogo. Mais tamén comparto unha especie de senfronteirismo. Dende Galiza, véxome como un híbrido composto dun ollo que observa o que non é Galiza. Non son patrioteira. A terra – a que xira arredor do sol- ten lugares moi fermosos. O meu pai era palentino. Os meus avós, emigrantes en Cuba, de Ortigueira e Rodeiro. Crío un fillo medio caribeño. Galiza tenlle que perder medo a quererse. E os intelectuais galegos tenlle que perder medo a non ter que exaltar continuamente o seu país para demostraren máis galeguidade.
Galicia é unha cápsula co país das marabillas dentro, coma o disco de Milladoiro. Convén que os políticos deixen de ser políticos, de xogar coas palabras e, xa que temos que aturalos e mantelos, que fagan un servizo real para potenciar os productos e valores da terra. Mais tamén cómprenos a nós, os cidadáns. O século XX foi un tempo de reapropiación de identidades. A nivel individual e a nivel sociocultural, xeopolítico. Galiza buscou a súa. Non somos mediterráneos, somos atlánticos. Non somos exactamente españois, pero compartimos o mesmo anaco de continente. Con eles e con Portugal. Temos arterias celtas. Temos un pasado rexio. Temos un idioma. Ben. Démoslle lexitimidade a todo iso. É dicir, démoslle espazo público. Pero non pensemos que o resto da terra non vale un can. Iso é mesquiño. Empequenece.
Qué é para ti a poesía?
[...] non necesariamente isto que se me vén á cabeza [...]
Eres unha “criatura mecánica”?
Hai algúns anos empecei a considerarme, así de esguello, a min mesma como unha criatura mecánica. Unha autómata. A min e a todos os demais. Interésame a neuroloxía, o estudio do cerebro. Como se xera un pensamento? Onde se aloxa máisoumenos a memoria? Tamén deslúmbrame a robótica, iso se cadra polas pelis de ciencia-ficción, que traguei en cantidade. Fronte á corporeidade tan irenunciábel, tan obvia da nosa especie humana, intrigábame pensar que o corpo non era senón unha caixa escura con circuítos eléctricos e que unha facultade -un proceso máis ben- tan abstracto e persoal como a memoria, posuía unha entidade física. E tanto a memoria dunha persoa -xestionada a través de olores ou de fotos de cando se bañaba na praia, de cando disfrazou de princesa árabe, de cando rematou os estudios e andaba namorado…- como a memoria dun pobo ou da especie humana toda, plasman en circuítos físicos e son, polo tanto, alterables, mutantes, borrables e reescribibles.
Son unha criatura mecánica tamén porque son un clon de todo o que me rodea. Mimetízome. E non sei exactamente cal das miñas partes é carne e cal é metal. Cal é un enxerto, unha lembranza inventada, unha sensación que comparto conectada a miles de cerebros coma o meu. A cultura é un plaxio.
Recitas coa voz inexacta das actrices?
Non teño nin idea. Fun actriz. Pero nunca me deu tempo a saber se boa ou mala. Nestes tempos de imposturas e simulacros, gústanos vérmonos como actores no grande film da vida, coa súa banda sonora, os seus extras, a súa cámara en man, o seu merchandising.
Teño unha voz grave. Coido que iso outórgalle un falso peso a todo canto digo, mesmo que sexa unha parvada. E tamén xera suspicacias. Hai quen non leva ben que unha muller teña a voz grave. Incomoda. Cren que me creo intelixente. Nada máis lonxe. Son felizmente idiota.
Porqué se chama ….mmmm…. o teu blog?
Primeiro chameino como kosmos. Coa idea de que devoramos, comemos, materia estelar e tamén somos como ela. Son aficionada á astronomía, unha astronomía amateur de planetarios, pantuflas e mirar moito polas fiestras. Despois atraeume máis a idea de poñer un título que non signifique nada, universal coma puntos suspensivos ou onomatopeias. …mmmm… é unha restra de sons que pode querer dicir: aquí cheira ben; ou que pracer máís grande, dior mío; ou agarda que o pense un momentiño; ou quero falar contigo e non sei como empezar.
A miña timidez adoita comezar cun mmmm.
Porqué escribes textos longos no teu blog?
Primeiro foi un xeito de dar saída a artigos que tiña escritos había tempo e cos que non sabía que facer –non colleito moitos éxitos na miña xestión editorial-. Teño en mente alternar textos curtos e longos, pero preparo ese novo formato para cando mude de sevidor, de blogger a wordpress. Os textos longos son textos nos que matino bastante, que me levan tempo e moitos mimos. Gústame poñerlles fotos chulas, varios links… Pero tamén atráeme o formato da pequena pildoriña de contido. É difícil abreviar e seguir sendo significativo.
Eres boa cociñeira?
Non. Por sorte son unha muller cociñada. A miña receita favorita é… que cociñe outro. Pero debo dicir, na miña defensa e por botarme algunha flor, que fago uns postres fascinantes, que as máis das veces vou inventando sobre a marcha. Por exemplo, hoxe tocoulle ao Pastel cebra, unha delicia de dous chocolates, branco e negro, con galleta polo medio. Tamén sáeme ben o sushi.
Para todo o demais, mastercard.
Gústache cantar ópera?
Si. Que medo dou, non? Gústanme algunhas historias da ópera e algunhas pezas. Na primeira ópera á que fun, Boris Godunov, quedei durmida ás 3 horas. Eu son analfabeta en música, pero aprendera a tocar a guitarra e compuña cancións no colexio. Aos 23 anos entrei no coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, alí fiquei 7 anos como soprano. Aprendín a ler unha partitura, moitas arias e cantei nalgunha ópera do Festival Mozart. Pero tamén devezo por PJ Harvey ou Tracy Chapman ou Radiohead ou Gentle Giant ou Tom Waits, por poñer exemplos de música que asemade escoito.
Cantar para min é encher un espazo. É algo arquitectónico, se queres. De nena cantaba porque ficaba ás veces un pouco soa nunha casa moi grande. A música fai compaña. Alivia. Calma ás bestas. Rompe cristais. Muda o mundo. Algunha vez téñenme dito: Conserva esa voz. É un privilexio. I eu teño sorrido como unha parva. Pero é certo. Se non poidese cantar –como na traxedia da Sereíña- murcharía e apagaría. É realmente un privilexio. Outra cuestión é cómo o utilices, se lle tiras proveito ou non. Pero iso impórtame menos.
Sabes bailar samba?
Son esenciais: unha saia con moitos voantes e un bo cu. A primeira disimula as posibles deficiencias do segundo. O demais é cuestión de articulacións ao nivel da cadeira. Hai xente que a ten soldada e xente que a leva máis solta. Eu non bailo boa samba, é unha brincadeira, pero podería finxir que si, como podo finxir que falo ruso. Iso si, non aturo á xente que di que non sabe bailar. Prefiro que minta, coma min. Bailar é desencosetarse das normas do mundo. Funciona a nivel cerebral. É algo paleolítico, sanguíneo, incrustado no código xenético.
Eres antipática?
Non. Aspiro a selo máis. A simpatía ás veces suponme unha tiranía social. Se o dis polo do blog, o de ser un toxo, defendo certas versións antipáticas da simpatía, coma o sarcasmo ou a nosa retranca. Non soporto á xente que sorrí sempre, á xente que se ve na necesidade de contar chistes de contino ou os risos enlatados.
En realidade, eu son desas que normalmente fan rir aos demais. Pero algunha noite iso ponme de mal humor. Na soidade do seu camarino, o pallaso quere ser trapecista.
Qué é para ti a música?
Unha criatura mecánica. Sae de nós i está lonxe de nós.
Qué tipo de cine prefires?
A sala do cine é unha matriz. Ou a caverna de Platón. Ou a de Altamira. Todo adquire maxia, ilusionismo. Vexo cine moi diferente. Non lle teño reparos ao cine comercial con efectos especiais [gústame a ciencia ficción, como dixen, e a fantasía épica], pero tamén teño chupado moito cine independente, experimental, de autor. Moito CGAI. Encántame o cine mudo. Orson Welles. Billy Wilder. Hitchcock. Berlanga. Mizoguchi. E de hoxe, o cine oriental, o de Kauffman ou Burton e o anime e o 3-D. E as pelis de Angelina Jolie ou Kate Winslet, claro, por fetichismo.
Tamén desfrutei bastante experimentos documentais como Koyaanisqatsi ou Baraka.
Cómo foi o teu paso pola Universidade?
Esquizoide. Ou, se me permites o plaxio, calidoscópico. Estudiaba dúas carreiras a un tempo, daba clases particulares e facía teatro. A miña vida era unha sobredose. Aínda que sacaba boas notas, a Universidade sempre me pareceu un lugar demasiado tendencioso. Demasiado marcado. Xente que segue regos moi claros trazados no chan. Con todo, lembro con cariño a algúns profesores.
Eu son desordenada e ácrata. Vén da miña nai, muller forte, grandiosa e desordenada. E de meu irmán, de quen aprendín todo canto son. Unha vez que rematei a Universidade, quixen saír dese ovo, facer outras cousas.
Vaime máis o titiriteirismo.
Porqué che gusta facer listas de cousas?
De nena pasei toda unha tarde elaborando listas de nomes para un can que nunca tiven. De adolescente, de todas as pelis que vira no cine [e con quen]. As enumeracións de cousas son xeito inexacto de aproximarse ao mundo, unha catalogación persoal, como aquela hipercitada enciclopedia chinesa de Borges ou as listas da cortesá xaponesa do medievo, Sei Shonagon.
Un día, atopei un album meu de fotos cheo de listas de cousas, no canto de fotos: listas de nomes polos que me chamaron, listas de persoas ás que amei, listas de cousas grotescas, de topónimos favoritos…
Non sei, supoño que terei que facer unha lista de razóns para facer listas… Son moi desordenada, impuntual… é un xeito de xustiza cósmica
Sintes atracción polas matemáticas?
Si. Atráeme a ciencia se cadra porque desenvolvo nun mundo de imaxes e letras. Escollín ciencias no bacharelato e gardo un cariño hormonal pola física e as matemáticas. Penso no principio do que chamamos a nosa cultura: arte,ciencia e filosofía eran, para os gregos, cordas do mesmo instrumento. Patróns matemáticos están detrás do crecemento dun xirasol, da porta automática dun ascensor ou desta pantalla que nos permite ver isto. As matemáticas, como a física, precisan dunha boa dose de fe e fantasía.
A vida é unha obra de teatro?
Ou un ensaio dunha obra que endexamais estrearás. Ti chegas a un escenario vestida coa túa roupa da rúa e, de súpeto, tes que facer de raíña grega ou de bailarina de striptease ou de suicida. Non sabes o guion. Non sabes quen dirixe. Nin que tipo de tramoia che pode caer enriba. Cres que es única e orixinal, pero hai centos e miles coma ti. Compartes células, emocións, gustos, con media especie humana. Nese teatro non sei se os protagonistas somos nós ou as nosas células. E, do tipo de células, dubido entre as neuronas ou as células sexuais…
Entrevista Galicia Hoxe 09
escrita
A arela de perpetuidade
Estíbaliz… Espinosa achégase no seu poemario “Zoommm. Textos biónicos” ao ser humano, que observa como un teimudo reprodutor e plaxiador de si mesmo
M. DOPICO . SANTIAGO
![]() |
| Estíbaliz confesa que publicar lle produce certa sensación de pudor FOTO: Axencias |
“Únicos no reino animal en se preguntar por eles mesmos”. “Únicos en se crer únicos”. “Tendencia a repelerse para facerse un sitio”. “Graves tentacións de asimilar e expulsar o mundo mediante/ palabras”. “Ambición de fabricar vida”. “De quedaren para sempre”. “De duplicarse como pingas de auga”. Así poderían presentarse os homes e mulleres ante un observador situado alén deles. E así se revelan aos ollos da observadora posible na que se converte a escritora Estíbaliz… Espinosa no seu libro Zoommm. Textos biónicos, cun xogo de perspectivas que achega ao lector, e á propia autora, a distintas dimensións do ser dos humanos.
O poemario foi publicado no 2007 na plataforma A Regueifa, baixo a licenza Creative Commons, con poemas recitados e musicados, cores… Agora, edítao Xerais en papel. “Non son textos nados con vocación de conformar un libro. Recompileinos por notar que daban voltas sobre as mesmas teimas: o feito de escribir, a relación cósmica co resto dos seres vivos, a idea de creación de vida e a relación entre creador e criatura, a ciencia e a tecnoloxía: a cibernética, a astronomía…”, explicou Espinosa nunha entrevista.
A autora, gañadora do Premio Esquío por Pan (Libro de ler e desler), afonda neste novo poemario en cuestións xa apuntadas en -orama (2002) e número e (2004). Así, este novo libro aparece inzado da figura do autómata, o cyborg…. o ser híbrido entre o natural e o artificial. “Hai moito interese nos ámbitos artísticos en poñer énfase na idea de creatividade, de acto de creación como algo case máxico, como se tentasemos equipararnos á divindade… En realidade, a creación é plaxio. A literatura é constante hipertexto… E isto faise evidente en internet: colles retallos doutra xente… Creamos con material que crearon outros…”, salientou.
Pero, a carón da mímese, do plaxio, da copia, que encarnan os autómatas, agroma, segundo Espinosa, a mutación, froito do erro, da variación sobre o mesmo tema… polo que é necesario seguir creando, mudando o creado de boca e de canle… “O meu interese polo ser humano como autómata xorde dun caldo de influencias: a ciencia ficción, a filosofía, a cosmoloxía, a neurociencia… E o feito de terme posto a escribir en internet…” -o seu blog é mmmm-.
No libro, a autora-observadora traza un zoom que vai do pequeno ao grande, e propón un dobre xogo de relacións: a autora coa súa criatura, -o texto-, e co lector. “Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu… Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, -que pensarán de nós no futuro- e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos… Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos…”, comentou.
RELACIÓN
A curiosidade ante o lector
“Non busco congratularme co lector. O meu enfoque é máis o do abraio, a curiosidade de saber quen é… Gústame pensar nos hipotéticos lectores: un que aínda non naceu, un que nunca me vai ler…”, reflexiona. “Interésame o ilusionismo, o simulacro… A literatura é trampa, no sentido de que podes pensar que podes atrapar a alguén dentro do texto, pero en realidade está no texto contigo, e non na túa vida. Por nomear algo non o posuímos…”, engade.
CONTIDO
A pulsión da vida e a morte
Os humanos tentan organizar o seu mundo. E facer listas é un xeito de logralo. “No libro hai listas, conversas do messenger… Internet permítenos capturar a fala viva, conversar por escrito…”, subliñou a autora. Outra teima humana é a autoperpetuación. “Rexistrámolo todo: reproducímonos a nós mesmos a través da arte, a fotografía, o cine… Temos a necesidade de trascendernos… É a pulsión da vida e a morte: emulamos a vida, como o científico que fai o autómata, e esquivamos a morte…”, engadiu.
A memoria falsificadora
E ese desexo de perpetuación -o mesmo que move o amor, e a arela de ter fillos- revela para a autora un aspecto “tenro” do ser humano: “o escuálidos que somos ante o universo”. A preocupación pola memoria, porque non se nos escape a memoria, ten relación con isto. “Por iso o rexistramos todo. Pero a memoria é falible, precaria, tanto a individual como a colectiva. É modificable, non inmutable, e non é veraz: falsifica, recrea a realidade. Antes confiabase en Deus como o inmutable, agora na memoria, a ciencia, a arte…”, cre.






2 comments
Comments feed for this article
Novembro 20, 2007 a 4:56 pm
AnA + b.
Ola Estíbaliz, queríamos contactar contigo, para invitarte a participar no fanzine “zapatiños motor” (www.corazonsalvaxe.blogspot.com). Se estás interesada, escríbenos a zapatinhosmotor@yahoo.es
Obrigadísimas,
Belinda & Ana.
Decembro 9, 2007 a 5:28 am
flor